Ordenador

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Macintosh Classic (1990)
Un Apple IIc Pascal.
Réplica do Zuse Z3, o primeiro ordenador funcional (1941)

Un ordenador[1], tamén chamado computadora ou computador, é unha máquina que realiza cálculos e controla operacións expresadas en termos lóxicos e numéricos. O ordenador é un sistema dixital con tecnoloxía microelectrónica, capaz de procesar datos a partir dun grupo de instrucións denominado programa. A estrutura básica dun ordenador inclúe microprocesador (CPU), memoria e dispositivos de entrada/saída (E/S), xunto ós buses que permiten a comunicación entre eles. En resumo, o ordenador é unha dualidade entre hardware (parte física) tal como: o monitor, o teclado e o disco duro, e software (parte lóxica), que interactúan entre si para unha determinada función.

A característica principal que os distingue doutros dispositivos similares, coma unha calculadora non programable, é que pode realizar tarefas moi diversas cargando distintos programas na memoria para que o procesador os execute, realizando así funcións moi diversas.

Cronoloxía[editar | editar a fonte]

A continuación preséntanse resumidamente os principais fitos na historia dos ordenadores, desde as primeiras ferramentas manuais para facer cálculos ata as modernas computadoras de peto.

  • 2700 a.C.: utilízase en civilizacións antigas coma a chinesa ou a sumeria a primera ferramenta para realizar sumas e restas, o ábaco.
  • 830 a.C.: o matemático e enxeñeiro persa Musa Al-Khwarizmi inventou o algoritmo, é dicir, a resolución metódica de problemas de álxebra e cálculo numérico mediante unha lista ben definida, ordenada e finita de operacións.
  • 1614: o escocés John Napier inventa o logaritmo neperiano, que conseguiu simplificar o cálculo de multiplicacións e divisións reducíndoo a un cálculo con sumas e restas.
  • 1620: o inglés Edmund Gunter inventa a regra de cálculo, instrumento manual utilizado desde entón para facer operacións aritméticas, ata a aparición da calculadora electrónica.
  • 1623: o alemán Wilhelm Schickard inventa a primeira máquina de calcular, cuxo prototipo desapareceu pouco despois.
  • 1642: o científico e filósofo francés Blaise Pascal inventa unha máquina de sumar (a pascalina), que utilizaba rodas dentadas, e da que todavía se conservan algúns exemplares orixinais.
  • 1671: o filósofo e matemático alemán Gottfried Wilhelm Leibniz inventa unha máquina capaz de multiplicar e dividir.
  • 1801: o francés Joseph Jacquard inventa, para a súa máquina de tecer brocados, uhna tarxeta perforada que controla o patrón de funcionamento da máquina, unha idea que sería empregada máis adiante polos primeiros ordenadores.
  • 1833: o matemático e inventor británico Charles Babbage deseña e tenta construír a primera computadora, de funcionamento mecánico, á que chamou a "máquina analítica". Porén, a tecnoloxía da súa época non estaba o suficientemente avanzada para facer realidade a súa idea.
  • 1890: o norteamericano Hermann Hollerith inventa unha máquina tabuladora aproveintando algunhas das ideas de Babbage, que se utilizou para elaborar o censo de EE.UU. Hollerith fundou posteriormente a compañía que despois se convertiría en IBM.
  • 1893: o científico suízo Otto Steiger desenvolve a primeira calculadora automática que se fabricou e empregou a escala industrial, coñecida coma "A Millonaria".
  • 1936: o matemático inglés Alan Turing formaliza os conceptos de algoritmo e da máquina de Turing, que serían claves no desenvolvemento da computación moderna.
  • 1938: o enxeñeiro alemán Konrad Zuse completa a Z1, a primeira computadora que se pode considerar como tal. De funcionamento electromecánico e utilizando relés, era programable (mediante cinta perforada) e usaba sistema binario e lóxica booleana. Seguiríanlle os modelos mellorados Z2, Z3 y Z4.
  • 1944: en Estados Unidos a empresa IBM constrúe a computadora electromecánica Harvard Mark I, deseñada por un equipo encabezado por Howard H. Aiken. Foi a primeira computadora creada en EE.UU.
  • 1944: en Inglaterra constrúense os ordenadores Colossus (Colossus Mark I e Colossus Mark 2), co obxectivo de descifrar as comunicacións dos alemáns durante la Segunda Guerra Mundial.
  • 1946: na Universidade de Pensilvania constrúese a ENIAC (Electronic Numerical Integrator And Calculator), que funcionaba a válvulas e foi a primera computadora electrónica de propósito xeral.
  • 1947: nos Laboratorios Bell, John Bardeen, Walter H. Brattain e William Shockley inventan o transistor.
  • 1951: comeza a operar a EDVAC, concebida por John von Neumann, que, a diferenza da ENIAC, non era decimal, senón binaria, e tivo o primeiro programa deseñado para ser almacenado.
  • 1953: IBM fabrica a súa primeira computadora a escala industrial, a IBM 650. Amplíase o uso da linguaxe ensamblador para a programación das computadoras. Os ordenadores con transistores substitúen aos de válvulas, marcando o comezo da segunda xeración de computadoras.
  • 1957: Jack S. Kilby constrúe o primeiro circuito integrado.
  • 1964: a aparición do IBM 360 marca o comezo da terceira xeración de computadoras, na que as placas de circuíto impreso con múltiples compoñentes elementais pasan a ser substituídas por placas de circuítos integrados.
  • 1971: Intel presenta o primeiro procesador comercial e á vez o primeiro chip microprocesador, o Intel 4004.
  • 1975: Paul Alen e Bill Gates fundan Microsoft.
  • 1977: Apple presenta o primeiro computador persoal que se vende a gran escala, o Apple II, desenvolvido por Steve Jobs e Steve Wozniak nun garaxe.
  • 1981: lánzase ao mercado o IBM PC, que se convertiría nun éxito comercial, marcaría unha revolución no campo da computación persoal e definiría novos estándares.
  • 1982: Microsoft presenta o seu sistema operativo MS-DOS, por encargo de IBM.
  • 1983: ARPANET sepárase da rede militar que a orixinou, pasando a un uso civil e converténdose así na orixe de Internet.
  • 1983: Richard Stallman anuncia publicamente o proxecto GNU.
  • 1985: Microsoft presenta o sistema operativo Windows 1.0.
  • 1990: Tim Berners-Lee idea o hipertexto para crear o World Wide Web (www), unha nova maneira de interactuar con Internet.
  • 1991: Linus Torvalds comezou a desenvolver Linux, un sistema operativo compatible con Unix.
  • 2000: aparecen a comezos do século XXI os ordenadores de peto, primeiro en forma de PDAs, e logo en forma de teléfonos intelixentes ou smartphones.
  • 2010: sae á venda o iPad de Apple, a primeira tablet que tivo éxito comercial.

Uso actual do termo[editar | editar a fonte]

Nos últimos vinte anos aproximadamente moitos aparatos domésticos, sobre todo as consolas para videoxogos, a teléfonos móbiles, os vídeos, os asistentes persoais dixitais (PDA) e unha chea de aparatos caseiros, industriais, para coches e electrónicos, teñen circuítos homologables á máquina de Turing[Cómpre referencia] (coa limitación de que a programación destes aparellos está instalado nun chip de memoria ROM que hai que substituír cada vez que queremos cambiar a programación).

Esta especie de computadoras que se encontran dentro doutras computadoras de uso xeral son coñecidos como microcontroladores ou computadores integrados. Polo tanto, moitas persoas restrinxiron a definición de computadora a aquelas máquinas cuxo propósito principal sexa o procesamento de información e que poidan adaptarse a unha gran variedade de tarefas, sen ningunha modificación física, excluíndo aqueles dispositivos que forman parte dun sistema máis grande como os teléfonos, microondas ou avións.

Hardware[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Hardware.

Un ordenador está construído cunha serie de compoñentes físicos ou hardware, cada un executando funcións específicas, e mantendo unha complexa interacción entre eles. Os compoñentes hardware básicos de todo ordenador son:

  • Procesador central ou CPU: constituíndo o núcleo central, encargado do cálculo e execución.
  • Dispositivos de almacenamento: almacenan temporalmente a información necesaria. Os dispositivos máis importantes nesta categoría son:
    • Memoria RAM: para o almacenamento a curto prazo.
    • Disco duro: para o almacenamento a longo prazo.
  • Dispositivos de entrada/saída: encargados de facilitar o fluxo de información desde ou cara o ordenador.

Software[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Software.

Un ordenador executa programas de software ou conxuntos de instrucións (operacións) expresadas en termos lóxicos e numéricos para procesar datos, permitindo así realizar distintas funcións, como por exemplo escribir textos cun procesador de texto ou escoitar música cun reprodutor de son.

Sistemas operativos[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Sistema operativo.

Un ordenador emprega normalmente un programa informático especial, chamado sistema operativo (SO), deseñado, construído e probado para xestionar os recursos do ordenador: a memoria, os dispositivos de E/S, os dispositivos de almacenamento (discos duros, as unidades de DVD e CD) etc.

Funcionalidade[editar | editar a fonte]

A función básica dun ordenador é o procesamento de información: un ordenador procesa unha información que recibe, nun formato predefinido, do exterior, procésaa de acordo a un programa e devolve unha serie de datos de saída, noutro formato específico.

As funcións suplementarias máis importantes son:

  • Almacenamento de información, que realiza antes, durante e despois do seu procesamento.
  • Entrada e saída de información do ordenador.

Como funcionan os ordenadores[editar | editar a fonte]

Aínda que as tecnoloxías empregadas nas computadoras dixitais cambiaron moito desde que apareceron os primeiros computadores nos anos 40, a maioría aínda utilizan a arquitectura von Neumann, proposta polo matemático John von Neumann.

A arquitectura von Neumann describe un ordenador con 4 seccións principais: a unidade lóxica e aritmética (ALU), a unidade de control, a memoria, e os dispositivos de entrada e saída (E/S). Estas partes están interconectadas por un conxunto de cables denominados buses.

Neste sistema, a memoria é unha secuencia de celas de almacenamento numeradas, onde cada unha é un bit ou unidade de información. A instrución é a información necesaria para realizar o que se desexa coa computadora e as celas conteñen os datos que se necesitan para levar a cabo as instrucións.

A unidade lóxica e aritmética, ou ALU, é o dispositivo deseñado e construído para levar a cabo as operacións elementais como as operacións aritméticas (suma, resta), operacións lóxicas (E, Ou, Non), e operacións de comparación. Nesta unidade é onde se fai todo o traballo computacional.

A unidade de control segue a dirección das posicións en memoria que conteñen a instrución que a computadora vai realizar nese momento; recupera a información poñéndoa na ALU para a operación que debe desenvolver. Transfire logo o resultado ás posicións apropiadas na memoria. Unha vez que ocorre o anterior, a unidade de control vai á seguinte instrución e repite o procedemento.

Os dispositivos E/S serven á computadora para obter información do mundo exterior e devolver os resultados de procesar a devandita información. Hai unha gama moi extensa de dispositivos de E/S como por exemplo os teclados, monitores e unidades de disco flexible.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para ordenador.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Ordenador

Outros artigos[editar | editar a fonte]