Estocolmo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 59°19′46″N 18°4′7″L / 59.32944, -18.06861

Estocolmo
Stockholm
Stockholms län vapenflagga.svg
Stockholm vapen bra.svg
Stockholm Montage.png
Situación
Estocolmo en Suecia
Estocolmo
Estocolmo
País Flag of Sweden.svg Suecia
Condado Estocolmo
Concello Estocolmo
Xeografía
Superficie 188 km²
Demografía
Poboación 792.593 hab. (2007)
Densidade 4.216 hab./km²
Outros datos
Código postal 100 00-200 00
Alcalde Sten Nordin (Moderata samlingspartiet)
www.stockholm.se

Estocolmo[1] (en lingua sueca sv-Stockholm.ogg Stockholm ) é a capital e a cidade máis grande de Suecia. A cidade de Estocolmo é administrativamente unha municipalidade do Condado de Estocolmo , cunha poboación de 792 593 habitantes (1 942 233 na súa área metropolitana, sobre o 20% da poboación de Suecia). Estocolmo é a cidade máis grande dos Países nórdicos

Estocolmo está formada por 14 illas e illotes, unidos por medio de 53 pontes. O municipio está dividido dende 1998 en 18 distritos, que ten a responsabilidade das escolas primarias, asistencia social o os medios culturais locais. O actual alcalde de Estocolmo é Sten Nordin (dende 2008), do Partido Moderado.

Como capital do estado, Estocolmo é a sede do goberno e o parlamento suecos e tamén da residencia do xefe do Estado, o rei Carlos XVI Gustavo, o Palacio Real de Estocolmo, como do Primeiro Ministro, a Casa de Sager.

Estocolmo é o centro histórico de Suecia dende o século XIII, grazas a súa localización, na costa leste sueca, no centro sur, cun arquipélago do Mar Báltico en fronte e o lago Mälaren ás costas.

Está considerada como unha cidade global[2]. É unha das cidades máis visitadas do Países nórdicos, darredor dun millón de visitantes tivo no 2006[3].

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O nome Stockholm provén de dous nomes; a primeira parte, stock, significa literalmente tronco de madeira, que pode estar relacionado cunha verba do antigo alemán (Stock), que significa fortificación; a segunda parte, holm, significa illote, referíndose a Helgeandsholmen, na zona central de Estocolmo.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Fotografía aérea da cidade mostrando as illas que forman Estocolmo.

Estocolmo fica na parte da costa oriental da Suecia. Está situado nun arquipélago de catorce illas e illotes, unidos por 53 pontes, na rexión onde o lago Mälaren encontra o mar Báltico. A fisiografía da cidade é moi homoxénea, sendo que predominan as planicies, chegando no máximo a 200 m de altitude nalgúns puntos. Cerca do 30% da cidade está cuberta de canais e outro 30% está ocupado por parques e zonas verdes, proporcionándolle á cidade un clima máis favorábel do que se debería esperar, principalmente debido á elevada latitude no contexto europeo.

Clima[editar | editar a fonte]

Lilla Blecktornsparken, un dos moitos parques urbanos da cidade.

A cidade de Estocolmo ten un clima continental. Debido á latitude da capital sueca, o clima debería ser máis frío, mais no entanto é ameno, talvez debido aos moitos espazos verdes existentes na cidade. A duración do día varia entre 18 horas, no verán, e 6 horas, no inverno, sendo que a cidade desfruta de 1981 horas de sol anualmente [4]

Os veráns son agradábeis coa temperatura máxima a variar entre os 20 e os 23 °C e a mínima é darredor de 15 °C. Os invernos son fríos con temperaturas que rondan os 0 °C. A precipitación anual é de 539 mm, sendo a media de días húmidos por ano de 164. Durante os meses de decembro a marzo ocorren normalmente nevaradas que cobren a cidade durante varias semanas.

Historia[editar | editar a fonte]

Os comezos de Estocolmo[editar | editar a fonte]

A primeira mención da cidade de Estocolmo data de 1252. A cidade reducíase entón á pequena illa chamada Gamla Stan. Foi fundada por Birger Jarl, co obxectivo de protexer a Suecia das invasións de frotas estranxeiras e para poder pór fin aos asaltos dos cales eran vítimas cidades como Sigtuna, situada sobre o lago Mälaren. O primeiro edificio construído foi un forte que controlaba o tránsito marítimo entre o mar Báltico e o lago Mälaren.

Baixo a influencia de Magnus Ladulás, Estocolmo prospera grazas ás súas relacións comerciais con Lübeck. Forma entón parte da Liga Hanseática. En 1270, Estocolmo descríbese en documentos como unha gran cidade, e en 1289 é xa a maior cidade de Suecia, aínda que a súa primeira estimación fiábel da poboación remóntase ao século XV, cando contaba cuns cinco ou seis mil habitantes.

Durante a segunda metade do século XIV a cidade viuse presa pola peste negra.

A Unión de Kalmar[editar | editar a fonte]

Cristián I de Dinamarca

Non é até finais de 1419 que Estocolmo se proclama capital de Suecia. A súa posición estratéxica, así como o seu peso económico, convértena nunha praza importante nas relacións entre os reinos daneses da Unión de Kalmar e o movemento de independencia sueco durante o século XV. Houbo numerosas batallas, sobre todo a batalla de Brunkeberg gañada en 1471 por Sten Sture o Vello contra o rei de Dinamarca Cristián I. O Baño de sangue de Estocolmo, que ocorreu en 1520, ordenado por Cristián II de Dinamarca, supuxo a fin da Unión de Kalmar.

O período Vasa[editar | editar a fonte]

En 1521, Gustavo Vasa chega a Estocolmo e marca o comezo duna nova era para Suecia. Estocolmo crece e esténdese máis alá de Stadsholmen sobre Södermalm e Norrmalm. En 1600, conta cuns doce mil habitantes.

1600-1800[editar | editar a fonte]

O Parlamento de Suecia (Riksdag) en Helgeandsholmen.

No século XVII Estocolmo é xa unha cidade europea de envergadura. Entre 1610 e 1680 a súa poboación multiplícase por seis. Ladugårdslandet, actualmente chamado Östermalm, así como a illa de Kungsholmen, pasan a forma parte da cidade por aquel momento.

En 1628, durante o reinado de Gustavo II Adolfo, o navío de guerra Vasa afundiuse no arquipélago de Estocolmo. O mesmo ano son instauradas as regras que dan a Estocolmo un monopolio sobre os intercambios entre os negociantes estranxeiros e os territorios escandinavos. Nesta época constrúense castelos e pazos para os nobres, entre os cales se encontran a Casa da Nobreza (Riddarhuset) e no século XVIII o pazo real.

Despois da Gran Guerra do Norte, que destruíu parcialmente a cidade, o crecemento de Estocolmo empeza a declinar. Conserva o seu papel de capital política de Suecia, e baixo o reinado de Gustavo III de Suecia afirma a súa superioridade cultural. A Ópera Real é un bo exemplo da arquitectura desta época.

1800-1900[editar | editar a fonte]

A principios do século XIX, Estocolmo perde cada vez máis a súa influencia económica. Norrköping é entón a principal cidade industrial do país, e Gotemburgo un porto ineludíbel grazas a súa localización sobre o mar do Norte.

Na segunda parte do século, Estocolmo consegue recuperar o seu papel de líder no aspecto económico coa aparición das novas industrias, e convértese nun centro importante do comercio e dos servizos, así como a principal porta de entrada de Suecia.

A súa poboación creceu logo de xeito moi rápido grazas a inmigración. No final do século, só o 40% dos habitantes da cidade naceran alí. A consecuencia disto empezan a medrar novos barrios máis aló dos límites de Estocolmo, no campo e sobre as costas. Nesta época tamén aumenta a importancia da educación e a cultura, coa apertura de numerosas universidades, como o Instituto Karolinska.

Século XX[editar | editar a fonte]

Konserthuset ("A casa de concertos") na praza de abastos de Hötorget, no barrio de Norrmalm.

Durante o século XX, Estocolmo rehabilitou unha gran parte do seu centro, que tiña rúas estreitas problemáticas a medida que a circulación automobilística aumentaba. As autoridades municipais prohibiron aquí a renovación dos edificios, sobre todo os que comprenden a zona próxima á Estación Central, de Hötorget a Sergels torg, durante a primeira metade do século. De 1945 a 1967 a zona é demolida e despois reconstruída, con amplos paseos de viandantes, así como edificios de oficinas ou vivendas de alturas elevadas. O Metro de Estocolmo constrúese a partir de 1950.

Na fin do século, Estocolmo é unha cidade moderna, cosmopolita e moi avanzada no ámbito tecnolóxico, onde o distrito de Kista se converteu nun importante centro para as novas tecnoloxías. En 2010 foi elixida Capital Verde Europea (European Green Capital).

O nome da cidade noutras linguas[editar | editar a fonte]

  • Stockholm en sueco (onde o 'h' é mudo neste caso)
  • Holmia en latín
  • Tukholma en finés
  • Stoccolma en italiano
  • Sztokholm en polaco
  • Stokgolm (Стокгольм) en ruso
  • Sutokkuhorumu (ストックホルム) en xaponés
  • Sídégēěrmó (斯德哥尔摩) en chino
  • En francés, inglés e alemán o nome da cidade escríbese igual que en sueco, aínda que a pronuncia difire.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Benigno Fernández Salgado, ed. (2004). Dicionario Galaxia de usos e dificultades da lingua galega. Editorial Galaxia. p. 1304. ISBN 9788482887524. 
  2. The World According to GaWC 2008
  3. Top 150 City Destinations: London Leads the Way
  4. Horas de sol anualmente en Estocolmo

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Predecesor:
Grecia Tesalónica
EU Insignia.svg
Capital Europea da cultura

1998
Sucesor:
Alemaña Weimar