Muller

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Muller
Woman Montage (1).jpg

Unha muller (do latín mulĭer, -ēris) [1] (Gl-muller.ogg pronunciación ), é un ser humano de xénero feminino[2]. Muller tamén remite a distincións de xénero de carácter cultural e social que se lle atribúen así como ás diferenzas sexuais e biolóxicas da femia na especie humana fronte ao macho. Conta con aspectos físicos que a diferencian do varón da especie como voz máis aguda, cintura máis estreita, cadeira máis ancha e pelve máis ampla, menos pelame corporal, menos masa muscular e máis tecido adiposo, mamas máis grandes e é de menor estatura comparada co varón.

O Día Internacional da Muller Traballadora celébrase o día 8 de marzo.[3]

Reprodución, esforzo reproductivo e demografía[editar | editar a fonte]

Véxase tamén: Reprodución sexual e Nai.

A muller realizou e realiza o esforzo ou traballo reproductivo que permite a supervivencia de individuos e sociedades.[4] Ao longo da historia e ata datas recentes, co obxecto de garantir a supervivencia social e nun contexto de altísima mortalidade (tanto na taxa bruta de mortalidade como na mortalidade infantil), foi necesario manter unha moi alta natalidade (tanto na taxa bruta de natalidade como na taxa de fecundidade) para garantir un reemplazo suficiente das poboacións.[5]

A mellora na alimentación, a xeneralización da hixiene, a sanidade e a difusión de medicamentos foron decisivos para o forte crecemento da poboación mundial que pasou dos case 1.000 millóns no ano 1800 a máis de 6.000 millóns no ano 2000 e os 7.000 millóns a finais do 2011.[6][7]

A necesidade dunha alta reprodución deixou de ser un dos tradicionais problemas das sociedades -e por suposto do mundo no seu conxunto- para chegar a converterse, para algúns autores de corte neomalthusiano,[Cómpre referencia] nun novo problema, a superpoboación.

Evolución histórica, cultura, antropoloxía e historia cultural[editar | editar a fonte]

Véxase tamén: Antropoloxía.
Unha muller de Bangladesh tecendo. O traballo téxtil foi historicamente considerado como unha ocupación feminina nalgunhas culturas.

Aínda que existe gran diversidade, dependendo do tipo de sociedade -matriarcado, patriarcado, cazadores recolectores, agrícola, etc- e da filiación, pode dicirse que desde a prehistoria, as mulleres, como os varóns, asumiron un papel cultural particular normalmente diferenciado. En sociedades de caza e recolección, as mulleres case sempre eran as que recollían os produtos vexetais, mentres que os varóns fornecían a carne mediante a caza de animais. Por mor do seu coñecemento profundo da flora, a maior parte dos antropólogos creen que foron as mulleres quen conduciron as sociedades antigas cara ao Neolítico e convertéronse nas primeiras agricultoras.

En 1942, durante a Segunda Guerra Mundial, unha traballadora labra pezas nun torno revólver para avións na fábrica de Consolidated Aircraft Corporation en Fort Worth, Texas, Estados Unidos. A incorporación da muller a traballos tradicionalmente masculinos durante a Primeira e Segunda Guerra Mundial ante a ausencia de varóns que estaban na fronte foi un paso decisivo para a incorporación plena da muller ao mercado de traballo.

Na Idade Media, os autores masculinos, pertencentes a unha estirpe, relixiosos, tratadistas laicos e sobre todo, predicadores, falaron das condicións e condutas que lles esixen ás nenas, ás xoves e ás maiores. A conduta feminina foi pautada para cada momento e situación da vida. Case sempre a idade corresponde a un estado civil e a unha función de acordo a ela. Tal é así que a muller representábase na imaxe da noiva, a prometida, a casada, a viúva, é dicir, sempre ligada inexorablemente a un varón que debía responsabilizarse dela e da súa conduta. O papel máis importante atribuído á muller era o de esposa e nai.[8]

Na historia recente, os roles das mulleres cambiaron enormemente. As funcións sociais tradicionais das mulleres da clase media consistían nas tarefas domésticas, acentuando o coidado de nenos, e non adoitaban acceder a un posto de traballo remunerado. Para as mulleres máis pobres, sobre todo entre as clases obreiras, esta situación era ás veces un obxectivo, xa que a necesidade económica obrigounas durante moito tempo a buscar un emprego fóra de casa, aínda que as ocupacións en que se empregaban tradicionalmente as mulleres de clase obreira eran inferiores en prestixio e salario que aquelas que levaban a cabo os homes. Eventualmente, o liberar ás mulleres da necesidade dun traballo remunerado converteuse nun sinal de riqueza e prestixio familiar, mentres que a presenza de mulleres traballadoras nunha casa denotaba a unha familia de clase inferior.[9]

Feminismo[editar | editar a fonte]

Symbol venus.svg

Símbolo da muller
O paradigma deseñado por Carl Sagan
Nai e meniña
Estatua en homenaxe á muller rural. Ponte Carreira, Frades.

O movemento feminista é en parte unha loita polo recoñecemento de igualdade de oportunidades cos homes, e para a igualdade de dereitos independentemente do sexo. As dificultades para obter este recoñecemento debéronse a factores históricos combinados cos costumes e tradicións sociais. Actualmente, grazas aos cambios económicos, o apoio do poder económico e os esforzos do movemento feminista de fai décadas e outros movementos de dereitos humanos, na maior parte das sociedades industrializadas as mulleres teñen acceso a carreiras e traballos, máis aló da atención das tarefas domésticas ou de ama de casa.

Sufraxio Feminino[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Sufraxio feminino.

O primeiro sufraxio feminino (coas mesmas características propias que o masculino) garantiuse en Nova Jersey en 1776, aínda que rescindiu en 1807. Varios países e estados garantiron un sufraxio feminino restrinxido na segunda metade do século XIX, comezando por Australia do Sur en 1861. O primeiro sufraxio feminino sen restrinxir, no que a dereito a votar refírese (xa que ás mulleres non se lles permitía presentarse a eleccións), garantiuse en Nova Zelandia en 1893.

Factores biolóxicos[editar | editar a fonte]

En términos biolóxicos, os órganos sexuais femininos forman o aparello reprodutor, mentres que as características sexuais secundarias teñen como función a atracción dun home ou a alimentación dos bebés.

Aínda que nazan menos mulleres que homes (a proporción está ao redor de 1:1.05), hai máis mulleres entre a poboación adulta (sobre un 1.04:1). As mulleres teñen un índice de mortalidade inferior que os homes, aínda no útero, e viven unha media de cinco anos máis debido a unha combinación de factores: a xenética, a socioloxía, a saúde, a presenza do estróxeno (a hormona feminina), e o efecto de altos niveis de andróxenos nos homes. No ano 2001, da poboación total, había 101.3 homes por cada 100 mulleres.

Co inicio da menstruación (menarquia), as funcións reprodutivas permiten que a maior parte das mulleres poidan quedar embarazadas e dar a luz. Á ciencia que estuda a reprodución feminina e os órganos reprodutores é a xinecoloxía. As mulleres xeralmente chegan á menopausa en torno aos 50 anos, idade á cal as súas ovarios deixan de producir estróxenos e termina a etapa de aptitude reprodutiva.

En xeral, as mulleres sofren as mesmas enfermidades que os homes; con todo hai algunhas enfermidades específicas que se dan con maior frecuencia ou exclusivamente en mulleres, e pola contra hai enfermidades que as mulleres non padecen como a hemofilia, doenza exclusiva dos homes.

En xeral as mulleres teñen menor tamaño, talla e peso total que os homes. Así mesmo, e debido a factores hormonais, teñen un peso óseo inferior e unha maior porcentaxe graxa con menos masa graxa. Malia isto as mulleres desenvólvense máis rápido na adolescencia, polo tanto nese período ten unha media de estatura maior aos homes que decrece ata que se chegue ata a idade adulta.

A distribución graxa na muller é diferente ao home, presentando unha distribución maior en glúteos, mamas, cadeiras e coxas. A muller ten unha pelve máis ancha, maior angulación do fémur e maior lordose lumbar que o home.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para muller.
  2. Asociación Pro Derechos Humanos; Seminario de Educación para la Paz (2007). Sistema sexo-género: unidad didáctica. Los Libros de la Catarata. ISBN 84-8319-301-9. 
  3. Nelson, Jinty. "International Women's Day: a centenary to celebrate". History Workshop Online. Consultado o 28 de agosto de 2011. 
  4. Véxase Silvia Federici, Calibán y la bruja, Mujeres, cuerpo y acumulación originaria, 2012, Traficantes de sueños, páx. 130 y ss.]
  5. La tercera revolución de la modernidad. La revolución reproductiva. Revista Española de Investigaciones Sociológicas (Reis) N.º 122, 2008, pp. 89-118, páx. 109-114
  6. Población mundial, contador
  7. Contador de población mundial, en http://populationmatters
  8. Aproximación a la vida cotidiana en la Edad Media. Guglielmi, Nilda. Buenos Aires, UCA, 2000.
  9. La mujer en la historia, Mª Antonia Bel Bravo, 1998, Ediciones encuentro, Madrid, pags. 60

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Wikiquote
A Galicitas posúe citas sobre: Muller

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]