Emma Castelnuovo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Emma Castelnuovo
Nacemento12 de decembro de 1913
 Roma
Falecemento13 de abril de 2014
 Roma
NacionalidadeItalia
Ocupaciónmestra e matemática
PaiGuido Castelnuovo
PremiosGrand Officer of the Order of Merit of the Italian Republic
editar datos en Wikidata ]

Emma Castelnuovo, nada en Roma o 12 de decembro de 1913 e finada na mesma cidade o 13 de abril de 2014, foi unha profesora e matemática italiana,[1] destacada polo seu traballo innovador no enfoque didáctico desa disciplina, especialmente da xeometría euclidiana.[2]

En 2013, ano en que cumpriu cen anos, a Comisión Internacional para o Ensino das Matemáticas creou un premio co seu nome para recoñecer as súas destacadas contribucións á educación matemática.[3]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Castelnuovo naceu en Roma en 1913, filla do xeómetra Guido Castelnuovo e de Elbina Enriques. Tanto o irmán desta, Federigo Enriques como o seu pai tiveron unha grande influencia na carreira profesional de Emma.

Estudou matemáticas no Instituto Matemático da Universidade de Roma "La Sapienza", na que se licenciou en 1936, cun estudo sobre xeometría alxébrica.[4]

Traballou como bibliotecaria no mesmo instituto en que se graduou enter 1936 e 1938. Ese ano gañou unha cátedra para ensinar no nivel secundario, mais foi destituída polas leis contra os xudeus do goberno de Mussolini, de xeito que cando estalou a guerra en 1939 traballaba na Escola Israelita de Roma, organizada nese período. En 1943 a familia Castelnuovo escapou e refuxiouse en casas de amigos, hospitais e institucións relixiosas onde facía de profesora de forma clandestina.[4]

En 1944, ao finalizar a guerra, obtivo a súa cátedra nunha escola estatal de ensino secundario de primeiro ciclo e comezou a traballar no Instituto Tasso de Roma. Ese mesmo ano organizou un ciclo de conferencias sobre o ensino das matemáticas. Permaneceu na institución ata a súa xubilación en 1979, pois decidiu dedicarse a ese nivel de ensino.

Didáctica[editar | editar a fonte]

A súa métodoloxía promove a participación activa na construción do coñecemento como condición para a verdadeira aprendizaxe.[5]

En 1951 foi nomeada membro da Comisión Internacional para o Estudo e a Mellora do Ensino das Matemáticas (CIEAEM), creada co obxectivo de estudar as condicións do ensino das matemáticas e analizar modificacións para a súa mellora. Alí coñeceu e traballou con Piaget, Caleb Gattegno, Puig Adam e outros matemáticos.

Mantivo relación coa escola Decroly e co matemático Paul Libois da Universidade Libre de Bruxelas, que orientaron a súa idea do ensino coas súas discusións e exposicións, relacionando a tendencia psicopedagóxica de Decroly e o carácter antiformalista, dinámico e unificado de Federigo Enriques.[4]

Nas décadas de 1970 e 1980 participou nun programa formar profesores de Níxer, onde viaxou en tres ocasións, convencida de que as matemáticas son "unha parte integrante da emancipación humana", preocupada polas desigualdades sociais e o medio natural, no momento que comezaba a espertar o interese por estes asuntos.

Obras[editar | editar a fonte]

  • Gattegno, C., Servais, W., Castelnuovo, E., Nicolet, J. L., Fletcher, T. J., Motard, L., Campedelli, L., Biguenet, A., Peskett, J. W., & Puig Adam, P. (1958). Le matériel pour l’enseignement des mathématiques. Neuchâtel: Delachaux & Niestlé.
  • Castelnuovo E. (1963). La Didattica della Matematica. Florencia: La Nuova Italia.
  • Castelnuovo E. (1970). Didáctica de la Matemática moderna. México: Trillas
  • Castelnuovo E. (1972). Documenti di un’esposizione matematica. Turín: Boringhieri.
  • Castelnuovo E., Barra M. (1976). Matematica nella realtà. Turín : Boringhieri.
  • Castelnuovo E., Barra M. (1980). La mathématique dans la réalité. París: CEDIC.
  • Castelnuovo E. (1993). Pentole, ombre, formiche. In viaggio con la matematica. Scandicci (Florencia): La Nuova Italia.
  • Castelnuovo E. (2008). L’officina matematica. Bari: La Meridiana

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Orlando, Lucia (14 de abril de 2014). "Emma Castelnuovo, la matematica per antonomasia" (en italiano). europaquotidiano. Consultado o 23 de agosto de 2018. 
  2. "L'officina matematica". Universidad Bocconi. 
  3. "Emma Castelnuovo Award". International Commission on Mathematical Instruction. 
  4. 4,0 4,1 4,2 "Emma Castelnuovo". Sociedad Madrileña de Profesores de Matemática SMPM. 
  5. "La centenaria que revolucionó la enseñanza de las matemáticas". El Mundo. 31 de marzo de 14. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]