Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter

Cruzadas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Cruzadas
1099jerusalem.jpg
Sitio de Xerusalén en 1099, primeira cruzada.
Data Século XI - século XVII
Lugar Terra Santa - África do Norte - Europa
Resultado Implantación e extinción de reinos cristiáns no Mediterrráneo Oriental.
Aniquilación de paganismos e herexías.
Reconquista.
Debilitación do Imperio Otomán.
Conflito Guerras patrocinadas polo papado con distintos fines.
Casus belli Recuperar terras anteriormente cristiáns.
Loita contra paganismos e herexías.
Resolución de conflitos entre grupos católicos.

As cruzadas foron unha serie guerras relixiosas en Asia Occidental e Europa iniciadas, apoiadas e, ás veces, dirixidas pola Igrexa católica entre os séculos XI e XVII. As cruzadas difiren doutros conflitos relixiosos en que eran consideradas unha penitencia polos participantes para o perdón dos pecados confesos. O alcance das cruzadas é controvertido: algúns historiadores restrínxenas ás peregrinacións armadas a Xerusalén, outros amplíanas a todas as campañas militares católicas cunha promesa de beneficios espirituais, ou a todas aquelas cuxa principal característica é o fervor relixioso. As cruzadas máis coñecidas son aquelas dirixidas contra os musulmáns do Mediterráneo oriental para recuperar a Terra Santa entre os anos 1096 e 1271. Foron tamén cruzadas as loitas desde o século XII contra os mouros da Península Ibérica, o Imperio otomán e contra outros grupos por distintas razóns. Estas inclúen as loitas contra o paganismo, a erradicación de herexías e a resolución de conflitos entre grupos católicos.

En 1095, o papa Urbano II proclamou a primeira cruzada no Concilio de Clermont. Alentou o apoio militar para o emperador bizantino Aleixo I contra os turcos selxúcidas, e unha peregrinación armada a Xerusalén. A resposta entusiasta en todos os estratos sociais de Europa occidental estableceu un precedente. Os voluntarios convertéronse en cruzados facendo un voto público por distintas razóns: ascensión masiva ao ceo en Xerusalén, satisfacer obrigas feudais, a oportunidade de gloria e honra ou de ganancia económica e política. Instauráronse catro Estados cruzados, xeralmente coñecidos colectivamente como Outremer: o Condado de Edessa, o Principado de Antioquía, o Reino de Xerusalén e o Condado de Trípoli. Os cruzados foron finalmente expulsados e, despois de máis de dous séculos de presenza no continente, a última cidade de Acre caeu en 1291.

A Reconquista, proceso histórico por medio do cal os reinos cristiáns do norte da Península Ibérica van conquistar progresivamente o Al-Andalus, foi proclamada cruzada en 1123 e finalizou coa conquista do Reino de Granada en 1492. As Cruzadas do Norte, campañas dos reinos cristiáns de Alemaña, Dinamarca ou Suecia contra as tribos pagás do nordeste de Europa, foron consideradas cruzadas desde 1147. O papa Inocencio III iniciou en 1199 a práctica do papado de proclamar cruzadas políticas contra gobernantes católicos desobedientes. A partir de 1209 desenvolveuse no Languedoc unha cruzada contra os cátaros, considerados herexes. O mesmo sucedeu no século XV en Savoia e Bohemia, e no século XVI contra os protestantes. A cruzada foi usada tamén como resposta ao auxe do Imperio Otomán a mediados do século XIV, rematando só coa Guerra da Santa Liga en 1699.

Antecedentes[editar | editar a fonte]

Europa e o Mediterráneo na época da primeira cruzada.
A dinastía selxúcida no seu período de maior extensión, 1092.

Para poder comprender que razóns tiñan os dirixentes de Europa e do Oriente Próximo para tomar semellantes decisións, debemos remontarnos aos anos inmediatamente anteriores ao comezo do fenómeno cruzado e ver que estaba sucedendo no mundo daquel entón.

En torno ao ano 1000, Constantinopla erixíase como a cidade máis próspera e poderosa do «mundo coñecido» en Occidente. Situada nunha posición facilmente defendible, no medio das principais rutas comerciais, e cun goberno centralizado e absoluto na persoa do Emperador, ademais dun exército capaz e profesional, facían da cidade e os territorios gobernados por esta (o Imperio bizantino) unha nación sen par en todo o orbe. Grazas ás accións emprendidas polo emperador Basilio II Bulgaroktonos, os inimigos máis próximos ás súas fronteiras foran humillados e anulados na súa totalidade.

Con todo, trala morte de Basilio, monarcas menos competentes ocuparon o trono bizantino, á vez que no horizonte xurdía unha nova ameaza proveniente de Asia Central. Eran os turcos, tribos nómades que, no transcurso deses anos, convertéronse ao islam. Unha desas tribos, os turcos selxúcidas (chamadas así polo seu mítico líder Seliuque), lanzouse contra o Imperio de Constantinopla. Na batalla de Manzikert, no ano 1071, o groso do exército imperial foi arrasado polas tropas turcas, e un dos co-emperadores foi capturado. A raíz desta debacle, os bizantinos deberon ceder a maior parte de Asia Menor (hoxe o núcleo da nación turca) aos selxúcidas. Agora había forzas musulmás apostadas a escasos quilómetros da mesma Constantinopla.

Por outra banda, os turcos tamén avanzaran en dirección sur, cara a Siria e Palestina. Unha tras outra as cidades do Mediterráneo Oriental caeron nas súas mans, e en 1070, un ano antes de Manzikert, entraron na Cidade Santa, Xerusalén.

Estes dous feitos conmocionaron tanto a Europa Occidental como á Oriental. Ambos empezaron a temer que os turcos fosen dominar lentamente o mundo cristián, facendo desaparecer a súa relixión. Ademais, empezaron a chegar numerosos rumores acerca de torturas e outros horrores cometidos contra peregrinos en Xerusalén polas autoridades turcas.

A primeira cruzada non supuxo o primeiro caso de Guerra Santa entre cristiáns e musulmáns inspirada polo papado. Xa durante o papado de Alexandre II, este predicou a guerra contra o infiel musulmán en dúas ocasións. A primeira ocasión foi durante a guerra dos normandos na súa conquista de Sicilia, en 1061, e o segundo caso enmarcouse dentro das guerras da Reconquista española, na cruzada de Barbastro de 1064. En ambolos casos o papa ofreceu a Indulxencia aos cristiáns que participasen.[1]

A derrota bizantina na batalla de Manzikert (1071), a mans dos turcos seléucidas, provocou que o basileus (emperador) Aleixo I Comneno escribise unha carta ao papa Urbano II, solicitándolle o envío de mercenarios que loitasen por Bizancio contra os turcos.

Urbano II foi máis alá desta limitada expedición e, no concilio de Clermont (1095) predicou a primeira cruzada ao berro de ¡Quéreo Deus!, co obxectivo de liberar Xerusalén de mans musulmás (nas que xa levaba 400 anos).

A predicación de Urbano II provocou unha vaga de fervor tanto no pobo chan como na pequena nobreza (non así nos reis, que non participaron nesta primeira expedición).

No Mediterráneo Oriental[editar | editar a fonte]

Primeira cruzada[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Primeira cruzada.

A predicación de Urbano II puxo en marcha en primeiro lugar a multitudes de xente humilde, dirixidas polo predicador Pedro o ermitán. Este grupo formou a chamada cruzada dos pobres. De xeito desorganizado dirixíronse cara Oriente, provocando matanzas de xudeus ao seu paso. Á súa chegada a Bizancio, o basileus enviounos, apresuradamente, ao outro lado do Bósforo. Despreocupadamente internáronse en territorio turco, onde os aniquilaron de xeito doado.

Captura de Xerusalén durante a primeira cruzada.

Moito máis organizada foi a chamada cruzada dos príncipes, formada por unha serie de continxentes armados, procedentes principalmente de Francia, os Países Baixos e o reino normando de Sicilia. Estes grupos ían dirixidos por xentes da nobreza como Godofredo de Bouillon, Raimundo de Tolosa e Bohemundo de Tarento. Durante a súa estancia en Constantinopla, estes xefes xuraron devolver ao Imperio Bizantino aqueles territorios perdidos por este fronte aos turcos.

Dende Bizancio foron para Siria atravesando o territorio seleúcida, onde conseguiron unha serie de sorprendentes vitorias. Xa en Siria, puxeron sitio a Antioquía, que conquistaron logo dun asedio de sete meses. Non obstante, non a devolveron ao Imperio Bizantino, senón que Bohemundo retívoa para si mesmo, formando o Principado de Antioquía.

Dende Antioquía dirixíronse cara Xerusalén, conquistando algunhas prazas polo camiño e sorteando outras. En xuño do 1099 sitiaron a capital, que caeu en mans dos cruzados o 15 de xullo do 1099. Na conquista os cruzados realizaron unha terrible matanza, que non respectou a xudeus ou musulmáns, mulleres ou nenos.

Con esta conquista rematou a primeira cruzada, co que moitos cruzados volveron aos seus países de orixe. O resto ficou alí para consolidar os territorios acabados de conquistar. Xunto ao Reino de Xerusalén (dirixido inicialmente por Godofredo de Bouillon, que tomou o título de Defensor do Santo Sepulcro) e ao principado de Antioquía, creáronse tamén os condados de Edesa (actual Urfa, en Turquía) e Trípoli (no actual Líbano).

Tras estes éxitos iniciais produciuse unha nova vaga de cruzados, que formaron a chamada cruzada de 1101. Porén, esta expedición, dividida en tres grupos, resultou aniquilada polos turcos mentres atravesaban Anatolia. Este desastre apagou os espíritos cruzados durante case 50 anos.

Segunda cruzada[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Segunda cruzada.
Cadro do pintor francés do século XIX Émile Signol, no que se ve a San Bernardo predicando a segunda cruzada en Vézelay en 1146.

Grazas á división dos estados musulmáns, os estados latinos (ou francos, como eran coñecidos polos árabes), conseguiron establecerse e sobrevivir. Os dous primeiros reis de Xerusalén, Balduíno I e Balduíno II, foron gobernantes capaces que estenderon o reino a tódalas terras entre o Mediterráneo e o Xordán, e incluso máis aló.

Integráronse de xeito rápido no cambiante sistema de alianzas locais e así puido verse un enfrontamento entre a alianza dun estado cristián e un musulmán en contra da alianza doutro estado cristián con outro estado musulmán.

Non obstante, a medida que o espírito de cruzada ía decaendo entre os francos, cada vez máis confortables no seu novo estilo de vida orientalizante, entre os musulmáns ía crecendo o espírito de jihad, principalmente entre a poboación, mobilizada polos predicadores contra os seus impíos gobernantes, capaces de tolerar a presenza cristiá en Xerusalén e incluso de aliarse cos seus reis.

Este sentimento foi explotado por unha serie de caudillos que conseguiron unificar os distintos estados musulmáns e lanzarse á conquista dos reinos cristiáns. O primeiro destes foi Zengi, gobernador de Mosul e de Alepo, que no 1144 conquistou Edesa, liquidando o primeiro dos estados francos.

Como resposta a esta conquista, que puxo de manifesto a debilidade dos estados cruzados, o papa, ao través de Bernardo, abade de Claraval (famoso predicador, autor así mesmo da regra dos templarios) predicou en 1146, a segunda cruzada.

A diferenza da primeira, nesta si participaron reis da cristiandade, encabezados por Luís VII de Francia (acompañado da súa muller, Leonor de Aquitania) e polo emperador xermánico Conrado III. Os desacordos entre franceses e alemáns, así como cos bizantinos, foron constantes en toda a expedición.

Cando os dous reis chegaron, por separado, á Terra Santa, decidiron que Edesa era un obxectivo pouco importante e marcharon para Xerusalén. Desde alí, para desesperación do rei Balduíno III, no canto de enfrontárense a Nur al-Din (fillo e sucesor de Zengi), elixiron atacar Damasco, estado independente e aliado do rei de Xerusalén.

A expedición foi un fracaso, xa que tras só unha semana de asedio infrutuoso, os exércitos cruzados retiráronse e volveron ás súas patrias. Con este ataque inútil conseguiron que Damasco caera en mans de Nur al-Din, que progresivamente ía cercando os estados francos.

Máis tarde, o ataque por parte de Balduíno II a Exipto, provocaría a intervención de Nur al-Din na fronteira sur do reino de Xerusalén, preparando o camiño para a fin do reino e a convocatoria da terceira cruzada.

Terceira cruzada[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Terceira cruzada.
Krak dos Cabaleiros. Esta fortaleza, considerada inexpugnable, controlaba o paso do interior de Siria á costa e estivo baixo o mando dos Cabaleiros Hospitalarios até 1271, data na que se tomou.

As intromisións do Reino de Xerusalén no decadente califato fatimí de Exipto levaron ao sultán Nur al-Din a enviar ao seu lugartenente Saladino para facerse cargo da situación. Non fixo falta moito tempo para que Saladino se convertera no amo de Exipto, aínda que ata a morte de Nur al-Din, respectou a soberanía deste. Tras a súa morte, porén, Saladino proclamouse sultán de Exipto e de Siria, dando comezo á dinastía ayyubí.

Como Nur al-Din, Saladino, era un musulmán devoto e decidido a expulsar os cruzados de Terra Santa. O Reino de Xerusalén, xa rodeado por un só estado, e rexido por un rei leproso, Balduíno IV, viuse obrigado a firmar fráxiles treguas seguidas por escaramuzas, tratando de retardar o inevitable final. Á morte do rei leproso, o estado dividiuse en distintas faccións, pacifistas ou belicosas.

A fin do Reino de Xerusalén veu provocada polas accións de Reinaldo de Châtillón, bandido co título de cabaleiro que non se consideraba atado polas treguas firmadas. Saqueaba as caravanas e mesmo armou expedicións de piratas para atacar os barcos de peregrinos que ían á Meca. O ataque definitivo foi contra unha caravana na que ía a irmá de Saladino, que xurou matalo coas súas propias mans.

Declarada a guerra, o groso do exército cruzado, xunto cos templarios e hospitalarios, enfrontouse ás tropas de Saladino nos Cornos de Hattin o 4 de xullo do 1187. Os exércitos cristiáns foron aniquilados, deixando o reino indefenso. Saladino matou coas súas propias mans a Reinaldo de Châtillon.

Saladino procedeu a ocupar a maior parte do reino, agás as prazas costeiras, abastecidas dende o mar, e no mesmo ano conquistou Xerusalén. Comparada coa toma de 1099, esta foi case incruenta, aínda que os seus habitantes deberon pagar un considerable rescate e a moitos fixéronos escravos. O reino de Xerusalén desaparecera.

A toma de Xerusalén conmocionou a Europa e o papa Gregorio VIII convocou unha nova cruzada. Nesta participaron os reis máis importantes da cristiandade: Ricardo Corazón de León de Inglaterra, Filipe II Augusto de Francia e o emperador Federico I Barbarroxa.

Este último ao mando do grupo máis poderoso seguiu a rota terrestre, na que sufriu numerosas baixas. Cerca de Siria, porén, o emperador morreu de conxestión nun río, e o seu exercito desbandou. Só unha pequena parte chegou a Palestina.

Os exércitos inglés e francés chegaron pola rota marítima. O seu primeiro (e único) éxito foi a toma de Acre, o 13 de xullo do 1191, tras a cal Ricardo realizou unha matanza de varios miles de prisioneiros.

Felipe II Augusto estaba preocupado polos problemas no seu pais e molesto polas rivalidades con Ricardo, polo que volveu a Francia, deixando a Ricardo ao mando da cruzada. Este chegou ata as proximidades de Xerusalén, pero no canto de atacar preferiu firmar unha tregua con Saladino, que permitía o libre acceso dos peregrinos desarmados á Cidade Santa.

Deste xeito, cun novo fracaso, pechábase a terceira cruzada, deixando sen esperanzas os estados francos. Era cuestión de tempo que desaparecera a estreita franxa litoral que controlaban. Non obstante, resistiron aínda un século.

Cuarta cruzada[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Cuarta cruzada.

Tras a tregua firmada na terceira cruzada e a morte de Saladino, en 1193, sucedéronse algúns anos de relativa paz, nos que os estados francos do litoral se converteron en pouco máis que colonias comerciais italianas.

En 1199 o Papa Inocencio III decidiu convocar unha nova cruzada, para aliviar a situación dos estados cruzados. Esta cuarta cruzada non debería incluír reis e ir dirixida contra Exipto, considerado o punto máis feble dos estados musulmáns.

Ao non ser xa posible a rota terrestre, os cruzados debían empregar a ruta marítima, polo que se concentraron en Venecia. O dogo Enrico Dandolo coligouse co xefe da expedición Bonifacio de Montferrato, e cun usurpador bizantino, Aleixo IV Anxo, para cambiar o destino da cruzada e dirixila contra Constantinopla, ao estar os tres interesados na deposición do basileus do momento, Aleixo III Anxo.

Inicialmente, os cruzados empregáronse para a loita contra os húngaros, en Zara, polo que foron excomungados polo Papa. Dende alí dirixíronse a Bizancio, onde conseguiron instalar a Aleixo IV como basileus en 1203.

Conquista de Constantinopla polos cruzados en 1204 (Cadro do século XV conservado na Biblioteca do Arsenal, París).

Porén, o novo basileus non puido cumprir as promesas feitas aos cruzados, o que orixinou todo tipo de disturbios. Foi deposto polos propios bizantinos, que coroaron a Aleixo V Ducas. Isto provocou a intervención definitiva dos cruzados, que conquistaron a cidade o 12 de abril de 1204.

O saqueo da cidade foi terrible. Miles de cristiáns (incluíndo mulleres e nenos) resultaron asasinados a mans dos cruzados. Desvalixaron e destruíron mansións, pazos, igrexas e a propia basílica de Santa Sofía. Europa occidental recibiu un aluvión de obras de arte e reliquias sen precedentes, produto deste saqueo.

Con isto chegaba á súa fin o Imperio Bizantino, que se desmembrou nunha serie de estados, algúns latinos e outros gregos. Destes, o chamado Imperio de Nicea conseguiría restaurar unha sombra do Imperio Bizantino en 1261.

Os cruzados estableceron o chamado Imperio Latino, organizado feudalmente e cunha autoridade moi feble sobre a maioría dos territorios que supostamente controlaba (e nula sobre os estados gregos de Nices, Trebisonda e Epiro).

A cuarta cruzada asestou un dobre golpe aos estados francos de Palestina. Dunha banda, privounos de reforzos militares. Por outra, ao crear un polo de atracción en Constantinopla para os cabaleiros latinos, produciu a emigración de moitos que estaban en Terra Santa cara o Imperio Latino, abandonando os estados francos.

As cruzadas menores[editar | editar a fonte]

Tras o fracaso da cuarta, o espírito cruzado apagárase case por completo, aínda co interese dalgúns reis e papas por reavivalo. Se os estados francos sobreviviron ata 1291 foi pola intervención dos mongois, que ao acabar co califato Abbasi en 1258 e conquistar a rexión de Oriente Medio, deron un respiro aos latinos, ao non ser os mongois hostís ao cristianismo.

O convencemento de que os reiterados fracasos se debían á falla de inocencia dos cruzados levou á conclusión de que só os puros poderían reconquistar Xerusalén. No 1212 un predicador de doce anos organizou a chamada cruzada dos nenos na que miles de nenos e xoves percorreron Francia e embarcaron nos seus portos para ir liberar Terra Santa. Foron capturados por capitáns desaprehensivos e vendidos como escravos. Só algúns conseguiron regresar ao cabo dos anos.

A quinta cruzada organizouna Inocencio III e partiu en 1218. Como a cuarta, tiña como obxectivo conquistar Exipto. Tras o éxito inicial da conquista de Damietta na desembocadura do río Nilo, que aseguraba a supervivencia dos estados francos, aos cruzados púidolles a ambición e intentaron atacar O Cairo, fracasando e debendo abandonar incluso o que conquistaran, en 1221.

A organización da sexta cruzada foi un tanto rocambolesca. O papa ordenara ao emperador Federico II Hohenstaufen que fora ás cruzadas como penitencia. O emperador asentira, pero fora demorando a partida, o que lle valeu a excomuñón. Finalmente, Federico II, que tiña pretensións propias sobre o trono de Xerusalén, partiu no 1228 sen o permiso papal. Sorprendentemente, o emperador conseguiu recuperar Xerusalén mediante un acordo diplomático. Tamén obtivo Belén e Nazareth.

No 1244 caeu de novo Xerusalén, esta vez de xeito definitivo, o que moveu ao devoto rei Luís IX de Francia (San Luís) a organizar unha nova cruzada, a sétima. Como na quinta, dirixiuse contra Damietta, pero foi derrotado e feito prisioneiro en Masura (Exipto) con todo o seu exército.

De volta a Francia, o mesmo rei emprendeu a chamada oitava cruzada (1270), contra Túnez, aínda que en realidade era un peón nos intereses do seu irmán Carlos de Anjou, rei de Nápoles, que quería evitar a competencia dos mercadores tunesinos. A peste rematou co rei Luís e gran parte do seu exército. En moitas ocasións considerase que a novena cruzada formou parte desta, dada a súa proximidade no tempo.

Aínda que algúns papas tentaron predicar novas cruzadas, xa non se organizaron máis e, no 1291, os cruzados evacuaron as súas derradeiras posesións en Tiro, Sidón e Beirut coa caída de San Xoán de Acre.

En Europa[editar | editar a fonte]

Reconquista[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Reconquista.

Considérase que a Reconquista comeza coa batalla de Covadonga (718 ou 722), a primeira vitoria coñecida das forzas militares cristiás na Península Ibérica desde a invasión árabe-bérber de 711. A desintegración do Califato de Córdoba en 1031 nunha trintena de reinos de taifas, creou a oportunidade para darlle o pulo definitivo á Reconquista. [2] Os reinos cristiáns non tiñan identidade común nin historia compartida baseada na tribo ou na etnia. Aínda que pequenos, todos desenvolveron unha técnica militar aristocrática.[3] Na época da Segunda cruzada había tres reinos co suficiente potencila para conquistar territorio islámico: a Coroa de Castela, a Coroa de Aragón e o Reino de Portugal.[4] En 1212, os reinos cristiáns resultaron victoriosos na batalla das Navas de Tolosa co apoio de 70.000 combatentes estranxeiros que respostaron a chamada do papa Inocencio III, quen calificou esta loita de cruzada e instaurou a Bula da Santa Cruzada pola que se concedían moitos privilexios, grazas e indultos a cambio dunha achega económica que, nun principio, se dedicaba aos gastos da guerra contra os infieis. Moitos estranxeiros desertaron debido á tolerancia no trato aos derrotados musulmáns por parte dos reinos cristiáns, pois estes consideraban a Reconquista máis coma unha guerra de dominación que de extinción.[5] Isto contrastaba co trato recibido polos cristiáns que antes vivían baixo o dominio musulmán, os mozárabes. O Rito romano foi implacablemente imposto e os cristiáns nativos foron absorbidos no catolicismo principal.[6] Al-Andalus, a Iberia islámica, foi completamente suprimida en 1492 cando se rendeu o Reino de Granada. Nese momento, foron expulsados da península os musulmáns e xudeus que aínda vivían nela.[7]

Campañas contra herexes e cismáticos[editar | editar a fonte]

Miniatura do século XV que mostra ao papa Inocencio III excomungando, e aos cruzados masacrando cátaros (British Library).

Houbo pequenos esforzos por suprimir a seita cristiá dos cátaros no sueste de Francia cara 1180.[8] Trinta e cinco anos despois, o papa Inocencio III proclamou a cruzada albixense contra os cátaros. O nome provén do da cidade de Albi, un dos centros do catarismo.[9] Isto demostrou que era máis efectivo facer unha guerra contra os partidarios dos herexes que contra os propios herexes. Os señores feudais que foran tolerantes coa seita cátara viron como perdían os seus títulos e eran confiscadas as súas terras. En 1212 exerceuse presión sobre Milán por tolerar o catarismo.[10] Dúas invasións húngaras do Banato de Bosnia, o fogar do lendario antipapa cátaro, foron proclamadas cruzadas en 1234 e 1241. Unha cruzada forzou ás xentes de Stedingen a pagar diezmos en 1234.[11] O historiador Norman Housley indica a conexión en Italia entre heterodoxia e antipapalismo. Ofrecéronse indulxencias a grupos antiheréticos como a Milicia de Xesucristo e a Orde da Gloriosa Virxe María.[12] As cruzadas anticristiás declinaron no século XV, as excepcións son as seis cruzadas frustradas contra os relixiosos radicais husitas en Bohemia e os ataques aos valdenses en Savoia.[13]

Campañas políticas[editar | editar a fonte]

As cruzadas albixenses estableceron un precedente para as cruzadas anticristiás. O papa e maila Inquisición proclamaban, sen aportar evidencias, que era un herexe calquera que non estivera aliñado con eles.[14][15] Inocencio III proclamou unha cruzada contra Markward von Annweiler, sobre quen recaía a rexencia de Sicilia, e que acabou coa morte de Marward. Cando Federico II ameazou con tomar Roma en 1240, o papa Gregorio IX usou unha terminoloxía de cruzada, pero as guerras do papa contra o Emperador e os seus fillos eran inapropiadas para os cruzados, non estaban claros os obxectivos nin as limitacións.

Á morte de Federico II, a atención trasladouse a Sicilia: en 1263, o papa Urbano IV ofreceu plenas indulxencias cruzadas a Carlos de Anjou a cambio da súa conquista.[16] Carlos aceptou coa condición de ser nomeado rei de Sicilia como vasalo dos papas a cambio dun tributo anual de 8.000 onzas de ouro.[17] Para asegurarse continuar coa protección papal, Carlos de Anjou influíu na elección papal de 1280-1281, sendo elixido un papa francés, Martiño IV, quen rapidamente devolveu ao de Anjou a condición de senador de Roma e excomungou ao emperador bizantino Miguel VIII, autorizando a Carlos a liderar unha cruzada contra os bizantinos[18]. O 3 de xullo de 1281, Carlos e o seu fillo político Filipe de Courtenay, emperador latino, firmaron unha alianza con Venecia para levar a cabo esta cruzada coa finalidade de restaurar o Imperio Romano.[19] Decidiron acometer unha campaña a gran escala o seguinte ano,[20] pero un levantamento coñecido como as Vésperas sicilianas, instigado polo emperador bizantino, proclamou a Pedro III de Aragón como rei de Sicilia. Martiño IV excomungou a Pedro III e proclamou unha cruzada contra el, mais todo foi en van.[21]

Outros exemplos do uso das cruzadas para fins políticos son: a promovida por Xoán XXII contra Luis IV, emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico, a raíz da marcha deste sobre Roma para a súa coroación imperial; a que emprenderon a finais do século XIV a República de Venecia e Girolamo Riario, sobriño do papa papa Sisto IV e señor de Forli e Imola, contra Ferrara; e a das compañías libres de mercenarios.[22]

As Cruzadas do Norte[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Cruzadas do Norte.

Os pobos eslavos, bálticos e fino-úgricos da rexión báltica resistiron á cristiandade moito máis tempo que os seus veciños.[23] En 1147, Bernardo de Claraval convenceu ao papa Uxío III para que o conflito dos alemáns e dinamarqueses cos pagáns Vendos fose declarado unha guerra santa dun xeito análogo ao da Reconquista, instando aos cruzados a loitar ata que todos fosen bautizados ou asasinados. A motivación dos novos cruzados foi fundamentalmente económica: a adquisición de novas terras cultivables e servos, o control das rotas comerciais bálticas ou a abolición do monopolio do comercio de peles que tiñan os tratantes de Novgorod.[24] Desde comezos do século XIII, as ordes militares proporcionaban guarnicións no Báltico e defendían o centro comercial teutón, Riga. Os bispos locais instauraron a Irmandade Livonia da Espada e a Orde de Dobrzyń. Os Irmáns da Espada eran especialmente crueis tanto cos pagáns como cos conversos. A Orde dos Cabaleiros Teutóns fundouse en Palestina na década de 1190, pero os seus fortes vínculos co imperio xermano desviaron os seus esforzos da Terra Santa ao Báltico. Entre 1229 e 1290, os Cabaleiros Teutónicos absorberon as outras Ordes, subxugaron a maioría das tribos bálticas e estableceron un implacable e explotador estado monástico.[25][26] Os Cabaleiros invitaban a nobles estranxeiros a participar nos seus habituais reisen, ou asaltos, contra o derradeiro pobo báltico sen conquistar, os lituanos. Eran estes eventos de entretemento cavaleiresco de moda entre mozos aristócratas. Jogaila, Gran Duque de Lituania, converteuse ao catolicismo e casou coa raíña Eduvixes de Polonia, resultando nunha unión polaco-lituana cuxo exército derrotou aos Cabaleiros Teutónicos na batalla de Grunwald en 1410. O estado dos Cabaleiros sobreviviu, desde 1466 como protectorado polaco, pero en 1525 Prusia converteuse nun ducado secular e o mesmo fixo Livonia en 1562.[27]

Últimas cruzadas[editar | editar a fonte]

O sultanato selxúcida do Rum fragmentouse a finais do século XIII. Os turcos otománs, asentados no nordeste de Anatolia, aproveitáronse da guerra civil bizantina de 1341-1347 e estableceron unha forte presenza en Europa. Capturaron a fortaleza bizantina de Gallipoli en 1354 e, derrotando aos serbios na batalla de Kosovo en 1389, tomaron o control dos Balcáns desde o Danubio ata o golfo de Corinto. Isto foi confirmado pola vitoria sobre os cruzados franceses e o rei Sexismundo de Hungría na batalla de Nicópolis en 1396. O sultán Murad II destruíu unha gran forza serbio-húngara en Varna en 1444, e catro anos máis tarde derrotou aos húngaros de novo en Kosovo.[28][29]

Despois da caída de Constantinopla en 1453, a resposta cruzada foi máis ben simbólica. Exemplo disto foi o banquete ofrecido polo duque Filipe de Borgoña en 1454, coñecido como a Festa do faisán, para promover unha cruzada que liberara Constantinopla, cruzada que nunca chegou a materializarse.[30] O século XVI viu crecer un achegamento de Occidente cara os Otománs: os Habsburgo, Francia, España e Venecia asinaron tratados cos otománs. O rei Francisco I de Francia buscou alianzas con todo o mundo, incluíndo os protestantes alemáns e o sultán Suleiman o Magnífico.[31] A cruzada converteuse principalmente nun exercicio financeiro que daba prioridade aos asuntos comerciais e políticos. A cruzada contra os otománs diminuíu ao tempo que o facía a ameaza militar turca, e quedou definitivamente obsoleta coa instauración da Santa Liga de 1684.[32]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Biografía de Alejandro II en www.artehistoria.com". Arquivado dende o orixinal o 08 de xaneiro de 2009. Consultado o 21 de setembro de 2013. 
  2. Ladero Quesada 2014, p. 30
  3. Jotischky 2004, pp. 183–184
  4. Jotischky 2004, p. 188
  5. Jotischky 2004, p. 191
  6. Jotischky 2004, p. 131
  7. Lock 2006, pp. 212–213
  8. Tyerman 2019, p. 344
  9. Lock 2006, p. 163n
  10. Jotischky 2004, p. 193
  11. Lock 2006, p. 172
  12. Jotischky 2004, pp. 193-196
  13. Tyerman 2019, pp. 338-539
  14. Jotischky 2004, pp. 193–195
  15. Lock 2006, pp. 147, 155–156
  16. Jotischky 2004, pp. 193–195
  17. Dunbabin 1998, p. 132
  18. Fine 1994, p. 193
  19. Runciman 1958, p. 194
  20. Fine 1994, p. 193
  21. Jotischky 2004, p. 198
  22. Tyerman 2019, p. 353–354
  23. Lock 2006, p. 215
  24. Jotischky 2004, pp. 199-205
  25. Jotischky 2004, pp. 202–203
  26. Tyerman 2019, pp. 315–327
  27. Tyerman 2019, pp. 328–333
  28. Tyerman 2019, pp. 397–398
  29. Jotischky 2004, p. 257
  30. Jotischky 2004, p. 260
  31. Tyerman 2019, pp. 406–408
  32. Tyerman 2019, pp. 9, 420–421

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]