Mulleres nas Matemáticas da Antigüidade

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Enheduanna, daughter of Sargon of Akkad
En Hedu'anna

Ao longo da historia moitas mulleres tiveron que loitar para abrirse paso no campo das ciencias, unha contorna tradicionalmente masculina e vetada para elas. A contribución destas mulleres tivo un grande impacto no desenvolvemento das matemáticas.[1]

Introdución[editar | editar a fonte]

A historia escrita da ciencia empeza en Exipto durante o Imperio Antigo (2778-2263 a.n.e.), nos tempos das pirámides. A eles interesábanlles os aspectos máis prácticos da ciencia, polo que desenvolveron as partes das matemáticas e a astronomía máis aplicables aos problemas do momento: reservas de trigo para o comercio, ou como cortar os bloques de pedra que se necesitaban para as súas xigantescas edificacións. O cálculo do tempo foi o que deu o impulso inicial á observación astronómica sistemática, actividade na que foron os pobos de Mesopotamiasumerios, babilonios e asirios— os que lograron os maiores adiantos científicos. Nestas culturas o coñecemento estaba en mans de sacerdotes e sacerdotisas. A cultura sumeria —adoptada polos sucesivos invasores da rexión— concedía á muller unha posición e unha autonomía relativamente altas; e é precisamente aí onde se atopa a En Hedu'anna, ou Enheduana, primeira persoa en firmar os seus escritos.[2]

Dende a óptica occidental, cando se buscan os inicios das matemáticas xorde o nome da Escola Pitagórica, considerada a iniciadora da ciencia grega. Aínda que con frecuencia se fala "dos pitagóricos" —invisibilizando así o gran número de mulleres que formaron parte dela dende os seus inicios ata a súa desaparición— esta comunidade científica introduciu as mulleres na corrente da filosofía natural e a matemática. Tódolos seus integrantes escribían baixo o nome de Pitágoras e os descubrimentos e especulacións na Escola Pitagórica eran propiedade común dos seus membros, que as conservaban en segredo. Á morte de Pitágoras, foi unha muller, Theano de Crotona, a que tomou as rendas da Escola e, xunto con outros membros da mesma, ocupouse de difundir os coñecementos que alí se xeraran.[3]

Fóra da comunidade pitagórica as mulleres tiñan poucas oportunidades na sociedade grega. Nunha sociedade que veneraba a sabiduría, a maior parte das mulleres era analfabeta. A pesar disto, aínda en Atenas e nas demais cidades-estado dominadas polos homes, algunhas mulleres conseguiron superar as trabas culturais e contribuír á ciencia, como Aglaonike de Tesalia que foi famosa no seu tempo (s. V a.n.e.) pola súa capacidade de predicir eclipses solares e lunares, aínda que logo pasase á historia como unha feiticeira.[2]

Xa entrando na nosa era, e baixo o dominio do Imperio Romano, iniciouse unha época de decadencia científica. A crenza xeneralizada era que todo o coñecemento importante se atopaba nas obras dos "antigos" —os gregos clásicos— e que era imposible formular novas ideas ou descubrir algo que non coñecesen xa os seus predecesores. Pero pouco antes da caída do Imperio Romano de Occidente, no século IV en Alexandría, deuse un pequeno renacemento científico alumeado pola máis famosa das mulleres de ciencia ata Marie Curie, Hypatia de Alexandría. Foi a última científica pagá do mundo antigo, que se negou a traizoar os seus ideais en converterse ao cristianismo. Como pagá, partidaria do racionalismo científico grego e personaxe político influente, Hypatia estaba nunha situación moi perigosa nunha cidade que era cada vez máis cristiá. O seu brutal asasinato marcou o final da ensinanza platónica en Alexandría e en todo o Imperio Romano, chegando a simbolizar o fin da ciencia antiga, ou clásica.[2]

Personalidades desta época[editar | editar a fonte]

  • En Hedu'anna (2300-2225 a.n.e.) filla do rei Sargón I, foi nomeada polo seu pai sacerdotisa maior do templo de Nanna e como tal dirixía tódalas actividades da vida diaria do seu pobo. Entre elas estaba a dirección dos templos, que eran tamén centros de ensino —onde estudiaban artes, ciencias e matemáticas— e en cada un deles existía un observatorio, dende o que rexistraban os movementos de estrelas e planetas.​[4][5]
La muerte de Dido. Cuadro de Alexander Runciman (1736-1785) de la National Galleries of Scotland
A morte de Dido
  • Dido (s. IX a.n.e), nome que lle deu Virxilio, como persoeiro da Eneida, á princesa fenicia Elisa de Tiro, fundadora e primeira raíña de Cartago.[6] Segundo a lenda, no ano 814 a.n.e., a princesa Dido resolveu o problema isoperimétrico[7] de delimitar, no norte de África, o terreo de superficie máxima que podía abarcar coa pel dun touro, onde lle permitían establecerse co seu séquito. Para conseguir o seu obxectivo, elixiu un terreo na costa que circunvalou cunha semicircunferencia cuxa lonxitude era a da corda elaborada coa pel do touro, que cortou en tiras finísimas, atando os extremos.[8]
Retrato de Hypatia
Hypatia de Alexandría
  • Theano de Crotona, nada en Crotona, Magna Grecia, no século VI a.n.e., foi unha matemática e filósofa grega.​[9] Pertenceu á Escola Pitagórica onde foi primeiro alumna, logo mestra e, á morte de Pitágoras, pasou a dirixila.[5] Escribiu tratados sobre matemáticas, física, medicina e psicoloxía infantil; así como estudos sobre poliedros, cosmoloxía e medicina, sobre todo no referente ás doenzas da muller. Escribiu un libro sobre a proporción áurea.​[10] En Las mujeres en la escuela pitagórica,[11] artigo de Juan Núñez Valdés e María Luisa Rodríguez Arévalo, figuran 17 mulleres como estudantes da Escola pitagórica, que aparecen recollidas na Vida de Pitágoras, de Jámblico. As mulleres pitagóricas que figuran aí son: Arignote de Samos, Babelyca de Argos, Boio de Argos, Cheilonis, Damo de Crotona, Echekrateia de Phlius, Ekkelo de Lukania, Habrotelia de Tarento, Kleaichma, Kratesikleia, Lasthenia de Mantinea, Myia, Okkelo de Lukania, Peisirrhode de Tarento, Phintys, Theano de Crotona, Theadusa de Esparta, Timycha e Tyrsenis de Sybaris.
  • Aglaonike de Tesalia (Tesalia, s. IV a.n.e.), astrónoma grega, foi famosa no seu tempo pola precisión na determinación de eclipses, tanto de Sol como de Lúa. O seu dominio na arte de predicilos fixo que algunhas foentes se refiran a ela como unha bruxa ou feiticeira que pode facer desaparecer a Lúa á súa vontade.​[5][12]
  • Hypatia (Alexandría 370-415), matemática, astrónoma e científica, pero sobre todo filósofa. En Alexandría, a súa cidade, foi directora da Escola Neoplatónica.​[13] Iniciou a súa carreira colaborando con seu pai Teón de Alexandría nos comentarios sobre o Almaxesto de Ptolomeo e nunha nova versión dos Elementos de Euclides que se converteu na base de tódalas edicións posteriores da obra. Hypatia escribiu ademais «comentarios» sobre a Aritmética de Diophantos, sobre as Cónicas de Apolonio e sobre os traballos astronómicos de Ptolomeo.[14] Interesouse tamén pola mecánica e a tecnoloxía práctica,​[5] colaborou a mellorar a construción do astrolabio e inventou o hidroscopio.[15]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Matemáticas que han revolucionado la historia". La Vanguardia (en castelán). 2019-03-13. Consultado o 2020-10-28. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Alic, Margaret (1991). El legado de Hipatia. Historia de las mujeres en la ciencia desde la Antigüedad hasta fines del siglo XIX. Siglo XXI editores, s.a. ISBN 968-23-1682-0. 
  3. Muñoz Páez, Adela (2016). Sabias. Penguin Randon House. ISBN 978-84-9992-702-2. 
  4. "Mujeres astrónomas y matemáticas en la antigüedad Hitos". Mujeres con ciencia (en castelán). 2015-08-21. Consultado o 2020-10-23. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 "Mujeres Astrónomas y Matemáticas en la antigüedad" (PDF). Consultado o 23/10/2020. 
  6. "La reina de Cartago, Dido (Siglo IX a.C.)". Consultado o 2021-02-28. 
  7. Herrero Piñeyro, Pedro José. "La historia del problema isoperimétrico clásico con geometría elemental". 
  8. "Dido, la reina geómetra. Ciencia y más". Mujeres con ciencia (en castelán). 2016-01-01. Consultado o 2021-02-28. 
  9. "Theano". www.agnesscott.edu. Consultado o 2020-10-23. 
  10. Cervera, José (2018-01-18). "Téano, la mujer que sustituyó a Pitágoras". ElDiario.es (en castelán). Consultado o 2020-10-23. 
  11. "LAS MUJERES EN LA ESCUELA PITAGÓRICA" (PDF). Consultado o 23/10/2020. 
  12. "Plutarch, De defectu oraculorum, section 13". www.perseus.tufts.edu. Consultado o 2020-10-23. 
  13. "Hypatia - Biography". Maths History (en inglés). Consultado o 2020-10-25. 
  14. "Hipatia. Vidas científicas". Mujeres con ciencia (en castelán). 2015-06-15. Consultado o 2020-10-25. 
  15. "Hypatia". www.agnesscott.edu. Consultado o 2020-10-25. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]