Mulleres nas Matemáticas da Idade Media

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Ao longo da historia multitude de mulleres tiveron que loitar para abrirse paso no campo das ciencias, unha contorna tradicionalmente masculina e vetada para elas. A contribución destas mulleres tivo un grande impacto no desenvolvemento das matemáticas.[1]

Muller ensinando xeometría. Detalle dunha ilustración medieval
Muller ensinando xeometría.

Introdución[editar | editar a fonte]

Coa caída do Imperio Romano de occidente, os principios do cristianismo pasaron a dirixir tódolos aspectos da sociedade e a Igrexa pasou ser o faro que dirixía a vida, tanto de nobres como de plebeos.[2] O poder político trasladouse a Bizancio, onde houbo varias mulleres no poder que tiveron intereses científicos. Na China tamén houbo mulleres traballando en ciencia aplicada -que foi a que floreceu nesa época- que fixeron avanzar a ciencia e a tecnoloxía. Co xurdimento do islam, as traducións de antigas obras gregas pasaron a formar parte dos cimentos da ciencia árabe. Na escola de medicina de Bagdad había mulleres e seguíanse as ensinanzas de María a Hebrea.[3] Pero ao igual que noutras culturas, as eruditas musulmás non aparecen nos libros de historia, aínda que si hai testemuños delas nos contos de As mil e unha noites.[4] O imperio musulmán era neses tempos portador dunha cultura diversa e tolerante, conservou e ampliou os coñecementos da ciencia clásica á que uniu parte das culturas orientais, como a india, que posteriormente introduciu en Europa, grazas ao cal temos o sistema de numeración posicional/decimal, sistema indo-arábico,[5] que substituíu o pesado sistema de numeración romano que tanto complicara o cálculo na antigüidade. A chegada dos árabes a Europa a través de España levou á creación do Califato de Córdoba (929-1031), que foi considerado como o período de maior esplendor político, económico, científico, artístico e cultural; converténdose en lugar de encontro de literatos, filósofos, teólogos e científicos de diversas relixións e culturas. A esta época pertence Fátima de Madrid, que traballou en astronomía e matemáticas.[6]

En Europa, a medicina era case que a única saída para os intereses científicos das mulleres na Alta Idade Media. A finais do século VIII xurdiu o renacemento carolinxio que promoveu o establecemento de escolas abaciais en todo o Sacro Imperio Romano, o que produciu un rápido florecemento da vida monástica e que por primeira vez algunhas nenas tivesen acceso a uns rudimentos de educación escolar.[7] A finais do século IX empezaron a aparecer en Italia institucións dedicadas á instrución superior, creadas á marxe da Igrexa, e nas que tiveron cabida tanto homes como mulleres. Aínda que a maioría das italianas de clase alta eran nese momento analfabetas, estas primeiras "universidades" de Italia estaban abertas ás mulleres e a súa presenza nelas non era só como estudantes, senón que tamén estiveron como profesoras. Quizais a máis importante de todas elas foi a Escola Salernitana —considerada a primeira universidade europea[Cómpre referencia]— na que destacaron numerosas profesionais da medicina e a cirurxía coñecidas como as "damas de Salerno", entre as que destacou Trótura, unha das científicas máis famosas da Idade Media.[3]

Roswitha von Gandersheim
Roswitha von Gandersheim

A maior parte das persoas dedicadas á ciencia en Europa durante a Idade Media, tanto homes como mulleres, pertencían a comunidades relixiosas, o que dificulta rastrexar os itinerarios científicos das mulleres nesta época na que moitas delas se refuxiaron nos conventos. Durante este tempo tiveron lugar varias reformas dentro da Igrexa que afectaron a vida nos conventos: Reforma de Cluny (910), Cisma de Oriente (1054), inicio das Cruzadas (1095), reforma do Císter e Reforma Gregoriana (s. XI) foron algunhas delas. E nesta época convulsa, entre os séculos X e XII, atópanse dúas mulleres excepcionais: Rosvita von Gandersheim —que escribiu Hortus deliciarum, O Xardín das delicias, compendio de tódolos saberes da época—, e Hildegarda de Bingen —autora de varias obras científicas entre as que se atopa Subtilitates diversaron naturarum creaturarum, Sutilezas da diversa natureza das cousas creadas— obra que converteu a súa autora na sabia máis impresionante da Idade Media; ambas chegaron a ser abadesas e foron moi influentes dentro da Igrexa. Trala morte de Hildegarda de Bingen, as portas dos conventos pecháronse moito máis firmemente. A bula Periculoso do papa Bonifacio VIII (1298) prohibiu ás monxas saír dos seus conventos e restrinxiu a súa autonomía dentro deles, facendo que incluso quen os dirixían, como as abadesas, tivesen portavoces masculinos. Os séculos XII e XIII foron testemuña da idade da escolástica e o xurdimento das universidades fundadas pola Igrexa católica, das que quedaron excluídas as mulleres. A natureza da investigación científica empezaba a cambiar. As profesións necesitaban unha educación universitaria, e en todas as partes, a excepción de Italia, as universidades estaban vedadas ás mulleres. A pesar diso, moitas mulleres seguiron exercendo a súa profesión ata que durante os séculos XIV e XV pasaron a considerarse charlatanas e bruxas, pasando a caer todo o peso da Inquisición sobre moitas delas. O camiño fíxose aínda máis tortuoso para as mulleres estudosas, que comezaron unha loita para seren admitidas nas universidades, que se prolongou en moitos lugares ata mediados do século XX.[2]

Personalidades desta época[editar | editar a fonte]

Hildegard von Bingen
Hildegard von Bingen
  • Roswitha von Gandersheim (935 − 1000): Tamén coñecida como Hroswitha de Gandersheim, foi unha canonesa alemá[8]​​ grande afeccionada á astronomía. Mantivo que o Sol era o centro do sistema planetario e que a Terra xiraba ao seu arredor empuxada por unha forza, adheríndose así á teoría heliocéntrica de Aristarco de Samos (s. III a.n.e.) que tamén fora seguida por Hypatia. Fíxose famosa polas súas pequenas pezas de teatro, baseadas xeralmente en lendas de santos.[9] Boa coñecedora da Arithmetica de Boecio (480-524), tamén aproveitaba estas obras para desenvolver a súa formación en aritmética; como en Sapientia, na que para indagar as edades das tres Virtudes Teologais realiza unha disertación sobre os números deficientes e abundantes.[10]
  • Fátima de Madrid (s. X-XI): Astrónoma madrileña,[11] escribiu notables traballos sobre astronomía. Estes traballos fixérona célebre a finais do século X, na Aljama de Madrid, onde eran coñecidos como Correcciones de Fátima. Tamén axudou a seu pai -o astrónomo Mosama-ben-Ahmed el-Mageritti (El madrileño )-, na redacción de varias obras, entre outras, o Tratado sobre o Astrolabio, que se conserva no Mosterio do Escorial.[12]
  • Hildegard von Bingen (1098-1179): nada en Bermersheim, Alemaña, foi unha abadesa polifacética -médica, filósofa, naturalista, compositora, poeta e tamén lingüista- moi singular pola súa notable influencia e por ser unha das científicas máis importantes do século XII.​[13] Ten unha importante obra científica, centrada fundamentalmente nos seus estudos de historia natural e medicina, pero na que tamén recolle a súa visión cosmolóxica do universo. Grazas a ela pasaron ao século XII moitas das ideas cosmolóxicas das tradicións grega e xudeocristiá. A súa cosmoloxía ten unha grande orixinalidade, ve unha Terra esférica envolta en cascas celestiais concéntricas que inflúen nos acontecementos terrestres. No diagrama que acompaña esta visión, Hildegard coloca ao leste na parte superior e o norte á esquerda, cunha elongación do eixo leste-oeste. Así pois, as zonas exteriores teñen forma ovoide, cando a maioría de cosmólogos da época concibían un universo totalmente esférico, seguindo o deseño dos antigos.[14]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Matemáticas que han revolucionado la historia". La Vanguardia (en castelán). 2019-03-13. Consultado o 2020-10-28. 
  2. 2,0 2,1 Muñoz Páez, Adela (2016). Sabias. Penguin Randon House. ISBN 978-84-9992-702-2. 
  3. 3,0 3,1 Alic, Margaret (1991). El legado de Hipatia. Historia de las mujeres en la ciencia desde la Antigüedad hasta fines del siglo XIX. Siglo XXI editores, s.a. ISBN 968-23-1682-0. 
  4. Fierro, Maribel (2020-04-09). "La sabia esclava de las Mil y una noches: Tawaddud y sus avatares". Al-Andalus y la Historia (en castelán). Consultado o 2020-11-13. 
  5. FUNCI (2019-11-18). "Los musulmanes y sus contribuciones a la ciencia". FUNCI - Fundación de Cultura Islámica (en castelán). Consultado o 2020-11-13. 
  6. Ilecara (2011-11-05). "MUJERES QUE HACEN LA HISTORIA - BREVES BIOGRAFIAS: Siglos IX al XII - Fátima de Madrid". MUJERES QUE HACEN LA HISTORIA - BREVES BIOGRAFIAS. Consultado o 2020-11-13. 
  7. Verdejo Rodríguez, Amelia (2017). Mujeres matemáticas. Las grandes desconocidas. Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo. ISBN 978-84-8158-733-3. 
  8. "Escritora de la virtud, Hroswitha de Gandersheim (935-1002)". Consultado o 2020-10-25. 
  9. Santos-Paz, José C. Rosvita de Gandersheim. Obra dramática (en inglés). 
  10. "Mujeres y Matemáticas - PDF Descargar libre". docplayer.es. Consultado o 2020-10-25. 
  11. Droides, Dynamic. "Biografía de Fátima de Madrid, astrónomas, astronomía". www.astrojem.com. Arquivado dende o orixinal o 28 de outubro de 2020. Consultado o 2020-10-25. 
  12. "Fatima de Madrid". www.historiamujeres.es. Consultado o 2020-10-25. 
  13. "Una sorprendente estudiosa del siglo XII: Hildegard von Bingen Vidas científicas". Mujeres con ciencia (en castelán). 2015-06-29. Consultado o 2020-10-25. 
  14. "Mujeres astrónomas y matemáticas en la antigüedad" (PDF). Consultado o 23/12/2020. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]