Antonia Ferrín

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Antonia Ferrín
Nome completoAntonia Ferrín Moreiras
Nacemento13 de maio de 1914
Lugar de nacementoOurense
Falecemento6 de agosto de 2009
Lugar de falecementoSantiago de Compostela
NacionalidadeEspaña
Alma máterUniversidade de Santiago de Compostela
Ocupaciónprofesora universitaria, astrónoma e matemática
editar datos en Wikidata ]

Antonia Ferrín Moreiras, nada en Ourense o 13 de maio de 1914 e finada en Santiago de Compostela o 6 de agosto de 2009, foi unha matemática e astrónoma galega.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Foi filla do mestre de matemáticas Antonio Ferrín Moreiras, e sobriña do mestre e xornalista Ángel Ferrín Moreiras. En 1920 trasladouse coa familia a Santiago de Compostela. Estudou o bacharelato no Instituto Arcebispo Xelmírez e en 1930 matriculouse na Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago de Compostela e na Escola Normal. Licenciouse en Química e obtivo ademais o título de mestra.

En 1934 comezou a traballar como profesora axudante de Física e Matemáticas na súa facultade —unha das seis mulleres en facelo naquel momento— e mais como profesora de Ciencias Naturais no instituto onde cursara o bacharelato. Seguiu estudando e matriculouse en Farmacia e fixo os dous cursos de Ciencias Exactas que a Universidade de Santiago ofertaba naquela altura.

Polo seu posicionamento político, e tras unha denuncia anónima,[1] en 1937 foi sancionada e apartada da docencia na Universidade de Santiago,[2] ao igual que outros 45 profesores, entre eles, Enrique Rajoy Leloup, Fernando Calvet, Isidro Parga Pondal ou Francisco Fernández del Riego. Con todo, permitíuselle seguir como profesora no colexio de nenas orfas Nosa Señora dos Remedios de Santiago.[3] En 1940 revisouse o seu caso e puido reincorporarse á docencia universitaria. Fíxoo como profesora axudante de Enrique Vidal Abascal.

Neses anos coñeceu a Ramón María Aller e comezou a se interesar pola astronomía. Participou nas actividades do Seminario de Astronomía Teórica e Matemática "Durán Loriga". Dende 1950, como bolseira do CSIC e máis tarde nunha praza de axudante,[4] traballou no Observatorio Astronómico da Universidade de Santiago[5] e publicou os seus traballos en distintas revistas de astronomía. En 1952 conseguiu unha praza fixa de investigación. Dous anos antes licenciárase por libre de Ciencias Exactas na Universidade Central de Madrid. En 1953 conseguiu por oposición unha praza na escola de maxisterio de Santander. En 1955 regresou a Santiago e traballou na escola de nenas Isabel A Católica.[1]

En 1957 converteuse na primeira muller profesora da Facultade de Matemáticas en Santiago, acabada de crear. Alí impartiu clases ata 1963. Nesa época, ademais, rematou a súa tese sobre observación astronómica, Observacións de pasos por dúas verticais, dirixida por Aller e presentada na Complutense. Foi a primeira tese lida na nova Sección de Matemáticas e a primeira tese de Astronomía realizada por unha muller en España.[1]

Ese ano marchou a Madrid para converterse en catedrática de Matemáticas na Escola de Maxisterio Santa María. Porén, axiña se trasladou á Facultade de Matemáticas da Universidade Complutense, onde deu clases de astronomía, primeiro como profesora adxunta interina e logo como adxunta numeraria. Durante este período mantivo contacto con Sixto Ríos e José María Torroja. Permaneceu na Complutense durante case vinte anos, ao tempo que continuou impartindo clases de ensino secundario na mesma cidade[4] ata a súa xubilación en 1984.

En 2004 trasladouse a Santiago de Compostela por motivos de saúde.

A súa principal contribución á astronomía consiste en traballos sobre ocultacións estelares, medidas de estrelas duplas e determinación de pasos por dúas verticais.

Obras[editar | editar a fonte]

  • Ferrín Moreiras, Antonia (1950). "Sobre observaciones meridianas y en el primer vertical". Urania: 223–245. 
  • Ferrín Moreiras, Antonia (1964). "Observaciones de pasos por dos verticales". Urania: 258. 

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Redacción (7 de marzo de 2018). "Antonia Ferrín, pioneira da astronomía en Galicia". GCiencia. Consultado o 12 de febreiro de 2019. 
  2. "Nomes e voces. Antonia Ferrín Moreiras, expediente de sanción". Consultado o 30/10/2014. 
  3. Ling, Josefina. "Antonia Ferrín Moreiras, la primera astrónoma gallega". Consultado o 30/10/2014. 
  4. 4,0 4,1 Fernández Pérez, Iván (2009). Evolución histórica de la astronomía en España. Santiago: Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago. pp. 112–113. ISBN 9788469270028. 
  5. Crespo, Celestino Luis (26 de marzo de 1959). "Misión del Observatorio astronómico de Santiago: (Y VIII) La señorita Antonia Ferrín Moreiras y D. Eduardo García-Rodeja, completan el equipo de colaboradores en torno al Padre Aller.". La Noche : único diario de la tarde en Galicia: (11712): 7–8. 
  6. "I Premio ANTONIA FERRÍN MOREIRAS de creación de materiais e recursos docentes con perspectiva de xénero, 2013". Arquivado dende o orixinal o 08/11/2014. Consultado o 30/10/2014. 
  7. "II Premio ANTONIA FERRÍN MOREIRAS de creación de materiais e recursos docentes con perspectiva de xénero, 2014". Arquivado dende o orixinal o 08/11/2014. Consultado o 30/10/2014. 
  8. Aulas da Facultade Homenaxe a 6 Profesores

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]