Escola Médica Salernitana

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Miniatura que retrata a Escola Médica Salernitana, en copia do Canon de Avicena.

A Escola Médica Salernitana, Schola Salernitana, ou Escola de Salerno desenvolveuse entre os séculos XI e XIII. Foi o primeiro centro médico sen conexión coa igrexa e é considerada por algúns autores[1] como a primeira universidade europea. Aceptaba mulleres como profesoras e alumnas, e crese que Trótula de Salerno foi profesora de medicina nesta escola.

Para a obtención do título de médico e, por tanto, o dereito de exercicio desta práctica, Roger II de Sicilia estableceu un exame de graduación no que se incluían coñecementos de medicina e de cirurxía, o que dalgunha maneira rehabilitaba a especialidade cirúrxica a pesar do activo rexeitamento á esta demostrado pola Igrexa católica e por unha parte do mundo árabe.

Algúns anos despois, en 1224, Federico II Hohenstaufen reformou o exame para que este fose realizado de forma pública polo equipo de mestres de Salerno, e regulando para a práctica da medicina un período de formación teórico (que incluía cinco anos de medicina e cirurxía) e un período práctico dun ano.[2]

Unha figura de relevancia desta escola foi o monxe Constantino o Africano (1010-1087), médico cartaxinés que recolleu numerosas obras de medicina ao longo das súas viaxes e contribuíu ao desenvolvemento da medicina europea coa tradución do árabe de varios textos da Antigüidade clásica.[3]

O primeiro tratado europeo medieval de cirurxía ten a súa orixe nesta escola, a Practica chirurgiae de Roger Frugardi (1170), obra que se ocupa do tratamento das feridas e dos reumatismos.[4]

Para paliar a ausencia da práctica da disección en cadáveres humanos, Cofón o Mozo escribe en torno ao ano 1150 a súa Anatomía Porci, guía práctica de disección do porco utilizada polos estudantes.[5]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Geraldo Inácio Filho. Monografia Sem Complicações: Métodos e Normas. https://books.google.es/books?id=Y3z4_9Lt8F8C&pg=PA34&lpg=PA34&dq=primeira+universidade+Salerno&source=bl&ots=gTTLY2pron&sig=bh_IUBvqR7f_gstjDoXu43ZD-oo&hl=gl&sa=X&ved=0ahUKEwjvgKm0v6DWAhXD5xoKHYUDA-EQ6AEIYjAI#v=onepage&q=primeira%20universidade%20Salerno&f=false páx. 33 (en portugués)
  2. Lindberg, David C. (2002): Los inicios de la ciencia occidental. La tradición científica europea en el contexto filosófico, religioso e institucional (desde el 600 a.C. hasta 1450). Barcelona: Paidós Ibérica, capítulo 13. ISBN 978-84-4931-293-0.
  3. Constantinus Africanus (1983): Constantini Liber de Coitu: El tratado de andrología de Constantino el Africano. Santiago de Compostela: Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago de Compostela. (Monografías da Universidade de Santiago de Compostela). ISBN 978-84-7191-309-8.
  4. Leonard D. Rosenman (2002): La cirugía de Roger Frugard.
  5. Guerra, Francisco (1089): Historia de la Medicina I. Madrid: Ediciones Norma S.A., páx. 221.