Urbanismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Feísmo urbanístico en Conxo, Santiago de Compostela (marzo de 2006)

O termo urbanismo procede da palabra latina urbis (cidade), que na antigüidade se refería á capital do mundo romano, Roma. É un concepto moderno que xurdiu na comunidade científica logo dos traballos do enxeñeiro catalán Ildefons Cerdà i Sunyer que empregou a palabra urbs para expresar a problemática do desenvolvemento das cidades. Por unha banda o urbanismo refírese aos coñecementos que temos da urbanización dende os primeiros asentamentos humanos estables con perfeccionamentos tecnolóxicos que permiten a repartición das actividades dun poboamento, ata as cidades contemporáneas, e por outra banda refírese á ciencia e técnicas modernas de ordenación do territorio dunha cidade.

O urbanismo, forma de organización humana[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Historia urbana.

A cidade non é só un obxecto de estudo importante das ciencias sociais, senón, sobre todo, un problema que ocupou e preocupou os homes dende que estes decidiron asentarse formando agrupamentos estables. É obvio que os asentamentos humanos, aínda nas súas formas máis sinxelas, requiren dun mínimo de acordos sociais para asegurar o equilibrio do grupo, e que da fraxilidade ou solidez dos devanditos acordos depende a estabilidade necesaria para a convivencia axeitada. Por iso, a cidade debe entenderse como un fenómeno vivo e permanente, intimamente ligado á cultura coa que comparte a característica da complexidade, o que invita a acometer o seu estudo dende múltiples puntos de vista. Ocupáronse dela, entre outras disciplinas, a historia, a filosofía, a xeografía, a psicoloxía, a arte, a arquitectura, a socioloxía, a política, a literatura, a antropoloxía e, por suposto, o dereito.

O urbanismo, ciencia e técnicas modernas[editar | editar a fonte]

O urbanismo, fenómeno multidisciplinar relativamente novo, contén unha ampla cantidade de conceptos e unha área de práctica e estudo moi complexa. É, polo tanto, unha ciencia que ten a misión de fornecer as bases fundamentais para resolver os problemas do territorio, tanto na súa configuración física, como na súa dinámica das actividades económicas e sociais.

O urbanismo naceu na era industrial grazas á transformación e construción da cidade naquel tempo, mais a súa madureza teórica acadouna no século XX. O urbanismo desenvolveuse na práctica, como na teoría, despois da segunda guerra mundial, na cal se produciu un cambio político, económico e social en todos os países do mundo. Creáronse novas cidades e comezáronse a modificar as cidades que xa existían.

Posteriormente pasouse dunha concepción do urbanismo como ordenación da cidade á unha concepción global, como ordenación do territorio, para recoller as innegábeis interrelacións sociais, económicas e de infraestruturas entre a cidade e o territorio non urbano.

O urbanismo estúdase en varias disciplinas: