Cometa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Comet Diagram text stripped.png
Os tres núcleos que conforman o cometa C/2001 A2

Os cometas son corpos de forma irregular, fráxiles e pequenos (en relación con outros corpos espaciais), compostos por unha mestura de grans non volátiles e gases conxelados. Teñen órbitas moi elípticas que os leva moi preto do Sol e os devolve ó espazo profundo, moitas veces alén da órbita de Plutón.

As estruturas dos cometas son diversas e moi dinámicas, pero todos eles desenvolven unha nube de material difuso que os rodea, denominada cabeleira (a 'cola', que vai detrás ó achegarse ó sol e diante ó afastarse, pasando a chamarse ás veces 'barba'), que xeralmente crece en tamaño e brillo á medida que o cometa se aproxima ó Sol. Xeralmente é visible un pequeno núcleo brillante (de menos de 10 quilómetros de diámetro) cara a un extremo da cabeleira. A cabeleira e mailo núcleo xuntos constitúen a cabeza do cometa ou cometa visible.

Á medida que os cometas se aproximan ó Sol desenvolven colas enormes de material luminoso que se estenden por millóns de quilómetros dende a cabeza, afastándose do Sol. Cando están lonxe do Sol, o núcleo está moi frío e o seu material está conxelado. Neste estado os cometas reciben ás veces o nome de "iceberg sucio" ou "bola de neve sucia". Cando un cometa se aproxima ó Sol, a poucas UA (unidades astronómicas) do Sol, a superficie do núcleo comeza a quecer e os volátiles evapóranse. As moléculas evaporadas despréndense e arrastran con elas pequenas partículas sólidas formando a cabeleira do cometa, de gas e po.

Cando o núcleo está conxelado, pode ser visto soamente debido á luz solar reflectida. Así e todo, cando se crea a cabeleira, o po reflicte máis luz solar e o gas da cabeleira absorbe a radiación ultravioleta e comeza a fluorescer. A unhas 5 UA do sol, a fluorescencia xeralmente faise máis intensa cá luz reflectida.

Á medida que o cometa absorbe a luz ultravioleta, os procesos químicos desprenden hidróxeno, que escapa á gravidade do cometa e forma unha envolta de hidróxeno. Esta envolta non pode ser vista dende a Terra xa que a súa luz é absorbida pola nosa atmosfera, pero foi detectada polas naves espaciais.

A presión da radiación solar e os ventos solares aceleran os materiais afastándoos da cabeza do cometa a diferentes velocidades de acordo co tamaño e masa dos materiais. Por isto, as colas de po relativamente masivas son aceleradas máis amodo e acostuman ser combadas. A cola iónica é moito menos masiva, e é acelerada tanto que aparece como unha liña case recta que se estende dende o cometa no lado oposto ó sol.

A súa orixe aceptada en xeral é a chamada Nube de Oort, zona alén Plutón na que se cre que se moven moitos corpúsculos que de cando en vez (polo paso dunha estrela máis achegada, por exemplo) desequilibran a súa traxectoria iniciando unha viaxe ata o Sistema Solar máis interno.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Galizionario
Vexa a entrada do Galizionario acerca de Cometa