Tumor

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Tumor benigno nunha fazula coñecido co nome de hidradenoma.

Un tumor é unha alteración patolóxica dos tecidos que deriva nun aumento de volume destes. É un agrandamento anormal dunha parte do corpo, que aparece inchado ou distendido. En sentido restrinxido, un tumor é calquera vulto que se deba a un aumento no número de células que o compoñen, independentemente de que sexan de carácter benigno ou maligno. Cando un tumor é maligno, ten capacidade de invasión ou infiltración e de metástase a lugares distantes do tumor primario, e entón cando pasa a ser coñecido como cancro. O tumor, xunto co rubor, a dor e a calor forman a tétrada clásica dos síntomas e signos da inflamación.

Causas dos tumores[editar | editar a fonte]

Os tumores son alteracións debidas diversos factores desencadeantes. Deste xeito, existe un marcado compoñente xenético nos cancros e un importante compoñente ambiental. Os xenes involucrados nestes procesos son varios, algúns deles característicos de determinados cancros (BRCA 1 e 2 no cancro de mama ou o APC no adenocarcinoma de colon). Outros, coma o xene p53 aparecen mutados en moi diversos cancros. As funcións destes xenes son múltiples, pero un grupo importante regula o ciclo celular, directa ou directamente. É o caso do p53, que ao detectar anomalías xenéticas irreparables debe iniciar a apoptose (a morte da célula tumoral). O p53 é un xene moi susceptible ás substancias do tabaco, aínda que tamén pode ser defectuoso dende o nacemento.

O compoñente ambiental é aínda máis importante caos xenes nalgúns tumores. É o caso dos mesoteliomas, que se producen debido a contactos longos con asbesto. Unha mala dieta, pobre en fibra tamén é un factor favorecedor do cancro de colon. Algúns tumores están causados por infecións, é o caso do cancro de estómago, que está relacionado pola infección por Helicobacter pylori, o mesmo mecrobio que causa a úlcera gástrica. Algunhas infecións víricas tamén poden producir tumores, é o caso de infecións do virus de Epstein-Barr.