Adiviña
Unha adiviña é unha pregunta enxeñosa ou un enigma. É un xogo que consiste en procura-la resposta á pregunta ou encontrar o sentido oculto dunha frase.
Moitas veces as adiviñas teñen unha rima interna e cóntanse ós nenos para estimular a súa agudeza. As adiviñas tradicionais forman parte da literatura oral dunha lingua.
Un exemplo de adiviña popular galega é:
Que é unha cousiña, cousa: dous dereitiños, un dalle-dalle, catro mexafontes e un rega-montes?Prema aquí para ver a solución.
Adiviñas de Carballedo, Lugo
[editar | editar a fonte]Recollidas por don Nicanor Rielo Carballo[1]
1-Alto me vexo no laperexo, ben vexo vir e non podo fuxir.2-Bótesme tarde, bótesme cedo, ata o maio, non me ves o pelo.
3-Catro corremontes, catro cichafontes, un dálle dálle, e dous tuturulús
4-Cen redondiños e un redondón, un saca saca e un quita pon
5-Dúas nais e dúas fillas, cubertas con tres mantillas e ningunha vai sen ela aínda que son tres prendas
6-Dúas peludas, un pelado e un cálcalle no rabo
7-Embaixo da terra, nun burato metida, ten barbas e non cara, dentes e sen boca, cabeza e sen pés e ti que tanto sabes, adiviña o que é
8-Entre dous puños brancos hai unha flor amarela, que se pode presentar diante do rei e da reina
9-Foliquiño andaba buscando, o rabo largo estaba mirando e se non fora polo buratiño, o que sería do pobre Foliquiño
10-Miña nai é tartamuda, meu pai é cantador, teño un vestido branco e marelo o corazón
11-Que cousa é, que cousa non é, cando vai para o monte vai enguruñada, e cando vén para a casa vén estarricada
12-Teño uns tríngulis míngulis colgados da barriga, teño libras, teño cuartas e en min todos se fían
13-Unha vez, a ver se adiviñas, debaixo do pinguín que pingaba estaba o roncón que roncaba e veu o fungón que fungaba, e o demo do fungón que fungaba botou de alí ao roncón que roncaba
14-Métoo duro, sácoo brando, coloradiño e chorreando
SOLUCIÓNS: 1: A cereixa na cerdeira. 2: A pataca. 3: A vaca (4 cornos, 4 tetos, un rabo, 2 cornos). 4: o pote do caldo (as borbullas e o testo). 5: Avoa, filla e neta. 6: un labrego arando (2 vacas, un labrego, un arado). 7: O allo. 8: O ovo. 9: O rato e o gato. 10: O ovo. 11: A corda de atar. 12: A romana de pesar. 13: O porco e o can. 14: O pan nas sopas de viño.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Rielo Carballo, Nicanor (1976). Escolma de Carballedo. Ed. Castrelos. ISBN 84-7041-041-5.