René Descartes

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
René Descartes.

René Descartes, tamén coñecido como Cartesius, nado en La Haye en Touraine (localidade rebautizada como Descartes máis tarde) o 31 de marzo de 1596 e finado en Estocolmo o 11 de febreiro de 1650, foi un filósofo e matemático francés. Fíxose moi coñecido sobre todo polo seu traballo revolucionario en Filosofía, tendo tamén sido famoso por ser o inventor do sistema de coordenadas cartesiano, que influenciou o desenvolvemento do Cálculo moderno.

Descartes, por veces chamado o fundador da filosofía moderna e o pai da matemática moderna, é considerado un dos pensadores máis importantes e influentes da historia humana. Inspirou aos seus contemporáneos e a xeracións de filósofos. Na opinión dalgúns comentadores, iniciou a formación daquilo que hoxe se chama o Racionalismo continental (supostamente en oposición á escola que predominaba nas illas británicas, o Empirismo), posición filosófica dos séculos XVII e XVIII en Europa.

Outros autores non vén unha grande oposición entre o "Racionalismo continental" do século XVIII e o empirismo. O grande cisma tería inicio con Hegel, que partiu da posición de Kant onde había xa algúns sinais de Idealismo, mais aínda unha base racional que non se desviaba moito da tradición empírica inglesa. A lectura de Hume foi un punto fulcral na obra de Kant, ata entón sen calquera texto relevante publicado. Kant dixo mesmo que Hume o despertou dun "sono dogmático".

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Descartes naceu en La Haye en Touraine, Francia. Con oito anos, ingresou no Colexio Xesuíta Royal Henry-Le-Grand en La Flèche. Tiña bastante liberdade e era apreciado polos profesores, mais declarou no Discurso do Método decepción co ensino escolástico. Despois, seguiu os seus estudos na Universidade de Poitiers, graduando con Baccalauréat e Licenza en Dereito en 1616.

Sen embargo, Descartes nunca exerceu o dereito, e en 1618 alistouse no exército do Príncipe Mauricio de Nassau, coa intención de seguir carreira militar. Mais declarábase menos un actor do que un espectador: antes ouvinte nunha escola de guerra que verdadeiro militar. Coñeceu entón a Isaac Beeckman, e compuxo un pequeno tratado sobre música intitulado Compendium Musicae. É nesa época tamén cando escrebe Larvatus prodeo (Eu camiño enmascarado). En 1619, viaxou ata a Alemaña e o 10 de novembro tivo unha visión en soños dun novo sistema matemático e científico. En 1622, volveu a Francia e pasou os seguintes anos en París a algunhas outras partes de Europa.

En 1628, compuxo as Regulae ad directionem ingenii (Regras para a Dirección do Espírito), e partiu para os Países Baixos, onde viviu ata 1649, mais mudando de enderezo frecuentemente. En 1629 comezou a traballar no Tratado do Mundo, unha obra de física, que debería defender a tese do heliocentrismo, mais en 1633, cando Galileo foi condenado, Descartes abandonou os seus plans de publicalo. En 1635, naceu a súa filla ilexítima. Foi bautizada no día 7 de agosto de 1635. A súa morte en 1640 foi un grande choc para o Descartes.

En 1637, publicou tres pequenos resumos da súa obra científica: A Dióptrica, Os Meteoros e A Xeometría mais é o prefacio desas obras o que continua sendo lido ata hoxe: o Discurso do Método. En 1641, apareceu a súa obra máis coñecida: as Meditacións Metafísicas, cos primeiros seis conxuntos de Obxeccións e Respostas. Os autores das obxeccións son: do primeiro conxunto, o teólogo holandés Xohan de Kater; do segundo, Mersene; do terceiro, Thomas Hobbes; do carto, Arnauld; do quinto, Gasendi; e do sexto conxunto, Mersene. En 1642, a segunda edición das Meditacións incluía unha sétima obxección, feita polo xesuíta Pierre Bourdin, seguida dunha Carta a Dinet. En 1643, a filosofía cartesiana foi condenada pola Universidade de Utrecht, e Descartes comezou súa longa correspondencia coa Princesa Elizabeth de Bohemia. Descartes publicou Os Principios de Filosofía, unha especie de manual cartesiano, e fixo unha visita rápida a Francia en 1644, onde atopa ao embaixador da Francia na corte sueca, Chanut, que o pon en contacto coa raíña Cristina. En 1647 foi premiado cunha pensión polo Rei da Francia e comezou a traballar na Descrición do Corpo Humano. Entrevistouse con Frans Burman en Egmond-Binnen en 1648, resultando na Conversa con Burman. En 1649 marchou a Suecia convidado pola Raíña Cristina, e publicou o Tratado das Paixóns, que dedicou a Princesa Elizabete.

René Descartes morreu de pneumonía o 11 de febreiro de 1650 en Estocolmo, onde estaba traballando como profesor convidado pola Raíña. Acostumado a traballar na cama ata mediodía, a súa saúde resentiuse por ter sufrido coas demandas da Raíña Cristina -comezaban os seus estudos ás 5 da mañá-. Como un católico nun país protestante, foi enterrado nun cemiterio de cativos non bautizados, en Adolf Fredrikskyrkan, Estocolmo. Despois, os seus restos foron levados a Francia e enterrados na Igrexa de San Geneviève-du-Mont en Paris. Un memorial construído no século XVIII permanece na igrexa sueca.

Durante a Revolución Francesa os seus restos foron desenterrados para iren ao Panthéon, ao lado doutros grandes pensadores franceses. A vila no vale Loire onde el naceu foi renomeada La Haye - Descartes.

En 1667, despois da súa morte, a Igrexa Católica Romana colocou as súas obras no Índice de Libros Prohibidos.

Pensamento[editar | editar a fonte]

Descartes é considerado o primeiro filósofo moderno. A súa contribución á epistemoloxía é esencial, así como ás ciencias naturais por ter establecido un método que axudou o seu desenvolvemento. Descartes criou, nas súas obras Discurso do Método -escrita en vernáculo, en vez do latín tradicional dos traballos de filosofía- e Meditacións as bases da ciencia contemporánea.

O método cartesiano consiste na dúbida metódica -dubídase de toda idea que pode ser dubidada-. Ao contrario dos gregos antigos e dos escolásticos, que acreditaban que as cousas existen simplemente porque precisan existir, ou porque así debe ser, etc, Descartes institúe a dúbida: só se pode dicir que existe aquilo que poda ser probado. O mesmo Descartes consegue probar a existencia do propio eu (que dubida, por tanto, é suxeito de algo -cogito ergo sum, penso logo existo-) e de Deus. O acto de dubidar como indubidábel.

Tamén consiste o método na realización de catro regras básicas: verificar se existen evidencias reais e indubidábeis acerca do fenómeno ou cousa estudada; analizar, ou sexa, dividir ao máximo as cousas, nas súas unidades de composición, fundamentais, e estudar esas cousas máis simples que aparecen; sintetizar, ou sexa, agrupar novamente as unidades estudadas nun todo verdadeiro; e enumerar todas as conclusións e principios utilizados, a fin de manter a orden do pensamento.

En relación á Ciencia, Descartes desenvolveu unha filosofía que influenciou a moitos autores, ata ser pasada pola metodoloxía de Newton. Mantiña, por exemplo, que o universo era pleno e non poderá haber baleiro. Descartes acreditaba que a materia non posuía calidades inherentes, mais era simplemente o material bruto que ocupaba o espazo. Divide a realidade en res cogitas (conciencia, mente) e res extensa (materia). Acreditaba tamén que Deus creou o universo como un perfecto mecanismo de moción vortical e que funcionaba deterministicamente sen intervención desde entón.

Os Matemáticos consideran a Descartes moi importante pola súa descuberta da xeometría analítica. Ata Descartes, a xeometría e maila álxebra aparecían como ramas completamente separados da Matemática. Descartes mostrou como traducir problemas de xeometría para a álxebra, abordando eses problemas a través dun sistema de coordenadas.

A Teoría de Descartes proveu a base para o Cálculo de Newton e Leibniz, e entón, para moita da matemática moderna. Iso parece aínda máis incrible tendo en mente que ese traballo foi intencionado apenas como un exemplo no seu Discurso Sobre o Método.

"Descartes desexa ser en canto ao coñecemento un self-made-man. El é o Samuel Smiles do emprendemento cognitivo"
Ernest Gellner, "Reason and Culture", Oxford 1992, p. 3.

Obras importantes[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Wikiquote
A Galicitas posúe citas sobre: René Descartes