Fotografía

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Ollar fotográfico.

A fotografía é a técnica e arte de gravar imaxes fixas e duradeiras sobre unha superficie de material sensible á luz baseándose no principio da cámara escura. Na cámara escura conséguese proxectar unha imaxe captada por unha lente ou un conxunto de lentes sobre unha superficie, de tal forma que o tamaño da imaxe queda reducido e aumenta a súa nitidez. Para almacenar esta imaxe as cámaras fotográficas utilizaban ata fai algúns anos exclusivamente as películas sensibles, mentres que na actualidade empréganse tamén sensores dixitais.

A palabra fotografía procede do grego e significa "debuxar coa luz" (de photos = luz, e graphis = debuxo).

A fotografía pode ser clasificada baixo a máis ampla denominación de tratamento de imaxes, e debido a isto, fascinou tanto a científicos como a artistas dende os seus inicios. Os científicos, sobre todo, aproveitaron a súa capacidade para plasmar con precisión todo tipo de circunstancias e estudos, tales como os estudos sobre locomoción humana e animal de Eadweard Muybridge (1887). Os artistas tamén foron seducidos por estes aspectos pero trataron sempre de ir máis alá da mera representación foto-mecánica da realidade.

Historia[editar | editar a fonte]

Considérase que a fotografía foi desenvolvida pola primeira vez en Francia na época en que os inicios da sociedade industrial comezaban a achegar innovacións técnicas no campo da óptica. Os procesos fotográficos xurdiron vinculados ao campo científico, onde as teorías positivistas esixían a comprobación empírica de cada elemento da Natureza. Porén, a burguesía axiña popularizou usos diversos da fotografía, principalmente do xénero do retrato, nun intento por emular os retratos pictóricos da nobreza. A fotografía adquiría así unha nova atribución ao converterse en ferramenta de ascenso social.

Primeiro gravado heliográfico coñecido, obra de Niépce datado en 1825. Reproduce un gravado flamengo do XVIII e foi un precedente importante para a realización da primeira fotografía da natureza tirada cunha cámara escura un ano despois.

Outra das características deste primeiro período é a multiplicidade de procedementos para o fixado da imaxe. A primeira negativa sobre papel foi obtida por Joseph-Nicéphore Niépce en 1816, e dez anos máis tarde, en 1826, o propio Niépce realiza a primeira primeira fotografía permanente da natureza [1] . En 1839, o invento é presentado publicamente na Academia de Ciencias e Belas Artes de Francia, como fonte empírica de documentación da realidade. As súas múltiplas utilidades, que ían desde a ciencia até á xustiza e á etnografía levaron o xornal francés Lumiére a sentenciar: "desde hoxe poderemos viaxar sen nos mover". A multiplicación de procesos non se detén. Ese mesmo ano, Louis Daguerre fai pública a invención do daguerrotipo, que consistía nunha copia única realizada sobre unha emulsión en suporte metálico, polo xeral de cobre. Porén, os daguerrotipos resultaban caros, pesados, difíciles de conservar e precisaban dun tempo de exposición moi prolongado.

Fronte a este formato, o primeiro negativo - co nome de calotipo, talbotipo ou impresión sobre papel salgado - é inventado por William Henry Fox Talbot en 1835 (non foi patentado até 1841). Consistía nun negativo de papel, copiado sobre outra folla, que por contacto creaba un positivado. O papel era impregnado cunha solución ácida de nitrato de prata antes e despois da exposición. O revolucionario deste proceso consistía, primeiro, en rebaixar sensibelmente o tempo de exposición (entre 1'e 7'), e segundo, en que pola primeira vez era posíbel tirar múltiplos positivados dun único negativo. Talbot conseguía, entón, a reproductibilidade da fotografía.

En 1839, o astrónomo e químico inglés sir John Frederick William Herschel comunicou un descubrimento realizado en 1819 sobre o poder solvente do hiposulfito de sodio en contacto con sales de prata insolúbeis. Nese ano realizou o primeiro negativo de cristal e estableceu un precedente da súa utilización como axente fixador na fotografía. Herschel tamén introduciu en 1842 o proceso de cianotipia, un proceso monocromo que produce unha impresión azul baseándose en dous compostos químicos, o citrato de ferro e o ferricuianuro de potasio. Porén, foi Anna Atkins, unha científica británica, a que levou o proceso cianotípico á fotografía, converténdose así na que é considerada a primeira muller fotógrafa.

En 1850, Blanquart Evrard comezou a empregar un composto de albumina de ovo e nitrato de prata que, estendido sobre o papel, conseguía que a emulsión do papel non reproducise imperfeccións e rugosidades, de modo que aumentaba a nitidez do produto.

En 1851 faise público un novo fito na historia da fotografía, o colodión húmido, unha especie de verniz que se aplica ás placas e sobre o que se estende a emulsión química. O nome de "colodión húmido" fai referencia á necesidade de que a placa permaneza húmida durante todo o proceso de toma e revelado das imaxes. Aumentábase así a nitidez, pero, en troca, os fotógrafos tiñan que levar canda si un pequeno laboratorio fotográfico para revelar a placa inmediatamente após a súa toma.

Ao mesmo tempo que se experimentaban diversos sistemas para mellorar a nitidez e o tempo de exposición, algúns científicos traballaban para fixar a cor. Os primeiros experimentos de fotografía en cor non puideron fixar ben a imaxe e, ademais, eran incapaces de evitar que a cor terminase por esvaecerse. Ademais, até a década de 1870 as emulsións dispoñíbeis non eran sensíbeis ás luces verde e encarnada. Con todo, considérase que a primeira fotografía en cor permanente foi realizada polo físico escocés James Clerk Maxwell mediante a mistura das tres cores primarias (vermella, amarela e azul). Porén, a emulsión de Maxwell tiña unha sensibilidade cromática insuficiente, polo que seguiron producíndose investigacións.

Fotógrafos en Valdoviño.

Doutra banda, a esixencia de manter húmida a placa desaparece en 1871, co descubrimento do xelatino-bromuro. Neste proceso, aplícase sobre a placa unha solución de bromuro, auga e xelatina sensibilizada con nitrato de prata. Aquilo supuxo eliminar un dos grandes inconvenientes do colodión húmido. Ademais, o tempo de exposición rebaixábase a 0,25', o que aproxima o concepto de instantánea.

En 1888, George Eastman lanzou ao mercado a cámara Kodak, que substituía as placas de cristal utilizadas até entón polo negativo de papel fotográfico, que pouco tempo despois foi pola súa vez substituído polo carrete de celuloide, co que a casa Eastman-Kodak alcanzou un grande suceso comercial entre as clases burguesas.

Xa en 1906, Wratten e Wainwright introducen a placa pancromática, sensíbel a todas as cores do espectro, mellorando así os produtos parcialmente sensíbeis elaborados até entón por outros investigadores como Louis Ducos du Hauron, Charles Cros, Hermann W. Vogel ou Sergei M. Prokudin-Gorskii. E só un ano despois, en 1907, os irmáns Auguste e Louis Lumière apresentan a película en cor completamente funcional, o autocromo.

Desde os primeiros anos do s. XX até a década de 1930, continúanse a realizar experimentos e innovacións menores. En 1931 invéntase o flash electrónico, en en 1935 aparece a primeira película diapositiva moderna en cor, a Kodakchrome, baseada en tres emulsións coloreadas, que é axiña mellorada polas tecnoloxías descubertas por Agfacolor en 1936: nesta tecnoloxía, os acopladores de cor xa están incluídos nas capas de emulsión. En 1942, Eastman-Kodak comezará a producir películas negativas en cor - as Kodakolor - das que se podían obter copias positivas en cor.

A seguinte revolución na historia da tecnoloxía fotográfica produciuse en 1947, candos os laboratorios Polaroid presentaron perante a Sociedade Óptica Estado-Unidense a primeira fotografía instantánea, cunha cámara que revelaba e positivaba a imaxe en 60 segundos. En 1963, introduciu aínda a fotografía instantánea en cor. A cámara Polaroid convertíase, desde a súa aparición, no aparato máis sofisticado e áxil até á década de 1990, cando aparezan as primeiras cámaras dixitais.

A tecnoloxía fotográfica dixital, asentada no inicio do s. XXI, constitúe o último paso fundamental no aprimoramento da fotografía: as imaxes son capturadas por un sensor electrónico que dispón de multitude de unidades fotosensíbeis e que arquiva os datos nunha memoria electrónica. A democratización da fotografía,que xa estaba en claro asentamento coas cámaras Kodak, prosegue hoxe cos segmentos compacto e bridge das cámaras dixitais que hoxe ocupan o mercado e cos dispositivos de telefonía móbil que incorporan cámaras fotográficas de alta resolución.

Fotografía en Galiza[editar | editar a fonte]

As fotografías tomadas en Galiza máis antigas que se coñece foron feitas por Andrés Cisneros o 7 de setembro de 1858, no marco da visita da raíña Isabel II á Exposición Rexional de 1858 celebrada en Santiago de Compostela[2].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Exhibición na Universidade de Texas
  2. "As fotos máis antigas de Galicia", artigo de Quique Alvarellos en El Correo Gallego, 23 de abril de 2013.

Tecnoloxía e técnica[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]