Nebulosas de Magalhães

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca

As Nebulosas de Magalhães,[1] ou Nubes de Magalhães [2] son dúas galaxias ananas, pertencentes ao Grupo Local de galaxias.

A maior delas coñécese como Gran Nebulosa de Magalhães, e a menor como Pequena Nebulosa de Magalhães. Aínda que tradicionalmente se pensou que orbitaban en torno á Vía Láctea, estudos parecen descartar esta posibilidade.[3] [4]

Son visíbeis desde o hemisferio austral en noites con celo limpo de nubes e sn lúa. Aparecen como dúas pequenas manchas abrancazadas, opostas á constelación de Crux desde o punto de vista do polo sur celeste.

Historia[editar | editar a fonte]

Aínda que parece que os antigos pobos do Oriente Medio xa as coñecían, o primeiro rexistro histórico sobre elas débese ao astrónomo persa Abd Al-Rahman Al Sufí. No seu Libro das estrelas fixas noméeas como Al Bakr (Boi Branco), facendo notar que aínda que non se poden ver desde Bagdad, si son observábeis desde o estreito de Bab el-Mandeb, a 12º 15' de latitude norte.

En Europa, foi Fernão de Magalhães quen primeiro as observou durante a súa viaxe de circunnavegación ao redor da Terra entre 1519 e 1522. Porén, o nome actual non se popularizou até moito despois.

Na Uranometria de Johann Bayer (1603) se as denominaba Nubecula Maior e Nubecula Minor, e incluso John Flamsteed as designou como Le Grand Nuage e Le Petit Nuage no seu atlas estelar, formas latina e francesa para Gran Nebulosa e Pequena Nebulosa, respectivamente.

John Herschel foi o primeiro en estudalas detalladamente no século XIX. Máis recentemente, en febreiro de 1987, apareceu na Gran Nube de Magalláns a supernova SN 1987A, a primeira visíbel a simple vista desde 1604, profusamente estudada polos astrónomos modernos.

Características[editar | editar a fonte]

Separadas entre si por uns 21º, a distancia real entre a dúas Nubes é duns 75.000 anos luz. Até o descubrimento en 1994 da galaxia Anana Elíptica de Saxitario, eran as dúss galaxias coñecidas máis achegadas á nosa.

A súa morfoloxía suxire que ambas as galaxias foron moi distorsionadas polas forzas de marea na súa interacción coa Vía Láctea. Correntes de hidróxeno neutro conéctanas entre si e coa nosa galaxia, que á súa vez tamén se viu afectada por ambas as Nubes, ao teren distorsionado as partes externas do disco galáctico.

Ademais da súa distinta estrutura e a súa masa significativamente menor, diferéncianse da Vía Láctea en dous aspectos fundamentais. En primeiro lugar, son comparativamente máis ricas en gas e máis pobres en metais que esta última. En segundo lugar, ambas as dúas resultan notábeis polas súas nebulosas e a súa poboación estelar nova.[3]

Debido á súa elevada velocidade radial, ambas as galaxias parecen estar no seu primeiro paso cerca da Vía Láctea; de feito, tense suxerido que as Nubes de Magalláns puideron ter a súa orixe nunha colisión entre a Galaxia de Andrómeda e outra galaxia, sendo restos de dito evento e tendo sido expulsadas cara a nosa galaxia.[5]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. EGU, tomo 11, p. 336: Magalhães, nebulosas de ASTRON Nome de dúas galaxias irregulares do ceao austral, próximas á Vía Lácta, descritas por primeira vez por F. Magalhães en 1519. A máis grade, chamada Gran Nebulosa de Magalhães... A máis pequena, denominada Pequena Nebulosa de Magalhães...
  2. Nube maior de Magalhães e Nube menor de Magalhães en: Inés Santa María Otero e Noé Massó Lago (2009): Atlas xeográfico e histórico de Galicia e do Mundo, Vigo: Edicións do Cumio. ISBN 978-84-8289-328-0. Páxina 17.
  3. 3,0 3,1 Las Nubes de Magallanes podrían ser vecinas pasajeras Arquivado 04 de decembro de 2013 en Wayback Machine.. En Astroseti. 2003.
  4. The Magellanic Clouds Are First-Time Visitors. En Harvard presse release.
  5. Could the Magellanic Clouds be Tidal Dwarfs Expelled from a Past-merger Event Occurring in Andromeda?.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]