Mitoloxía grega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Prometeo rouboulles o lume aos deuses

A mitoloxía grega comprende a colección de lendas sobre deuses gregos e heroes antigos, orixinariamente creada e difundida dentro da tradición oral e poética desta antiga civilización do Mediterráneo oriental. As fontes supervivintes da mitoloxía grega son transcricións destas narracións faladas, ou ben revisións literarias posteriores. Aínda que os gregos non practicaban a relixión, coñecían estas historias que formaban parte do seu acervo cultural.

Historia[editar | editar a fonte]

Nas diversas lendas, historias e himnos, os deuses da Grecia Antiga son case todos descritos como humanos en aparencia, aínda que non envellecen, son case inmunes a todas as feridas e enfermidades e capaces de tornarse invisibles, viaxar grandes distancias case instantaneamente e falar a través dos seres humanos con ou sen o seu coñecemento. Cada deidade tiña a súa aparencia específica, xenealoxía, intereses, personalidade e área de especialidade. Porén, estas descricións sufrían variacións locais que non sempre concordaban coas empregadas noutras partes do mundo helénico da época. Cando se aludía a eles na poesía ou na oración, facíase mediante unha combinación do seu nome e epítetos, servindo estes para identificalos polas devanditas distincións do resto dos deuses.

Nas lendas, estes seres son descritos coma unha longa familia multixeracional. Os seus membros máis vellos crearon o mundo tal e como o coñecemos. Os deuses da xeración máis recente (e relevante) para a antiga relixión grega aparecéranse en persoa aos gregos, segundo se describe nos poemas épicos durante a "idade dos heroes", o que se entende como unha referencia á arcaica idade oscura (sobre 1200 a 800 a.C.) que precedeu á civilización clásica grega. Proporcionaron aos belicosos antepasados un número limitado de milagres, ensinándolles unha selección de habilidades útiles ademais dos métodos de adoración aos deuses, premiaron a virtude e castigaron o vicio, e enxendraron fillos con humanos. Estes nenos metade humanos metade deuses son coñecidos como "os heroes", e ata o establecemento da democracia os seus descendentes reclamaban o dereito a gobernar sobre a base da súa divina ascendencia e presunta habilidade divinamente herdada de gobernar ben.

Os deuses do panteón grego adoptaban figuras humanas e personificaban as forzas do Universo. Igual que os homes, os deuses helenos eran impredecibles e por iso unhas veces tiñan un sentido estrito da xustiza e outras eran crueis e vingativos. O seu favor alcanzábase por medio dos sacrificios e da piedade, pero estes procedementos non eran sempre efectivos posto que os deuses eran moi volubles.

A mitoloxía grega comparte unha estreita similitude coa romana, canto ao nome de varios deuses e personaxes de importancia. Tamén se relacionan no aspecto mitolóxico da relixión: crenzas, tradicións e todo o ligado ou referente a mitoloxía.

A natureza da mitoloxía grega[editar | editar a fonte]

Aínda que todas as culturas teñen as súas propias mitoloxías, o devandito termo é de cuñación grega e tiña un significado especializado dentro da súa cultura.
O termo grego mythologia compúñase de dúas palabras mythos, un discurso ritualizado e logos, un argumento ou historia convincente e ordenada.

Orixinalmente, entón, a mitoloxía é unha tentativa de traer sentido ás narrativas estilizadas que os gregos recitaban en festivais, susurraban en locais sagrados e espallaban en banquetes de aristócratas.

Visión xeral[editar | editar a fonte]

O espectro da mitoloxia grega é enorme. Abranxe desde os crimes mais crueis dos primeiros deuses e as sanguentas guerras de Troia e Tebas, á infancia de Hermes e o sofrimento de Demetrio por Perséfone.

Do mesmo xeito que os seus veciños, os gregos acreditaban un panteón de deuses e deusas que se asociaban a aspectos específicos da vida. Afrodita, por exemplo, era a deusa do amor, mentres que Ares era o deus da guerra e Hades o dos mortos.

Algunhas deidades como Apolo e Dioniso revelaban personalidades complexas e unha variedade de funcións, en canto outros como Estia (literalmente "lar") e Helios ("sol") eran pouco mais que personificacións. Existían tamén deidades de lugares específicos, como deuses de ríos e ninfas de nacentes e cavernas. Tumbas de herois e heroínas locais eran igualmente veneradas.

A pesar de que centenas de seres puideran ser considerados deuses ou herois, algúns non representaban mais que folclore ou eran honrados soamente en lugares (Trophonius) e/ou festivais específicos (Adonis).

Rituais de maior abranxencia e os grandes templos eran dedicados, na súa maioría, a un selecto círculo de deuses, notadamente os doce do Olimpo, Heracles e Asclepio. Estas deidades eran o foco central dos cultos pan-Helenicos.

Moitas rexións e vilas tiñan os seus propios cultos ás ninfas, deuses menores ou aínda a herois e heroínas descoñecidos noutros lugares. A maioría das cidades adoraban os deuses maiores con rituais peculiares e tiñan para estes lendas igualmente propias.

A mitoloxía na literatura clásica grega[editar | editar a fonte]

A mitoloxía foi unha fonte básica de inspiración para os autores gregos, desde Homero na épica coa Odisea e a Ilíada ata as grandes Traxedias gregas, con Sófocles e Eurípides. Dentro desta influencia da mitoloxía na literatura destacan a saga troiana (Aquiles, Ulises, Héctor, Paris, Helena, Agamenón, Menelao, Ifixenia...) e a saga tebana (Edipo, Iocasta, Antígona...)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Mitoloxía grega

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]