Illas Hébridas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
As Hébridas Interiores en vermello e a Hébridas Exteriores en alaranxado. O verde son terras escocesas

As Illas Hébridas (Innse Gall en gaélico escocés, Hebrides en inglés) son un extenso arquipélago na costa oeste de Escocia. Pertencen politicamente ao Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte.

Desde o punto de vista xeolóxico, o arquipélago está composto polas rochas máis antigas das illas Británicas. Presentan comunmente formas esgrevias, recortadas e afiadas, debido aos diferentes axentes de erosión que actúan sobre elas. Xeoloxicamente están constituídas na súa maioría por gneis, especialmente as máis occidentais, por xistos (Jura e Islay) e por rochas basálticas (Mull, Skye e Staffa) que se presentan en forma de espectaculares columnas. Teñen un clima tépedo-frío e moi húmido.

División[editar | editar a fonte]

Comunmente as Hébridas adoitan dividirse en dous grupos:

As Hébridas Interiores son unha prolongación do territorio escocés e están separadas das Hébridas Exteriores por unha fonda depresión tectónica cuberta polas augas do mar. A 90 e 35 km respectivamente ao oeste das Hébridas Exteriores xorden das augas do Océano Atlántico os farallóns deshabitados de Flannan e Santa Kilda, que carecen de todo interese económico. A maioría dos falantes nativos de gaélico escocés habitan ou viven nas illas.

As Hébridas ocupan en conxunto unha superficie de 7.285 km cadrados, cunha poboación duns 70.000 habitantes a ocuparen un cento de illas, mentres que outras catrocentas están deshabitadas. Os principais recursos económicos dos insulares son a pesca, a cría de gando bovino e ovino, a produción artesanal de tweed, a destilación de whisky e, como actividade secundaria, o cultivo de hortalizas e cereais. A cidade máis importante é Stornoway (na illa de Lewis), que é un porto pesqueiro.