Polo Norte

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.

Coordenadas: 90°N 0°W / 90°N -0°E / 90; -0

Proxección acimutal mostrando o Océano Glacial Ártico e o Polo Norte.

O polo Norte, tamén chamado polo norte xeográfico e polo norte terrestre, é o lugar onde se localiza o extremo norte da Terra; é o lugar onde o eixe de rotación do planeta corta á superficie. O lugar oposto é o polo sur.

Todos os corpos celestes teñen un polo norte e outro sur.

Os eixes de rotación destes corpos non adoitan ser coincidentes co eixe de translación. Así, os da Terra, forman un ángulo de 23,5º, e os de Urano, 97º.

Situación[editar | editar a fonte]

Panorama do Polo Norte.

O polo norte xeográfico terrestre está situado no Océano Glacial Ártico, no que o mar está cuberto por un casquete de xeo ou banquisa. En 1895, o explorador noruegués Fridtjof Nansen (1861 – 1930) acercouse até os 3º e 46' do polo norte xeográfico, pero non foi quen de chegar a el[1][2]. O primeiro en conseguilo, segundo a fama, foi Robert Peary (1856 – 1920), xunto co seu criado Matthew Henson[3] [4] e catro esquimós, o 6 de abril de 1909.

O compás non apunta exactamente ao polo norte xeográfico, senón cara ao polo sur magnético (que, para evitar confusións, denomínase polo norte magnético), e non exactamente, debido á declinación magnética.

A profundidade do mar no polo norte fora determinada en 1958 polo submarino estadounidense USS Nautilus, dando como resultado 4.087 m. Pero o 2 de agosto de 2007 dous batiscafos rusos Mir realizaron unha inmersión no Océano Glacial Ártico, no polo norte, e instalaron no fondo unha bandeira rusa, así como una cápsula cunha mensaxe para as xeracións vindeiras, a 4.261 m de profundidade.[5].

A terra máis próxima é a illa Kaffeklubben, fronte á costa norte de Groenlandia, a uns 700 km de distancia, aínda que algúns bancos de area, quizais non permanentes, encóntranse lixeiramente máis preto. O lugar habitado permanentemente máis próximo ao polo é a vila de Alert, na rexión de Qikiqtaaluk, Nunavut, Canadá, que está situada a 817 km do polo.

Galería de imaxes das exploracións[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Nansen, Fridtjof (1897): Farthest North, Volumes I and II. London: Archibald Constable & Co. ISBN 978-1-60239-237-3, Vol. I, páxs. 14–38. Tamén dispoñíbel en Project Gutenberg
  2. Fleming, Fergus (2002): Ninety Degrees North. London: Granta Publications. ISBN 1-86207-535-2, páxs. 239–240.
  3. Mattew Henson (1866 – 1955) foi un explorador estadounidense que pode que fora o primeiro home en chegar ao Polo Norte, con Peary, en 1909. Porén algúns estiman que o grupo de Parcy se perdeu no polo e chegaron a uns 30 km do seu obxectivo. Por outra parte, debido a que Henson era negro e o seu status de empregado de Peary, nunca alcanzou a fama deste en Norteamérica, onde o racismo aínda era común naquela época. En 1921 publicou un libro sobre a súa expedición ártica (A Negro Explorer at the North Pole). Só o 6 de abril de 1988, no 79º aniversario, os restos de Henson foron levados ao Cemiterio Nacional de Arlington, e depositados preto do monumento a Peary.
  4. The Frederick A. Cook Society: "The Tragedy of America's Exploited Black Pioneer Polar Explorer Matthew Henson" (en inglés)
  5. Le Monde, 9 de agosto de 2007, "Un submersible russe plante un drapeau sous le pôle Nord" (en francés)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Frederick, Albert; Cook, Robert E. e Peary, George W. Melville (2003): Finding the North Pole. The Lyons press. ISBN 1-59228-072-2
  • Pal, Christopher (2002): The Oddest Place on Earth: Rediscovering the North Pole. Writer's Showcase. ISBN 0-595-21454-1

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Polo Norte Modificar a ligazón no Wikidata