Lingua gaélica escocesa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Gaélico escocés")
Gaélico escocés
'Gàidhlig'
Pronuncia: /ˈkaːlikʲ/
Falado en: Escocia, Canadá
Rexións: Europa occidental
Total de falantes: 58.552 en Escocia[1]
500[2] - 2.000[3] en Nova Escocia
1.610 nos EUA (ano 2002)[4]
Familia: Céltica
 Céltica insular
  Goidélica
   Gaélico escocés
Escrita: Alfabeto latino
Estatuto oficial
Lingua oficial de: Escocia Escocia
Códigos de lingua
ISO 639-1: gd
ISO 639-2: gla
ISO 639-3: gla
Mapas bilingües en gaélico e inglés.

O gaélico escocés (Gàidhlig) é unha lingua céltica falada hoxe en día nalgunhas illas de Escocia e tamén no norte do país; fálana só 70.000 persoas aínda que en tempos tivo unha extensión moito maior polo territorio da actual Escocia. Recentemente fixéronse intentos por recuperala e mesmo se declarou a súa cooficialidade co inglés nalgunhas administracións locais.

O gaélico escocés é membro da rama goidélica das linguas celtas, que inclúe tamén as variantes de Irlanda e de Manx. Provén do irlandés antigo, xa que chegou desde Irlanda a Escocia a partir do século IV. Denomínase sempre gaélico escocés e non gaélico (para diferencialo destoutras dúas variantes) ou escocés (para non confundilo co escocés ou co dialecto escocés do inglés).

Historia[editar | editar a fonte]

O gaélico escocés é unha das linguas tradicionais dos escoceses e a lingua histórica da maior parte de Escocia. Non está claro desde cando se fala gaélico en Escocia. Aínda que hai quen afirma que se falaba en Argyll antes da chegada dos romanos, parece que a data máis segura é o século IV, co reino de Dál Riata, que uniu a antiga provincia do Ulster, no norte de Irlanda, co oeste de Escocia, acelerando así a expansión do gaélico, ao que tamén contribuíu o establecemento da igrexa gaélico-falante. A toponimia parece indicar que o gaélico xa se falaba no século V.

Esta lingua acabou por desprazar a dos pictos ao norte do río Forth e, até finais do século XV, coñecíase en inglés como Scottis. O seu declinio comezou no continente a comezos do século XIII; dous séculos máis tarde existía xa a divisoria Terra Alta/Terra Baixa.

Interpretación da división lingüística en 1400 baseada na toponimia.

A comezos do século XVI, os falantes de Inglis chamábanlle ao gaélico Erse, isto é, irlandés, pasando a ser Scottis a colección de dialectos de inglés medio falados no reino da Escocia, e de aí o moderno Scots ou escocés. Porén, o gaélico ocupa aínda un lugar especial na cultura escocesa e non foi nunca desprazado totalmente da súa consideración como lingua nacional. Moitos escoceses, fáleno ou non, consideran que fai parte fundamental da súa cultura nacional, se ben tamén hai quen o considera unha mera lingua rexional das Terras Altas e das illas.

O gaélico conta cunha tradición oral (beul aithris) e escrita moi ricas, tendo sido a lingua da cultura bárdica dos clans da Terra Alta durante varios séculos. A lingua preservou o acervo e adhesión a leis e costumes pre-feudais (como se ve, por exemplo, no uso das expresións tuatha e dùthchas). Sufriu especialmente coas persecucións padecidas polos habitantes das terras altas a seguir a Batalla de Culloden en 1746 e durante os Desaloxos das Highlands. Certas actitudes pre-feudais aínda se ven nas queixas e reclamacións da Liga Agraria das Highlands de finais do século XIX.

É posíbel distinguir entre gaélico da Terra Alta, que correspondería co que se coñece como gaélico escocés e gaélico da Terra Baixa, agora extinto. Este último falábase no sur de Escocia antes da introdución do escocés da Terra Baixa. Porén, non hai probas da existencia dunha fronteira lingüística entre o norte e o sur, como tampouco entre Argyll e Galloway. Os dialectos nas dúas marxes do Estreito de Moyle, que ligaban o gaélico escocés co irlandés, tamén están extintos hoxe en día.

Distribución actual en Escocia[editar | editar a fonte]

Distribución xeográfica dos gaélico-falantes en Escocia (2001).

Segundo o censo do Reino Unido de 2001, hai preto de 60.000 falantes de gaélico en Escocia (1,2% da poboación de máis de tres anos). Comparado co de 1991, diminuíron en máis de 7.300 (11% do total), o que mostra que o declive do gaélico en Escocia continúa.

Xa non hai parroquia en Escocia cunha proporción de gaélico-falantes superior ao 75%; as que máis se aproximan son Barvas e Lewis e Harris. Ningunha parroquia do continente conta cunha proporción superior ao 25%; os valores máis altos atópanse en Lochalsh, na Terra Alta, co 20,8%.

O bastión da lingua continúan a ser as Illas Occidentais (Na h-Eileanan Siar), onde a proporción supera o 60% e todas as parroquias o 50%. Hai máis do 20% en todas as illas de Skye, Raasay, Tiree, Islay e Colonsay.

Porén, a importancia do gaélico en Escocia vese moi reducida. Dun dotal de 900 parroquias:

  • Só 9 superan o 50% de gaélico-falantes.
  • Só 20 superan o 25%.
  • Só 39 superan o 10%.

Ortografía[editar | editar a fonte]

O alfabeto moderno do gaélico escocés ten dezaoito letras:

A, B, C, D, E, F, G, H, I, L, M, N, O, P, R, S, T, U

O letra h, utilizada agora sobre todo para indicar a lenición dunha consoante, non se empregaba na ortografía antiga, xa que a lenición se indicaba cun punto sobre a consoante. As letras do alfabeto recibían nomes tradicionais segundo árbores: ailm (olmo), beith (bidueiro), coll (abeleira), dair (carballo), etc., aínda que xa non se fai así.

A calidade das consoantes indícase en parte coas vogais que as arrodean. As vogais clasifícanse como caol ("delgadas", ou sexa, e e i) ou leathann ("anchas", ou sexa, a, o e u). A regra ortográfica é caol ri caol is leathann ri leathann ("delgada a delgada e ancha a ancha"). As consoantes delgadas palatalízanse, encanto que as anchas velarízanse. Debido a esta regra ortográfica, un grupo consonántico interior débese rodear de vogais da mesma calidade para indicar a súa pronunciación sen ambigüidade, dado que algunhas consoantes mudan a súa pronunciación dependendo de se rodean con vogais anchas ou delgadas. Por exemplo, o t de slàinte ([slaːntʃə]) co t de bàta ([paːtə]). Esta regra non afecta a pronunciación das vogais. Por exemplo, os plurais en gaélico fórmanse habitualmente co sufixo an: bròg, [proːk] ("zapato")/brògan, [proːkən] (zapatos). Mais, debido á regra ortográfico, o sufixo escríbese -ean (ainda que pronunciado igual) após unha consoante delgada, como en taigh, [tʰɤj] ("casa")/taighean, [tʰɤjən] ("casas").

A partir de 1976, a Comisión de Exames de Escocia introduciu determinadas modificacións a esta regra. Por exemplo, o sufixo do participio de pasado sempre se escribe -te, mesmo após unha consoante ancha, como en togte ("elevado"), e non o tradicional togta. Cando coinciden pares de vogais, non sempre está claro que vogal se debe pronunciar e cal se introduciu para satisfacer esta regra ortográfica.

As vogais acentuadas omitidas na fala tamén se poden omitir na escrita informal. Por exemplo:

Tha mi an dòchas ("Espero") > Tha mi 'n dòchas

Unha vez aprendidas as regras ortográficas, a pronuncia dos textos escritos resulta bastante predicíbel.

Pronunciación[editar | editar a fonte]

Rótulos bilingües nun supermercado en Portree.

A maioría das letras pronúnciase de maneira semellante a outras linguas europeas. As consoantes anchas t e d e, con frecuencia, n teñen unha articulación dental (como en irlandés e as linguas románicas e eslavas, en contraste coa articulación alveolar típica do inglés e outras linguas xermánicas. O r non palatal é unha vibración alveolar, como o rr do galego.

As consoantes oclusivas "sonoras" b, d, g non o son nin gaélico, senón máis ben non aspiradas xordas. As oclusivas "xordas" p, t, c son xordas e pronúncianse cunha aspiración forte (postaspiradas en posición inicial, preaspiradas en posición medial ou final). O gaélico comparte esta propiedade co islandés. Nalgúns dialectos gaélicos, as oclusivas ao comezo dunha sílaba acentuada sonorizan se as segue unha consoante nasal. Por exemplo, taigh ("unha casa") é [tʰɤi], mais an taaigh, ("a casa") é [ən dʰɤi]. Tamén tombaca ("tabaco"), [tʰomˈbaxkə].

As consoantes con lenición teñen pronuncias especiais: bh e mh son [v]; ch é [x] ou [ç]; dh, gh é [ʝ] ou [ɣ]; th é [h], [ʔ] ou mudo. A lenición de l, n e r non se mostra na escrita.

fh é case sempre mudo, con só tres excepcións: fhèin, fhathast e fhuair, en que se pronuncia [h].

As consoantes coa súa pronuncia no Alfabeto Fonético Internacional
Radical Lenición
Ortografía Ancha Delgada Ortografía Ancha Delgada
b [p] [p] bh [v] [v]
c [kʰ, xk] [kʰʲ, çkʲ] ch [x] [ç]
d [t] [tʃ] dh [ɣ] [j]
f [f] [f] fh muda muda
g [k] [kʲ] gh [ɣ] [j]
l [ɫ] [ʎ] l [ɫ] [l]
m [m] [m] mh [v] [v]
n [nɰ] [ɲ] n [n] [n]
p [pʰ, hp] [pʰ, hp] ph [f] [f]
r [r] [r] r [r] [ɾʲ]
s [s] [ʃ] sh [h] [h]
t [tʰ, ht] [tʃʰ, htʃ] th [h] [h]

Hai determinados trazos que convén facer notar:

  • O acento recae habitualmente na primeira sílaba: por exemplo drochaid ("unha ponte"), [ˈtroxatʃ].
  • Insírense vogais epentéticas entre determinadas consoantes adxacentes, en concreto as vibrantes (l ou r) e certas consoantes das seguintes:
tarbh ("touro") — [tʰarav]
Alba ("Escocia") — [alapa].
  • O schwa ([ə]) ao final dunha palabra pérdese se vai seguido dunha palabra que comeza por voga. Por exemplo:
duine ("un home") — [ˈtɯnʲə]
an duine agad ("o teu home") — [ən ˈdɯnʲ akət]

Gramática[editar | editar a fonte]

O Libro de Deer, do século X, contén o texto en gaélico máis antigo coñecido, que nesta foto se pode ver nas marxes dunha páxina do Evanxeo de Mateo.

O gaélico escocés é unha lingua flexiva. Os substantivos indican a súas relacións por medio de casos gramaticais (nominativo, vocativo, xenitivo e dativo, segundo a terminoloxía utilizada nas gramáticas tradicionais). Os verbos conxúganse para indicar tempo gramatical (os tempos simples son o pasado e o futuro; os tempos compostos son continuos (presente, pasado e futuro). Hai tamén modo gramatical (indicativo, imperativo, subxuntivo) e voz gramatical (activa e pasiva).

O gaélico comparte con outras linguas celtas determinado número de trazos gramaticais interesantes:

  • Orde sintáctica Verbo+Suxeito+Obxecto, unha tipoloxía relativamente infrecuente nas linguas do mundo.
  • pronomes prepositivos: os pronomes e a maioría das preposicións fusiónanse en formas compostas, tales como agam ("en min"), agad ("en ti"), ris ("para el").
  • Inexistencia do verbo haber. No seu lugar, a posesión exprésase preposicionalmente, com aig (isto é, dicindo que algo está en unha persoa:
tha taigh agam — Teño unha casa (lit. unha casa está en min)
an cat aig Iain — O gato de Xoán (lit. o gato en Xoán)
  • Pronomes enfáticos: distínguese entre pronomes ordinarios, como mi e thu e os seus equivalentes enfáticos mise, thusa, etc., que expresan contraste con outras persoas. Por exemplo:
tha i bòidheach — ela é linda
tha ise bòidheachela é linda (en contraste con outra persoa)

O énfase gramatical transfírese a outras situacións:

an taigh aicese — a casa dela
chuirinn-saeu poría
na mo bheachd-sa — na miña opinión
  • Cópula: o gaélico conta con dous verbos tipo ser/estar: tha adscribe unha propiedade a un nome ou pronome; is utilízase para identificar un nome ou pronome como complemento (Is pódese usar para adscribir unha descrición a un nome ou pronome, mais habitualmente este uso redúcese a expresións fixas como, por exemplo, 'Is beag an t-iongnadh' (lit. "É pequena a sorpresa") ou 'Is e Gàidheal a th'annam' (lit. "Hai un Gaélico en min"):
tha mise sgìth — Estou canso.
is mise Eòghann — Son Ewan.

Porén, é posíbel utilizar tha para dicir que unha cousa é outra converténdoa nunha propiedade:

tha mi nam Albannach — Son escocés. (lit. Estou no meu escocés.)
Is e Albannach a th' annam — Son escocés. (lit. é un escocés que está en min).

Artigos[editar | editar a fonte]

O gaélico conta con artigo definido, mais non con artigo indefinido:

an taigh — "a casa"
taigh — "(unha) casa)

A forma do artigo (definido) depende do número gramatical, do xénero gramatical, do caso gramatical e do son inicial do substantivo.

(i). an, am, e an t- utilízanse con substantivos en nominativo masculino singular:

an cat — "o gato" (tamén para substantivos que non poden levar lenición)
am balach — "o rapaz" (substantivos que comezan con consoantes labiais)
an t-òran — "a cantiga" (substantivos que comezan por vogal)

(ii). a' utilízase antes dunha consoante con lenición; hai dous casos:

a' chaileag — "a rapaza" (nominativo e dativo femininos)
leis a' bhalach — "co rapaz" (dativo e xenitivo masculinos)

(iii). na e na h- (antes de vogal) utilízanse no xenitivo feminino singular:

na mara — "do mar"
na h-Alba — 'de [a] Escocia'

(iv). na e na h- (antes de vogal) utilízanse no nominativo e dativo plurais de ambos os dous xéneros:

na cait — "os gatos"
na h-àireamhan — "os números"

(v). nan ou nam (antes dunha labial) utilízanse no xenitivo plural:

nan cat — "dos gatos"
nam balach — "dos rapaces"

Recoñecemento oficial[editar | editar a fonte]

Após séculos de perseguición, prexuízo e abandono, o gaélico adquiriu recentemente recoñecemento oficial coa aprobación da Lei Escocesa da Lingua Gaélica (21 de abril de 2005).

Ademais de aprenderse nalgunhas escolas escocesas, nalgunhas mesmo como medio de instrución, tamén se usa nos concellos das Illas Occidentais, Comhairle nan Eilean. A BBC ten unha emisora de radio en gaélico (Radio nan Gaidheal), que con frecuencia retransmite en conxunto coa Raidió na Gaeltachta da República de Irlanda, e hai tameń programas de televisión na BBC e na ITV, normalmente subtitulados en inglés.

A rotulación das estradas é bilingüe na actualidade, especialmente nas Highlands. Os mapas oficiais están a adoptar a toponimia gaélica.

Historicamente, o gaélico escocés non ten recibido o mesmo nivel de recoñecemento oficial por parte do goberno británico que o galés, e só recibiu maior atención a raíz da Devolución.

En 2005 creouse o primeiro instituto de educación secundaria no que a instrución é en gaélico. Existen varias escolas de primaria que xa o fan.

En Nova Escocia (Canadá) viven entre 500 e 1.000 falantes nativos, a maioría anciáns.

Toponimia[editar | editar a fonte]

Os seguintes son nomes, ben de orixe gaélica, ben doutra orixe coa súa tradución gaélica:

AberdeenObar Dheathain
Aberfoyle - Obar Phuill
Aviemore - an Aghaidh Mòr
Dingwall - Inbhir Pheofharan
DumfriesDùn Phris
DundeeDùn Dèagh
Dumbarton - Dùn Breatann
EdimburgoDùn Èideann
Fort WilliamAn Gearasdan
GlasgowGlaschu
Gleneagles - Gleann na h-Eaglais
Inchinnan - Innis Fhionghain
InvernessInbhir Nis
Kilmarnock - Cill Mhearnaig
PaisleyPàislig
PerthPeairt
St Andrews - Cill Rimhinn
StirlingSruighlea
StornowaySteòrnabhagh

Antropónimos[editar | editar a fonte]

Para algúns antropónimos gaélicos, tales como Aonghas, Dòmhnall, Donnchadh, Coinneach e Murchadh, existen formas tradicionais en inglés (Angus, Donald, Duncan, Kenneth, Murdo). Outros nomes de persoa son comúns a outras linguas europeas, como Iain (Xoán), Alasdair (Alexandre), Uilleam (Guillerme), Caitrìona (Catarina), Cairistìona (Cristina), Anna (Ana), Màiri (María). Algúns proveñen do noruegués antigo, como Somhairle ( < Somarliðr), Tormod (< Þórmóðr), Torcuil (< Þórkell, Þórketill), Ìomhair (Ívarr). Outros non teñen eqivalente, como Oighrig, Diorbhal, Gormul ou Beathag.

Moitos destes considéranse anticuados e xa non se usan. Dado que son moi poucos os nomes tradicionais gaélicos a escoller, algunhas familias están a empregar nomes ingleses.

A clase máis frecuente de apelidos gaélicos e, por suposto, os que comezan con mac ("fillo" en gaélico), como MacGillEathain (MacLean). A forma feminina é "nic": Catherine MacPhee é Caitrìona Nic a' Phì.

Varios apelidos frecuentes proveñen dos nomes das cores: bàn (Bain - branco), ruadh (Roy - vermello), dubh (Dow - negro), donn (Dunn - marrón), buidhe (Bowie - amarelo).

Empréstimos[editar | editar a fonte]

A maior parte do vocabulario do gaélico escocés é celta. Existen numerosos empréstimos tomados do latín (muinntir, Didòmhnaich), o grego antigo, especialmente de tipo relixioso (eaglais, Bìoball de Ekklesia e Biblia), o noruegués antigo (eilean, sgeir), o hebreu (Sàbaid, Aba) e o Scots (briogais, aidh).

En común con outras linguas indo-europeas, os neoloxismos para conceptos modernos baséanse frecuentemente no grego e no latín: televisión é telebhisean (cian-dhealbh tamén se podería usar), and computador resulta en coimpiùtar (aireamhadair, bocsa-fiosa ou bocsa-sgrìobhaidh tamén se poderían usar). Ainda que os falantes nativos utilizan con frecuencia palabras inglesas para as que existe un equivalente en gaélico, fanno sen pensalo e adaptando as regras da gramática gaélica. Cos verbos, por exemplo, simplemente engaden o sufixo verbal (-eadh, ou, en Lewis, -igeadh, como por exemplo en, Tha mi a' watcheadh (Lewis, watchigeadh) an telly'' (Estou vendo [watch] a "tele").

O gaélico escocés ten influenciado o scots e o inglés. Entre os empréstimos resaltan whisky, slogan, brogue, jilt, clan, strontium, trousers, ben, glen e loch.

Palabras e frases frecuentes en gaélico escocés[editar | editar a fonte]

Gaélico escocés Irlandés Manx Galego
Fàilte Fáilte Failt Benvido
Halò Haileo ou Dia dhuit Hello Óla
Ciamar a tha thu? Conas atá tú? (Cad é mar atá tú? no Ulster) Kys t'ou? Que tal estás?
Ciamar a tha sibh? Conas atá sibh? (Cad é mar atá sibh? no Ulster) Kanys ta shiu? Que tal estais? (plural, singular formal)
Madainn mhath Maidin mhaith Moghrey mie Bos días
Feasgar math Trathnóna maith Fastyr mie Boas tardes
Oidhche mhath Oíche mhaith Oie vie Boas noites
Tapadh leat Go raibh maith agat Gura mie ayd Moitas grazas
Dè an t-ainm a tha ort? Cad é an t-ainm atá ort? Cre'n ennym t'ort? Cómo te chamas?
Dè an t-ainm a tha oirbh? Cad é an t-ainm atá oraibh? Cre'n ennym t'erriu? Cómo vos chamades?
Is mise... Is mise... Mish... Eu son...
Slàn leat Slán leat Slane lhiat Adeus
Dè a tha seo? Cad é seo? Cre shoh? Que é isto?
Slàinte Sláinte Slaynt Saúde (ó beber)

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Wikipedia
Existe unha versión da Wikipedia en Lingua gaélica escocesa.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Linguas célticas modernas
Chwe Chenedl Geltaidd syml.png
Celtas
Britónico
(Celta P)
Goidélico
(Celta Q)
Flag of Brittany (Gwenn ha du).svg
Flag of Cornwall.svg
Flag of Wales 2.svg
Flag of Ireland.svg
Flag of the Isle of Mann.svg
Flag of Scotland.svg
Bretón · Córnico · Galés | Irlandés · Manx · Gaélico escocés
Ccross.png
Ver tamén: Lingüística · Celtas · Países celtas