Manufactura

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A manufactura (do latín manus, man, e factura, feitura) describe a transformación de materias primas en produtos terminados para a súa venda. Tamén involucra procesos de elaboración de produtos semi-manufacturados. É coñecida tamén polo termo de industria secundaria. Algunhas industrias, como as manufacturas de semicondutores ou de aceiro, por exemplo, usan o termo de fabricación.

O termo pode referirse a unha variedade enorme da actividade humana, da artesanía á alta tecnoloxía, pero é máis comunmente aplicado á produción industrial, na cal as materias primas son transformadas en bens terminados a gran escala.

A fabricación prodúcese baixo todos os tipos de sistemas económicos. Nunha economía capitalista, a fabricación diríxese polo xeral cara á fabricación en serie de produtos para a venda a consumidores cunha ganancia. Nunha economía colectivista, a fabricación está frecuentemente dirixida por unha axencia estatal. Nas economías modernas, a fabricación discorre baixo algún grao de regulación gobernamental.

A fabricación moderna inclúe tódolos procesos intermedios requiridos para a produción e a integración dos compoñentes dun produto. O sector industrial está estreitamente relacionado coa enxeñería e o deseño industrial.

O proceso pode ser manual (orixe do termo) ou coa utilización de máquinas. Para obter maior volume de produción é aplicada a técnica da división do traballo, onde cada traballador executa só unha pequena porción da tarefa. Así, especialízase e economiza movementos, o que vai repercutir nunha maior velocidade de produción.

Aínda que a produción artesanal formou parte da humanidade desde fai moito tempo (desde a Idade Media), pénsase que a manufactura moderna xorde ao redor de 1780 coa Revolución Industrial británica, expandíndose a partir de entón a toda a Europa continental, logo a Norteamérica e finalmente ao resto do mundo.

A manufactura converteuse nunha porción inmensa da economía do mundo moderno. Segundo algúns economistas, a fabricación é un sector que produce riqueza nunha economía, mentres que o sector servizos tende a ser o consumo da riqueza [1][2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Friedman, David (2006). "No Light at the End of the Tunnel". Los Angeles Times. New America Foundation. http://www.newamerica.net/publications/articles/2002/no_light_at_the_end_of_the_tunnel. Consultado o 19/11/2007.
  2. Joseph, Keith (1976). "Monetarism Is Not Enough". Center for Policy Studies. Margaret Thatcher Foundation. http://www.margaretthatcher.org/commentary/displaydocument.asp?docid=110796. Consultado o 19/11/2007.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]