Stonehaven

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 56°58′N 2°13′W / 56.96°N 2.21°W / 56.96; -2.21

Market Square, Stonehaven

Stonehaven (Steenhive no dialecto dórico do escocés e Cala na Creige en gaélico), é unha pequena vila costeira do nordeste de Escocia, na área municipal de Aberdeenshire. Tiña 9.577 habitantes no censo de 2001. A cidade máis próxima é Aberdeen, a uns 25 km ao norte.

Historia[editar | editar a fonte]

Stonehaven tivo poboamento prehistórico como o demostran os achados do Castelo de Fetteresso e a cerámica neolítica atopada nas escavacións da área de Spurryhillock. A aldea debeu de ser unha vila de pescadores na Idade de Ferro, pero debeu de medrar ao abeiro da estrada de Causey Mounth, que xunguía os poboados medievais ao sur de Aberdeen. Este camiño antigo conectaba Bridge of Dee co Castelo de Cowie pasando por Portlethen Moss e polo medio de Stonehaven.

Esta foi a ruta que fixo precisamente o exército dos 9.000 Aliados, guiados polo duque de Mariscal e marqués de Montrose, para combateren na primeira das batallas da Guerra Civil Escocesa, en 1639. Os aliados perderon e foron presos no Castelo de Dunottar, onde moitos deles morreron. Outros castelos próximos son o de Fetteresso e o de Muchalls, que na actualidade pertencen a familias privadas e non están abertos ó público. A única estrutura antiga que queda na vila de Stonehaven é o posto de peaxe, próximo ao porto, que logo foi usado como prisión e que agora funciona como museo.

Stonehaven foi a capital do antigo condado de Kincardineshire.

Economía[editar | editar a fonte]

As principais fontes de recursos económicos de Stonehaven son a pesca e o turismo, co castelo de Dunnottar como grande atracción. Durante os últimos tempos, o boom do petróleo no Mar do Norte fixo que aumentase tamén a poboación de Stonehaven como residencia tranquila da próxima Aberdeen.

Vida e cultura[editar | editar a fonte]

A vila ten unha grande praia ao Mar do Norte nunha costa chea de cantís, cons, enseadas e pequenas pozas de mar. Na metade da praia, separándoa en dous anacos, ábrese o porto de Stonehaven, con dous peiraos, que serve de entrada á parte máis antiga e concorrida da cidade. Ao parecer, un dos avós do escritor Robert Louis Stevenson participou no deseño do porto moderno.

Unha das súas peculiaridades son as dúas piscinas ao aire libre, unha moderna e outra de 1934, construída en estilo modernista, e que funciona con auga quente mesturando a traída con auga mariña depurada.

As dúas festas principais de Stonehaven son a noite de fin de ano, cun desfile de bólas de lume que reúne milleiros de persoas, e os Xogos da Terra Alta, que se celebran todos os meses de xullo. Os participantes teñen que vestir o traxe tradicional escocés e defrontar probas coma o martelo, o levantamento de pedras ou o guindamento de troncos.

Tamén teñen o seu festival folk, a súa feira tradicional (o primeiro sábado de xuño) e unha carreira de coches clásicos en honra do inventor do pneumático.

Famosos e curiosidades[editar | editar a fonte]

Por Stonehaven pasaron no seu tempo o líder escocés William Wallace e a raíña María de Escocia. Tamén botou aquí algunhas das súas vacacións de verán o poeta nacional escocés Robert Burns. O novelista Lewis Grassic Gibbon (James Leslie Mitchell) foi á escola na Mackie Academy (actualmente o colexio de primaria Arduthie). No castelo de Dunnottar rodouse en 1990 o Hamlet de Franco Zeffirelli, protagonizado por Mel Gibson e Glenn Close.

Naceron en Stonehaven R. W. Thompson, inventor do pneumático e da pluma de cartucho, e mais o xornalista James Murdoch (1856-1921).

Ademais, foi na praia de Cowie, en Stonehaven, onde se atopou o fósil do invertebrado con capacidade para respirar máis antigo do mundo.

De por parte, en época moderna, e nun dos bares da vila, inventouse o fritido de chocolate, unha peculiar receita que consiste en fritir en moito aceite unha chocolatina Mars, rechea de caramelo. Esta especialidade da repostaría de Stonehaven é típica agora de toda Escocia.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

=Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Stonehaven