Día de San Patricio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Celebración do Día de San Patricio de 2004 en Cork.

O Día de San Patricio (Lá Fhéile Pádraig) é unha festa que celebra a San Patricio, o máis coñecido dos patróns de Irlanda, xeralmente celébrase o 17 de marzo. É a festa nacional de Irlanda e festivo en Irlanda do Norte. Celébrase popularmente en moitos países sen ser festivo, especialmente por irlandeses de orixe pero tamén por moita xente doutras orixes, tal é o caso do Canadá, Gran Bretaña, Australia, os Estados Unidos, a Arxentina, Nova Zelandia e Galicia.[Cómpre referencia] Xeralmente celébrase todo o que é verde, bébese cervexa irlandesa e cómese comida irlandesa.

Historia[editar | editar a fonte]

A festa de San Patricio estableceuse no calendario litúrxico da Igrexa católica debido á influencia do erudito franciscano Luke Wadding a comezos do século XVII, aínda que xa viña sendo celebrado pola igrexa local irlandesa desde moito antes. En Irlanda cando cae en Semana Santa obsérvase a festividade relixiosa o 15 de marzo, como sucedeu en 1940 e no 2008. Tradicionalmente era tan só unha festividade relixiosa, non foi ata 1903 cando se converteu nunha data festiva civil tras unha lei presentada polo deputado irlandés James O'Mara na Cámara dos Comúns, máis tarde outra lei prohibiulles ós pubs abrir nesa data e que se mantivo en vigor ata os anos 70. A primeira parada oficial do Día de San Patricio foi en 1931 presidida polo ministro de defensa, Desmond FitzGerald. Desde 1996 celébrase o Festival do Día de San Patricio, unha celebración que desde 2006 dura cinco días.

Celebración do Día de San Patricio en Irlanda[editar | editar a fonte]