Bretóns

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Relevo dunha muller romano-britana.
Este artigo trata dos antigos bretóns (Brittons), habitantes de illa de Bretaña, ou Gran Bretaña, e non dos bretóns, habitantes da actual país de Bretaña, en Francia.

O nome bretóns (en latín Britanni) designa ante todo os habitantes da illa de Bretaña (en latín Britannia), ou máis exactamente que habitaban a parte da illa limitada ao Norte polos ríos Clyde e Forth (en Escocia hoxe).

Outros habitantes de Bretaña[editar | editar a fonte]

Os outros habitantes da illa nese momento eran, ao norte destes ríos, os Caledonios, Maeatae, Attacotti etc., ou, logo, a confederación dos pictos; e sobre as costas galesas, os Hiberni, ou gaels de Irlanda. Máis tarde chegaron os anglos e os saxóns, asentados en inicio nas costas do Leste; os escotos, vidos de Irlanda, e situados na parte occidental da Caledonia.

Deste xeito, a definición abre a dupla cuestión do poboamento da illa de Bretaña, e do «carácter céltico» dese poboamento. Tal cuestión debe considerarse para dous períodos distintos que duran preto de mil anos: durante a prehistoria e a protohistoria da illa, antes da conquista romana dunha banda; durante a Alta Idade Media doutra banda.

Orixes prehistóricas[editar | editar a fonte]

Mapa dos asentamentos bretóns arredor do século VI d.C.

Os bretóns, é dicir, os antigos habitantes de Gran Bretaña na época inmediatamente anterior á conquista romana, comprendían numerosas tribos e pobos, cun carácter céltico comprobado, especialmente no Sur da illa e na foz do río Támesis; entanto «cando e como as illas –Bretaña e Irlanda– se celtizaran é descoñecido» (Barry Raftery).

Se as relacións continuas co continente existían durante o período de Hallstatt (na primeira Idade de ferro), o certo é que a produción arqueolóxica das illas nesta época se mantén resoltamente autóctona.

Na época de La Tène, existiu unha metalurxia do ferro nas dúas illas (desde o século VII a.C.). Mais é preciso agardarmos ata o século IV a.C. (e ata o II ou I en Irlanda), para que o material arqueolóxico mostre unha produción metalúrxica laténiana, e faltan totalmente paralelos da fase antiga de La Tène. Ao tempo, a «sociedade bretoa» revela innúmeros indicios dunha xerarquía moi forte, dominada por unha clase aristocrática, capaz mesmo de importar tales obxectos do continente.

A fins do século III a.C., aparecen emisións de moeda no Sur da illa de Bretaña; mais ningunha moeda, no mesmo período, se ten descuberto na Irlanda.

Sen dúbida, salvo a posibilidade de incursións episódicas desde o continente (Norte da Galia, litoral atlántico), o poboamento das Illas británicas afunde as súas raíces na Prehistoria.

Migracións célticas na Alta Idade Media[editar | editar a fonte]

A partir de mediados do século V, novos invasores xermánicos, os anglosaxóns desprazaron progresivamente os bretóns do sur e do leste para o oeste da illa de Bretaña, mentres os irlandeses efectuaban ataques sobre a costa occidental de Bretaña (foi con ocasión dun destes ataques cando foi capturado San Patricio que era bretón). Acabaron por fundar verdadeiros principados nas costas galesas e escocesas. Se os primeiros foron finalmente esmagados, os segundos fundaron Escocia pola fusión do Dal Riada cos reinos britónicos do Norte. Durante este período, sobre o cal faltan fontes fiábeis (son as « épocas escuras » ou Dark Ages da historiografía inglesa), as poboacións celtas pouco romanizadas estabeleceran numerosos « reinos célticos » na illa, especialmente no País de Gales, en tanto outros emigraran para Irlanda. De resto, nisto áchase probabelmente a causa primeira, dunha emigración en masa de bretóns cara a península armoricana, que de aí acabou tomando o nome de Bretaña. Outra parte, menor, chegou a atinxir as costas setentrionais da Galiza, na Península Ibérica, onde fica documentado un bispo Mailoc ou Maeloc, posibelmente do celta Mach Low (latinizado Maclou na Galia), e onde fundan o bispado de Britonia, que lembra o seu país de orixe, e que se acostuma identificar coa actual Bretoña, no concello lucense de A Pastoriza (hai ademais varias Bretoñas máis na Galiza, que sen dúbida teñen a mesma orixe).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]