Manuel de Castro González
Manuel de Castro González | |
---|---|
![]() | |
Alcume | Handicap |
Nacemento | 3 de agosto de 1886 e 7 de agosto de 1885 |
Vigo | |
Falecemento | 27 de agosto de 1944 |
Vigo | |
Causa | atropelamento |
Nacionalidade | España |
Ocupación | xornalista e adestrador de fútbol |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Manuel de Castro González máis coñecido como Handicap, nado en Vigo o 7 de agosto de 1885[1] e finado na mesma cidade o 27 de agosto de 1944, foi un deportista e xornalista deportivo galego.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Foi redactor de Sprint e Faro de Vigo. No mundo do fútbol ocupou diversos postos, dende xogador ata árbitro e directivo. En 1921 comezou a desempeñar a función de adestrador da Selección de fútbol de España labor que desempeñou ata 1927 de forma colexiada con Julián Ruete e José Ángel Berraondo[2].
O labor de seleccionador compaxinábao coa función de vicepresidente do Real Vigo Sporting Club, posto que ocupaba cando en 1923 promoveu, xunto a Juan Baliño Ledo e Pepe Bar, a fusión deste co Real Club Fortuna de Vigo para dar lugar ao Celta de Vigo[3][4].
Tras o nacemento do Celta seguiu vinculado a este club, tendo un papel moi importante na construción do estadio de Balaídos, nos encontros amigábeis ante conxuntos como a selección de fútbol do Uruguai, Boca Juniors ou o Club Nacional de Football.
Amais da selección española tamén dirixiu a selección de fútbol de Galicia en numerosas ocasións, nunha época na que a maior parte do combinado estaba formado por xogadores do Celta. O seu vínculo co deporte foi moito máis xeral, sendo un dos promotores do equipo de atletismo do Celta e mesmo sendo presidente da Federación Galega de Atletismo, tamén foi presidente da Federación Galega de Fútbol[5].
Finou o 27 de agosto de 1944 atropelado por un tren na zona do Areal, ao saír dunha exposición[6]. Unha efixie súa, esculpida por Rafael Álvarez Borrás en 1946, está situada nas proximidades do estadio de Balaídos.
No ano 2011, instaurouse o Premio Manuel de Castro[7], para elixir o mellor xogador do Celta de Vigo do ano natural, mediante votación entre xogadores do primeiro equipo, os xornalistas que seguen ao Celta, as peñas e os afeccionados a través de diversos medios dixitais.
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ González Martín, Gerardo (2011). Handicap creó el Celta. Cardeñoso.
- ↑ "69 años de la muerte de Manuel de Castro, precursor del Celta". www.moiceleste.com. 27 de agosto de 2013.
- ↑ Mosquera, Javier (12 de xuño de 2011). "El cronista deportivo artífice del nacimiento del Celta". Faro de Vigo.
- ↑ Lamas, Jorge (14 de xullo de 2010). "Se fusionan el Fortuna y el Vigo: nace el Celta". La Voz de Galicia.
- ↑ Antón, Soledad (3 de enero de 2012). "Historia de Handicap, el creador del Celta". La Voz de Galicia.
- ↑ Gallego Arzuaga, F. (1998). R. C. Celta 1923 · 1998. 75 años de historia. Faro de Vigo. p. 145.
- ↑ "Nolito recibió el premio Manuel de Castro ´Handicap´". Faro de Vigo. 11 de xaneiro de 2015.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Manuel de Castro González ![]() |
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- "Castro González, Manuel de". Dicionario biográfico de Galicia 1. Ir Indo Edicións. 2010-2011. p. 221.
Ligazóns externas[editar | editar a fonte]
- Soledad Antón (3/4/2012). "Historia de Handicap, el creador del Celta". La Voz de Galicia (en castelán).
- Txema Ereaga (17 de xullo de 2014). "Handicap: el gran fundador del Celta". Fame Celeste (en castelán).