Ángeles Alvariño
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (gl) María de los Ángeles 3 de outubro de 1916 Serantes, España |
Morte | 29 de maio de 2005 (88 anos) La Jolla, Estados Unidos de América |
Educación | Universidade de Santiago de Compostela Universidade Complutense de Madrid |
Actividade | |
Campo de traballo | Oceanografía |
Ocupación | bióloga, oceanógrafa, profesora |
Obra | |
Abreviatura do autor en zooloxía | Alvariño |
Premios | |
María de los Ángeles Alvariño González, nada en Serantes (Ferrol) o 3 de outubro de 1916 e finada en La Jolla (San Diego) o 29 de maio de 2005 e coñecida como Ángeles Alvariño, foi unha zoóloga, oceanógrafa e mestra galega que liderou o comezo a investigación oceanográfica global.[1][2] Destacou por describir 22 novas especies de zooplancto mariño, o seu coñecemento dos quetógnatos e por crear novos indicadores das condicións mariñas.[1][2] Comezou a súa carreira de investigación no Instituto Español de Oceanografía en Madrid e Vigo. A súa seguinte estadía foi a Laboratorio Mariño de Plymouth. Alí converteuse na primeira muller que participou como científica nunha expedición oceanográfica mundial, pois en 1953-1954 participou como investigadora na expedición do buque británico Sarsia. Desde 1956 ata o remate da súa carreira continuou a súa investigación nos Estados Unidos no Instituto Oceanográfico Scripps e no centro de investigación en pesca da NOAA.[2][3]
Ángeles Alvariño recibiu a Medalla de Prata de Galicia en 1993 e foi a figura que escolleu a Real Academia Galega de Ciencias para conmemorar o día 1 de xuño, o Día da Ciencia en Galicia, do 2015.[2][4][5] O Instituto Español de Oceanografía botou un buque en 2012 que leva o seu nome[2][6] e en 2021 o Parlamento Galego aprobou unha lei que recoñece o seu labor.[7]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Nacemento e primeiros estudos
[editar | editar a fonte]Filla do médico Antonio Alvariño Grimaldos e da pianista[8] María del Carmen González Díaz Saavedra, naceu en Serantes[a] en outubro de 1916.[1][9] Desde nova, gustáronlle a lectura[1] e a música, e aprendeu solfexo e piano.[4][8]
Os seus estudos ata secundarios fíxoos no instituto Concepción Arenal de Ferrol. Na Universidade de Santiago de Compostela cursou o bacharelato e rematouno en 1933 cos traballos finais sobre dos Insectos sociais e As mulleres no Quixote. O ano seguinte múdouse a Madrid para estudar na universidade madrileña Ciencias Naturais. Inda que de primeiras se interesou pola medicina, o seu pai, médico, quixo que fose a outros estudos.[9] En Madrid aloxouse na Residencia de Señoritas que dirixía María de Maeztu.[8] Porén, os seus estudos víronse interrompidos pola guerra civil que estourou en 1936. Nos anos da guerra volveu para Ferrol e adicouse a aprender as linguas francesa e inglesa[10], e interesouse polo estudo do litoral galego, como a praia de Doniños.[8]
Casamento e doutoramento
[editar | editar a fonte]En 1940 casou con Eugenio Leira Manso, capitán da Mariña de Guerra Española e pertencente á Orde de San Hermenexildo. O seu marido, que participou no bando sublevado, en 1938 formaba parte do cruceiro Baleares cando foi afundido polos republicanos.[9] Dous anos despois de casaren, tiveron unha nena: María de los Ángeles. Co remate da guerra as universidades volveron a abrir, así que reiniciou os seus estudos en Madrid. Alí obtivo en 1941 a licenciatura e mestrado pola Universidade de Madrid. Entre o 1941 e 1948 adicouse ao ensino de ciencia en varios colexios ferroláns, impartindo a docencia de Bioloxía, Zooloxía, Botánica e Xeoloxía.[1][9]
En 1948 o seu marido destínano a Madrid e ela incorpórase como bolseira no Instituto Español de Oceanografía (IEO). No IEO comezou investigando o porqué das incrustacións mariñas nos barcos, mais axiña se centrou no zooplancto.[11] En 1951 consegue o certificado de doutoramento en Psicoloxía Experimental, Química Analítica e Ecoloxía Vexetal pola Universidade de Madrid.[1][10]
Despois disto oposita e consegue unha praza no laboratorio vigués do Instituto Español de Oceanografía como axudante de laboratorio. Mudouse para alí para continuar co estudo do plancto. Coa colaboración da British Council, entre 1953 e 1954 foi como investigadora convidada ao centro de investigación mariño de Plymouth.[1][9]
Baixo a tutela dos directores Frederick S. Russell e Peter C. Corbim, en Plymouth especialouze no estudo de quetógnatos, sifonóforos, medusas e ctenóforos.[1] Durante ese tempo, participou en campañas oceanográficas a bordo de buques como o Sarsia e percorreu augas do Atlántico e do Pacífico. Con iso, converteuse na primeira muller científica a bordo dos barcos ingleses, e recoñecida como tal.[1][10]
Volveu a Vigo en 1955 e seguiu estudando o plancto. Avanzou no deseño de redes para filtrar o plancto nas expedicións mariñas e da frota pesqueira. En Vigo continuou tanto co estudo do zooplancto no litoral peninsular atlántico, mediterráneo e de Terra Nova, como co estudo da alimentación do bacallau.[9] Esa labor viuse reflectida nas súas primeiras publicacións, que foron nos boletíns do IEO de entre 1951 e 1957.
Ao pouco de estar de volta en Vigo conseguiu outra axuda, da Comisión Fulbrigth, para participar no estudo do zooplancto no Instituto Oceanográfico Woods Hole (WHOI) en Massachusetts. Alí estivo desde 1956 e 1957 coa experta en sifonóforos Mary Sears.[1][9]
Mary Sears contactou co Instituto Oceanográfico Scripps de La Jolla (San Diego, California) para recomendarlle ao seu director, Roger Revelle, a Ángeles Alvariño. Desde ese momento Alvariño exerceu case sempre a súa investigación nos Estados Unidos, sendo xa alí unha investigadora de referencia.[11] Nese centro Scripps estivo investigando ata o 1969. Para a súa investigación no centro conseguiu múltiples liñas financiamento dos departamentos federais do naval ou de pesca dos Estados Unidos.[1][10]
Pola Universidade de Madrid e en 1967, Ángeles Alvariño obtén o seu título de doutora coa tese Los Quetognatos del Atlántico. Distribución y Notas Esenciales de Sistemática.[1][11]
Investigadora radicada nos Estados Unidos de América
[editar | editar a fonte]O seu marido retirou da mariña en 1967 e mudouse con ela a La Jolla ese ano no que se doutorou, e un ano despois de que ela conseguise a nacionalidade norteamericana.[9]
Traballou no Scripps ata o 1969, centrándose no estudo de mostras mensuais de plancto do Atlántico, o Pacífico e o Índico para comprender a desaparición de sardiña, entre outras; e ao estudo das correntes e a dinámica oceánica.[9] Sendo xa doutora, en xaneiro de 1970 consegue a praza de bióloga investigadora no Centro Científico de Pesca do Suroeste (NOAA)[1] dos Estados Unidos, un centro que se acabara de crear polo servizo nacional de pesca marítima americano[12]. Alí continuou co estudo da ecoloxía de quetógnatos e sifonóforos no Pacífico e na Antártico, a depredación de zooplancto e a súa relación coa supervivencia de larvas de peixes, o transporte por correntes do plancto, especies que actúan como indicadores e na dinámica oceánica.[9]
Nese período impartiu clases na Universidade Nacional Autónoma de México en 1976, na Universidade Estatal de San Diego desde 1979 ao 1982 e na Universidade de San Diego desde 1982 ao 1985. Foi tamén profesora visitante na Universidade Federal de Paraná, no Brasil en 1982 e no Instituto Politécnico Nacional de México desde 1982 a 1986. Chegou a ser a coordinadora de liñas de investigación oceánica dos países hispano-americanos entre o 1978 e 1979.[9]
En 1977 denunciou que sufría discriminación por motivos de xénero no centro do National Fisheries Service no que traballaba.[13]
Ocupou o seu posto no Centro de Pesca do Suroeste ata o 1987, cando se xubila. Inda que, malia a estar xubilada, colaborou como científica emérita ata o 1993.
Morreu en California en 2005 (aos 89 anos).
Obra
[editar | editar a fonte]Publicacións
[editar | editar a fonte]Libros
[editar | editar a fonte]- Alvariño, A. et al. (1951) Anguilas y angulas: biología, pesca y consumo (1951). Madrid: Subsecretaría de la Marina Mercante.
- Alvariño, A. Los Quetognatos del Atlántico: distribución y notas esenciales de sistemática (1969). Madrid: Instituto Español de Oceanografía. Volume 37.
- Alvariño, A., Joan M. Wojtan, M. Rachel Martinez (1991) Antarctic Siphonophores from Plankton Samples of the United States Antarctic Research Program: Eltanin Cruises for Spring, Summer, Fall, and Winter (Cruises 3-5, 8-23, 25-28, 30, 35, and 38). American Geophysical Union. ISBN 9780875901732
- Alvariño, A. “Chaetognatha”, páx. 18-19, na Encyclopaedia Britannica, 15 ed., 1974. Chicago 1974
- España y la primera expedición científica oceánica, 1789-1794: Malaspina y Bustamante con las corbetas Descubierta y Atrevida (2002). Santiago de Compostela. Xunta de Galicia. ISBN 84-453-3473-5
Revistas científicas
[editar | editar a fonte]Algunhas das súas principais publicacións en xornais a destacar son:
- Rodríguez, O. et al. (1950) “Endocrines and Fish Migrations”, Industrias Pesqueras, 551-552, páx. 24-25.
- Alvariño, A. (1951) “Marine Fouling. (Incrustaciones Marinas)”, Boletín Instituto Español de Oceanografía, 45, páx. 1-12.
- Alvariño, A. (1952) “Massive death of fishes and Red tide”, Industrias Pesqueras, Vigo, 601-602, páx. 32-33.
- “Chaetognaths” (1965) Oceanography and Marine Biology: Annual Review. H. Barnes ed., Londres. , páx. 155-194, en Contributions Scripps Institution of Oceanography, 35, 1829.
- Alvariño, A. (1974) “The importance of the Indian Ocean as origin of species and biological link uniting the Pacific and Atlantic Oceans”, Journal of the Marine Biological Association of India, 14(2), páx. 713-722.
- Alvariño, A. (1980) “The relation between the distribution of Zooplankton predactors and Engraulis mordax (anchovy) larvae”, California Cooperative Oceanic Fisheries Investigations Reports, 21 páx. 150-160.
Taxonomía
[editar | editar a fonte]Alvariño describiu 22 novas especies e revisou a morfoloxía en varias fases de desenvolvemento ou do ciclo sexual destas e doutras especies de zooplancto, empregando ilustracións e notas. Adicouse a especies de medusas, sifonóforos, quetógnatos e hidromedusas. As especies que describiu como novas foron[2][14][15]
- Sagitta bierii Alvariño, 1961; un quetógnato (agora Serratosagitta bierii Alvariño, 1961)[16]
- Sagitta euneritica Alvariño, 1961; quetógnato (agora Parasagitta euneritica Alvariño, 1961)[16]
- Sagitta scrippsae Alvariño, 1962; un quetógnato (aceptada como Pseudosagitta lyra Krohn, 1853)[17]
- Eukrohnia bathypelagica Alvariño, 1962; un quetógnato[17]
- Sagitta bruuni Alvariño, 1967; un quetógnato (agora Zonosagitta bruuni Alvarino, 1967)
- Sagitta nagae Alvariño, 1967; un quetógnato (agora Zonosagitta nagae (Alvariño, 1967))
- Sagitta tokiokai Alvariño, 1967; un quetógnato (aceptada como Ferosagitta robusta Doncaster, 1902)
- Vogtia kuruae Alvariño, 1967; un sifonóforo (aceptada como Vogtia serrata Moser, 1915) [18]
- Enneanogonum searsae Alvariño, 1968; un sifonóforo (aceptada como Enneagonum hyalinum Quoy & Gaimard, 1827) [19]
- Sulculeolaria brintoni Alvariño, 1968; un sifonóforo (aceptada como Sulculeolaria quadrivalvis de Blainville, 1830) [19]
- Krohnitta mutabbii Alvariño, 1969; un quetógnato (aceptada como Krohnitta pacifica Aida, 1897)
- Spadella hummelinck Alvariño, 1970; un quetógnato (aceptada como Paraspadella pulchella Owre, 1963) [20]
- Spadella gaetanoi Alvariño, 1978; un quetógnato[21]
- Spadella legazpichessi Alvariño, 1981; un quetógnato (agora Paraspadella legazpichessi Alvariño, 1981) [22]
- Nectocarmen antonioi Alvariño, 1983; un sifonóforo (aceptada como Praya dubia Quoy & Gaimard, 1833) [23]
- Heteropyramis alcala Alvariño, 1983; un sifonóforo (aceptada como Heteropyramis maculata Moser, 1925) [24]
- Thalassophyes ferrarii Alvariño, 1983; un sifonóforo (aceptada como Crystallophyes amygdalina Moser, 1925) [24]
- Lensia eugenioi Alvariño, 1984; un sifonóforo (aceptada como Lensia campanella Moser, 1917) [25]
- Lensia eltanin Alvariño, 1984; un sifonóforo (aceptada como Lensia achilles Totton, 1941) [25]
- Lensia landrumae Alvariño, 1984; un sifonóforo (aceptada como Lensia hunter Totton, 1941) [25]
- Spadella pimukatharos Alvariño, 1987; un quetógnato [26]
- Pandea cybeles Alvariño, 1988; unha medusa [27]
-
O sifonóforo Crystallophyes amygdalina, un cnidario descrito por Alabariño como Thalassophyes ferrarii.
A abreviatura Alvariño emprégase para indicala como autoridade na descrición e taxonómica.
Epónimos
[editar | editar a fonte]As especies as que se catalogou empregando o seu nome son:
- Aidanosagitta alvarinoae (Pathansali, 1974) (quetógnato).
- Lizzia alvarinoae Segura 1980 (hidromedusa).
Honras
[editar | editar a fonte]- En 1993 foi distinguida coa Medalla de Prata de Galicia.
- En 2005, ano do seu falecemento, a Universidade da Coruña dedicoulle a Semana das Ciencias.
- Así mesmo, nese ano o concello de Ferrol rendeulle unha homenaxe póstuma no Campus de Esteiro, onde se descubriu unha placa conmemorativa en honor a unha das mulleres máis destacadas no mundo da ciencia.[1]
- O 24 de febreiro de 2012, o Instituto Español de Oceanografía botou en Vigo o buque oceanográfico "Ángeles Alvariño".[6]
- En 2013 a Universidade da Coruña creou o Concurso de Traballos Académicos con Perspectiva de Xénero Ángeles Alvariño.[28]
- En 2021 o Goberno Galego aprobou unha lei pola igualdade na carreira investigadora que leva o seu nome, Lei Ánxeles Alvariño. [29][30]
- 0 3 de outubro de 2021, Google dedicoulle un doodle.[31]
- En 2022 o Ministerio de Ciencia e Innovación publicou as bases da primeira convocatoria dos Premios Nacionales de Investigación para Jóvenes, entre eles o Premio Nacional Ángeles Alvariño, na área de ciencias e tecnoloxías dos recursos naturais. [32]
- En 2023 a revista Gciencia considerouna unha das 20 mulleres de ciencia en Galicia que había que coñecer.[33]
Legado
[editar | editar a fonte]O seu legado inclúe máis dun cento de publicacións científicas, entre libros e artigos en revistas, as 22 especies de animais mariños que descubriu durante a súa carreira e a súa contribución duradeira á investigación de pequenas formas de vida nos océanos do mundo.
Ao seu falecemento en La Jolla (San Diego), o 29 de maio de 2005, deixou rematado un manuscrito sobre as aves e outros animais mariños achados na expedición Malaspina e que foron estudados por ela. Trátase dun proxecto que proximamente será rematado e traducido pola súa filla, Ángeles Leira Alvariño.[1]
O arquivo municipal da Coruña contará en breve[cando?] cunha importante biblioteca científica, formada por un millar de libros, ademais de mapas, debuxos, gravados e a correspondencia que, con científicos de todo o mundo, mantivo Ángeles Alvariño. O principal motivo de que estes fondos terminen na Coruña é que Alvariño desexaba que o seu legado científico volvese a España (México era outra alternativa), e outra das razóns é a presenza na cidade dos museos científicos, para os que este legado ten un interese especial. A súa filla estivo en agosto do 2011 cos responsábeis da Concellaría de Cultura para iniciar os trámites.[3]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Ata o 1940 Serantes foi un concello de por si, e logo integrouse dentro do concello de Ferrol.
- ↑ 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 1,12 1,13 1,14 Borrazas, Carolina (2007). "Ángeles Alvariño: Unha precusora na investigación oceanográfica mundial". Álbum de Mulleres. CCG. Consultado o 12/03/2018.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 Alberto González-Garcés Santiso (Abril de 2016). Ángeles Alvariño González, investigadora marina de relevancia mundial (PDF). Vigo: Instituto Español de Oceanografía, Ministerio de Economía y Competitividad. p. 122. ISBN 978-84-95877-54-3. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 11 de outubro de 2016. Consultado o 14 de marzo de 2018. Arquivado 11 de outubro de 2016 en Wayback Machine.
- ↑ 3,0 3,1 "A Coruña recupera a una pionera de la ciencia natural". Concello da Coruña. 16/09/2008. Arquivado dende o orixinal o 01/08/2012. Consultado o 26/02/2012. Arquivado 01/08/2012, en Archive.is
- ↑ 4,0 4,1 Pérez Cribeiro, Antonio (6/06/2005). "La mayor científica gallega". La Voz de Galicia (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 10/03/2016. Consultado o 12/01/2018.
- ↑ "La oceanógrafa Ángeles Alvariño protagoniza las actividades para celebrar el Día de la Ciencia en Galicia". 20Minutos (en castelán). 31/05/2015. Consultado o 12/01/2018.
- ↑ 6,0 6,1 "Nuevo buque oceanográfico español". El País (en castelán). Madrid. 24/02/2012. Consultado o 13/03/2018.
- ↑ "O Parlamento aproba a 'lei Ángeles Alvariño' para evitar a discriminación ás científicas que sexan nais". Praza Pública. 2021-07-13. Consultado o 2021-07-14.
- ↑ 8,0 8,1 8,2 8,3 educaBarrie; Real Academia Galega de Ciencias (01/06/2015). "Ángeles Alvariño. Día da Ciencia en Galicia 2015" (vídeo).
- ↑ 9,00 9,01 9,02 9,03 9,04 9,05 9,06 9,07 9,08 9,09 9,10 Fraga Vázquez, Xosé A (17/04/2014). "Ángeles Alvariño González: Experta internacional no estudo do zooplancto mariño". culturagalega.gal. Consello da Cultura Galega. Consultado o 13/03/2018.
- ↑ 10,0 10,1 10,2 10,3 "Ángeles Alvariño. Una precusora en la investigación oceanográfica mundial". Galicia Aberta, Coñecendo Galicia. Xunta de Galicia. Consultado o 13/03/2018.
- ↑ 11,0 11,1 11,2 "El IEO participa en el homenaje a Ángeles Alvariño en el Día da Ciencia de Galicia". Instituto Español de Oceanografía. 29/05/2015. Arquivado dende o orixinal o 15/03/2018. Consultado o 13/03/2018.
- ↑ En lingua inglesa, o Southwest Fisheries Center (SWFSC), que é un centro que foi parte da sección National Marine Fisheries Service da National Oceanic and Atmospheric Agency (NOAA)
- ↑ culturagalega.org (2018-04-16). "A filla da oceanógrafa recorda a súa denuncia ante a administración Carter por discriminación de xénero". culturagalega.org. Consultado o 2021-01-07.
- ↑ "Anexo de bibliografia de Ángeles Alvariño ou "Produción científica de Ánxeles Alvariño" en Ángeles Alvariño: Unha precusora na investigación oceanográfica mundial"". Consello da Cultura Galega, Comisión de Igualdade.
- ↑ Busca realizada no World Register of Marine Species (WoRMS) e no Integrated Taxonomic Information System (ITIS) en 2018. Aquelas especies nas que se indica aceptada como [...] é porque o nome taxonómico proposto por A. Alvariño foi revisado e o consenso de nomenclatura fai prevalecer outra referencia sobre da súa proposta. Aquelas especies nas que se indica agora [...] é porque esa especie foi clasificada noutro xénero, ou i.e. dentro doutra orde ou clase diferente.
- ↑ 16,0 16,1 Alvarino A. (Jan 1961). "Two new chaetognaths from the Pacific". Pacific Science Volume (University of Hawai'i Press) 15 (1): 67–77. ISSN 0030-8870.
- ↑ 17,0 17,1 Alvariño A (1962). "Two new Pacific chaetognaths: their distribution and relationship to allied species". Bulletin of the Scripps Institution of Oceanography (Contribution from the Scripps Institution of Oceanography.) (La Jolla, California: University of California Press) 8 (1).
- ↑ Alvariño, A. (1967). "A new Siphonophora, Vogtia kuruae n. sp.". Pacific Science Volume (University of Hawai'i Press) 21 (2): 236–240. ISSN 0030-8870.
- ↑ 19,0 19,1 Alvariño A (1968). "Two New Calycophorae, Siphonophorae". Pacific Science Volume (La Jolla, California: University of California Press) 22 (3): 340–346.
- ↑ Alvariño, A. (1970). "A new Spadella (benthic Chaetognatha)". Studies on the Fauna of Curaçao and other Caribbean Islands 125: 73–89.
- ↑ Alvariño, A. (1978). "Spadella gaetanoi, a new benthic Chaetognatha from Hawaii" (PDF). Proceedings of the Biological Society of Washington (Washington): 650–657. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 28 de xaneiro de 2017. Consultado o 14 de marzo de 2018.
- ↑ Alvariño, A. (1981). "Spadella legazpichessi a new benthic Chaetognatha from Enewe Marshall Islands" (PDF). Proceedings of the Biological Society of Washington (Washington) 1 (94): 107–121. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 28 de xaneiro de 2017. Consultado o 14 de marzo de 2018.
- ↑ Alvariño, A. (1983). "Nectocarmen antonioi, a new Prayinae, Calycophorae, Siphonophora from California". Proc. Biol. Soc. Wash 96 (3): 339–348.
- ↑ 24,0 24,1 Alvariño, A.; Franwick K.R. (1983). "Heteropyramis alcala and Thalassophyes ferrarrii, new species of Clausophyidae (Calycophorae: Siphonophorae) from the South Pacific" (PDF). Proceedings of the Biological Society of Washington 96 (4): 686–692.
- ↑ 25,0 25,1 25,2 Alvariño, A.; Wojtan, J. M. (1984.). "Three new species of Lensia, and description of the eudoxia stages of Lensia reticulata and Lensia lelouveteau (Calycophorae: Siphonophorae)". Proceedings of the Biological Society of Washington (Washington) 97 (1): 49–59.
- ↑ Alvariño, A. (1987). "Spadella pimukatharos, a new benthic chaetognath from Santa Catalina Island, California". Proceedings of the Biological Society of Washington. 1 (Washington: Biological Society) 100: 125–133.
- ↑ Alvariño, A. (1987). "Pandea cybeles, a new Medusa from the Sargasso Sea". Proceedings of the Biological Society of Washington (Washington) 100 (1): 125–133.
- ↑ "VIII Conc de trabajos académicos con perspectiva de género "Ángeles Alvariño"". www.udc.es. Arquivado dende o orixinal o 14 de febreiro de 2021. Consultado o 2020-12-28. Arquivado 14 de febreiro de 2021 en Wayback Machine.
- ↑ "Igualdade na investigación e a ciencia". La Voz de Galicia (en castelán). 2021-07-13. Consultado o 2021-10-03.
- ↑ Redacción (2021-07-13). "O Parlamento aproba a lei "Ángeles Alvariño" pola igualdade na investigación". GCiencia. Consultado o 2021-10-03.
- ↑ "Los doodles de ‘mujeres con ciencia’ | Ciencia y más". Mujeres con ciencia (en castelán). 2015-01-21. Consultado o 2021-10-03.
- ↑ "Ángeles Alvariño y Ángela Ruiz Robles darán nombre a dos premios nacionales de investigación". Enfoques (en castelán). 2022-05-27. Arquivado dende o orixinal o 27 de maio de 2022. Consultado o 2022-05-29.
- ↑ García, Victoria (2019-03-07). "Vinte mulleres de ciencia en Galicia que tes que coñecer". GCiencia. Consultado o 2023-02-11.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Díaz-Fierros, F.; Fraga, X. A.; Mato, A., eds. (2018). Álbum da ciencia: 30 nomes e as súas achegas. Santiago de Compostela: CCG. pp. 18–21. ISBN 978-84-92923-94-6.
- Marco, Aurora (2007). Dicionario de Mulleres Galegas. Edicións A Nosa Terra. p. 28. ISBN 978-84-8341-146-9.
- Pintos Barral, Xoana (2021). Tiven a chave, a bicicleta e os catro libros. Editorial Galaxia. ISBN 978-84-9151-624-8.
- Rodríguez, Anair (2018). Pioneiras. Galegas que abriron camiño. Xerais. 32 páxs. Ilustracións de Nuria Díaz. ISBN 978-84-9121-310-9.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Oceanografía
- Ángeles Alvariño (2012), buque oceanográfico.
- A ciencia ten nome de muller (en Wikibooks)
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Borrazas, Carolina. "Ángeles Alvariño". Álbum da Emigración do Consello da Cultura Galega.
- Borrazas, Carolina (2007). "Ángeles Alvariño". Álbum de Mulleres do Consello da Cultura Galega.
- Fraga Vázquez, Xosé A. (17/4/2014). "Ángeles Alvariño". Álbum da Ciencia do Consello da Cultura Galega.
- Encyclopedia of World Biography. Angeles Alvariño Ampla biografía. (en inglés) Consultado o 25/2/2012.
- Ángeles Alvariño, pioneira da Oceanografía (5/3/2018) en GCiencia