Ramón González Sierra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Ramón González Sierra
Nacemento3 de decembro de 1897
 Vigo
Falecemento15 de agosto de 1944
 Vigo
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónoftalmólogo
editar datos en Wikidata ]

Ramón González Sierra, nado en Vigo o 3 de decembro de 1897 e finado na mesma cidade o 15 de agosto 1944, foi un oftalmólogo galego e médico de Castelao.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Estudante aplicado, acadou numerosas matrículas no Bacharelato e na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela e foi presidente da Federación Oficial de Estudantes.

Na capital de Galicia os docentes afirmaron que fora o mellor alumno dos últimos anos. Non era un empollón afastado da súa contorna, senón un universitario reivindicativo, que chegou a organizar e presidir a asociación de estudantes do seu tempo.[1]

El Compostelano dá conta dunha reunión de estudantes presidida por González Sierra para acordar cal sería a reacción dos estudantes polo pasamento de Cleto Troncoso, antigo rector da universidade.[2] En 1922 remata os seus estudos de medicina en Compostela[3] para continuar a súa formación en Madrid, onde acada o grao de doutor. A seguir realiza cursos de especialidade en oftalmoloxía en Francia, Suíza e diversas clínicas norteamericanas. A súa estadía en Bordeos marca un fito na súa traxectoria formativa e profesional. Alí entra en contacto co eminente profesor Pierre-Félix Lagrange. Na súa clínica aprende novas técnicas e, como resutado da súa pescuda, publica en 1925 un artigo científico sobre unha técnica de coloración no ollo vivo, asinado conxuntamente con Paul Presme.

En 1926 instálase en Vigo, na Porta do Sol,[4] e empeza a exercer a profesión.[5] Un dos seus pacientes máis coñecidos foi o político e escritor Castelao, a quen tratou a miúdo desde 1927. Ese ano o caricaturista viaxou a Bordeos con Antón Iglesias Vilarelle para ser tratado dos seus problemas de vista polo doutor Lagrange mais González Sierra, discípulo do prestixioso oftalmólogo, será quen se faga cargo do duro tratamento que evita a cegueira de Castelao. O debuxante dedícalle unha caricatura.[6]

Participa na creación da Academia Médico-Quirúrgica de Vigo en 1929, canda outros médicos, como Colmeiro Rey, Manuel Paz Varela, José Troncoso e a xinecóloga Olimpia Valencia. Precisamente con ela intervén en 1934 no acto de homenaxe que a academia lle fai ao radiólogo Nicolás Paz Pardo. Olimpia Valencia fai un discurso sobre a muller galega e González Sierra sobre a práctica clínica do homenaxeado. Ese mesmo ano foi designado para formar parte do comité que impulsaba o Congreso Internacional de Ciencias de Vigo, un encontro que contaba co apoio da universidade compostelá.[7] Formaban parte tamén deste comité de cidadáns ilustres, o avogado Juan Amoedo, o enxeñeiro Manuel Espárrago, o médico José Ramón de Castro e mais o arquitecto Jenaro de la Fuente Álvarez.

En decembro de 1934 convídano a participar nun ciclo de conferencias dos médicos galegos de prestixio na universidade compostelá. Nel participaron tamén o profesor de fisioloxía na Universidade de Santiago Misael Bañuelos, o cirurxián e militar Mariano Gómez Ulla e o histólogo Isaac Costero.[8][9] O texto da conferencia pronunciada por González Sierra, Semiología pupilar, publicouse en 1935. Os anuncios e mais a crónica posterior do acto subliñan o interese que suscitaba o antigo estudante convertido en oftalmólogo de grande reputación científica, o seu carácter nervioso e a súa oratoria coidada.[10][11]

A súa traxectoria como investigador e conferenciante quedou fanada pola guerra civil. Incorporouse ao exército sublevado como tenente médico.[12] Ao remate da contenda retoma o labor profesional na súa clínica ata o pasamento, por cancro, en 1944. Foi soterrado no cemiterio de Pereiró.[13]

Publicacións[editar | editar a fonte]

  • El ciego ante los videntes: conferencia pronunciada en el centro de Hijos de Vigo. [Galicia], 1934.
  • Semiología pupilar: conferencia pronunciada en la Facultad de Medicina de Santiago. Pontevedra, Celestino Peón, 1935.
  • "Ensayos de coloración vital en el estudio microscópico del ojo vivo. Trabajo de la clínica oftalmológica de Profesor Lagrange, por los Doctores Paul Pesme y Ramón González Sierra", Boletín Oficial del Colegio Provincial de Médicos de Pontevedra (01/07/1925), núm. 12, p. 10-14.    

Vida persoal e familiar[editar | editar a fonte]

O seu pai foi o médico cubano, de ascendencia galega, Tomás González García, quen traballou na Beneficencia Municipal de Vigo e representaba o Partido Conservador no Concello de Vigo, con Sanjurjo Badía.[14][15]

Casou en 1929 con Antonia Padín Botana (1903-2003). O enlace foi amplamente publicitado na prensa. El Compostelano dedicoulle unha columna enteira aos agasallos recibidos de parentes, o que permite reconstruír a súa rede familiar (Armando Cotarelo era tío da noiva) e, sobre todo, comprobar a excelente posición social do matrimonio.[16] O seu sogro era o médico Anselmo Padín Jorge e o seu cuñado, Pablo Padín Botana, tamén se estableceu como oftalmólogo en Vigo en 1939.[17]

Tiveron tres fillos: Ramón, Tomás e María Antonia, que en 1957 legalizan o primeiro apelido composto, González-Sierra, en memoria do pai.[18]

O seu fillo, Ramón González-Sierra Padín, nado en Vigo en 1931 e finado na mesma cidade o 11 de marzo de 2014,[19] continuou a tradición familiar e exerceu como oftalmólogo na clínica que creara o pai. A súa amiga María do Carme Kruckenberg dedicoulle un libro de poemas, Cantigas de amor a Ramón González-Sierra do Pampillón (1972). No título faise referencia ao Pazo de Pampillón, en Vilaza (Gondomar), que era propiedade do médico.

O neto, Ramón Plana González-Sierra, biólogo, é consultor medioambiental, experto en compostaxe e docente externo na Universidade de Vigo.

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

Poucas semanas logo do seu pasamento fíxose un chamamento público para organizar unha homenaxe ao que era coñecido como "o médico dos pobres".[20] Ten rúa en Vigo, na zona das Travesas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Un año trágico para la Medicina local". La Voz de Galicia (en castelán). 2006-09-23. Consultado o 31-8-2018. 
  2. El Compostelano: diario independiente (14/03/1922), p. 2.
  3. El Compostelano: diario independiente (10/06/1922).
  4. Nos anuncios da clínica inseridos nos xornais aparecen sucesivamente como rúa Elduayen (no rueiro republicano) e Capitán Carreró (no rueiro franquista).
  5. Boletín Oficial del Colegio Provincial de Médicos de Pontevedra (01/04/1926), núm. 21, p. 40.
  6. Castelao. Obra completa. T. 6. Epistolario. Vigo, Galaxia, 108-109; 746).
  7. Luz (28/03/1934), p. 11.
  8. Anales de la Academia Médico-Quirúrgica de Vigo (1934), núm. 2, p. 220.
  9. Gurriarán, Ricardo. Ciencia e conciencia na universidade de Santiago (1900-1940). S.P. da USC, 2006, p. 536. ISBN 9788497506441
  10. El Eco de Santiago: diario independiente (29/11/1934), p. 3.
  11. El Compostelano: diario independiente (3/12/1934), p. 2.
  12. BOE, Tetuán (24/02/1937).
  13. "Ramón González Sierra". Archivos de la Sociedad Oftalmológica Hispano-Americana (1944), núm. 9-10, p. 1007-1008.
  14. En 1925, na gabanza que a revista de Bos Aires Céltiga lle dedica ao novo oftalmólogo pola súa carreira internacional, infórmase  que o seu pai, Tomás González está instalado en Vigo mentres que outros dos seus fillos están en América: "felicitaciones que hacemos extensivas a su señor padre que ejerce -también- la carrera de Hipócrates, en Vigo, y a sus hermanos, radicados entre nosotros."
  15. "Biografías. Antonio Sanjurjo Badía". Vigopedia (en castelán). 2014-03-18. Consultado o 31-8-2018. 
  16. "Enlace Padín-Sierra". El Compostelano: diario independiente (16/01/1929), p. 2.[1]
  17. El Compostelano: diario independiente (2/01/2019), p. 2 e (11/12/1939), p. 1.
  18. BOE (3/04/1957), p. 84.
  19. "Esquela online de Ramón González-Sierra Padín fallecido en Vigo/Pontevedra #DEP". Rememori (en castelán). Consultado o 31-8-2018. 
  20. "Tributo póstumo a Ramón González Sierra". El Compostelano: diario independiente (09/09/1944), p.4.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • "Los gallegos que triunfan". Céltiga (10/08/1925), núm. 15, p. 10.[2]
  • "Ramón González Sierra". Archivos de la Sociedad Oftalmológica Hispano-Americana (1944), núm. 9-10, p. 1007-1008