Darío Álvarez Blázquez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Darío Álvarez Blázquez
Dario alvarez blazquez casa.jpeg
Nacemento30 de setembro de 1910
Lugar de nacementoTui
Falecemento7 de xuño de 1979
Lugar de falecementoVigo
SoterradoCemiterio de Pereiró
NacionalidadeEspaña
Alma máterUniversidade de Santiago de Compostela
Ocupaciónmédico e escritor
PaiDarío Álvarez Limeses
NaiMaría Blázquez Ballester
FillosDarío Álvarez Gándara e Alfonso Álvarez Gándara
IrmánsXosé María Álvarez Blázquez e Emilio Álvarez Blázquez
editar datos en Wikidata ]

Darío Álvarez Blázquez, nado en Tui o 30 de setembro de 1910 e finado en Vigo o 7 de xuño de 1979, foi un médico e escritor galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo de Darío Álvarez Limeses e María Blázquez Ballester, irmán de Emilio e Xosé María Álvarez Blázquez, tras estudar en Tui o ensino elemental fixo o bacharelato por libre examinándose en Pontevedra e a carreira de medicina na Universidade de Santiago de Compostela, acadando a licenciatura en 1932. Posteriormente especializouse en pulmón e corazón no Hospital de San Carlos de Madrid.

Estableceuse como médico en Tui e dende 1933 a 1936 ocupou a praza de tisiólogo no Centro Secundario de Hixiene Rural da Guarda. Tamén foi profesor auxiliar da cátedra de Ciencias Naturais no Instituto de Tui. En 1942 estableceuse a Vigo onde foi médico en Pescanova e outras entidades.

Foi membro do Partido Galeguista e o promotor da creación da agrupación local tudense. Foi detido os primeiros días despois do Golpe de Estado do 18 de xullo de 1936. En 1947 foi detido en Vigo xunto a varios profesionais por pertencer a U.I.L. (Unión de Intelectuais Libres), e en 1974, foi fundador da Xunta Democrática de Vigo e de Galicia. Neste anos fundou tamén o Movemento Socialista de Galicia que máis tarde se fusionaría co Partido Socialista Galego, abandonando o partido en 1977.

Faleceu na súa clínica da rúa Marqués de Valadares cando agardaba polo primeiro paciente da tarde, e foi soterrado no cemiterio de Pereiró.[1] Foi membro correspondente da Real Academia Galega e da Academia de Medicina de Sevilla.

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Casou con Carmen Gándara Fernández, e foi pai de Darío e Alfonso Álvarez Gándara.

Obra[editar | editar a fonte]

Familia Álvarez Blázquez. De esq. a der.: Celso, o pai Darío Álvarez Limeses, Darío, a nai María, Álvaro, Alfonso, Emilio e Xosé María de pé.[2]

Colaborou en numerosos periódicos e revistas: Galicia Emigrante, El Pueblo Gallego, La Noche, Faro de Vigo, La Voz de Galicia, Papeles de Son Armadans, Jornal de Noticias. Escribiu dúas novelas en castelán: O fracaso de Clayton (1938, traducida ao galego en 1994) e A las cinco en punto (1939) asinadas co pseudónimo de Lázaro Evia.

A súa tese de doutoramento (1960) está dedicada a Francisco Sánchez e en 1964 publicou o libro Francisco Sánchez, “El escéptico”. Un gallego precursor. Tamén publicou traballos sobre a época de guerra civil na comarca do Baixo Miño: "Historias de la retaguardia nacionalista" na revista Historia y vida (1975), e unha serie de artigos en La Voz de Galicia titulados "Historias de fuxidos".

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Ayer falleció en Vigo Darío Álvarez Blázquez". La Voz de Galicia. 8 de xuño de 1979. 
  2. "Real Academia Galega. Boletín n.º 369, 2008, p. 220" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 04 de febreiro de 2017. Consultado o 08 de maio de 2017. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]