Martín Echegaray

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Martín Echegaray Olañeta
Martín Echegaray Olañeta
Nacemento 28 de outubro de 1866
Lugar San Tomé de Freixeiro
Falecemento 18 de xullo de 1931 (64 anos)
Lugar Baños de Molgas
Cónxuxe(s) Inocencia García Iglesias
Fillo(s) sete

Martín Echegaray Olañeta, nado en Freixeiro (Vigo) o 28 de outubro de 1866 e finado en Baños de Molgas o 18 de xullo de 1931, foi un empresario, político e filántropo galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Emigrou a Buenos Aires con trece anos. Foi dependente de comercio e co tempo converteuse nun próspero comerciante. Amasou unha gran fortuna con negocios de navegación e comercio transoceánico. En 1906 puxo en marcha un proxecto de navegación rápida de grandes transatlánticos entre Europa e o Río da Prata. Formou parte da colectividade galega de Buenos Aires vinculado ás iniciativas para a creación dunha entidade que agrupara á emigración galega como o frustrado Centro Galego a a Unión Galega. Foi tamén colaborador da Sociedade Hispanoamericana Val Miñor. Tamén formou parte dos círculos republicanos e da masonería liberal da capital arxentina e foi membro correspondente da Real Academia Galega.[1][2]

Anuario de ferrocarriles españoles. 1915, p. 275.

De regreso a España o 13 de maio de 1906, instalouse primeiro en Xixón e despois en Vigo en 1910. Creou con outros socios a Compañía de Tranvías Eléctricos de Vigo, da que foi o primeiro presidente. Mercou a illa de Toralla a Enrique Lameiro e instalou nela unha residencia de verán denominada Vila Gioja. Foi concelleiro en Vigo en 1922. Foi presidente do Centro Republicano Vigués e membro da Loxa Masónica Vicus nº 8. Morreu cando tomaba as augas en Baños de Molgas e foi soterrado no cemiterio de Pereiró. Máis tarde os seus restos foron trasladados a Buenos Aires, onde descansan nun panteón familiar.

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Casou con Inocencia García Iglesias. O seu fillo Segundo Echegaray García foi asasinado polos falanxistas en setembro de 1936. Outros fillos: Juan, Eduarda, Luis, Isabel e Inocencia, exiliáronse, coa nai, na Arxentina e outro fillo, Martín Echegaray García, pintor, permaneceu en Francia.[3]

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

Foi nomeado fillo predilecto de Vigo o 14 de marzo de 1907.

Durante a República a estrada que comunicaba a estación de Coruxo con Canido levou o seu nome. Hoxe lévao unha rúa que conecta a Avenida da Florida coa Avenida de Castelao.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]