Saltar ao contido

Francisco de Asís

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaFrancisco de Asís

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento(it) Giovanni di Pietro di Bernardone Editar o valor en Wikidata
p. 24 de xuño de 1182 Editar o valor en Wikidata
Asís Editar o valor en Wikidata
Morte3 de outubro de 1226 Editar o valor en Wikidata (44 anos)
Porciúncula Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaBasílica de San Francisco de Asís Editar o valor en Wikidata
Custodio de Terra Santa
1219 
Ministro Xeral da Orde dos Franciscanos
Fundador de orde ou congregación
Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
Grupo étnicoPobo italiano Editar o valor en Wikidata
RelixiónIgrexa católica Editar o valor en Wikidata
Actividade
Campo de traballoTeoloxía, misticismo, predicación, poesía, oración e estatuto Editar o valor en Wikidata
Ocupaciónpoeta, fundador, crego católico de rito romano, peregrino, teólogo, místico, clérigo regular, predicador, diácono, misioneiro, escritor relixioso, escritor, fundador de orde ou congregación Editar o valor en Wikidata
PeríodoIdade Media Editar o valor en Wikidata
AlumnosBernardo de Quintaval, Giovanni da Pian del Carpine, Pietro Catanii e Elías de Asís Editar o valor en Wikidata
Orde relixiosaOrdes franciscanas Editar o valor en Wikidata
Enaltecemento
Día de festividade relixiosa4 de outubro Editar o valor en Wikidata
Patrón deAmbiente, Italia, animais, San Francisco, comerciante, I Zakon franciszkański e Terceira orde de San Francisco Editar o valor en Wikidata
Familia
Cónxuxesen valor Editar o valor en Wikidata
PaisPietro di Bernardone dei Moriconi Editar o valor en Wikidata  e Pica de Bourlemont Editar o valor en Wikidata
Cronoloxía
1216aparición de Cristo e María a San Francisco de Asís na capela da Porciúncula
San Francisco predicando ás aves
Estigmatización de San Francisco Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteDicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron
Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron
Grande Enciclopedia Soviética (1926 - 1947) Editar o valor en Wikidata
Enciclopedia Galega Universal: 127748 BNE: XX914146 Musicbrainz: 6f0b6645-8570-4090-b79d-876b851d2755 Discogs: 717190 IMSLP: Category:Francis_of_Assisi,_Saint WikiTree: Di_Bernardone-1 Find a Grave: 5115 Editar o valor en Wikidata
Francisco de Asís pintado por Francisco de Zurbarán.
Imaxe de Francisco de Asís no convento de San Francisco de Louro.

San Francisco de Asís (en italiano Francesco d'Assisi), nado en Asís o 5 de xullo de 1182 e finado na mesma vila o 3 de outubro de 1226, foi un relixioso italiano. Fundador da Orde franciscana, e patrón cristián dos ecoloxistas, dos naturistas ou nudistas[1] e por revindicar a protección dos animais e o ambiente. Foi canonizado pola Igrexa católica en 1228, e a súa festividade celébrase o 4 de outubro.

Fillo do próspero comerciante Pedro Bernardone, o seu nome auténtico era Xoán, pero como o seu pai comerciaba moito con Francia, alcumárono Francesco. Durante a súa primeira mocidade, adicouse á diversión, á disipación e á ostentación: A súa fogosa xuventude fervía en pecados (Celano, Vida primeira). Amigo das tradicións cabaleirescas, participou nas guerras de Perugia; estivo prisioneiro un ano e, tras ser liberado, caeu enfermo. Recuperado, alistouse nas tropas de Gauthier de Brienne, pero volveu enfermar no camiño de Roma e retornou a Asís. Nese momento, volveuse máis meditabundo e ensimesmado. De vida refinada, sentía unha gran repulsa polas doenzas repugnantes, ata que un día se cruzou cun leproso e, vencendo o seu noxo, achegouse a el e bicouno. Isto cambiou a súa vida, comezou a atender enfermos nos hospitais e a facer esmolas: Vivía cos leprosos, lavaba os seus corpos infectos e curaba as súas úlceras purulentas (Celano, Vida primeira)

Desprendemento

[editar | editar a fonte]

Adoitaba ir orar ás aforas da vila, na igrexa de San Damián, onde escoitou unha voz que lle dicía: Francisco, repara a miña casa, pois xa ves que está en ruínas. Entón, crendo que a voz se refería ao edificio do templo no que oraba, decidiu contribuír á súa reparación e vivir alí como un anacoreta.

Cando volveu a Asís, recibiu as burlas dos seus paisanos, que se rían do seu aspecto desleixado e abandonado. O seu pai encerrouno e golpeouno e máis tarde obrigouno a comparecer perante o Bispo Guido de Asís. O bispo cominouno a que devolvese o diñeiro do seu pai, empregado en atender os pobres e enfermos e en reparar San Damián e díxolle que Deus non quere que a súa Igrexa goce de bens adquiridos inxustamente. Daquela Francisco sacou os vestidos e, quedando espido, dixo: os meus vestidos son do meu pai. Pedro Bernardone indignado abandonou o pazo episcopal.

Liberado de todos os bens e tras renunciar á herdanza do seu pai, ía polos camiños cantando louvanzas a Deus e bendicíndoo pola bondade e beleza das súas criaturas. Nin as malleiras dos bandoleiros ripábanlle a alegría. Cando volveu a Asís, despois de varios anos, atopou o desprezo e a xacarandaina. Alí retomou a idea de restaurar San Damián coas súas propias mans.

Trasladouse a unha sinxela capeliña chamada Porziuncola. Daquela, nunha celebración, escoitou as palabras de Xesús de Nazaret que obrigaba a dar gratis o que gratis se recibira e a non posuír nin diñeiro, nin dúas túnicas, nin sandalias, nin báculo, nin alforxas e a ir polo mundo coma años no medio de lobos. Isto tocoulle moi fondo e desfíxose do pouco que aínda levaba enriba e ficou cunha túnica de la como a dos labregos miserentos da Umbría.

Primeiros discípulos

[editar | editar a fonte]

Tras este xesto, sentiu un grande entusiasmo interior que o impulsaba a predicar a conversión e a noticia alegre da paz do Señor. Empezou a ter discípulos e seguidores. O primeiro foi o rico comerciante Bernardo de Quintavalle que tras ler a Biblia con Francisco, decidiu repartir as súas riquezas entre os pobres. Vivían nunha cabana en Rivo Torto non lonxe de Asís.

En 1210, Francisco redactou a primeira regra franciscana e foron a Roma para que o Papa a aprobase. En Roma encontrou censura e incomprensión por parte das autoridades eclesiásticas, pero, unha vez analizada a regra, a sorpresa foi que consistía literalmente nas frases de Xesús sobre o desprendemento, a pobreza e a fraternidade, de xeito que se viron obrigados a aceptala. Inocencio III amosouse adverso, pero finalmente mandou chamar o mendigo e aprobou a regra.

En 1212, o abade de Monte Subiaso regaloulle Porziuncola. Francisco non quixo aceptar propiedade ningunha e considerouna como un préstamo, en sinal do cal leváballe aos monxes un canastro de peixes apañados nun regato veciño. A este agasallo os beneditinos responderon cun tonel de aceite. Este costume continuou dende entón.

Construíron humildes cabanas ao redor da igrexa e comezou a ensinar co exemplo e o bo humor a fraternidade, a cooperación, a pobreza e a penitencia. Entendía que era unha sedución demoníaca aceptar diñeiro, buscar a excentricidade ou excederse no xexún con perigo da saúde, aínda que se conta que el mesmo se botou a rolos na neve para vencer as tentacións carnais. Aos lacazáns chamábaos irmán mosca e ao seu corpo irmán asno. Porén, tiña un fondo amor pola natureza, particularmente polos animais e consideraba como irmás todas a criaturas. Os seus biógrafos contan que afastaba con delicadeza os vermes do camiño para que non fosen esmagados, que falaba coas andoriñas, que tiña un coelliño que o seguía no lago Trasimeno e que chegou a amansar un lobo que aterrorizaba os veciños. Aos irmáns que facían leña prohibíalles cortar toda a árbore para que renovasen os gromos; ao hortelán pedíalle que deixase na beira do horto franxas sen cultivar para que nacesen herbas e flores que evocasen a cantos as visen a fragrancia eterna.

Os seus discípulos gustaban de xogar cos nenos, atender enfermos, cantar e traballar manualmente nos máis diversos oficios. Percorrían as vilas e as aldeas e proclamaban que o Amor non é amado co fin de achegar as xentes a Xesucristo. Conseguían reconciliar inimigos e mesmo evitar conflitos armados como o caso da vila de Arezzo ao bordo dunha guerra civil. Difundían un afecto verdadeiro superior a todo amor, escribirá Celano, quen tamén recolleu as persecucións, crueldades e encarceramentos dos que foron vítimas, e que aturaban con paciencia, fortaleza e ledicia.

León foi un dos seus compañeiros preferidos. Tivo tamén seguidoras, entre as que salientou Clara de Asís, que profesaba un fondo amor e fascinación por Francisco. Fundou coas súa compañeiras unha orde contemplativa.

Francisco decidiu predicar aos musulmáns, nun momento no que Europa no Concilio de Letrán organizaba as cruzadas, pero tras embarcar rumbo a Siria, unha treboada devolveuno a Ancona. Unha enfermidade impediulle tamén ir a Marrocos. Por fin, en 1219, conseguiu chegar a Damieta, onde os cruzados combatían os musulmáns polo control da desembocadura do Nilo. Doído ao ver o embrutecemento moral dos cruzados, acordou pasar ao territorio islámico na busca do mesmo Sultán. O propio Malek-al-Kamil recibiuno e deulle hospitalidade por uns días, abraiado da audacia e da indefensión dos predicadores. Malia isto, fracasou no seu intento de converter a corte do Sultán. Volveu de Terra Santa cos ollos danados para sempre e unha malaria que xa non lle daría acougo.

Fioretti.
Artigo principal: Orde franciscana.

Francisco chamaba a súa Orde a dos Irmáns Menores, pero esta espallábase alén dos Alpes. En 1219, tivo lugar na Porziuncola o capítulo da Orde. Construíronse multitude de cabanas para acoller os delegados de toda Europa. Moitos delegados acusaron a Francisco de entregarse á aventura e pediron unha estrutura máis eficaz e sólida. Francisco defendeu con forza o camiño da sinxeleza e a humildade, exhortou os seus seguidores a que fosen, fronte os prudentes, pobres e toleiráns neste mundo e a confiar en Deus.

Rexeitou tamén, noutra ocasión, a proposta de solicitar poder predicar sen autorización dos bispos de cada diocese por onde facían camiño os seus predicadores. A desconfianza e a persecución por parte das autoridades relixiosas aconsellaban tal petición que se dirixiría ao Papa. Francisco explicou que o maior dos privilexios e non gozar de privilexio ningún.

Aproveitando a súa viaxe a Siria, os que quedaran como os seus vicarios, pretenderon asimilar a orde ás regras estruturadas da vida monástica do tempo. Isto supoñía unha relaxación e vivir comodamente en conventos. Cando retornou, Francisco considerou isto unha traizón ao seu espírito e negouse a entrar no convento de Boloña. Solicitou ao papa Honorio III que puxese o cardeal Ugolino (futuro Gregorio IX) como protector da orde e dispúxose a redactar unha nova regra.

Francisco renunciara a liderar a orde e en fronte tiña a frei Elías, o auténtico ministro xeral. Este facíase eco das protestas dos que reclamaban ter, cando menos, bens en común. Cando Honorio III aprobou a nova regra en 1223, esta recollía literalmente o redactado por Francisco que mantiña o seu espírito radical de pobreza, humildade e sinxeleza.

Redactou tamén unha regra para os laicos, os futuros terciarios franciscanos. El mesmo renunciou a ser sacerdote por considerarse indigno.

Non lle entusiasmaba que os seus irmáns se dedicasen ao estudo como era común nos monxes. Vía nisto un perigo de soberbia e dureza de corazón. Temía que o saber alimentara a vaidade, pero neste aspecto foi máis dubitativo e flexible.

A súa experiencia vital levábao á convicción de que a humildade era a fonte de todas as virtudes. Entendía a pobreza de xeito radical, como desprotección e desamparo absolutos. Consideraba o diñeiro, o prestixio e o poder como demoníacos, así que se compracía na pobreza e no desprezo.

Afincado na oración, tivo experiencias místicas e sufriu de estigmas, algo que só revelou aos máis achegados.

Sometíase a un duro rigor, pero manifestaba unha alegría que lle inspiraba composicións líricas que chegaron ata nós como a louvanza á natureza (cántico do irmán sol) e o himno da paz, unha oración onde glosaba todo un programa para ser instrumento de gozo, perdón e reconciliación.

A súa tenrura polo Xesús neno e desvalido levouno a montar o primeiro belén ou nacemento, unha tradición que chegou aos nosos días. A tradición conta que foi peregrino a Santiago de Compostela onde se fixo amigo do galego Cotolai.

Os seus biógrafos, moi próximos aos feitos, como Tommaso da Celano non dubidan en atribuírlle prodixios milagrosos que falan do seu amor á natureza e a súa capacidade de sandar os doentes e serenar os inimigos. Este caracterizaba a Francisco e os seus seguidores como persoas de risa modesta, rostro festivo, ollo sinxelo, actitude humilde, lingua benigna, e resposta serena; concordes no ideal, dilixentes no servizo e infatigables nas obras; libres e destemidos, non buscaban a protección de ninguén (Vida primeira).

Os seus derradeiros anos foron dun progresivo debilitamento. A piques de finar, pediu que o levasen a Porziuncola. Solicitou parar para adiviñar, máis que albiscar, por mor da cegueira, a paisaxe de Asís e comeu un pastel pedindo perdón ao irmán corpo polo mal que o tratara. Rogou que se cantase o cántico ao irmán sol e expresou o seu desexo de ser soterrado no cemiterio dos criminais no Colle d´Inferno. Fixo que o puxesen espido sobre a espida terra (Celano, Vida segunda) e deu a benvida á irmá morte.

Veneración e iconografía

[editar | editar a fonte]

San Francisco de Asís recibe veneración como santo na Igrexa católica logo da súa canonización polo papa Gregorio IX o 16 de xullo de 1228, tan só dous anos logo do seu pasamento.

Represéntase a San Francisco como home mozo ou de mediana idade (morreu con 44 anos), con ou sen barba e vestido co hábito marrón franciscano,[2] coa súa capucha en punta e atado á cintura cun cordón cos tres nós que representan os seus votos de pobreza, castidade e obediencia.

Outros atributos característicos son as cinco chagas nas mans, nos pés e no costado dereito, que representan os estigmas da Paixón de Cristo. Pode representarse cun crucifixo na man e acompañado por un lobo ou un paxaro.

A súa festividade celébrase o 4 de outubro, sendo un dos santos presentes no calendario romano xeral, cunha Memoria obrigatoria. Dentro da Comuñón Anglicana, a Igrexa de Inglaterra, a Igrexa Episcopaliana dos Estados Unidos e a Igrexa Anglicana do Canadá tamén celebran a súa festa o 4 de outubro. Esta foi a data elixida para conmemorar o Día Mundial dos Animais, instaurada en 1929 por iniciativa da Organización Mundial de Protección Animal nun congreso celebrado en Viena.

É o patrón da parroquia dos Tilos (concello de Teo).[3] Tamén é patrón dos veterinarios e das facultades de Veterinaria.

Purgatorio na igrexa de Santiago do Carril (Vilagarcía de Arousa). Á dereita, San Francisco saca unha ánima

San Francisco aparece con moita frecuencia nos petos de ánimas galegos pois, xunto á Virxe do Carme e Santo Antón de Padua, teñen a potestade de poder sacar ánimas do Purgatorio, para o que se vale do cordón do seu hábito, que deixa caer entre as ánimas para que estas de aferren a el. Esta capacidade de baixar ó Purgatorio para rescatar almas foille concedida polo mesmo Deus no momento de marcarlle os estigmas, e pode exercela tres días ó ano: o 2 de agosto (que se celebra a Porciúncula ou Perdón de Asís), o 17 de setembro (día da impresión dos estigmas) e o 4 de outubro (día da súa morte; e por veces tamén se estende á véspera).

[editar | editar a fonte]

Coincidindo co día de San Francisco (4 de outubro) adoitan chegar os temporais, máis ou menos súbitos e intensos. Crese que é o santo quen os produce ó bater nas nubes co seu cordón, polo que os mariñeiros coñecen estas treboadas como o cordonazo de San Francisco.

  • A pota de san Francisco, tanto dá para catro como para cinco.[4]
  • Cordoada de San Francisco, de chuvia ou de frío.[5]
  • Mazarico, pico, pico, ¿quen che deu tamaño bico? Deumo Deus e San Francisco, para picar no marisco.[6][5]
  • Por San Francisco bota o liño mourisco, que, se o botas por San Simón, nin estopa nin estopón.[7][5]
  • Por San Francisco bótase o millo (ou o liño).[5]
  • Por San Francisco píllanse as tordas sen visgo.[5]
  • Por san Francisco, risco, risco.
  • Por San Francisco todo froito é provizo.[8][5]
  • San Francisco fai a rela, San Xosé lévaa.
  • San Francisco trae a vela, San Xosé lévaa.
  • San Francisco vén con vela e San Xosé vaise con ela.[9][5][10]
  • Santiago manda o pan, san Migueliño manda o viño, san Francisco manda a landre e san Andrés o touciño.
  • A miña muller, Farrico,/ éche unha cumprimenteira,/ bebeu un xarro de viño,/ comeu unha bola enteira.[5][11]
  • A miña muller, Farrico,/ éche unha cumprimenteira,/ co rabo dunha sardiña/ comeu unha bola enteira.[5][12]
  • Aviva a gaita, Farruco,/ ,'a traias amortizada,/ qu'as rapaciñas de agora/ queren a gaita avivada.[5]
  • Chamácheme Farruquiña,/ heite de mandar prender;/ a ver onde viche tu/ Farruquiñas a vender.[5]
  • Estudia, Farruquiño,/ estudia, meu amor,/ estudia, Farruquiño,/ serás o meu confesor.[5]
  • Farruco botou pró muíño/ cun fato de nenas novas,/ elas en mangas de cos/ i el no medio en cirolas.[5]
  • Farruco meu ha de ser,/ que o criei de pequeniño/ e algunha lei m'ha de ter.[13]
  • María berrou con Chuco/ na carballeira de abaixo,/ porque lle picaba un toxo/ que levaba no refaixo.[5]
  • Paco, dáme tabaco./ Rafael, dáme papel./ Evaristo, dáme un misto,/ que teño o pitillo listo.[5]
  • Tío Quico ten un galo/ que lle come na cazola,/ mata o galo, tío Quico,/ que cho vai comer Manola,[5]
  • Unha pera, dúas peras,/ non deu máis o garamallo,/ unha é pra don Francisco,/ outra é pra don Berbardo.[5]

Locucións

[editar | editar a fonte]
  • A rebaixa do tío Paco, Vir o tío Paco coa rebaixa.[5]
  • Coma Fuco o vertoleiro, cantas vexo, cantas queiro.[5]
  1. Porque San Francisco de Asís tamén se espiu e, como sinal de xenerosidade, entregou a roupa ós pais antes de marchar (ABC, 14.07.2003).
  2. "Prepárase unha túnica en forma de cruz para expulsar tódalas ilusións diabólicas; prepárase moi áspera, para crucificar a carne cos seus vicios e pecados; prepárase, en fin, pobrísima e burda, tal que o mundo nunca poida ambicionala" (Celano: Vita prima (1228).
  3. E, xuntamente con Catarina de Siena, patron de Italia.
  4. Xosé Moreiras Santiso: Os mil e un refrás galegos do home, Editado polo autor 1977 (ISBN=84-400-2432-0), 96.
  5. 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 11 12 13 14 15 16 17 18 19 Xesús Ferro Ruibal, 276-279.
  6. Co nome de mazarico desígnase unha ave limícola de pico longo e curvo así como o peto ou picapaus, pero a mención ó marisco fai `pensar na primeira.
  7. San Francisco, 4 de outubro; San Simón, 28 de outubro.
  8. De proveito.
  9. En outubro faise antes de noite, pero en marzo prolónganse os días.
  10. Eladio Rodríguez González, s. v. San Francisco.
  11. Saudade 4, xullo 1943, 29.
  12. Saudade 4, xullo 1943, 29.
  13. Marcial Valladares Núñez (1884): Diccionario gallego-castellano, Santiago, Imp. Seminario Conciliar [en Dicionario de Dicionarios, s. v. Farruco].

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]