Jaime Pacheco

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Jaime de Sousa Guedes Pacheco, nado en Freixo de Espada à Cinta (Tras os Montes) en 1878 e finado en Vigo en 1954, foi un fotógrafo galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Iniciouse na fotografía co seu irmán Xosé Pacheco en Ourense e formou unha sociedade cinematográfica con Xosé Gil en 1899, con quen realizou exhibicións en Celanova, Verín, Braga, Porto e Lisboa. En 1907 asociouse en Vigo co estudo fotográfico de Cándida Otero, viúva de Filippo Prosperi. Co falecemento desta en 1915, a galería Viuva de Prosperi-Pacheco pasou a ser propiedade exclusiva de Xaime. Foi colaborador gráfico de Faro de Vigo, ABC, Blanco y Negro, Vida Gallega e, principalmente, de El Pueblo Gallego. Especializouse en retratos de estudo de xente anónima e de persoeiros. O seu traballo caracterizouse polo emprego da fotografía como memoria social, especialmente da cidade de Vigo.

Colaborou na ilustración de obras como Catálogo de Vigo (1922) e Vigo en 1927 (1928), editadas por José Cao Moure. Logo do seu falecemento, os seus fillos Alberto e Xaime continuaron co mesmo labor no estudo fotográfico.

O seu traballo, realizado cun equipo de colaboradores, quedou recompilado no Arquivo Pacheco.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]