Casto Méndez Núñez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Casto Méndez Núñez
Nacemento1 de xullo de 1824
Lugar de nacementoVigo
Falecemento21 de agosto de 1869
Lugar de falecementoPontevedra
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónoficial da armada e político
Na rede
Galiciana: 32153
editar datos en Wikidata ]

Casto Méndez Núñez, nado en Vigo o 1 de xullo de 1824 e finado en Pontevedra o 21 de agosto de 1869, foi un mariño e militar, contraalmirante da Real Armada Española e heroe da Primeira Guerra do Pacífico. A cuarta fragata da serie F-100 da Armada Española, en servizo desde marzo de 2006, leva o seu nome e no Museo Provincial de Pontevedra pódese visitar unha recreación do seu camarote.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Formación[editar | editar a fonte]

Placa na casa natal en Vigo.

O 3 de marzo de 1840 logrou praza de gardamariña na compañía do Departamento de Ferrol. No mesmo ano ordenóuselle embarcar no bergantín Nervión. En 1842, embarcado como gardamariña, realizou unha viaxe á illa de Fernando Poo, a actual Illa de Bioko (Guinea Ecuatorial), distinguíndose tanto polo seu bo facer que por orde superior se lle rebaixou nun ano a súa permanencia nese posto, polo que en 1844 foi ascendido ó grao de alférez de navío. Trasbordado ó bergantín Volador polos grandes méritos que atesouraba, nomeóuselle encargado dos gardamariñas.

Busto en Ferrol.

A expedición ós Estados Pontificios[editar | editar a fonte]

Por aquel tempo, os disturbios producidos en Italia polos intentos de unificación e a proclamación da República Romana, despoxaran o Papa dos seus bens temporais. Narváez, por entón Presidente do Consello de Ministros, ordenou a formación dun exército e despachou unha expedición a Roma, acordando previamente o apoio das principais potencias católicas: Austria, Francia e máis as Dúas Sicilias.

Era a primeira vez en moitos anos que España afrontaba un desprazamento de homes e buques sen apoio directo da península, o que non deixaba de ser un reto importante. A expedición estaba formada polos vapores de rodas Isabel II, Vulcano, Lepanto, Piles, Castilla e Blasco de Garay, a fragata Cortés e as corvetas Villa de Bilbao e Mazarredo, ó mando do brigadier José María de Bustillo. Transportaban a un exército de cinco mil homes ó mando do xeneral Fernando Fernández de Córdova, marqués de Mendigorría.

Méndez Núñez por Agustí Querol (1890) na Alameda da Praza de Compostela de Vigo.

Despois dunha travesía un pouco molesta polos malos ventos e un temporal chegaron a Gaeta, e o Papa Pío IX pasou revista ás forzas, ás que bendiciu. Puxéronse, pois, en marcha, tomando posicións en Terracina, sen encontraren unha resistencia seria ó seu paso. Ó pouco, e xa co campo despexado, entrou o xeneral francés Nicolas Oudinot en Roma, á fronte de trinta mil homes, polo que se restableceron os Estados Pontificios e a forza expedicionaria española regresou á Península desilusionada. A Méndez Núñez concedéuselle (ó igual que a tódolos integrantes desta expedición) a Cruz de Pío IX concedida polo Papa, máis o recoñecemento polos seus distinguidos servizos, recibindo as Grazas por Real Orde.

Servizo en Ultramar[editar | editar a fonte]

En 1850 foi ascendido a tenente de navío, outorgándolle o mando da goleta Cruz, do porte de sete canóns. Con este buque realizou, pola urxencia de trasladar uns pregos á Habana, unha viaxe de dificultade extrema, pois a goleta estaba a punto de entrar en carena, pero a premura e a escaseza de buques obrigouno a levalo a cabo. En tan malas condicións ía o buque e os tempos foron tan malos, que durante a viaxe non puideron prender o lume nin un só día, e só a pericia de Méndez Núñez conseguiu que recalase naquel porto sen sufrir graves avarías, facéndose a viaxe moi arriscada e esgotadora, tanto para o mando como para a dotación. Posteriormente, foi transbordando dun buque a outro, todos baixo o seu mando, entre eles o vapor de rodas Narváez, a fragata de hélice Berenguela e a urca Niña.

No ano 1855, ó terminar esta progresión de mandos e polas súas dotes xa demostradas, foi chamado ó Ministerio de Mariña. Como o seu carácter era inquedo, neste posto pouco podía facer, polo que se adicou a aprender procedementos técnicos, por medio da lectura e o estudo, levándoo a traducir do inglés un Tratado de Artilaría Naval, que foi presentado á Raíña, recibindo por isto as Grazas por Real Orde.

Ese mesmo ano recibiu a orde de presentarse nas illas Filipinas, polo que embarcou no vapor de rodas Narváez. Á súa chegada outorgóuselle o mando do vapor de rodas Jorge Juan, que pertencía ás forzas navais do Apostadero de Manila. Nunha das derrotas, que eran rutina, en estado de vixilancia e protección da navegación, fronte á costa de Basilán, enfrontouse a tres “barotos”, un tipo de embarcación case insomerxible, máis dúas bancas piratas xoloanas, que levaban derrota ás illas Visaias e ó mando do príncipe indíxena Datto, Pau-Li-Ma. No enfrontamento tódolos buques piratas fóronse a pique malia que o Jorge Juan só contaba con trinta homes e un único canón en colisa, polo que era moi inferior en número e armamento ós seus inimigos.

En 1861 ascendérono a capitán de fragata e recibiu o mando da goleta Constancia e con ela anexas tódalas forzas sutís do Sur do arquipélago de Filipinas.

Coñecendo que o raxá de Buaián (en Mindanao) se fixera forte na costa de Pagalungán, á beira do Gran Río, nunha fortaleza que se supuña inexpugnable; estaba rodeada dunha muralla de sete metros de altura e seis de espesor, circundada e protexida por un foxo de quince metros de anchura e artillada con canóns de curto alcance, ademais de moi ben gornecida e abasteciada. Malia todo isto decidiu atacar, mandando a aquel lugar a toda a súa división, formada polas goletas Constancia e Valiente e as canoneiras Arayat, Pampanga, Luzón e Toal. Ordenou o desembarco das dúas compañías do exército que transportaban, que intentaron avanzar protexidas polo fogo das goletas, pero o terreo cenagoso impedía un avance rápido, e vendo que así o único que se conseguía era ter baixas innecesarias, ordenou a retirada.

"Más vale honra sin buques que buques sin honra".

Após unha noite de recuperación de forzas, ó amencer volveu atacar, sendo os xefes o tenente de navío Malcampo e o alférez de navío Pascual Cervera, que ía como segundo da forza. No desembarco foron apoiados polos canoneiros Arayat e Pampanga, e co seu apoio artilleiro lograron alcanzar un terreo moito mellor, pero a unha distancia maior da fortaleza; así mesmo, aínda que con dificultade, lograron posicionar varias pezas de artillaría de desembarco; malia todo a tenaz resistencia dos xoloianos non permitía achegarse máis á Cota; foi cando Méndez Núñez decidiu dar o golpe final. Ordenou sondar algunhas zonas con botes e baixo o fogo inimigo, e ó comunicárselle a profundidade decidiu tomar á abordaxe a Fortaleza como se dun buque se tratase. Elixido o lugar lanzou á súa goleta contra a fortaleza, manobrando con mestría, atinxiu que os seus homes asaltasen a pertinaz Cota, asemade que as forzas desembarcadas se lanzaban sobre a muralla, aínda que no ataque caeu ferido Malcampo, cun balazo que lle atravesou o peito, saíndolle a bala polas costas. A Cota caeu en mans dos españois mercé á decidida e arriscada decisión do seu comandante en xefe.

De Filipinas ao Callao[editar | editar a fonte]

O 30 de xaneiro de 1862[1] o goberno ascendeuno a capitán de navío, o que o obrigou a deixar as illas Filipinas e regresar a España. Ó pouco da súa chegada outorgáronlle o mando do vapor de rodas Isabel II, participando con este buque en diversas comisións, que unha vez máis porían o seu nome como o dos de máis méritos; ó estoupar a insurrección en Venezuela, dirixiuse alí, negouse a recoñecer o bloqueo que practicaban os insurxentes, e con arranxo ó dereito internacional, penetrou en Puerto Cabello e protexeu os bens e vidas dos estranxeiros.

Estando carboneando o seu buque no fondeadoiro de Santiago de Cuba chegáronlle novas do levantamento en Puerto Plata, na illa de Santo Domingo; apresurou o labor que se efectuaba no buque e ordenou o embarco de seiscentos cincuenta homes do exército cunha batería de artillaría de montaña, facéndose ó mar. Aproveitando que era unha noite sen lúa, penetrou no porto sorteando as augas pouco profundas e logrou desembarcar as súas forzas tan sixilosamente que estas lograron chegar ó único forte que aínda quedaba en mans dos españois, sen que os rebeldes atinxisen apercibirse do reforzo chegado.

En Santiago de Compostela.

Ó seu regreso á península outorgóuselle o mando da fragata Princesa de Asturias, coa que participou no bloqueo de Manzanillo e de Monte Cristi, aínda que non por moito tempo, pois sendo ben coñecido dos seus superiores, asignóuselle o mando no Ministerio da Mariña como xefe de persoal.

Durante a guerra entre Bolivia, Chile, Ecuador e o Perú contra España (1864-1866), foi ascendido a vicealmirante[2] e comandante en xefe da escuadra española tras o suicidio de José Manuel Pareja o 28 de novembro de 1865[3], a bordo da fragata Numancia, procedeu a realizar un bloqueo naval á cidade de Valparaíso pero por falta de buques só foi efectivo no porto[4]. O 31 de marzo de 1866 bombardeou a cidade e o porto de Valparaíso, logo dun ultimato presentado o 24 de marzo,; a continuación dirixiuse a El Callao, chegando o 25 de abril e tras un bloqueo atacou as fortificacións do porto de Callao o 2 de maio de 1866. A férrea defensa do Callao e a chegada de máis navíos chilenos[5] fixo que retirase as súas forzas, con dous dos seus cinco buques avariados e ferido no seu camarote. Porén, deu orde de que cese o fogo, suba a xente ás enxarcias e se dean os tres vivas de ordenanza antes de nos retirar ó entender que cumprira o seu propósito. Foi aquí onde pronunciou a súa famosa frase de:

España, a Raíña e máis eu prefiren honra sen barcos que barcos sen honra

En 1868 o goberno provisorio ascendeuno a tenente xeneral e vicepresidente da Xunta de Goberno da Armada[6], pero en carta ao ministro da Mariña, Juan Bautista Topete, rexeitou o nomeamento.

O seu falecemento, aos 45 anos, achacouse ás secuelas das feridas recibidas na batalla de Callao, se ben houbo ruxerruxes relativos a un posible envelenamento, mais as súas irmás non autorizaron a realización dunha autopsia.[7]. Foi soterrado en Pontevedra, e cinco anos despois os seus restos leváronse á capela do pazo do Real, no Con (Tirán, Moaña)[8]. O rei Afonso XII visitou os seus restos o 2 de agosto de 1877 e decretou o seu traslado ao Panteón de Mariños Ilustres de San Fernando, onde foi levado o 9 de xuño de 1883 pola fragata Lealtad, uníndose aos honores a escuadra británica ao mando do almirante William Dowell, que estaba fondeada no peirao de Vigo.

Catro buques da Armada Española levaron o seu nome. Unha fragata blindada, un cruceiro lixeiro, un destrutor e a fragata F-104.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Estado general de la Armada para el año 1862, Imprenta Nacional, Madrid, 1863
  2. Lawrence Sondhaus Naval Warfare, 1815-1914 , 2001, páxina 98, ISBN 0-415-21478-5
  3. Salvatore Bizzarro Historical Dictionary of Chile, 2005, ISBN 0-8108-4097-9, páxina 465
  4. Robert L. Scheina America's Wars, 2003, páxina 337, ISBN 1-57488-450-6
  5. Robert L. Scheina, America's..., páxina 339
  6. Decreto do 20 de outubro de 1868 publicado na Gaceta o 21
  7. Vázquez Gil, Lalo (2 de agosto de 2011). "Lembrando a don Casto Méndez Núñez". Atlántico Diario (en castelán). 
  8. Capela do Pazo do Real na páxina web colaborativa Patrimonio Galego.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Anónimo. Casto Méndez Núñez, Héroe del Callao, 1824-1924. Libro Homenaje al glorioso marino vigués editado por “La Mundial”. Vigo 1924. (El producto de venta del presente libro se destinará íntegramente a engrosar la suscripción para la bandera de combate, que el pueblo de Vigo regalara al crucero <<Méndez Núñez>>).
  • Anónimo. Glorias de España. Combate de El Callao, dos de mayo de 1866. Xunta de Galicia, 2000 (Madrid. Maio de 1898).
  • Cervera y Jácome, Juan. El Panteón de Marinos Ilustres. Ministerio de Marina. Madrid. 1926.
  • Concas y Palau, Víctor Mª. El Combate naval del Papudo. Ministerio de Marina. Madrid. 1896.
  • Fernández Duro, Cesáreo. Disquisiciones Náuticas. Madrid 1996. volumen III.
  • Filgueíra Valverde, José. Día de la Hispanidad. En el centenario de Méndez Núñez. Pontevedra. 1969.
  • García Martínez, José Ramón. El Combate del 2 de Mayo de 1866 en el Callao (Resultados y conclusiones tácticas y técnicas). Editorial Naval. Madrid, 1994.
  • García Martínez, José Ramón. Méndez Núñez (1824-1869) y La Campaña del Pacifico (1862-1869). Xunta de Galicia, 2000.
  • González de Canales, Fernando. Catálogo de Pinturas del Museo Naval. Tomo II. Ministerio de Defensa. Madrid, 2000.
  • Iriondo, Eduardo. Impresiones del Viaje de Circunnavegación en la fragata blindada Numancia. Madrid, 1868.
  • Lledo Calabuig, José. Buques de vapor de la Armada Española, del vapor de ruedas a la fragata acorazada, 1834-1885. Aqualarga, 1998.
  • Mendivil, Manuel de. Méndez Núñez o el honor. Madrid, 1930.
  • Mendivil, Manuel de. Méndez Núñez, su Marina y la Marina de hoy. Ministerio de Marina. Madrid, 1924.
  • Novo Colson, Pedro de. Historia de la Guerra de España en el Pacífico. Madrid, 1882.
  • Rodríguez González, Agustín Ramón. La Armada Española, La Campaña del Pacífico, 1862-1871; España frente a Chile y Perú.
  • Santa Pola, Conde de. La Vuelta al Mundo en la Numancia y el Ataque del Callao (Apuntes para una biografía del Almirante Antequera). Editorial Naval. Madrid, 1993.
  • VV.AA. Méndez Núñez, El Marino y sus buques (1840-1869). (Recompilados e editados por José Lledo Calabuig).