Johán Carballeira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

José Francisco Gómez de la Cueva, coñecido polo seu pseudónimo Johán Carballeira, nado en Vigo o 13 de febreiro de 1902 e fusilado na Caeira (Poio) o 17 de abril de 1937,[1][2] foi un xornalista e político galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Era fillo de José Juan Gómez del Campo, natural da Pobra do Caramiñal, e de Rolendis de la Cueva García, veciña de Bueu. A familia, á que pouco e foron sumándoselle fillos até chegar aos seis, trasladouse a Bueu arredor do ano 1915. Estudou o bacharelato no colexio Maristas de Vigo e no Samaniego de Santiago de Compostela; posteriormente estudou tres anos de administrador de libros en Madrid.

Xornalista[editar | editar a fonte]

"Marina"
A praia, unha amante
escrava do mar:
bérralle, zurrégalle,
e vaina a bicar.


Asina José G. de la Cueva,
versos gravados no parque Banda do Río de Bueu, publicados na páx. 3 do Faro de Vigo do 10/02/24.

A dimensión pública de José Gómez de la Cueva iniciouse en 1923, a través das páxinas literarias de Faro de Vigo, onde apareceron os seus poemas e narracións en español de estilo modernista, que delatan aínda a falta de madurez do escritor. Nos anos 26 e 27 a súa sinatura aparece en dúas importantes revistas da época: na viguesa Vida Gallega e en Céltiga, o voceiro da colectividade galega en América.

A partir de 1927, co pseudónimo de "Johán Carballeira", iniciou a súas colaboracións con El Pueblo Gallego como correspondente do xornal en Bueu. Este mesmo ano iniciou a súa amizade cos poetas e intelectuais mozos da Xeración de Vangarda: Rafael Dieste -redactor xefe do xornal-, Augusto Casas, Correa Calderón, Cándido Fernández Mazas, Santiso Girón, Bal y Gay etc., colaboradores asiduos de El Pueblo Gallego.

En 1929, despois de que as súas colaboracións fosen facéndose máis numerosas en seccións fixas, entrou a formar parte da redacción, iniciando unha carreira periodística que o converteu ao pouco tempo no xornalista mozo máis importante da época.

En 1929 aparece entre os fundadores dunha nova revista viguesa, Gaceta de Galicia, aínda que o seu labor fundamental seguía a estar en El Pueblo Gallego, onde se ocupaba das entrevistas, xénero xornalístico daquela novo en Galicia e do que o escritor foi o verdadeiro iniciador. Merecen ser destacadas as entrevistas a Ramón Otero Pedrayo, Margarita Xirgu ou Colmeiro. Foron famosas tamén as súas reportaxes (outro xénero inusitado na Galicia da época). E, igualmente, o seu nome apareceu en moitísimos artigos de crítica literaria.

A súa sona xornalística chegou a toda España, e a partir de 1933 apareceu como colaborador dor xornais madrileños Luz e Ahora, e na revista Estampa. En 1935 era coñecido como o xornalista galego en activo máis importante da época.

Poeta[editar | editar a fonte]

Carballeira formou parte da xeración das vangardas. A pesar do prestixio do seu nome e a obra na primeira metade dos 30, na actualidade é máis o que descoñecemos del que o coñecido. As causas son moitas: a adhesión á República e ó galeguismo, a oposición ao levantamento militar de 1936, o seu xuízo e fusilamento, a dispersión da súa obra literaria, que nunca chegou a recollerse en libro e o carácter efémero do núcleo máis numeroso do seu labor, o traballo periodístico.

En 1926 comezaron a aparecer os seus poemas nos xornais. En 1928 encontramos os primeiros indicios de que está traballando nun libro de poemas, Cartafol, que continuaría nos anos seguintes, aínda que nunca chegou a publicarse.

Alcalde[editar | editar a fonte]

Coa proclamación da II República Española en 1931, a xeración de Carballeira e el mesmo verán cumpridos parte dos seus ideais. Aínda que manifesta a súa adhesión ao Partido Galeguista xa desde a súa fundación (decembro do 31), non ocupará cargos de responsabilidade ata que é elixido Secretario da Agrupación Local do P.G. en Bueu en 1934.

En abril de 1935 entrou a formar parte da dirección do Partido Galeguista e o seu nome figura entre os máis votados nas eleccións internas de candidatos para aparecer nas listas da Fronte Popular ás eleccións a Cortes (febreiro de 1936), pero finalmente non formará parte da candidatura. Isto é só o indicio da grande popularidade de Carballeira.

Tiña gran predicamento nos medios galeguistas e republicanos, como proba a súa amizade con Castelao, Alexandre Bóveda e outros integrantes do grupo galeguista de Pontevedra, ou a presenza con outros intelectuais republicanos de esquerda entre os colaboradores da revista santiaguesa Ser, como Valentín Paz Andrade, Antón Villar Ponte ou Eduardo Blanco Amor.

A intervención pública e directa na política non se produciu ata marzo de 1936, cando, tras a vitoria da Fronte Popular e a disolución dos concellos, foi nomeado alcalde de Bueu.

A súa presenza na alcaldía foi breve, pero aínda así permitiulle actuacións aínda hoxe lembradas entre os máis vellos: grazas as súas xestións diante dos mariñeiros, conserveiros e concellos do litoral, logrou que se establecese un prezo mínimo para a sardiña, un dos problemas máis graves cos que se enfrontaba a xente do mar daquela. Esta actuación deu lugar a que no día anterior ao levantamento militar se lle rendese unha homenaxe en Bueu por parte de mariñeiros e armadores.

Non se sabe exactamente a data da súa detención (debeu ser en agosto do 36). O xuízo non se produciu ate o 29 de decembro dese ano, en que compareceu en consello de guerra ante o tribunal militar de Pontevedra xunto con dezaoito veciños máis de Bueu. Ó día seguinte, foron todos condenados a morte agás un; a condena sería conmutada máis tarde a algúns deles pola de cadea perpetua.

A sentenza de Carballeira tardou aínda en cumprirse; o escritor pasou os meses seguintes no lazareto da Illa de San Simón, onde estiveron outros destacados intelectuais republicanos. A sentenza executouse o 17 de abril de 1937, a primeiras horas da mañá, na Caeira (Poio).[1][2] O seu corpo foi enterrado nunha foxa común do camposanto de San Amaro.


Predecesor:
Ramón Domínguez Ferradás
Escudo de Bueu.svg
Alcalde de Bueu

1936
Sucesor:
Camilo Dávila Dávila

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Villar González, Arximiro B. A poesía galega de Antón Zapata García. Edición e estudo (Tese). Universidade de Santiago de Compostela. p. 1238. 
  2. 2,0 2,1 "Emotivo acto en Bueu en recordo a Johán Carballeira, no 79 aniversario do seu fusilamento". pontevedraviva.com. 25 de agosto de 2015. Consultado o 18 de abril de 2016. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]