Isidro Rodríguez Gómez
| Biografía | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| Nacemento | 7 de decembro de 1898 Ourense, España | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| Morte | 2 de xaneiro de 1988 A Coruña, España | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| Actividade | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| Ocupación | futbolista | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| Deporte | fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| Posición de xogo | Gardameta | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Isidro Rodríguez Gómez, coñecido deportivamente como Isidro, nado en Ourense o 7 de decembro de 1898 e finado na Coruña o 2 de xaneiro de 1988, foi un futbolista galego que xogaba na demarcación de gardameta. Foi o porteiro galego máis destacado da súa época e desenvolveu a maior parte da súa carreira no Deportivo da Coruña, ao que chegou procedente do Celta de Vigo, protagonizando unha polémica fichaxe. Foi o primeiro gardameta do Celta e no momento da súa retirada era o futbolista con máis partidos oficiais na historia do Deportivo (147).
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Real Vigo
[editar | editar a fonte]Naceu en Ourense o 7 de decembro de 1898, sendo o quinto dos seis fillos do industrial Manuel Rodríguez Fernández e de Remedios Gómez Blanco.[1] Instalado en Vigo, comezou a xogar ao fútbol no Comercial, de onde pasou ao Real Vigo en 1919.[2][3] No club branco e vermello coincidiu con algúns dos futbolistas galegos máis destacados da súa época e na tempada 1919/20, secundado polos defensas Otero e Encinas, conquistou o primeiro Campionato de Galicia da súa carreira. Esa mesma tempada debutou na Copa do Rei, nos cuartos de final ante o Sporting de Gijón no Molinón.[4]
En 1920 foi mobilizado polo exército xunto a varios dos seus compañeiros para participar na guerra do Rif, encadrado no Rexemento de Murcia de Vigo, e non regresou á vida civil ata setembro de 1922.[5][6] Co equipo de fútbol deste rexemento, no que coincidiu con xogadores como Ramón González, Moncho Gil, Chiarroni ou Redondela, conquistou o Campionato de España Militar de 1920, tras derrotar na final de Madrid ao Rexemento Sicilia de Donostia, ante o rei Afonso XIII.[7][8]
Na tempada 1922/23 sumou o seu segundo título galego, despois de encaixar só tres goles durante o campionato, e formou parte da selección galega, coa que foi finalista do Campionato Interrexional. Ao remate da campaña o Real Vigo fusionouse co Fortuna de Vigo, dando lugar ao Celta de Vigo.
Celta de Vigo
[editar | editar a fonte]Foi o porteiro titular do Celta dende o primeiro partido da súa historia e durante a tempada 1923/24, na que sumou o seu terceiro título galego e o primeiro do novo club.[9] Nas vésperas do Campionato de Galicia 1924/25 abandonou o club e puxo rumbo a Bilbao, onde conseguira un emprego, afirmando que a súa profesión de condutor en Vigo non cubría as súas necesidades económicas.[10] A prensa especulou entón sobre a súa posible fichaxe polo Deportivo da Coruña, o que causou indignación entre a afección viguesa e provocou un enfrontamento entre xornalistas vigueses e coruñeses.[11][12][13]
Deportivo da Coruña (1ª etapa)
[editar | editar a fonte]Finalmente trasladouse á Coruña e acabou uníndose ao Deportivo, co que debutou o 12 de marzo de 1925, nun partido amigable contra o Boca Juniors en Riazor, tras obter permiso do Celta.[14][2] Con todo, non puido fichar oficialmente aínda polo club coruñés, ao non obter a autorización do club vigués.[15] Declarado en rebeldía pola entidade céltica, a Federación Galega de Fútbol denegou a fichaxe,[16][17] e ante as alegacións do Deportivo acordouse que a Federación Española de Fútbol tomase a decisión final nunha próxima asemblea.[18] A celebración desta asemblea demorouse durante meses, nos que o chamado "caso Isidro" contribuíu a acrecentar a rivalidade entre Celta e Deportivo, nacida tralas fichaxes polo club coruñés de tres antigos compañeiros de Isidro no Real Vigo: Otero, Chiarroni e Ramón González.[19][20] En decembro de 1925 a Federación Española acordou que a ficha de Isidro fose traspasada ao Deportivo.[21]
O seu debut oficial co Deportivo produciuse finalmente o 20 de decembro de 1925, nun partido do Campionato de Galicia ante o Eiriña no campo de Riazor.[22] Axiña lle quitou a titularidade a Mulero e na tempada 1926/27 contribuíu coas súas paradas ao primeiro campionato galego da historia do club, título que revalidou na campaña seguinte, sendo o porteiro titular en tódolos partidos en ambas conquistas.
Na tempada 1928/29 defendeu a portería do Deportivo no histórico primeiro encontro do club na Segunda División, trala creación ese ano das ligas españolas, e foi titular en todos os restantes partidos da tempada agás un, no que foi substituído por Rodrigo. O equipo coruñés, adestrado ese ano polo boxeador Andrés Balsa rematou na oitava posición, evitando por pouco os postos de descenso. Continuou sendo a primeira elección para a portería nas seguintes dúas campañas, con Paco González e Félix Gila como adestradores respectivamente.
O 24 de agosto de 1931 recibiu unha homenaxe no campo de Riazor, cun partido amigable no que se enfrontou o Deportivo da Coruña contra unha selección galega, formada por Lilo, Cabezo, Pasarín, Silvosa, Feliciano, Pareditas, Otero, José Ramón Paredes, Edelmiro, Polo e Piñeiro.[23] Pouco despois deixou o club, tras non chegar a un acordo coa directiva para a renovación da súa ficha.[24]
Atlético de Madrid
[editar | editar a fonte]
Despois duns meses sen equipo, o primeiro día de 1932 saíu para Madrid para asinar como novo porteiro do Atlético de Madrid, da Segunda División. Debutou o 3 de xaneiro, na quinta xornada da tempada 1931/32, substituíndo nos minutos finais contra o Sporting de Gijón ao ata entón gardameta titular, o tamén galego Bermúdez, que deixou o campo lesionado. Ademais de Bermúdez, no equipo madrileño coincidiu con outros galegos, como Losada, Corral, Liz ou Antoñito.[25] Disputou as seguintes sete xornadas de liga, que acabou co Atlético no cuarto posto da táboa.
Deportivo da Coruña (2ª etapa)
[editar | editar a fonte]Despois de máis de dous anos sen actividade competitiva, para a tempada 1934/35 regresou ao Deportivo da Coruña, asinando ficha aos seus 35 anos.[26] Reapareceu coa camiseta do Deportivo o 16 de setembro de 1934, nun encontro do Campionato Mancomunado Galaico-Ástur ante o Sporting de Gijón no Molinón,[27] e xogou tamén o seguinte partido contra o Oviedo, pero ambos resultados foron anulados trala folga xeral revolucionaria de outubro, cando se reiniciou a competición e se dividiu nun grupo asturiano e un galego.
Ao longo da tempada alternou titularidade co carralés Francisco Trigo, e disputou oito partidos de Segunda División, competición que o equipo adestrado por Félix Gila pechou na sétima posición da táboa. O 20 de outubro de 1935, con 36 anos e 10 meses, xogou o seu derradeiro partido oficial co Deportivo, nun derbi contra o Celta de Vigo en Riazor que rematou con vitoria coruñesa por 2-1.[28] En novembro, o club decidiu dar de baixa a súa ficha, xunto ás doutros tres xogadores (Novo, Barrera e Esparza II), alegando motivos económicos.[29] Pechou o seu paso polo Deportivo da Coruña cun total de 147 partidos oficiais, sendo no momento da súa retirada o futbolista con máis encontros na historia do club.
Trala súa retirada traballou no concello da Coruña ata a súa xubilación. Faleceu o 2 de xaneiro de 1988, aos 89 anos de idade.[30]
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Era irmán do tamén futbolista e gardameta Guillermo Rodríguez, que xogou entre outros clubs no Celta de Vigo e no Atlético de Madrid, igual que Isidro.[31] Casou con Elvira Varela Rodríguez.[30]
Estatísticas
[editar | editar a fonte]Clubs
[editar | editar a fonte]| Club | Tempada | Segunda División | Copa | C. Galicia | C. Gal-Ast | Total | |||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| Partidos | Goles | Partidos | Goles | Partidos | Goles | Partidos | Goles | Partidos | Goles | ||
| Real Vigo | 1919/20 | - | - | 4 | 0 | 2 | 0 | - | - | 6 | 0 |
| 1920/21 | - | - | - | - | 3 | 0 | - | - | 3 | 0 | |
| 1922/23 | - | - | 2 | 0 | 6 | 0 | - | - | 8 | 0 | |
| Total club | - | - | 6 | 0 | 11 | 0 | - | - | 17 | 0 | |
| Celta de Vigo | 1923/24 | - | - | 1 | 0 | 4 | 0 | - | - | 5 | 0 |
| Deportivo | 1925/26 | - | - | 6 | 0 | 4 | 0 | - | - | 10 | 0 |
| 1926/27 | - | - | 6 | 0 | 16 | 0 | - | - | 22 | 0 | |
| 1927/28 | - | - | 10 | 0 | 10 | 0 | - | - | 20 | 0 | |
| 1928/29 | 17 | 0 | - | - | 10 | 0 | - | - | 27 | 0 | |
| 1929/30 | 15 | 0 | 2 | 0 | 10 | 0 | - | - | 27 | 0 | |
| 1930/31 | 15 | 0 | 2 | 0 | 8 | 0 | - | - | 25 | 0 | |
| Atlético de Madrid | 1931/32 | 8 | 0 | - | - | - | - | - | - | 8 | 0 |
| Deportivo | 1934/35 | 8 | 0 | - | - | - | - | 1 | 0 | 9 | 0 |
| 1935/36 | - | - | - | - | - | - | 7 | 0 | 7 | 0 | |
| Total club | 55 | 0 | 26 | 0 | 58 | 0 | 8 | 0 | 147 | 0 | |
| Total carreira | 63 | 0 | 33 | 0 | 73 | 0 | 8 | 0 | 177 | 0 | |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Obituario de Remedios Gómez Blanco". El Pueblo Gallego (1772). 1 de decembro de 1929. p. 14. Consultado o 5 de maio de 2025.
- ↑ 2,0 2,1 "Isidro, el "as" de los guardametas". Galicia. Diario de Vigo (en castelán) (31). 23 de marzo de 1925. p. 19. Consultado o 2 de maio de 2025.
- ↑ "El partido de hoy". Galicia Nueva (en castelán). 19 de xuño de 1919. p. 1. Consultado o 2 de maio de 2025.
- ↑ "El Sporting de Vigo en Asturias". Galicia Nueva (en castelán) (5119). 30 de marzo de 1920. p. 1. Consultado o 3 de maio de 2025.
- ↑ Rolland, Eduardo (29 de maio de 2021). "Vigo en la guerra del Rif" (en castelán). Consultado o 2 de maio de 2025.
- ↑ "Isidro Rodríguez". Galicia. Diario de Vigo (en castelán) (56). 23 de setembro de 1922. p. 6. Consultado o 2 de maio de 2025.
- ↑ Buceta, Jacobo (12 de setembro de 1923). "Cabanelas: "El primer título del fútbol vigués y gallego se ganó en 1920"" (en castelán). Consultado o 4 de maio de 2025.
- ↑ "El campeonato militar". El Progreso (en castelán) (2500). 2 de xuño de 1920. p. 2. Consultado o 4 de maio de 2025.
- ↑ "Notas de sport". Diario de Pontevedra (en castelán) (11703). 17 de decembro de 1923. p. 2. Consultado o 3 de maio de 2025.
- ↑ "Una carta del equipier Isidro". El Ideal Gallego (en castelán) (2406). 24 de setembro de 1925. p. 2. Consultado o 3 de maio de 2025.
- ↑ "Deportes". El Ideal Gallego (en castelán) (2115). 16 de outubro de 1924. p. 1. Consultado o 3 de maio de 2025.
- ↑ "Deportes". El Ideal Gallego (en castelán) (2116). 17 de outubro de 1924. p. 4. Consultado o 2120.
- ↑ Thedy (22 de outubro de 1924). "Deportes". El Ideal Gallego (en castelán) (2120). p. 8. Consultado o 3 de maio de 2025.
- ↑ "De Sport". El Progreso (en castelán) (5681). 13 de marzo de 1925. p. 3. Consultado o 3 de maio de 2025.
- ↑ "El Deportivo en Lisboa". El Pueblo Gallego (en castelán) (376). 12 de abril de 1925. p. 2. Consultado o 3 de maio de 2025.
- ↑ "El pleito del fútbol gallego". El Pueblo Gallego nº 548 (en castelán). 1 de novembro de 1925. p. 3.
- ↑ "El caso Isidro. Dicen los clubs Celta y Deportivo". El Ideal Gallego nº 2.408 (en castelán). 26 de setembro de 1925. p. 2.
- ↑ "Información deportiva". El Correo Gallego (en castelán) (16890). 12 de agosto de 1925. p. 2. Consultado o 3 de maio de 2025.
- ↑ "Como viene". El Pueblo Gallego (511). 19 de setembro de 1925. p. 8. Consultado o 3 de maio de 2025.
- ↑ "Dicen los clubs "Celta" y "Deportivo"". El Ideal Gallego (en castelán) (2408). 26 de setembro de 1925. p. 2. Consultado o 3 de maio de 2025.
- ↑ "Se resuelve el pleito gallego". El Ideal Gallego nº 2.471 (en castelán). 9 de decembro de 1925. p. 8.
- ↑ "R. C. Deportivo, 2 - Eiriña F. C. 0". Galicia (en castelán) (70). 21 de decembro de 1925. p. 2. Consultado o 3 de maio de 2025.
- ↑ "El homenaje a Isidro en Riazor". El Ideal Gallego (en castelán) (3634). 25 de agosto de 1931. p. 5. Consultado o 4 de maio de 2025.
- ↑ "La meta del "Deportivo"". El Ideal Gallego (en castelán) (3646). 8 de setembro de 1931. p. 5. Consultado o 4 de maio de 2025.
- ↑ "El gran match de hoy en Balaídos". El Pueblo Gallego (en castelán) (2428). 17 de xaneiro de 1932. p. 7. Consultado o 4 de maio de 2025.
- ↑ "El club Deportivo ante la nueva temporada". El Ideal Gallego (en castelán) (4359). 9 de setembro de 1934. p. 5. Consultado o 4 de maio de 2025.
- ↑ "Sporting de Gijón, 5 - Deportivo de La Coruña, 0". El País (en castelán) (556). 17 de setembro de 1934. p. 3. Consultado o 4 de maio de 2025.
- ↑ "Campeonato Superregional.- Grupo Gallego". Alborada (en castelán) (52). 22 de outubro de 1935. p. 14. Consultado o 5 de maio de 2025.
- ↑ "Nuevo entrenador y cuatro licenciados en el Deportivo". El Pueblo Gallego (en castelán) (3800). 13 de novembro de 1935. p. 9. Consultado o 5 de maio de 2025.
- ↑ 30,0 30,1 "Obituario". La Voz de Galicia (en castelán) (A Coruña ed.). 3 de xaneiro de 1988. p. 57.
- ↑ "Guillermo, al Castilla". El Ideal Gallego (en castelán). 15 de setembro de 1932. p. 5. Consultado o 4 de maio de 2025.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Nados en 1898
- Nados en Ourense
- Futbolistas de Ourense
- Futbolistas de Vigo
- Gardametas de fútbol
- Xogadores do Real Vigo Sporting Club
- Xogadores do Celta de Vigo
- Xogadores do Deportivo da Coruña
- Xogadores do Atlético de Madrid
- Xogadores da selección de fútbol de Galicia
- Xogadores do Celta de Vigo internacionais coa selección de fútbol de Galicia