Alfredo Brañas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Alfredo Brañas Menéndez
Alfredo Branas Menendez (1859-1900). Writer and ideologue of Galician regionalism. Engraving by Thomas Pijoliu in The Catalan Illustration, 1882.JPG
Brañas nun gravado de 1893.
Nacemento 11 de xaneiro de 1859
Lugar Carballo, A Coruña Galicia Galicia
Falecemento 21 de febreiro de 1900 (41 anos)
Lugar Santiago de Compostela Galicia Galicia
Nacionalidade España
Alma máter Universidade de Santiago de Compostela
Ocupación escritor, político, economista e xornalista
Xéneros Poesía, drama, historia
editar datos en Wikidata ]

Alfredo José Francisco Higinio Brañas Menéndez, nado en Carballo o 11 de xaneiro de 1859 e finado en Santiago de Compostela o 21 de febreiro de 1900, foi un escritor e ideólogo do rexionalismo galego decimonónico.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo dun rexistrador da propiedade, pasou a infancia en Cambados. Entre 1869 e 1873 estudou o bacharelato en Compostela, e posteriormente estudou dereito na Universidade de Santiago de Compostela (USC). Trala morte do seu pai consegue rematar os seus estudos grazas á nai dun amigo que lle pagou a carreira, e xa mentres estudaba comezou a escribir na prensa, e o xornal compostelán El Porvenir, dirixido por Antonio Toledo Quintela, foi o primeiro no que colaborou.

En 1878, ao remate dos seus estudos, volta a Cambados e traballa nunha notaría. En 1881 volta a Santiago para colaborar no novo diario de Antonio Toledo Quintela, El Libredón, e comeza a exercer de avogado e a participar nos círculos católicos-tradicionalistas da cidade e a escribir poesía en castelán, e en menor medida en galego. Entre 1884 e 1885 foi secretario xeral da USC. En 1885 escribe El Principio Fundamental del Derecho, no que recompila e resume as leccións que dera ese ano para poder optar a unha praza de profesor auxiliar, que acaba conseguindo. Entre 1885 e 1887 foi o director de El Libredón, comeza colaborando co seu sucesor, El Pensamiento Galaico, pero acaba abandonándoo polo carlismo declarado do xornal.

En 1887 obtén por oposición a cátedra de dereito natural da Universidade de Oviedo, alí publica Fundamentos del Derecho de propiedad e xa en 1888 marcha de novo a Santiago ao obter a cátedra de economía política desa cidade.

En 1889 publica en Barcelona El Regionalismo. Estudio sociológico, histórico y literario,[1] que foi aceptada por todos os sectores do galeguismo como un referente. En 1890 déuselle unha homenaxe en Santiago, que supuxo a primeira xuntanza de todos os galeguistas nun ambiente de unidade, independentemente das diferentes tendencias nas que se dividía, e constituíu o punto de partida da mobilización rexionalista. A obra tamén obtivo gran repercusión entre o rexionalismo catalán.

A Brañas en Carballo.

Brañas foi concelleiro en Santiago entre 1890 e 1891, e en 1890 participa na creación da Asociación Regionalista Gallega (ARG) e escribe no seu voceiro, La Patria Gallega, no que Brañas fala por primeira vez de Galicia como nacionalidade. Participa nos Xogos Florais de Tui de 1891, nos que pola primeira vez nun discurso público emprega o galego, nese mesmo desaparece a ARG logo dun enfrontamento entre o sector liberal de Manuel Murguía e o católico tradicionalista de Brañas. Pero en xullo de 1892 Brañas e varios dos seus seguidores acoden á homenaxe a Murguía co gallo do seu nomeamento como bibliotecario da USC e dela xorde a encarga para Brañas de redactar as Bases generales del regionalismo y su aplicación a Galicia, as Bases, influenciadas polas Bases de Manresa, no que presenta un modelo práctico de descentralización. En 1893 participa na mobilización co resto dos rexionalistas contra do traslado da Capitanía Xeneral da Coruña a León.

Viaxa a Cataluña como mantedor dos Jocs Florals de Barcelona en 1893, e xa antes publicara artigos comparando os rexionalismos galegos e cataláns nas publicacións barcelonesas La Renaixença ou La España Regional. En 1894 publica Historia Económica e dous anos máis tarde un Curso de Hacienda Pública; nese ano de 1896 estrea o drama La Voz de la Sangre y la Voz de la Patria.

Foi un dos fundadores do Ateneo León XIII (1896) en Santiago e o Círculo Católico de Obreros seguindo as directrices do papa León XIII no súa encíclica Rerum Novarum.

A crise do 98 vai provocar un certo arrefriamento das súas posicións rexionalistas e o seu achegamento ao carlismo.

Brañas falece en 1900, á idade de 40 anos. O seu corpo foi trasladado ao Panteón de Galegos Ilustres, onde xace nunha tumba coa seguinte inscrición:

Aquí yaz Alfredo Brañas Menéndez, boo cristiano: agarimo d'a terra gallega, sabido maeso na Escola compostelana. Deus ou teña no ceo. Naceu janeiro 11.1859. Finou febreiro 21-1900.

O rexionalismo de Brañas baseábase nun catolicismo e un historismo tradicionalista que lle serve para reclamar as liberdades antigas, ao tempo que arremete contra a industrialización, o liberalismo e o capitalismo, reclamando a volta aos gremios. Para Brañas, Galicia e Cataluña son as dúas rexións que máis traballan pola súa independencia e liberdade, mais no caso galego abandonado "aos seus propios esforzos, vítima do desprezo e do esquecemento a que a condenan os seus fillos espurios, e a pesar desta angustiosa situación, levántase nobre altivez e loita valorosamente pola súa perdida independencia".

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Brañas, Alfredo (1889). Jaime Molinas, ed. El regionalismo: estudio sociológico, histórico y literario (en español). Barcelona. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]