Moncho Gil

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Ramón Gil Sequeiros")
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Moncho Gil
Información persoal
Nacido 16 de agosto de 1897
Lugar Vigo
Falecido 18 de xaneiro de 1965
Lugar Vigo
Posición dianteiro

Ramón Gil Sequeiros, nado en Vigo o 16 de agosto de 1897 e finado na mesma cidade o 18 de xaneiro de 1965, foi un futbolista galego máis coñecido como Moncho Gil, que xogaba na demarcación de dianteiro. Foi medallista olímpico en 1920.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Comezou a xogar no Real Vigo Sporting Club pero comezou a despuntar facendo o servizo militar, cando se organizou o primeiro campionato militar de fútbol de España. Para ese torneo o Regimiento de Infantería Murcia destacado en Vigo fixo moi bo equipo ao contar con varios xogadores do Vigo Sporting Club e do Real Club Fortuna de Vigo. Tan ben o fixeron que chegaron á final, onde gañaron cun gran papel de Ramón, que marcou os dous goles da vitoria.

Segundo os datos da Real Federación Española de Fútbol, o vínculo de Ramón Gil co fútbol en activo seguiu ata 1927, chegando a militar no Celta de Vigo catro tempadas dende a súa fundación en 1923. Foi internacional coa Selección de fútbol de Galicia e varias ocasións, entre elas o primeiro encontro do combinado galego, disputado o 19 de novembro de 1922 ante a Selección de Castela.

Tamén disputou coa Selección de fútbol de España os Xogos Olímpicos de 1920 realizados en Antuerpen (Bélxica), onde o combinado español obtivo a medalla de prata, disputou dous encontros, ante Holanda e Italia. El e Luis Otero Sánchez son os primeiros galegos en ser medallistas olímpicos.

Vida persoal[editar | editar a fonte]

De familia con posibles, era fillo de Ramón Gil Vidal, cónsul en Haití e comerciante eminente da cidade de Vigo. Casou en 1923 con Aurora Curbera[1].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Moncho Gil, futbolista vigués olímpico en Amberes en 1920". La Voz de Galicia (en castelán). 14 de abril de 2007. Arquivado dende o orixinal o 11 de xuño de 2015.