Anxo Quintana

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Anxo Quintana
Anxo Quintana

2 de agosto de 2005 – 20 de abril de 2009
Presidente Emilio Pérez Touriño
Precedido por Alberto Núñez Feijóo
Sucedido por Desaparece o cargo

18 de xullo de 2005 – 6 de setembro de 2011


Portavoz nacional do BNG
23 de novembro de 2003 – 10 de maio de 2009
Precedido por Xosé Manuel Beiras
Sucedido por Guillerme Vázquez

28 de marzo de 2000 – 5 de setembro de 2005


Alcalde de Allariz
1989 – 1 de setembro de 2000
Precedido por Leopoldo Pérez Camba
Sucedido por Francisco García Suárez

Datos persoais
Nacemento 25 de febreiro de 1959 (65 anos) Allariz, Ourense
Partido BNG (1982–2016)
Profesión Enfermeiro, político
Alma máter Universidade de Vigo

Na rede
Twitter: anxo_quintana Editar o valor em Wikidata

Anxo Manuel Quintana González, nado en Allariz o 25 de febreiro de 1959, é un político galego. Foi o Voceiro Nacional do BNG desde 2003 ata 2009 e vicepresidente da Xunta de Galicia desde 2005 ata 2009.

Traxectoria persoal[editar | editar a fonte]

Anxo Quintana nun xantar da súa formación.

O seu avó paterno foi alcalde durante o reinado de Afonso XIII de España e o materno alcalde liberal de Allariz durante a II República Española e un tío-avó materno militante comunista, exiliado após a imposición do franquismo até 1976[1][2].

Terceiro de cinco irmáns, de cativo trasladouse cos seus pais a Vigo, onde estes montaran unha drogaría tras da cal estaba a vivenda na que habitaría a familia, sen perder en ningún momento o contacto coa vila alaricana[2].

Estudou no colexio dos Xesuítas de Vigo (Pontevedra) e posteriormente comezou os estudos de medicina na Universidade de Santiago de Compostela, deixándoos en segundo curso para adicarse á política mentres traballaba como comercial ou camareiro[2]. Finalmente acabou por ser Diplomado en Enfermaría pola Universidade de Vigo[3].

Traballou no Hospital Cristal Piñor de Ourense e foi nomeado socio de honra da Sociedade de Medicina Xeral pola mellora da atención primaria no medio rural.

De rapaz, Quintana destacou como futbolista, sobre todo como dianteiro centro, ata o punto de que o Elche CF, daquela na Segunda División española, ofreceulle un contrato profesional, rexeitándoo para quedar na súa terra[1].

É un afeccionado á cociña[4] e o que máis lle gusta é a lamprea e os viños galegos, "sobre todo dos que fan nas novas adegas na zona de Monterrei"[1].

Está divorciado da súa primeira muller Teresa[1]. Coa súa exparella Cristina Cid, concelleira e tenente de alcalde do BNG en Allariz, tivo dous xemelgos, Xabier e Lía nados no ano 2006[4].

Traxectoria política[editar | editar a fonte]

1977-1989: Orixes e concelleiro da oposición en Allariz[editar | editar a fonte]

Desde 1977, colaborou na introdución do sindicalismo agrario nacionalista na provincia de Ourense, realizando a súa primeira intervención política con 18 anos, perante 200 labregos en Xunqueira de Ambía[5]. No 1982 participa na fundación do Bloque Nacionalista Galegoa (BNG) aínda que a prestación do servizo militar obrigatorio lle impide acudir ao Frontón de Riazor[6], na Coruña, onde se había celebrar a I Asemblea Nacional fundacional.

Após as Eleccións municipais de 1983 converteuse en concelleiro en Allariz e logo das eleccións de 1987 o BNG quedou a só 19 votos de acadar a alcaldía, dobrando o número de concelleiros, feito que foi convertido practicamente nunha vitoria. Pola contra, Alianza Popular mudou tres veces de alcalde en dous anos, o que provocou unha deterioración na política municipal e o rexeitamento dos veciños de vez que se fortalecía a posición do BNG[2].

1989–2000: Alcalde de Allariz[editar | editar a fonte]

Mitin de Anxo Quintana en Santiago de Compostela (ano 2008).

Allariz pasara de ter 10 000 habitantes e ser unha das vilas máis vizosas da Provincia de Ourense a perder case a metade da poboación ante a inacción e inestabilidade dos sucesivos gobernos municipais e o que se consideraba unha conduta ditatorial do entón alcalde Leopoldo Pérez Camba e así, en 1989, coincidindo cunha tempada de seca que deixara o río Arnoia -moi contaminado- e as billas sen auga, as revoltas populares expulsaron o alcalde de Allariz e deron o temón do concello a Quintana tras tres meses de encerros e mobilizacións[2].

Nas municipais de 1991, sae elixido alcalde, cargo que desempeñará ata o 2000, froito desta xestión convertería a vila alaricana nun dos feudos electorais do BNG[7]. Entre 1995 e 2000, ocupou tamén a vicepresidencia da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Durante o mandato de Quintana, Allariz recibiu o premio do Consello Europeo de Urbanismo pola “ordenación e recuperación do conxunto histórico e do seu río” (1994) e foi unha das vilas seleccionadas para representar a España no concurso Hábitat da ONU, que recoñece os concellos que destacan na defensa do desenvolvemento sustentable.[1] O 1 de setembro de 2000 renunciou á alacaldía, sendo elixido alcalde Francisco García Suárez no pleno extraordinario celebrado ese día.[8]

2000–2005: Senador e Portavoz Nacional do BNG[editar | editar a fonte]

No ano 2000 presentouse como candidato a senador nas eleccións ás Cortes españolas sen chegar a acadar os votos precisos, con todo, pasaría a ocupar dito posto por designación autonómica en abril dese mesmo ano, converténdose así no primeiro e único representante do BNG[9]. Repetiría despois das Eleccións ás Cortes españolas de 2004, desempeñando o cargo ata setembro de 2005, cando volve a Galiza para asumir a vicepresidencia da Xunta, e relevaríao no cargo Francisco Jorquera.

A X Asemblea Nacional do BNG, celebrada no 2002, designou a Anxo Quintana Coordinador da Executiva Nacional, cargo de nova creación que o convertía no número 2 do partido, só por tras de Xosé Manuel Beiras[9]. O 23 de novembro de 2003, tras a XI Asemblea, gañaría as eleccións como candidato de consenso para ser Portavoz Nacional co 70% dos votos fronte o 22,3% de Camilo Nogueira, dándolle relevo así a Beiras[10].

2005–2009: Vicepresidente da Xunta[editar | editar a fonte]

QuinTV foi o seu videoblog entre 2008 e 2009.

Tras as eleccións ao Parlamento de Galiza do 19 de xuño de 2005 sae escollido parlamentario como cabeza de lista do BNG pola provincia da Coruña.[11] Grazas ao pacto entre BNG e PSdeG que constituíu o bipartito galego, asumiu a vicepresidencia da Xunta de Galicia, con competencias en Igualdade e Benestar, o 2 de agosto de 2005. Unha das súas accións de goberno de máis relevancia foi a creación das primeiras Galescolas[12] e durante a xestión destas tivo que afrontar a dimisión do entón Secretario Xeral de Relacións Institucionais, Antón Losada[13].

En 2006 converteuse no primeiro alto cargo da Xunta de Galicia en pedir o permiso de paternidade.[14].

Asemade, compatibilizaría o seu cargo institucional co de líder do BNG, a fronte do cal protagonizaría en 2007 o XXV aniversario da formación no Frontón Municipal de Riazor, o mesmo lugar onde se celebrara a I Asemblea fundacional[15][16][17].

En vésperas das Eleccións ao Parlamento de Galicia de 2009 saltou a polémica nos medios por unhas imaxes publicadas nas que se poñía en cuestión a súa relación co empresario Jacinto Rey González.[18]

2009–2016: Derrota electoral e pase a segunda liña[editar | editar a fonte]

O 14 de marzo de 2009 presentou a súa dimisión[19] coma Voceiro Nacional do BNG logo dos resultados nas eleccións ó Parlamento de Galicia, aínda que seguiu en funcións até a seguinte Asemblea Nacional da organización. Relevaríao o 10 de maio dese mesmo ano Guillerme Vázquez. Exerceu o seu posto como deputado no Parlamento até o verán de 2011, cando decide abandonar o seu escano e o seu posto no Consello Nacional do BNG para se dedicar á empresa privada.[20][21] Paralelamente á súa dimisión como portavoz nacional xurdira dentro do Bloque unha importante corrente en torno á figura e á política desenvolvida até entón por Anxo Quintana, con posturas máis centristas cás afíns á UPG ou os beiristas de Encontro Irmandiño, que inicialmente se denominou "quintanismo" e que posteriormente se materializaría en Máis Galiza, xermolo de Compromiso por Galicia[22]. A finais de xaneiro de 2015 volveu acadar un certo protagonismo nos medios ao impulsar a plataforma cívica Somos Nós co fin de reunificar o galeguismo, fortemente dividido tras a ruptura de 2012 en Amio[23].

Anxo Quintana nunha entrevista para Nós TV.

2016: Abandono do BNG[editar | editar a fonte]

O 3 de marzo de 2016 anunciouse nos medios de comunicación a tramitación da súa baixa do BNG logo das diferenzas xurdidas coa organización do mesmo após a XV Asemblea Nacional celebrada no PALEXCO da Coruña,[24][25] poucos días despois de que tamén o fixera Carlos Aymerich, converténdose así no segundo exportavoz Nacional, xunto con Xosé Manuel Beiras, en abandonar a fronte.[25]

Unha semana despois reaccionaba aos artigos de La Voz de Galicia en resposta á súa baixa do BNG, cunha carta[26] publicada na propia conta oficial de Anxo Quintana en Facebook[27], nela explicaba como foi ameazado sendo vicepresidente da Xunta de Galicia para que recuara no novo "concurso eólico" que a Consellaría de Industria, en mans do BNG, estaba a promover. No texto, aínda que non de xeito explícito mais si bastante evidente, dábase a entender que o presidente do grupo multimedia Corporación Voz de Galicia S. A., Santiago Rey Fernández-Latorre, foi autor da frase, en presenza do mesmo Quintana: "Un enfermero de Allariz no puede venir a cambiar el marco económico de Galicia".[28]

Nas eleccións municipais de 2019 volveu a participar na lista electoral do BNG para o concello de Allariz, ocupando un posto simbólico.[29]


Predecesor:
Leopoldo Pérez Camba
 
Alcalde de Allariz
 
19892000
Sucesor:
Francisco García Suárez
Predecesor:
Xosé Manuel Beiras
 
Portavoz Nacional do BNG
 
20032009
Sucesor:
Guillerme Vázquez
Predecesor:
Alberto Núñez Feijoo
 
Vicepresidente da Xunta de Galicia
 
2005 - 2009
Sucesor:
Desaparece o cargo

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 "Anxo Quintana, líder del BNG: el crack del galleguismo", El Periódico de Aragón, 15 de xuño de 2005 (en castelán).
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Esther Esteban. Magazine de El Mundo (5 de febreiro de 2006). "Anxo Quintana". Consultado o 10-03-2016. 
  3. Xabier R. Blanco. El País (10 de agosto de 2008). "Reportaje: Madera de delantero". Consultado o 04-03-2016. 
  4. 4,0 4,1 "Anxo Quintana" Arquivado 12 de febreiro de 2012 en Wayback Machine., El Correo Gallego, 18 de marzo de 2007.
  5. "Actualidad >> Gente >> Anxo Quintana". Expansión.com. Consultado o 04-03-2016. 
  6. Paola Obelleiro. El País (29 de setembro de 2007). "La travesía política del Bloque". Consultado o 10-03-2016. 
  7. Cristina Huete. El País (5 de agosto de 2009). "El feudo del BNG pide 20 años más". Consultado o 04-03-2016. 
  8. ""Acta da sesión extraordinaria celebrada polo pleno da corporación o día 1 de setembro de 2000"" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 04 de novembro de 2006. Consultado o 02 de abril de 2016. 
  9. 9,0 9,1 Ana Martín Plaza. RTVE.es (12 de febreiro de 2009). "Anxo Quintana, el nacionalista que pasó por la Xunta". Consultado o 04-03-2016. 
  10. Xosé Hermida (24 de novembro de 2003). "Quintana releva a Beiras al frente del BNG con el apoyo del 70%". Consultado o 03-03-2016. 
  11. "VII lexislatura (18-7-05 ao 6-1-09) - Resultados das eleccións ó Parlamento de Galicia"
  12. Suso Souto. El Correo Gallego (18 de marzo de 2007). "Nacen las primeras Galescolas". Arquivado dende o orixinal o 15 de marzo de 2016. Consultado o 04-03-2016. 
  13. Europa Press. 20 Minutos (6 de setembro de 2007). "Antón Losada dimite por "motivos personales"". Consultado o 4-3-2016. 
  14. "Anxo Quintana, primer alto cargo de la Xunta que pedirá permiso de paternidad", ABC, 5 de febreiro de 2006 (en castelán).
  15. Bloque Nacionalista Galego (1 de outubro de 2007). 25 aniversario do BNG: Intervención de Anxo Quintana 1/2 (YouTube). 
  16. Bloque Nacionalista Galego (5 de outubro de 2007). 25 aniversario do BNG: Intervención de Anxo Quintana 2/3 (YouTube). 
  17. Bloque Nacionalista Galego (5 de outubro de 2007). 25 aniversario do BNG: Intervención de Anxo Quintana 3/3 (YouTube). 
  18. J. C. ORTIZ e M. J. GÜEMES. Público.es (25 de febreiro de 2009). "Los espías entran en campaña". Consultado o 04-03-2016. 
  19. Quintana anuncia diante do Consello Nacional que deixa o liderado do BNG
  20. La Opinión A Coruña (26 de agosto de 2011). "Anxo Quintana abandona o seu escano e o seu posto no Consello Nacional do BNG". Consultado o 03-03-2016. 
  21. "VIII lexislatura (1-4-09 ao 27-8-12) - Resultados das eleccións ó Parlamento de Galicia
  22. C. P. La Voz de Galicia (18 de abril de 2009). "Las bases del BNG dan su voto a la UPG, pero un peso notable al quintanismo". Consultado o 03-03-2016. 
  23. David Lombao. Praza Pública (29 de xaneiro de 2015). "Anxo Quintana impulsa 'Somos nós', un "movemento cívico" para "construír país"". Consultado o 03-03-2016. 
  24. Galicia Confidencial (3 de marzo de 2016). "O ex-vicepresidente Quintana abandona o BNG, mais non o nacionalismo". Consultado o 03-03-2016. 
  25. 25,0 25,1 Henrique Varlea. Sermos Galiza (3 de marzo de 2016). "Quintana deixa o BNG porque di non compartir o seu proxecto político de “hoxe”". Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2016. Consultado o 3 de marzo de 2016. 
  26. "É cousa do animal" (PDF). Dropbox. Consultado o 28-03-2016. 
  27. "Conta oficial de Anxo Quintana en Facebook". Facebook. Consultado o 28-03-2016. 
  28. Galicia Confidencial (11 de marzo de 2016). "Quintana desvela por que o bipartito perdeu a Xunta: “Un prócer coruñés quería cambiar o concurso eólico”". Consultado o 28-03-2016. 
  29. "Simbólico retorno de Anxo Quintana: será el número 22 de Allariz". www.elcorreogallego.es (en castelán). Consultado o 2023-03-26. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]