Reintegracionismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O reintegracionismo é unha postura lingüística que defende que o galego é unha variedade da lingua portuguesa[1] ou no ámbito científico, galego-portuguesa. Polo tanto, as diferentes falas galegas serían, como as portuguesas, parte do mesmo diasistema lingüístico e, como consecuencia da procura da converxencia entre o galego e o portugués, propón a adopción dunha grafía baseada na norma portuguesa. Norma divulgada a través do libro Estudo crítico das normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego de 1983 coñecida como Norma AGAL, ou a adopción directa do portugués padrón defendida polo sector lusista.

Historia[editar | editar a fonte]

Logotipo da AGAL

Como postura moi minoritaria tivo algúns partidarios a comezos do século XX como Xoán Vicente Viqueira[2] ou Evaristo Correa Calderón e a mediados do século na figura de Ernesto Guerra da Cal[3]. Con todo a primeira formulación ortográfica debeuse a José Martinho Montero Santalha. Que en 1976 publicou na revista Grial a súa Unificación ortográfica galego-portuguesa, recollendo a proposta que Manuel Rodrigues Lapa fixera en 1973 de adoptar o portugués como a forma literaria do galego, pero matizándoa para defender só un achegamento ortográfico[4], afondando nesa liña en Directrices para a reintegración lingüística galego-portuguesa de 1979. Eses postulados recolleunos Ricardo Carvalho Calero a partir de 1980 nunha serie de obras. E ao ano seguinte naceu a principal organización reintegracionista; a Associaçom Galega da Língua.

O Concello de Corcubión foi a primeira institución pública que utilizou esta normativa na súa web: www.corcubion.info/gl-pt. Se ben, en versións posteriores, desapareceu[5].

O reintegracionismo é un movemento cultural, alén de lingüístico, que sostén o feito de que o galego pertence á lingua histórica coñecida mundialmente polo nome de portugués ou lingua portuguesa. Ou sexa, as falas galegas forman parte do mesmo diasistema lingüístico, agora realizado por dúas normas: as estandarizadas en Portugal e nos PALOPs. E no Brasil: ás cales cabería engadir outra galega, aínda en proceso de elaboración.

Por consecuencia, os reintegracionistas ou lusistas cren que a normativa oficial do galego, arbitrada pola Real Academia Galega e reflectida nas NOMIG (normas ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego) é inadecuada, xa que dan por irreversíbel a castelanización do galego. A última reforma destas normas, en 2003, acepta esa visión e conserva os trazos españois máis característicos, como a letra ñ, o dígrafo ll, os sufixos -ería, -ble, -ción, as regras de acentuación e as opcións léxicas tamén dan máis preferencia a vocábulos de orixe castelá.[Cómpre referencia]

Como norma de transición, a AGAL (Asociación Galega da Lingua) e outros grupos usan unha norma ortográfica galego-portuguesa próxima da portuguesa común: NH, LH, ~ ("til") unicamente nos plurais (s); -aria, -vel , pero -con, en vez de -ción.

Outras agrupacións, como o MDL (Movemento Defensa da Lingua), usan a Norma AGAL e a portuguesa indiferentemente, mentres que a AAG-P (Asociación de Amizade Galiza-Portugal) e as IFG-P (Irmandades da Fala da Galiza e Portugal) optaron pola norma acordada en Lisboa (1990). En Portugal, e en todo o mundo lusófono estes movementos son secundados polo MIL: Movemento Internacional lusófono.

O termo "reintegracionismo" representa, fronte ao término "lusismo" unha posición de achegamento máis lenta, e acepta posicións intermedias sobre a adopción progresiva da ortografía portuguesa. Con todo, lusismo e reintegracionismo buscan os mesmos obxectivos. Se fose posible a distinción, habería de atribuír ao lusismo a adopción da ortografía e morfoloxía portuguesas, co uso de léxico común e tamén do propio galego, mentres que o reintegracionismo usa peculiaridades galegas na ortografía e na morfoloxía, por riba sinaladas, ademais de coincidir co lusismo nos usos lexicais.

Promotores do reintegracionismo son a Asociación Galega da Lingua (AGAL), o Movemento Defensa da Lingua (MDL), a Asociación de Amizade Galiza-Portugal (AAG-P), as Irmandades da Fala da Galiza e Portugal (IFG-P), a Asociación Socio-Pedagóxica Galaico-Portuguesa (AS-PGP), a recentemente[cando?] creada Academia Galega da Língua Portuguesa e distintas asociacións cívicas locais, especialmente os chamados 'centros sociais' que na última década xurdiron en diferentes vilas e cidades da Galiza para realizar traballo cultural e lingüístico con unha orientación reintegracionista.[Cómpre referencia]

Xa no ámbito político, as forzas de referencia española adoitan ser máis refractarias fronte ao reintegracionismo, apoiando a normativa oficial. Os partidos e forzas nacionalistas e independentistas galegas teñen unha orientación máis reintegracionista, pero a corrente maioritaria, o BNG, asume estes principios só nun plano teórico, mentres que a minoritaria esquerda independentista usa a forma gráfica reintegracionista xa desde 1985, cando foi aprobada pola extinguida organización Galiza Ceive (OLN).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Francisco Fernández Rei A situación do galego en Galicia e no occidente de Asturias, de León e de Zamora en Estudios de sociolingüística románica: linguas e variedades minorizadas. Universidade de Santiago de Compostela, 1999, páxina 43
  2. Domingos Prieto Alonso Planificaçom lingüística do galego:Vicente Viqueira, mestre de dom Ricardo en José Luís Rodríguez (ed.) Estudos dedicados a Ricardo Carvalho Calero. Universidade de Santiago de Compostela, 2000, pp. 267-281
  3. Maria do Carmo Henríquez Salido Caracterizaçom da língua en Ernesto Guerra da Cal en Homenagem a Ernesto Guerra da Cal. Universidade de Coimbra, 1997, páxina 277
  4. Serafín Alonso Pintos O ideal de lingua na Gramática de Carballo Calero, Grial 147, 2000, páxina 473
  5. http://www.corcubion.gal/gl

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Wikiquote
A Galicitas posúe citas sobre: Reintegracionismo

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]