De acordo co artigo 9.1 do Título III da Lei 8/1985, de 13 de agosto, de eleccións ao Parlamento de Galicia,[3] o Parlamento de Galicia está composto por 75 deputados. Estes son elixidos polas catro circunscripcións electorais galegas, que corresponden coas catro provincias da comunidade autónoma. Cada unha delas elixe un número diferente de deputados, tal e como marcan os artigos 9.2 e 9.3 da citada lei. A cada unha das catro provincias de Galicia correspóndelle un mínimo inicial de 10 deputados, mentres que os 35 restantes distribúense entre as provincias en proporción á súa poboación. En 2024 esta é a distribución de escanos que se segue:
O mandato dos deputados remata catro anos despois da súa elección ou o día da disolución da Cámara, dereito correspondente á presidencia da Xunta de Galicia.
O Parlamento, órgano inviolable, representa o pobo galego e constitúe a primeira das institucións da Comunidade Autónoma, da que derivan todas as demais.
A primeira sesión constitutiva do Parlamento de Galicia tivo lugar o 19 de decembro de 1981 (I Lexislatura) no Pazo de Xelmírez, unha vez celebradas as primeiras eleccións autonómicasda historia de España, o 20 de outubro de 1981.
O pazo de Xelmírez foi a sede provisional do Parlamento de Galicia desde a súa constitución o 19 de decembro de 1981[4] ata que se trasladou ó pazo de Fonseca no verán de 1982[5] e, finalmente, á actual sede no pazo do Hórreo en marzo de 1989. Para conmemorar os 30 anos da institución, o 19 de decembro de 2011 celebrouse no pazo de Xelmírez unha sesión extraordinaria do Parlamento.[6][7]
O Pazo do Hórreo conta con todas as dotacións necesarias para que os deputados e deputadas poidan desenvolver o seu traballo: salón de plenos, salas de comisións, de prensa e outras dependencias de uso polivalente, tanto para as reunións de carácter interno como para a actividade pública e encontros con colectivos. Así mesmo, un completo equipamento tecnolóxico permite ofrecer en directo, a través da web, as sesións do Pleno e das comisións.
O salón de plenos é o lugar habitual onde teñen lugar as sesións do Pleno do Parlamento de Galicia, e os deputados ocupan os asentos arranxados en forma de hemiciclo ante a Mesa presidencial. O presidente da Xunta de Galicia e o seu Goberno ocupan a primeira ringleira de escanos, e o resto de deputados, agrupados en grupos parlamentarios, ocupan os restantes, previamente asignados pola Mesa do Parlamento.
O Parlamento alberga tamén unha variada e valiosa colección de arte galega contemporánea, pintura e escultura fundamentalmente, e conta cunha nutrida biblioteca. Desde 1997 a biblioteca do Parlamento acolle o arquivo bibliográfico e persoal de Ricardo Carvalho Calero, unha colección formada por 4.872 volumes de monografías e coleccións de 197 títulos de revistas, documentos persoais e docentes, correspondencia, expedientes e recortes de prensa, obra propia e allea, así como material gráfico (láminas, mapas, planos e carteis).[8]
Unha das funcións que desempeña o Parlamento de Galicia é a designación dos senadores que deben representar a Galicia, conforme ao previsto na Constitución e na forma que determine a Lei de Designación de Senadores en representación de Galicia.
A designación dos senadores galegos produciuse o día 19 de novembro de 2021 no Parlamento de Galicia. Así, elixíronse a dous representantes do Partido Popular de Galicia e a un do Partido dos Socialistas de Galicia.[12] Polo tanto, a lista de senadores designados polo Parlamento de Galicia quedou da seguinte forma:
O presidente do Parlamento ostenta a representación da Cámara, asegura a boa marcha dos traballos, dirixe os debates, mantén a orde dos mesmos e ordena os pagos, sen prexuízo das delegacións que poida conferir.[13]
A actividade do Parlamento de Galicia desenvólvese en dous períodos de sesións: un que abrangue os meses de setembro a decembro e outro que vai do 15 de xaneiro ao 15 de xullo. Durante estes períodos, os deputados pódense reunir en sesións ordinarias de Comisión que, habitualmente, teñen lugar de martes a venres de cada semana.
Fóra destes períodos de sesións, pódense realizar sesións extraordinarias de cumprirse determinados requisitos.
Quen exerce a Presidencia do Parlamento fixa a Orde do día das Sesións Plenarias, de acordo coa Mesa e a Xunta de Voceiros e tendo en conta o calendario de actividades. A orde do día das Comisións vén determinada pola súa Mesa, de acordo co calendario establecido pola Mesa do Parlamento.