Xavier Prado Rodríguez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Xavier Prado Rodríguez
Javier Prado Rodríguez fotografía que aparece en la primera página de las obras del autor y que corresponde al año 1928.jpg
Prado Lameiro, 1928.
Datos persoais
Nacemento 12 de setembro de 1874
Lugar Ourense
Falecemento 26 de decembro de 1942
Lugar Ourense
Cónxuxe Aurora Rodríguez Martínez
Dolores Montes Pérez
Clementina Pérez de la Iglesia
Fillos Fausto e oito fillos máis
Actividade
Lingua Castelán e galego
Xéneros Poesía e teatro [1]
Estudos Veterinaria

Xavier Prado Rodríguez, bautizado como Javier David Leoncio Prado Rodríguez e máis coñecido polo seu alcume Prado Lameiro [1], nado en Ourense o 12 de setembro [nota 1] de 1874 e finado na mesma cidade o 26 de decembro de 1942, foi un veterinario, autor teatral e poeta, ademais de destacado protagonista do rexionalismo galego de principios do século XX, dentro das Irmandades da Fala. Colaborador de Lamas Carvajal, intentou recupera-la publicación O Tio Marcos d'a Portela, en 1917, aínda que desapareceu finalmente en 1919. A súa obra é costumista, humorística, irónica e ruralista. Sabe reflectir perfectamente os modos e comportamentos dos campesiños, de modo que semella que transcribira unha gravación dos diálogos e pullas que se dan tódolos días no mundo rural galego. Cando escribe en galego o fai recollendo fielmente a fala ourensá, tanto a do labrego galego como a do señorito que presume de fala-lo castelán.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Orixe e primeiros anos[editar | editar a fonte]

Foi o segundo fillo de Vicente Prado Romero, empregado, e Carmen Rodríguez García, ama de casa. O pai, xa enfermo cando naceu Xavier, morreu ó pouco e tanto el como a súa irmá Modesta foron criados polo seu padriño David García González, subdiácono da parroquia de San Pedro de Cudeiro, entón do concello de Canedo, próximo a Ourense, e hoxe integrado no concello de Ourense. Foi alí onde Prado Lameiro coñeceu por vez primeira a vida labrega que máis tarde trasladaría ás súas obras literarias.

En 1891, con 16 anos, ingresou voluntario no servizo militar, e serviu armas no "Regimiento de Infantería Murcia núm. 37" con base no, xa desaparecido, Cuartel de Barreiro,[2] en Lavadores, Vigo. Xa licenciado, tres anos despois regresou a Ourense. Estudou Veterinaria na Facultade (Escola Especial) da Universidade de Santiago de Compostela, desaparecida en 1924, onde rematou os estudos con 25 anos. Daqueles anos só se sabe que publica algún verso na revista satírica El Cínife , de Compostela, usando xa o pseudónimo Lameiro. Ao ano seguinte de rematar os seus estudes, en 1901, comezou a traballar en Ribadavia como inspector de carnes e peixe. Cobraba daquela cen pesetas anuais [3].

En Ribadavia casou con Aurora Rodríguez Martínez, con quen tivo un fillo ó que chamaron Fausto. Quedou viúvo ó pouco pero volve a casar, con Dolores Montes Pérez, con quen tivo oito fillos. Posteriormente, xa maior, casou por terceira vez, en Ourense, con Clementina Pérez de la Iglesia.

En 1909, con 35 anos, presentouse ás oposicións para Inspector Provincial de Hixiene e Sanidade Pecuaria. Aprobou e tomou posesión en Ourense, en 1910, deixando o seu traballo en Ribadavia. Aquí xa cobra 2.500 pesetas anuais [4]. É desde este posto cando publica os seus primeiros textos profesionais, sobre distintas enfermidades animais e sobre a mellora do gando vacún. Tamén publicou follas divulgativas dirixidas ós gandeiros ourensáns sobre diferentes temas agrícolas e gandeiros, como a mellora da hixiene dos cortellos e os perigos da convivencia da xente co seu gando, común nas vivendas daquel tempo. Dita tamén numerosas conferencias sobre os mesmos temas.

Acta de constitución do Colexio Oficial de Veterinarios de Ourense.

Foi presidente do Colexio de Veterinarios de Ourense desde a súa fundación, en 1923, ata 1926, continuando como presidente de honra ata a súa morte.

Prado Lameiro, veterinario[editar | editar a fonte]

O seu labor como veterinario quedou diminuído fronte ó seu legado literario, pero non pode cualificarse de pouco relevante. Sábese que escribiu un Tratado de Veterinaria, inédito, que conserva o seu neto [5].

Desde a tribuna do Tío Marcos avogou seguido pola mellora das condicións do gando, tales que a mellora da estabulación e da alimentación, a profilaxe das enfermidades, a necesidade dunha selección rigorosa dos sementais e das razas bovinas na procura dun aumento de calidade na carne e leite máis que na cantidade, das melloras a introducir nas feiras de gando, en beneficio do gandeiro e non do tratante.

Desque comenzou a loita europea o valor d'o gando foi de cote pra riba. [...] Xa denantes d'a guerra era costume, e costume ruin, levar á feira aquiles animás mais xeitosos, quedándonos c'os mais ruís pr'á semente; agora, cegados pol-o grande valor que as nosas vaquiñas teñen, a costume aquela faise xa cuase lei, y-acurrirá moi logo que a cualidade d'o noso gando vacuno merecerá o disprecio de cantos nol-o veñen percurar.

O Tío Marcos d'a Portela, 7.04.1918, 2.

Mantiña a tese de que a rubia galega que existía daquela estaba dexenerada a consecuencia de cruces con outras razas -de carne e de leite- e de sacrifica-los mellores exemplares. Por iso, dicía:

la vaca gallega tipo es una vaca mantequera; en cualquiera de sus otras aptitudes no pasa de ser un animal muy mediocre.

Para mellora-la raza, a solución que propoñía foi sempre a escolma dos mellores sementais rubios e deixar de importar sementais de fóra.

Tamén foi inimigo constante da figura dos tratantes nas feiras, e propuxo modifica-lo réxime das feiras de gando para "suprimir los intermediarios parásitos, que encarecen la producción y menguan, con el poder absurdo que les da su situación privilegiada, la bolsa del labriego".

Desde o seu cargo como Inspector de Hixiene Pecuaria, foi un pioneiro nas campañas de vacinación de enfermidades frecuentes daquela como a nacida (carbuncho) e o gripo (febre aftosa), no vacún, e o rubio (mal vermello) nos porcos. Tamén desenvolveu campañas de profilaxe contra a rabia e a cisca dos porcos, denominación popular da colibacilose.

Prado Lameiro n’O Tío Marcos d’a Portela[editar | editar a fonte]

O Tío Marcos d’a Portela foi o primeiro semanario escrito integramente en galego, creado por Valentín Lamas Carvajal, quen o dirixe desde a súa fundación o 7 de febreiro de 1876 ata o 17 de marzo de 1889, data na que deixa de publicarse. Houbo un intento de saca-la revista á rúa en 1897, pero non callou.

En 1917, Prado Lameiro xunto con outros integrantes das Irmandades da Fala, recuperan o proxecto e inician unha nova e última etapa. O 18 de febreiro de 1917 publícase o primeiro parrafeo desta terceira época, con clara vocación continuísta do Tío Marcos de Carvajal e como plataforma do ideario das Irmandades da Fala. Como director consta Hixinio Ameixeiras, pero todo indica que o verdadeiro impulsor era Prado Lameiro. Xa neste primeiro número publica o seu poema O fiadeiro.

Risco, amigo de Prado Lameiro e ourensán coma el.

Vicente Risco escribía isto a Blanco Amor:

...E non teña medo â nosa língoa: lémbrese de cando a “Centuria”. D’aquela –eu sempre soupen o galego, o galego da cociña e o mais do café- mais dende moi pequeno nono volvera falar mais que algunhas veces en Madrid. E d’aquela ainda atopabamolo un pouco ridículo, manexado polo Ameixeiras e aquel “Tío Marcos” que somentes o bó Lameiro podía salvar.

A pegada de Lameiro no Tío Marcos pode verse claramente nunha sección, máis ou menos fixa e sen sinatura, titulada Parolas formás d’o Tío Marcos, dirixida habitualmente a labregos e gandeiros, ós que animaba a mellora-las súas prácticas e, sobre todo, a uni-las súas forzas en asociacións profesionais para chegar máis facilmente á compra de maquinaria, sementes, fertilizantes, sementais etc. sen esquece-la loita contra os caciques.

Xa falamos algunhas veces, anque soilo fose de présa, e sin faguer moito fincapé n-o asunto, d’a necesidade de endustrializar en Galicia canto á agricultura cheire. Hoxe ímoslle dar un toque as feiras gallegas, eses centros de contrataceón tan convenentes, pro que s’atopan d’o mesmo xeito que cando élas escomenzaron a funceonar alá en tempos pra nós desconecidos.

—"Parolas formás d’o Tío Marcos" (texto sen sinatura, O Tío Marcos d’a Portela 16, 7.10.1917)

Tampouco esquece o chamamento ó uso orgulloso do galego: xa no terceiro parrafeo publica un artigo tamén sen sinatura pero a todas luces da pluma de Prado Lameiro, titulado Galicia ten que falar gallego. Aínda así, o feito é que tódolos textos profesionais que se conservan del están escritos en castelán e tanto o ordenanza da Xefatura de Hixiene Pecuaria como a súa propia filla testemuñan que Prado Lameiro sempre utilizou o castelán no seu traballo e coa súa familia.

A terceira época do Tío Marcos remata definitivamente ó cabo de dous anos e 58 parrafeos. O 7 de xullo de 1919 publícase o último número.

Outras actividades[editar | editar a fonte]

En 1918 publica o seu primeiro libro de poemas A carón d'o lume, con portada de Vicente Risco.

Meses antes de remata-la aventura do Tío Marcos, en febreiro do mesmo 1919, Prado Lameiro entra na directiva da Asociación de Prensa ourensá. Colabora tamén, xunto a Virxilio Fernández González, Xulio Prieto Nespereira, Fabriciano Iglesias Abella e Cesáreo Eire Santalla, na fundación do coro De Ruada, coñecido agora como Coral de Ruada [6], presentada en Ourense o 24 de xuño de 1919, precisamente con dúas obras de Lameiro: Luis de Castromouro, en castelán; e Na corredoira, en galego. Nos anos seguintes, a Coral da Ruada representa un bo número das pezas teatrais que Lameiro vai escribindo.

Tamén colaborou brevemente como redactor da revista Nós, quizais como consecuencia da súa amizade con Vicente Risco [7].

Na Ditadura de Primo de Rivera[editar | editar a fonte]

Co paso do tempo, Prado Lameiro foi mudando desde o galeguismo a posicións máis próximas ós partidos políticos de dereitas. Cando Calvo Sotelo é elixido ministro de Facenda, en decembro de 1925, Prado Lameiro publica uns versiños de felicitación, ós que aquel responde agradecido, e tamén en verso.

Lameiro, Retrato en Vida Gallega, 1931.

Trala proclamación da Ditadura de Primo de Rivera, 1923, Prado Lameiro colabora activamente na fundación e desenvolvemento da Unión Patriótica, partido único a modo de partido político do Goberno, participando en diferentes actos nos que se mesturaba a propaganda política e os consellos dirixidos a campesiños e gandeiros. Entre 1924 e 1928 foi secretario particular do Gobernador Civil de Ourense.

En 1926, Ano Xacobeo, foi canda a Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Lois Feixoo e Antón Sánchez desde Ourense a Santiago de Compostela como peregrinos. Froito deste roteiro de catro días, escribiu o texto No camiño de San-Yago, publicado por capítulos na revista A Nosa Terra entre xullo de 1926 e abril de 1927.

En 1928, La Región de Ourense publica o seu segundo libro de poemas: Cóxegas e moxetes. Tamén se publican, en dous tomos titulados Monifates e Farsadas, catorce pequenas obras teatrais.

Últimos anos[editar | editar a fonte]

A partir da instauración da Segunda República, Prado Lameiro abandona tanto as actividades políticas como as literarias. Non participa en ningunha das organizacións ou movementos políticos ou sociais do momento nin a favor nin en contra da República. Tampouco publica nada novo. Dedícase exclusivamente á súa actividade profesional como veterinario.

E así vai avellentando ata que, en 1937, publica un soneto a Francoen honor y a beneficio del glorioso Ejército español”.

Al generalísimo Franco
Yo quisiera tener justa medida
para cantar la gloria en vos lograda,
mas es ella tan noble y elevada
que no encuentro la forma apetecida.
Acumulais, señor, en vuestra vida
una labor tan densa y tan honrada,
tantos y tales méritos, que nada
supone la expresión más encendida.
Y ahora, viendo a España en mal camino,
cuanto sois lo poneis a su servicio
y lograis encauzarla a su destino.
Y pues habéis vencido el maleficio
que semejaba ser ya nuestro sino...
¡General! ¡Dios os premie el sacrificio!
Monumento a Prado Lameiro, nos xardíns de El Posío (Ourense).

O 26 de decembro de 1942, Prado Lameiro morría en Ourense a consecuencia dunha insuficiencia cardíaca. Segundo P. Iglesia Hernández, a causa foi unha complicación tras unha operación de cancro de próstata realizada en Santiago de Compostela.

Homenaxe en Ourense[editar | editar a fonte]

En 1929, Ourense celebra unha homenaxe popular a Prado Lameiro. O líder agrario e republicano Basilio Losada escribiu o seguinte:

“Lameiro”, por su modestia, por su simpatía y por su labor fecunda, es digno de la admiración más encendida y justificada. Su labor literaria, fresca, inspirada, constante, es un lago extenso donde la ironía gallega afluye abundante y caudalosa. Xavier merece todo lo que se haga en su obsequio, tiene una limpia ejecutoria de escritor dificilmente igualable y, sobre todas esas virtudes, Xavier es un orensano de cuerpo entero. Un gran orensano.

E en marzo de 1945 levantouse nos xardíns ourensáns do Posío un monumento na súa honra que consiste nun busto de Prado Lameiro realizado por Asorey.

Cóxegas e moxetes, 1928.

Obra[editar | editar a fonte]

Profesional[editar | editar a fonte]

  • Instrucciones profilácticas y curativas sobre las enfermedades infecto-contagiosas más frecuentes en los ganados de la provincia (Ourense, 1911).
  • Generalidades sobre higiene pecuaria (Ourense, 1912).
  • La mejora de los vacunos (Ourense, 1913).
  • Lo que dicen ellos... (Imp. Librería La Industrial S.L., Ourense, 1942). Textos breves fabulados entre os que destacan “Mal negocio” e “Vale más poco y bueno que mucho y malo”.
Monifates, 1928.

Ademais de numerosas conferencias e artigos na prensa sobre as enfermidades do gando e a súa selección e mellora. Este labor divulgativo obsérvase tamén como fondo dalgunhas das súas obras teatrais e das súas poesías, se ben nestes textos nunca utiliza termos técnicos senón os que utilizaban os labregos, como nacida, lobado, cisca, bellide, tose ou unha entripada de cránio.

Literatura[editar | editar a fonte]

  • A carón d’o lume, poemario (Ourense, 1918)
  • Marzadas (Ourense, 1919; tamén incluída en Farsadas)
  • No camiño de San-Yago (libro de viaxes, 1926-1927)
  • Cóxegas e moxetes, poemario (Ourense, 1928)
  • Monifates (Ourense, 1928). Xunto a Farsadas, é unha recompilación de sete pezas teatrais independentes, tituladas Almas sinxelas, Tratos, Luis de Castromouro, A retirada de Napoleón, Todo tén goberno, Un home de sorte e O cego d'a Xestosa.
  • Farsadas (Ourense, 1928). Constituído por Os trasacordos de Mingos, Soledá, Vida Vilenga, Marta, Na corredoira, Estebiño e Marzadas.

Segundo Iglesia Hernández, aínda quedan en poder da familia e algúns amigos máis textos inéditos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Vázquez Montero dá a data de 12 de outubro, pero as outras fontes consultadas coinciden no 12 de setembro.
Referencias
  1. 1,0 1,1 Erro no código da cita: Etiqueta <ref> non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome DBDG
  2. 42°13′47.39″N 8°40′47.03″O / 42.2298306, -8.6797306
  3. Iglesia Hernández (1978), p. 94.
  4. Iglesia Hernández (1978), p. 95.
  5. De cuando las musas..., 4.
  6. Coral de Ruada. “Obras Completas” de Xavier Prado “Lameiro”
  7. Iglesia Hernández (1978), p. 103.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]