As Burgas
![]() | Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde setembro de 2012.) |
Tipo | fonte ![]() | |||
---|---|---|---|---|
Localización | ||||
División administrativa | Ourense, España ![]() | |||
Localización | Ourense ![]() | |||
| ||||
Características | ||||
Ben de Interese Cultural | ||||
Identificador | RI-54-0000232-00000 | |||
As Burgas son uns mananciais de augas termais que se localizan na cidade de Ourense. Deles brotan unhas augas silicatadas, fluoradas, litínicas e hipertermais, a unha temperatura entre 64 e 68 °C cun caudal de 300 litros por minuto. Estas augas son aplicables a diferentes tipos de dermopatías.
Xunto coa catedral e a Ponte Maior, son un dos símbolos da capital ourensá, á que se lle deu en chamar "Cidade das Burgas". Estes mananciais foron declarados Conxunto Histórico-Artístico no ano 1975.
Composición da auga
[editar | editar a fonte]A composición da auga das Burgas, segundo a análise feita polos doutores Souto e Bermejo en 1990, é a seguinte:
- pH............................ 7,56
- Residuo seco.......... 649,2 mg/l
- Litio......................... 1,14 mg/l
- Sodio...................... 102,2 mg/l
- Potasio................... 8,15 mg/l
- Rubidio................... 0,16 mg/l
- Cesio...................... 0,11 mg/l
- Calcio..................... 11,2 mg/l
- Magnesio............... 0,69 mg/l
- Boro....................... 1,24 mg/l
- Cloruro................... 25,0 mg/l
- Fluoruro................. 13,49 mg/l
- Bicarbonato........... 462 mg/l
- Nitrato.................... 0,33 mg/l
- Sílice...................... 71,8 mg/l
Orixe do nome
[editar | editar a fonte]A orixe do nome das Burgas non está moi clara. Para algúns autores pode proceder de celta "beru" que quere dicir quente, pero a etimoloxía máis aceptada é a que provén do latín "burca" que quere dicir pía, en alusión ós baños utilizados polos romanos como balnearios.

Mananciais
[editar | editar a fonte]Son tres mananciais: a Burga de Arriba, a máis antiga, de estilo popular e pertencente ó século XVII; a Burga do Medio, pegada ó muro e de estilo moderno; e a Burga de Abaixo, de estilo neoclásico, século XIX, con dous canos laterais e unha pía labrada no centro con outro cano. Tamén se atopa neste conxunto a réplica das catro aras romanas atopadas na cidade, a primeira delas en honor das Ninfas desas augas ofrendada por Calpurnia Abana Aeboso, que é o primeiro nome coñecido dun habitante da cidade de Ourense.
Como dato curioso podemos comentar que antigamente as paisanas usaban a fonte para escaldar os polos e quitarlle así as plumas de forma máis doada.
Tampouco está clara a orixe destes mananciais: unha lenda di que nacen debaixo da capela do Santo Cristo, na Catedral, e outra di son causadas por un volcán en repouso que está na base do Montealegre e que nalgún momento podería chegar a estoupar. Tamén se di que a alta temperatura das augas se debe a que o manancial se atopa xusto por riba do inferno.
A comezos de 2005, por mor dunhas escavacións non autorizadas asociadas á construción dun novo balneario, resultou perforado un dos pozos que alimentan as Burgas, perdéndose un 40% do caudal, e secando un dos canos principais das fontes polas que xorden as augas.
O 28 de xullo do 2010 inaugurouse a nova piscina termal na Burga do Medio, obra do arquitecto galego César Portela[1]. Ó principio, esta piscina termal era de pago, pero en xaneiro do 2013, converteuse nunha piscina termal gratuíta.
Lendas
[editar | editar a fonte]Conta unha lenda que había nun monte de Ribadavia un ermitán, chamado Pedro, que era quen traía as augas quentes a esta vila. Dise que fixera algún milagre e destacaba pola súa sabiduría. Un día, Pedro enfermou e creu morrer, pero un pastor que andaba por aí ofreceuse a buscar un médico, e así foi: trouxo un médico da vila que o atendeu e tratou, e conseguiu curalo. Desde aquela, Pedro e o pastor fixéronse amigos e este leváballe comida ó ermitán, á vez que aprendía del.
Pero tamén había nunha taberna de Ribadavia unha moza, Aurora, filla dun adegueiro, que estaba encaprichado do pegureiro, se ben este rexeitábaa por crer que a moza era unha enviada do demo. Aurora, para vingarse do desprezo do mozo, roubou un cáliz na igrexa e agochouno no zurrón do mozo, acusándoo logo por ladrón, polo que foi perseguido polos veciños de Ribadavia, apedreado e finalmente morto. Cando Pedro o soubo, alporizouse de tal forma que desviou as canles das termas que ían a Ribadavia e levounas a Ourense, facendo que xurdiran nesta cidade nas Burgas. El mesmo acordou ir vivir a esta cidade.[2] Outra variante da lenda conclúe que, unha vez feito o traslado das augas, tendeu a súa capa sobra as augas do Miño e tendeuse sobre ela, deixándose levar pola corrente ata Tui, onde sería venerado como San Pedro González Telmo.[3]
Outra lenda conta que unha muller non gardou o descanso debido dos días festivos e foi lavar a roupa ás Burgas o día de Santo Antón. Aseguraba que, xa que o Santo non lle ía lavar a roupa, tería que facelo ela. Pero no momento de meter as mans na auga, sufriu a amputación dun brazo. Disque ese brazo se conservaba no convento de San Francisco da cidade.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Vista lateral da Burga de Abaixo
-
Fonte principal da Burga de Abaixo
-
Cano lateral da Burga de Abaixo
-
Burga de Arriba (2006)
-
Estanque coa inscrición latina de Calpurnia...
-
Orixe e información sobre as Burgas
-
Xardíns das Burgas (2006)
-
Piscina termal
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Ourense estrea un novo espazo termal no corazón da cidade". Arquivado dende o orixinal o 21 de febreiro de 2014. Consultado o 03 de xaneiro de 2011.
- ↑ Vaqueiro 2011, p. 96-97.
- ↑ Clara López: "El origen de As Burgas", en La Voz de Galicia, suplemento Galicia 21.09.1991.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: As Burgas ![]() |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- "Burgas, As". Enciclopedia Galega Universal. Ir Indo. 1999-2002. ISBN 84-7680-288-9.
- Vaqueiro, Vítor (2011). Mitoloxía de Galiza. Lendas, tradicións, maxias, santos e milagres. Vigo: Galaxia.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- "As Burgas". turismo.gal. Xunta de Galicia.