Relixión

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
ReligijneSymbole.svg

A palabra relixión, ás veces empregada como sinónimo de fe ou sistema de crenzas, defínese comunmente como crenza concernente ao sobrenatural, sagrado, ou divino e aos códigos morais, prácticas, rituais, valores e institucións relacionadas coa devandita crenza. En ocasións, a palabra relixión úsase para designar o que debería ser chamado "relixión organizada" ou "organización relixiosa", é dicir, organizacións que soportan o exercicio de certas relixións, frecuentemente baixo a forma de entidades legais.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

A palabra "relixión" provén do latín religio, que á súa vez se definiu como "reverencia por Deus ou os deuses, unha meditación coidadosa das cousas e da piedade".[1]

Historicamente foron propostas varias etimoloxías para a orixe do termo latino de religio. Cicerón, na súa obra De natura deorum (45 a.C.), afirma que o termo refírese a relegere, "reler", posto que era característico que as persoas relixiosas prestasen moita atención a todo o que se relacionaba cos deuses, relendo as escrituras.[2] Esta postura etimolóxica subliña o carácter repetitivo do fenómeno relixioso, sobre todo como aspecto intelectual. Máis tarde, Lactanci (século III dC) rexeita a interpretación de Cicerón e afirma que o termo provén de religare, "religar", argumentando que a relixión é un vencello de piedade que serve por religar os homes con Deus.

No seu libro A Cidade de Deus, Santo Agostiño (século IV), afirma que religio derívase de religere, "reelixir"; por medio da relixión, a humanidade reelixía outra vez a Deus, posto que se separou. Máis tarde, na súa obra A relixión verdadeira, Agostiño retoma a interpretación de Lactanci e o seu concepto de "religar". Finalmente, Macrobi (século IV) considera que relixión derívase de relinquere, algo que nos foi deixado polos antergos.

A palabra "relixión" foi empregada durante moitos séculos no contexto cultural de Europa, marcado pola presenza do cristianismo que se apropiou do termo latino de religio. Noutras culturas non existe ningunha palabra equivalente. O hinduísmo antigo facía uso da palabra rita que facía referencia a unha orde cósmica do mundo, dentro do cal todos os seres humanos tiñan que estar harmonizados e á correcta execución dos ritos dos brahmáns. Máis tarde, o termo foi substituído polo de dharma, que actualmente tamén é empregado polo budismo e que expresa a idea dunha lei divina e eterna.

Definición de "Relixión"[editar | editar a fonte]

A relixión pode definirse de moitos xeitos:

Igrexa de Betanzos
  1. Acto ou representación explícita pola cal o individuo cre demostrar o seu recoñecemento da existencia dun ou varios deuses que teñen poder sobre o seu destino, a quen obedece, serve e honra.
  2. O sentimento ou expresión da persoa de amor, medo ou pavor cara a un poder sobrehumano e todopoderoso, xa sexa pola manifestación de crenza, pola realización de ritos e cerimonias, ou pola conduta da propia vida.
  3. Un sistema de fe e culto.
  4. Atendendo á súa etimoloxía dende 'religare', para algúns sería un intento dos seres humanos de ligar o mundo con eles mesmos, isto é, a explicación que un se dá do que o rodea a partir de deus (sexa cal for a imaxe que deste se teña). Para outros, o termo relixión explicaría a ligazón (re-ligar) que une á persoa relixiosa co seu deus.

O dicionario da Real Academia Galega define relixión coma "o conxunto de crenzas e prácticas que atinxe ás relacións coa divindade, propio dun grupo social".[3] A maioría das relixións intentan responder a preguntas relacionadas coa creación do universo, o propósito da vida, a natureza humana, a diferenciación entre o ben e o mal, a moral, a existencia logo da morte (Ceo, nirvana, purgatorio, inferno, reencarnación), etc. As relixións difiren nas respostas que dan ás preguntas anteriores, o sistema de preceptos, as prácticas ou rituais, o número de deuses ou deidades e a estrutura organizacional.

Definición académica ou científica[editar | editar a fonte]

Os sociólogos e antropólogos ven a relixión como un conxunto abstracto de ideas, valores ou experiencias desenvolvidas a partir dunha matriz cultural. Por exemplo, na Natureza da Doutrina, de Lindbeck, a relixión non se refire á crenza en "Deus" ou nun Absoluto transcendental: Lindbeck defínea como "unha estrutura ou medio cultural e/ou lingüístico que estrutura completamente a vida e o pensamento e que, coma se fose un idioma, permite a descrición das realidades, a formulación das crenzas e a experimentación de sensacións e sentimentos íntimos."[4] Segundo esta definición, a relixión é unha visión esencial que se ten do mundo que rexe os pensamentos e mailas accións persoais.

Outros estudiosos propoñen unha definición que evita o reducionismo das diversas disciplinas sociolóxicas e psicolóxicas, que reducen a relixión aos seus factores integrantes. A relixión pode ser definida como a crenza naquilo que se recoñece como sacro ou santo. Por exemplo, no libro The Idea of the Holy ("A idea da Santidade") de Rudolf Otto, escrito en 1917, defínese a esencia da conciencia relixiosa como unha combinación específica entre medo e fascinación ante o divino. Friedrich Shleiermacher, a finais do século XIX, definiu a relixión como un "sentimento de dependencia absoluta".

Dende o punto de vista científico, definir a relixión é aínda máis complicado, posto que os procesos psicolóxicos non sempre corresponden á realidade observable; é dicir, o científico ten que entender o comportamento relixioso non como mito máis ben ten que estudar por que os seres humanos fan e pensan dunha maneira determinada.[5] Dende o punto de vista económico, a relixión é un comportamento racional -malia relacionarse o home con actores e/ou procesos non observables- posto que se experimenta recompensas sociais e materiais na súa participación das actividades relixiosas.[6] Dende o punto de vista psicolóxico, a relixión explícase como unha maneira de resolver a necesidade de prover consolo, unha figura paternal e de explicar as cousas difíciles de entender, entre elas a morte.[5]

Definición en clave antropolóxica[editar | editar a fonte]

Segundo Anthony F. C. Wallace[7] e Olivier Herrenschmidt, [8] a relixión é unha actividade social que pon de manifesto a existencia de crenzas en seres ou realidades sobrenaturais, esta actividade declárase mediante prácticas rituais que teñen como obxectivo establecer relacións entre os participantes e aquelas forzas sacras. As crenzas teñen como obxecto da súa fe potencias ou seres divinos e trascendentes, e as prácticas rituais que substantiven esta relación son radicalmente diferentes outros comportamentos sociais: son estritamente formais (estilizadas, repetitivas e estereotipadas), e a diferenza dunha representación, os participantes tómano coa plena seriedade de ter a crenza de estar a facer algo representativo.[7]

Bronislaw Malinowski[9] advirte que fai falla non confundir a relixión coa maxia. Dende a cultura do home primitivo, relixión e maxia xa tiñan funcións diferentes: a maxia é práctica, técnica, de crenza sinxela, primordial, medio por un fin, en mans de especialistas con escuras iniciacións e con resultados inmediatos, mentres que a relixión non amosa unha utilidade directa nin se aprehèn con esconxuros, o mundo sobrenatural a que fai referencia é complexo e integra a vida futura nunha cosmogonía teleolóxica, é un fin moral en si, é un asunto de todos e se concelebra en comunidade e a súa función última apunta a establecer, fixar e intensificar actitudes que cohesionen á sociedade.[9] Igualmente propoñen de fuxir de certas trampas que unha visión euro ou cristián-céntrica pode parar, rexeitando asignar á relixión ideas por exemplo: só os homes, e non os animais, teñen alma; existe unha separación absoluta entre aquilo profano e aquilo sacro; o monoteísmo é o modelo ou meta, sendo o politeísmo residual; e afastarse, finalmente, dunha certa fenomenoloxía da relixión, que pretende que as relixións non son senón o fenómeno dunha esencia incognoscible.[8]

Dada a universalidade da súa expresión, non se pode falar de relixión, senón de relixións, cunha concreción histórica definida. Esta existencia historicamente definida permite falar de diferentes roles da relixión: dende aquel que permitiu ao home primitivo adaptarse ao esfereïdora realidade reflexiva que lle enfrontou á súa propia morte até o de ser ferramenta de control social ou de creación de comunidade social, ou o de actuar como unha ferramenta de ecoloxía, despois de que adaptación cultural a unha contorna ruda ou cambiante, ou un instrumento de cambio social, tanto si é de progreso como si é de regresión.[7]

Cada unha destas funcións vén enmarcada nun discurso relixioso; un discurso que establece unha relación entre o coñecemento incorporado ao discurso e o poder da súa posesión. Este discurso ten unha dependencia coa organización social onde se desenvolve,[8] de tal maneira que determinados tipo de sociedade tenderán a xerar un tipo de relixión, o discurso da cal, no seu sentido axiolóxico e pedagóxico, quererá instaurar intencionadamente un determinado sentido da existencia e da realidade.[8]

Finalmente tense que ter en conta a existencia de dúas formas de entender a relación relixiosa co obxecto de culto: a mediata e a inmediata. A relación inmediata, menos atractiva polo antropólogo, está baseada na unión mística do crente coa divindade. A relación mediata, que é a base da práctica colectiva e ordinaria, está baseada na existencia dun intermediario.

Definicións das relixións mesmas[editar | editar a fonte]

As definicións sobre relixión que proveñen das relixións mesmas tamén son variadas. O cristianismo, no Novo Testamento define a relixión como actividade: "ter cura dos orfos e das viuvas nas súas necesidades, e gardarse da contaminación mundana."[10] Segundo o Corán, a relixión é o islam mesmo,[11] é dicir, a submisión do individuo a Deus (Alá).[12]

Clasificación[editar | editar a fonte]

Véxase tamén: Historia das relixións

As relixións adóitanse clasificar neste catro grupos principais,

Conceptual e historicamente, a primeira relixión é o animismo, que é a noción consustancial á alma humana segundo a cal todo o resto dos obxectos da natureza teñen igualmente unha alma homologable a esta. A crenza nas "forzas da natureza", propia do animismo, cristaliza na divinización destas, é dicir no teísmo, que emprega o concepto de Deus, ben sexa en plural politeísmo ou ben sexa en singular monoteísmo. Doutra banda o conxunto de teoría e práctica do animismo evolucionou até dar lugar a crenzas moito máis estruturadas, como é o caso do xintoismo xaponés, ou ás relixións-filosofías, das cales destacan o hinduísmo e mailo budismo. Finalmente, outro pensamento relixioso, presente dende a antigüídade grega, é xustamente a negación da posibilidade de amosar tanto a existencia dunha realidade sobrenatural como a súa inexistencia: o agnosticismo; ou ben a súa negación absoluta: o ateísmo.

Demografía[editar | editar a fonte]

Dende finais do século XIX e en especial dende a segunda metade do século XX, o papel da relixión, así como o seu número relativo de adherentes, alterouse profundamente. Algúns países, a tradición relixiosa dos cales estaba vencellada co cristianismo, en especial os países de Europa, experimentaron un declive significativo no sentimento e a práctica relixiosa así como en no número de persoas que escollen levar unha vida monástica ou sacerdotal.

Pola contra, nos Estados Unidos, a América Latina e na África subsahariana, a relixión aínda ten un papel importante na vida social, malia medrar o número de persoas sen ningunha relixión. Na América Latina observouse que se ben o catolicismo aínda é a relixión maioritaria, o protestantismo ten un crecemento acelerado, mentres que os católicos crecen a taxas inferiores ás do crecemento poboacional.

Relixións por número de adherentes[editar | editar a fonte]

Porcentaxe da poboación mundial segundo a súa relixión[13]

As tradicións relixiosas pódense clasificar segundo a relixión comparativa de acordo coa súa orixe histórica e a súa influencia mutua:

Distribución xeográfica das relixións[editar | editar a fonte]

Relixións maioritarias por Estado

As relixións, entendidas como parte intrínseca das culturas e civilizacións, en particular como concepción social e grupal, presentan unha xeografía e fronteiras claras. Aínda así, debido aos procesos históricos dos últimos dous séculos, da globalización e o fenómeno migratorio mundial -primeiramente de Europa cara ao Novo Mundo e na actualidade dos países en vías de desenvolvemento aos países desenvolvidos-, a maioría dos Estados contemporáneos, coa excepción da maioría dos Estados islámicos, presentan unha variedade multicultural e á vez multirelixiosa na súa composición demográfica coa presenza de numerosas relixións minoritarias. Aínda así, a miúdo a relixión histórica do país siga sendo maioritaria.

De maneira xeral, o cristianismo é a relixión maioritaria dos Estados europeos e americanos -o protestantismo nas rexións setentrionais de ambos os continentes, e o catolicismo nas rexións meridionais, salvo a Europa oriental onde o cristianismo ortodoxo é maioritario, e de Suriname onde as relixións indias son maioritarias. Na África norteña, o Oriente Próximo e Indonesia, a islam é a relixión maioritaria e a miúdo a relixión de Estado, agás no caso de Israel, onde o xudaísmo é a relixión de Estado e maioritaria. Na África subsahariana o cristianismo é maioritario, malia a presenza de relixións tribais é considerable. O budismo, o xintoismo, o confucianismo, así como outras relixións chinesas, son maioritarias nos diversos estados do leste de Asia, mentres que na India, hai numerosas relixións autóctonas.

Posturas relixiosas[editar | editar a fonte]

Relevo na Praza da Quintana (Catedral de Santiago de Compostela)

En ocasións é importante distinguir entre "relixión" e "postura relixiosa". Sendo a relixión un sistema de crenzas, preceptos, prácticas e rituais, unha postura relixiosa refírese á forma en que un individuo se identifica fronte a unha ou varias relixións. As principais posturas relixiosas inclúen os crentes, os panteístas, os universalistas, os ateos, os agnósticos e os indiferentes.

  • Crentes: os crentes cren nalgunha relixión ou nalgún credo, isto é nas deidades, estrutura organizacional, preceptos e prácticas dunha determinada relixión. Moitas veces úsase o termo "teísta" para un crente, aínda que existen relixións non teístas, tales como o budismo ou o taoísmo e pódese ser crente ou seguidor delas.
  • Panteístas: os panteístas afirman que a divindade se atopa en todas partes, polo que rexeitan a idea dun Deus persoal e a miúdo (por exemplo, Spinoza) identifican a Deus coa propia Natureza. Os que afirman que Deus inclúe á realidade física pero tamén a excede reciben o nome de panenteístas.
  • Universalistas: a miúdo denomínase como universalistas a quen dá un mesmo valor positivo a tódalas relixións, considerando que as relixións constituídas son manifestacións dunha mesma realidade. En tal sentido calquera práctica ou rito é unha forma válida de cumprir a súa relixiosidade.
  • Ateos: literalmente, ateo é quen non cre en ningún deus ou en ningunha relixión. En ocasións considéranse ateos aos seguidores de relixións non teístas como o budismo ou o taoísmo no que podería considerarse ateísmos relixiosos. Outros limitan o termo aos ateísmos arrelixiosos (os máis frecuentes en Occidente) quen negan calquera veracidade nas relixións. Tamén existen os antirrelixiosos (cando se opoñen activamente á práctica da relixión). Aínda que o ateísmo é unha postura sobre a relixión, é incorrecto chamala unha relixión.
  • Agnósticos: os agnósticos son escépticos en materia relixiosa. Non consideran ter evidencias dalgunha relixión en particular nin teñen a certeza para asegurar que as relixións son falsas. Iso non implica que carezan necesariamente de interese polo espiritual, senón simplemente que non realizan afirmacións nin sosteñen crenzas específicas sobre a natureza última da realidade. Algúns agnósticos poden seguir ritos relixiosos, ben dende unha perspectiva universalista ou ben como un acto social.
  • Indiferentes: os indiferentes son aquelas persoas que non teñen interese en ningunha crenza nin práctica relixiosa. En xeral, non se suscita neles a cuestión relixiosa nin participan nun sistema de culto, ou só o fan en circunstancias extremas ou por esixencias de participación en actividades sociais. Un tipo especial de indiferentes son os apateístas, quen toman a indiferenza relixiosa dunha forma consciente ou filosófica.

Relixións[editar | editar a fonte]

O bautismo de Cristo, polo Greco
Cruceiro en Pontevea

Tendo en conta o número de deuses, as relixións e crenzas divídense primariamente en monoteístas e politeístas. A clasificación falla ao considerar moitos casos, xa que existen relixións non teístas e a diferenza entre deidades menores de certos politeísmos e os intersecedentes dalgúns monoteísmos (p.ex. os santos do catolicismo) é en ocasións difusa.

  • O monoteísmo soporta a existencia dun único Deus, xeralmente omnipotente e omnipresente. As principais relixións monoteístas son: o xudaísmo, o cristianismo, o islam e a fe bahá'í. Algunhas ramas do hinduísmo son tamén monoteístas.
  • As relixións politeístas cren na existencia de moitos deuses, onde xeralmente se evidencia unha xerarquía acorde á importancia de cada un dos seres celestiais, como no caso do paganismo grecorromano e algúns aspectos do mormonismo.
  • As relixións panteístas como o xintoísmo, algunhas seitas do hinduísmo e as tradicións animistas sosteñen que o creador e os obxectos creados constitúen unha mesma entidade.
  • As relixións non teístas, como o budismo, non defenden a existencia ou non existencia de seres sobrenaturais. En ocasións, as deidades son vistas como recursos metafóricos utilizados para referirse a fenómenos naturais ou estados da mente.

Outra división que se utiliza consiste en falar de relixións "reveladas", "místicas" e "naturistas":

  • As relixións reveladas baséanse nunha revelación feita por un ente sobrenatural que indica, a miúdo en forma de libro ditado, cales son os dogmas nos que se debe crer e cales son os ritos que se deben seguir.
  • As relixións místicas poden considerarse máis como filosofías de vida. Nelas non se define un sistema de crenzas senón, máis ben, un conxunto de preceptos que se deben seguir.
  • As relixións naturistas non definen tampouco un sistema elaborado de organización de deidades, pero recoñecen a existencia de deidades e espíritos nas manifestacións da natureza.

Pseudorrelixións[editar | editar a fonte]

Unha pseudorrelixión é un conxunto de ritos e preceptos similares a unha relixión pero no cal os seus mesmos seguidores non cren realmente.

En ocasións, o termino pseudorrelixión tamén se utiliza pexorativamente para referirse a sistemas de crenzas ou filosofías menores, pero con funcionalidade similar ás da práctica relixiosa das relixións principais, por exemplo, o discordianismo e o pastafarismo.

As relixións en Europa[editar | editar a fonte]

As relixións en Europa

A visión oriental[editar | editar a fonte]

Torii - Shinto
Yin e Yang

No Oriente, a partir dos séculos VII e VI a. de C., empézanse a rexistrar sistemas filosóficos (budismo, taoismo, confucianismo) que substituían a Deus (ou aos deuses) por conceptos non teísticos, os cales chegaron aos nosos días, con centenas de millóns de adeptos espallados por varios países dos mundo.

No extremo oriente (China, Xapón e India) foron desenvolvidos complexos conceptos filosóficos non teísticos, os cales, co tempo, mesturáronse coas tradicións das relixións politeístas que estaban profundamente enraizadas no espírito do pobo.

  • Xintoísmo: é unha relixión nativa do Xapón. Envolve a adoración dos Kami, que representan deuses, ou os espíritos da natureza, ou aínda, simplemente unha presenza espiritual. O tema principal e máis importante na relixión Xintoísta é un grande amor e reverencia pola natureza. Así, a Lúa, unha Cachoeira ou unha Rocha poden observarse como un Kami. Os Kamis non son divindades transcendentes senón seres divinos que están próximos a nós, que habitan o mesmo mundo que nós, cometen os mesmos erros que nós e teñen sentimentos e pensamentos semellantes aos nosos. Unha persoa que morre pode automaticamente transformarse en Kami, sen importar o tipo de vida que levara. Os Kamis poden ser bos ou malos. O Xintoísmo é unha colección de rituais e métodos que regulan as relacións entre os seres humanos e as divindades (Kami). A vida despois da morte non é unha preocupación primaria para os xintoístas, pois unha énfase maior colócase en atopar a felicidade na vida nese mundo.
  • Taoísmo: é unha filosofía non teística criada por Lao-Tse, que expuxo os seus pensamentos no libro: Tao Te Ching. O concepto Deus, conforme se coñece na tradición occidental, non existe nesta filosofía. Todo o que existe é o Tao, que significa “O camiño”. Tao é un concepto que transcende as dimensións espazo-tempo e, polo tanto, non pode ser comprendido pola limitada mente humana. Constitúe a esencia do universo, a realidade última e indefiníbel, e é a través do Tao –termo e medio eterno da evolución– que pasan todas as cousas. Todo é cíclico, pois Tao é a enerxía que flúe a través de toda a vida. De Tao derívase Yin e Yang, o número dous, que representa a natureza dual de todas as cousas (bo-malo, vida-morte, día-noite, claro-escuro, felicidade-tristeza, saúde-doenza). De Yin e Yang nace implicitamente o tres (Ceo, Terra e Humanidade) e, finalmente, por extensión, prodúcese a totalidade do mundo na forma como o vemos e coñecemos.
  • Budismo: creado por Siddhartha Gautama, o Buda ou o Iluminado, é xeralmente visto como unha relixión non teística, aínda que nalgunhas ramas del se afirme a existencia dos devas, que son criaturas que gozan de gran felicidade nos seus mundos celestiais. Con todo, eses seres non son eternos e están suxeitos á morte e a eventuais renacementos como os seres inferiores, amarrados a un determinado aspecto da natureza, no cal terán que traballar. A existencia do home é pasaxeira e cíclica – o Samsara (conxunto dos ciclos de nacemento e morte). O home soamente estará libre dese “Ciclo de renacementos” cando elimine definitivamente o seu auto aprecio atinxindo a liberación ou Nirvana. Para os budistas soamente os seres humanos poden atinxir o nirvana ou a iluminación, os deuses por descoñeceren o sufrimento son incapaces de xerar renuncia ou compaixón. O ser Iluminado confúndese entón coa Mente Universal.
  • Confucianismo: sistema filosófico, relixioso e ético desenvolvido a partir dos ensinos de Confucio. O obxectivo principal desa filosofía consiste, non en subxugar as persoas a un Ser Superior (Deus), senón a través de ritos, traballar no interior delas, a fin de moldear o seu comportamento e dar autocontrol sobre os seus desexos. Nese sentido, todos recoñecerán a súa posición relativa diante dos seus semellantes, identificando a cada instante quen é o máis novo e quen é o máis sabio, quen é o visitante e quen é o dono da casa, e así por diante; e atinxirán o coñecemento sobre a súa obrigación entre os outros e sobre o que esperar deles. Hai obrigacións específicas prescritas para todos os participantes en todas as ramificacións do relacionamento humano. "Non fagas aos outros aquilo que ti non quer que eles che fagan", é a máxima chinesa coñecida como Regra de Ouro do Confucianismo. A solidariedade e a educación son os grandes ideais buscados por esa filosofía, e en Confucio está o maior exemplo desas virtudes.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Lewis Charlton T.; Short, Charles. A Latin Dictionary The Perseus Dixital Library. [Data de consulta: 18 de decembro, 2009]
  2. qui omnia, quae ad cultum deorum pertinerent, diligenter retractarent et tamquam relegerent, sunt dicti religiosi ex relegendo, ut elegantes ex elegendo, tamquam a diligendo diligentes, ex intellegendo intellegentes: his enim in verbis omnibus inest vis legendi eadem, quae in religioso, Cic. N. D. 2, 28, 72
  3. Definición de relixión no Dicionario da RAG
  4. Lindbeck, George A. (1984). Nature of Doctrine Louisville, Estados Unidos: Westminster/John Knox Press.
  5. 5,0 5,1 Dow, James (2007). "A Scientific Definition of Religion". E-Journal for the Study of Anthropology of Religion, ANPERE. ISSN 1653-6355
  6. Start e Fink (2000) en Dow Jones (2007), "A Scientific Definition of Religion". E-Journal for the Study of Anthropology of Religion, ANPERE. ISSN 1653-6355
  7. 7,0 7,1 7,2 KOTTAK, Conrad Philippe, Antropoloxía Cultural, McGraw Hill, Madrid, 2006.
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 BONTE, Pierre e IZARD, Michel, Diccionario AKAL de Etnología y Antropología, Akal, Madrid, 2008.
  9. 9,0 9,1 MALINOWSKI, Bronislaw, Maxia Ciencia e Relixión, Planeta Agostini, Barcelona, 1985.
  10. "Carta de Jaume 1:27". Bible del 2000. Institución Bíblica Evangélica de Cataluña.
  11. Imram 3:29. Corán, en castelán
  12. Imram 3:19. Corán, en castelán.
  13. Datos da'Enciclopaedia Britannica, edición do 2005

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Relixión
Wikiquote
A Galicitas posúe citas sobre: Relixión

Outros artigos[editar | editar a fonte]