Saltar ao contido

Illa de San Simón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía físicaIlla de San Simón
Imaxe
O arquipélago de San Simón está formado polas illas de San Simón e Santo Antón, ámbalas dúas unidas por unha ponte.
Tipoilla Editar o valor en Wikidata
Situado na entidade xeográficaría de Vigo Editar o valor en Wikidata
Localización
División administrativaEspaña Editar o valor en Wikidata
Localizaciónría de Vigo Editar o valor en Wikidata
Mapa
 42°19′N 8°38′O / 42.31, -8.63
Bañado porOcéano Atlántico Editar o valor en Wikidata
Patrimonio Galego: 26272Enciclopedia Galega Universal: 182763

A illa de San Simón pertence á parroquia de Cesantes, no concello de Redondela, sendo un dos cinco lugares desta parroquia. Na actualidade atópase deshabitada[1]. Preside a enseada de San Simón, no extremo interior da Ría de Vigo, delimitando cos concellos de Redondela, Soutomaior e Vilaboa. A illa está unida á illa de Santo Antón por unha ponte. O conxunto de ambas as illas mide 250 metros de longo e 84 de largo. Ademais existen outros dous pequenos illotes, San Bartolomé e San Norberto.

Ao longo da súa historia a illa foi empregada como mosteiro, lazareto, cárcere e fogar para nenos orfos. O seu conxunto está catalogado como Ben de Interese Cultural dende 1999[2].

Idade Media

[editar | editar a fonte]
Francis Drake ou Francisco Dráguez, como era chamado polos veciños do lugar, esnaquizou e destruíu a igrexa e as imaxes de San Simón antes de queimar a illa.

A illa foi un antigo centro monástico cantado polo poeta Mendinho na Idade Media. Proba disto é o seu escrito, o único que se coñece do autor, e que se cre que era nativo da zona. Na súa honra realizouse un busto na illa, así como a Johan de Cangas e a Martín Codax.

Sediam'eu na ermida de San Simón
e cercaronm'as ondas, que grandes son,
eu atendend'o meu amigo,
eu atendendo'o meu amigo...

Entre os séculos XII e XIII estivo habitada polos templarios e despois polos franciscanos, a Orde dos Pascualinos de San Simón. Mais en 1307 esta orde relixosa sofre a excomulgación, véndose obrigada a abandonar a illa.

Despois de permanecer case un século abandonada, a diocese de Tui, que até o momento posuía o control político da illa, cédella a Isabel a Católica, nun acto de bondade e agradecemento pola súa fidelidade.[3]

En 1589 foi saqueada por piratas ingleses, entre os que se atopa o célebre Francis Drake.

Século XVIII ata a guerra civil española

[editar | editar a fonte]
A batalla da baía de Vigo, 23 de outubro de 1702, de Ludolf Bakhuizen (ao redor de 1702).

Foi escenario da batalla de Rande en 1702, cando navíos de Países Baixos e de Inglaterra unidos pola guerra de sucesión contra a coroa de Castela; trataron de asaltar a Frota de Indias cargada coas mercadorías de case 3 anos[Cómpre referencia]. Os galeóns pertencentes á Coroa de Castela e escoltados por unha escuadra francesa que proviñan de América, e que se saldou coa derrota das forzas franco-castelás. Unha gran parte do contido dos galeóns (que se cre que era ouro, prata, diamantes, especias coma o cacao e tamén madeiras nobres e tabaco) foron saqueados polos navíos ingleses da raíña de Inglaterra (Ana I de Estuardo), mais o intento de frustrar as expectativas de roubo, unha gran parte das riquezas dos barcos foron baleiradas ao mar, e unha gran porcentaxe do ouro e prata pertencente á coroa de Castela xa fora descargado en bois ata Madrid semanas antes do combate[Cómpre referencia]. Posteriormente, os integrantes das frotas anglosaxoas asaltaron as aldeas circundantes á Ría de Vigo, con especiais efectos devastadores en aldeas coma, Cangas, Redondela, Vigo, Soutomaior e Arcade; ás que queimaron e asolaron. A illa de San Simón tamén sufriu as consecuencias das tropas inglesas. A ermida de San Pedro quedou case totalmente derruída, ata a súa posterior restauración no século XIX. As elucubracións e testemuños elaborados sobre o paradeiro das riquezas dende o suceso son confusos, e numerosas inmersión realizadas en diferentes anos posteriores ao afundimento dos navíos revelaron a inexistencia de ouro e outros materiais preciosos nos arredores da illa.

En 1719 o Almirante Michells penetra na illa, e posteriormente existe unha nova ameaza por parte das tropas francesas de Napoleón na guerra da independencia, e a illa é abandonada e rehabitada en numerosas ocasións.

A continua ocupación por ordes monásticas debíase á súa boa situación xeográfica, xa que estaba illada, nun lugar tranquilo, e preto do mosteiro de Poio, un dos máis importantes da época[4].

Todo este contexto de invasións e saqueos por parte de piratas e almirantes estranxeiros provoca un estado de inestabilidade na illa e na comarca en xeral. Ademais, simultaneamente sucedía un conflito a nivel galego, as guerras irmandiñas. O arquipélago de San Simón foi tamén testemuña destes conflitos, e o representante de Soutomaior Fernando Andrade resulta ferido de gravidade.

Mapa do arquipélago de San Simón.

Dende mediados do século XVII a illa permaneceu abandonada. Posteriormente, por Real Ordenanza de 6 de xuño de 1838, e da man do comerciante rioxano Norberto Velázquez Moreno, procedeuse a habilitar e acondicionar a illa para convertela nunha leprosería ou lazareto. Na illa de Santo Antón estaban os enfermos sen cura, mentres que na de San Simón albergábase ó resto. Dadas as frecuentes corentenas ás que estaban sometidos os navíos da ruta americana, viña ser un elemento indispensable para todo porto que quixese entrar nas vías marítimas de percorrido longo, o cal foi un feito diferencial e vital para a expansión do porto de Vigo e o establecemento das conserveiras catalás que trouxeron consigo novas técnicas de organización empresarial e de manufacturas. Así, as numerosas epidemias de cólera e lepra procedentes do exterior eran freadas. Construíuse tamén a ponte que a une á illa de Santo Antón, xa que ata entón a único medio de comunicación entre as dúas illas era o marítimo. A leprosería clausurouse en 1927.

Guerra civil

[editar | editar a fonte]

A partir de 1936, coa chegada da guerra civil española os edificios da illa foron empregados como campo de concentración e de exterminio para os presos políticos contrarios ao réxime ditatorial e autoritario, na súa maioría provenientes das zonas próximas coma Vigo, Pontevedra, Ourense e Vilagarcía de Arousa[5], aínda que tamén eran frecuentes os presos de Asturias, León ou do País Vasco. Estímanse que ao redor de 6.000 persoas foron encarceradas durante a guerra civil e a posguerra.[6] O buque Upo Mendi acolleu a preto de 600 presos.[7] Foi cualificada polos franquistas como colonia penitenciaria, aínda que a realidade era a dun campo de exterminio onde os presos políticos comunistas, republicanos ou socialistas eran asasinados. Mantívose en funcionamento ata o ano 1943.[Cómpre referencia]

Antigo lazareto e posterior residencia dos militares.

A antiga leprosería quedou relegada a albergar aos militares que vixiaban a illa, así coma o persoal complementario (administrativos, intendencia ou enfermería). Construíronse ademais torres de vixilancia, melloráronse os muros e os accesos.[Cómpre referencia] As condicións ás que estaban sometidos os presos eran inhumanas e crueis, as condicións sanitarias eran deficientes e o amoreamento de presos era considerable. Estaban distribuídos en diferentes pavillóns ao longo da illa, e a miúdo producíanse fusilamentos masivos. Crese que centos de persoas morreron a causa dos seus ideais, a mans dos falanxistas. A illa era considerada un dos centros penitenciarios franquistas máis temibles.[Cómpre referencia]

Posguerra

[editar | editar a fonte]

En 1943 o arquipélago deixou de funcionar coma cárcere e sufriu un paulatino abandono. Pasou a ser Colonia de Educación e Descanso, e nas épocas estivais os membros da Garda de Franco que pasaban alí as súas vacacións. O 22 de agosto de 1950 tivo lugar o naufraxio da Monchiña: uns cincuenta pasaxeiros da Garda de Franco ían en barco a Redondela cando a embarcación afundiu, e corenta e tres tripulantes perderon a vida no accidente. Na illa de San Norberto, na cara sur do arquipélago, construíuse un pequeno cruceiro na honra dos falecidos no accidente da Monchiña.

A illa foi clausurada debido á traxedia mais reabriuse para ser empregada como Fogar Méndez Núñez para a Formación de Orfos de Mariñeiros, que funcionou entre 1955 e 1963.

Actualidade

[editar | editar a fonte]

No ano 1999 as illas de San Simón e Santo Antón foron declaradas Ben de Interese Cultural e comezou a reconstruírse procurando alcanzar unha harmonía entre a natureza (rescatando os xardíns ou o centenario Paseo dos buxos) e a remodelación dos edificios xa existentes sen deteriorar a contorna.

A Illa de San Simón foi remodelada e convertida pola man de César Portela[8] consonte a súa declaración como centro de recuperación da memoria histórica, rehabilitada coma un espazo protexido, cunha completa rexeneración dos xardíns e das especies arbóreas. Ademais foi tamén redirixida cara a unha función cultural da man da Fundación Illa de San Simón, xa que ten auditorio, biblioteca, escola do mar, hotel, e restaurante. Entre as diferentes actividades culturais realizadas no lugar destaca a celebración de entrega dos Premios Xerais da lingua galega e do Premio Merlín.

No ano 2006 a Consellería de Cultura elixiu o arquipélago de San Simón como símbolo da represión no Ano da Memoria.

Dende o ano 2011 celébrase na illa o festival Sinsal Audio e dende o 2014 o San Simón Fiddle e mais o festival Encordas, organizados pola asociación Galicia Fiddle.

O arquipélago pode ser visitado de balde durante dúas horas en grupos de 300 ou 400 persoas que saen en catamarán dende os peiraos de Cesantes e Santo Adrán.[9]

Peirao e catamarán que realiza diariamente as visitas guiadas á illa

Edificios e instalacións

[editar | editar a fonte]

Instalacións

[editar | editar a fonte]
  • Residencia Stella Maris.
  • Casa dos Oficios do Mar e Escola de Vela.
  • Acuario.
  • Museo e Biblioteca.
  • Edificio Multiúsos.

Monumentos

[editar | editar a fonte]
[editar | editar a fonte]

A illa de San Simón foi escenario do final do filme O lapis do carpinteiro, onde trasladaban a Da Barca, un preso político, á Illa, un dos cárceres dos que se dicía que era case imposible saír vivo.[Cómpre referencia]

En 2025, presentouse a película San Simón, na que se narra a súa conversión en prisión para os presos capturados durante a Guerra civil española.[10]

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. "IGE - Nomenclátor estatístico de Galicia. Ano 2024". www.ige.gal. Consultado o 2025-11-15.
  2. BOE do 29 de setembro de 1999.
  3. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 25 de decembro de 2009. Consultado o 07 de xuño de 2008.
  4. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 02 de decembro de 2005. Consultado o 29 de abril de 2008.
  5. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 12 de decembro de 2007. Consultado o 29 de abril de 2008.
  6. Varela ‘perde’ a memoria histórica en San Simón Arquivado 01 de xuño de 2010 en Wayback Machine. 29/05/10
  7. Amoedo, G. (2007). Episodios de terror durante a Guerra Civil na provincia de Pontevedra. E. Xerais. ISBN 978-84-9782-604-4.
  8. ""Remake" de San Simón". Arquivado dende o orixinal o 30 de maio de 2020. Consultado o 15 de agosto de 2008.
  9. "Illa de San Simón, un espazo para a creación". Arquivado dende o orixinal o 03 de xuño de 2010. Consultado o 28 de xuño de 2010.
  10. "San Simón". filmaffinity.com (en castelán). Consultado o 25 de decembro de 2025.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
Illa do amor, illa da morte
Para Álvaro Xil Varela

Empréstame, Meendinho, tua voce meioeval,
aquela que o de Cangas e Martín tamén tiñan.
A voz que na cantiga de San Simón illeiro,
como cisne migrado do seu niñal luciras.
[...]
Pousa Nova do Mar, 1976.
Valentín Paz-Andrade,
Cen chaves de sombra, 1979

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]

Lugares e parroquias

[editar | editar a fonte]

Lugares de Cesantes

[editar | editar a fonte]
Lugares da parroquia de Cesantes no concello de Redondela (Pontevedra)
O Carballiño | O Coto | Outeiro das Penas | San Pedro | San Simón

Parroquias de Redondela

[editar | editar a fonte]
Galicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias de Redondela

Cabeiro (San Xoán) | Cedeira (Santo André) | Cesantes (San Pedro) | Chapela (San Fausto) | Negros (Santo Estevo) | Quintela (San Mamede) | Reboreda (Santa María) | Redondela (Santiago) | Saxamonde (San Román) | Trasmañó (San Vicente) | Ventosela (San Martiño) | Vilar de Infesta (San Martiño) | O Viso (Santa María)