A Pobra do Caramiñal

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°36′01″N 08°56′26″W / 42.60028°N 8.94056°W / 42.60028; -8.94056

A Pobra do Caramiñal
Bandeira de A Pobra do Caramiñal---Escudo de A Pobra do Caramiñal
Casa concello A Pobra.jpg

Casa do concello.
Situacion A Pobra do Caramiñal.PNG
Situación
Xentilicio[1] pobrense
Xeografía
Provincia Provincia da Coruña
Comarca Comarca de Barbanza
Poboación 9646 hab. (2013)
Área 32,4 km²
Densidade 297,72 hab./km²
Entidades de poboación 5 parroquias
Capital do concello A Pobra do Caramiñal
Política (2011)
Alcalde Isaac Maceiras
Concelleiros BNG: 5
PPdeG: 7
PSdeG-PSOE: 1
Outros: 0
Eleccións municipais na Pobra do Caramiñal
Uso do galego[2] (2001)
Galegofalantes 97,13%
Na rede
apobra.com

A Pobra do Caramiñal[3] é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca do Barbanza.

Segundo o IGE en 2013 tiña 9.646 habitantes (9.664 no 2012, 9.726 no 2011, 9.858 no 2010).

O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «pobrense».

Xeografía[editar | editar a fonte]

Situación[editar | editar a fonte]

O concello da Pobra do Caramiñal sitúase na cara sur da península do Barbanza, asomando á beira norte da ría de Arousa que baña a súa costa. A Pobra está encaixada entre dita ría e o monte Curota (un dos máis altos da serra do Barbanza, con 498 m de alto) e limita cos concellos de Ribeira, Boiro e Porto do Son.

Orografía[editar | editar a fonte]

A súa configuración xeolóxica responde principalmente aos movementos tectónicos que modelaron unha sucesión de bloques elevados e afundidos. No interior levántanse, entre outras, as montañas da Curotiña (368 metros) e A Curota (498 metros), e o resto das formacións do Barbanza (656 metros), miradoiros naturais dende os que se obteñen unhas amplas vistas das Rías Baixas.

Clima[editar | editar a fonte]

O clima local caracterízase polos persistentes ventos mariños do leste e sueste e a suavidade das temperaturas ao longo do ano (12,1 °C de media). As zonas de máis atractivo son o río Pedras (onde están situadas as piscinas naturais) e a praia de Cabío-Lombiña. Tamén hai outras praias non tan coñecidas, como A Barca, Lombiña, Laxe e a Corna.

Demografía[editar | editar a fonte]

Censo Total (Habitantes) 9.646
Menos de 16 anos 1.286 (13.33 %)
Entre 16 e 64 anos 6.283 (65.14 %)
Máis de 64 anos 2.077 (21.53 %)
Evolución da poboación de A Pobra do Caramiñal (desde 1900 ata 2013)
 1900  1930  1950  1981  2004  2009  2011  2012  2013
 6.540  8.784  8.010  10.067  9.992  9.878  9.726  9.664  9.646
Fontes: INE e IGE

(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)

Historia[editar | editar a fonte]

Algúns autores e historiadores afirman que os primeiros poboadores deste municipio foron os Praestamarcos, que vivían nos castros, moitos deles hoxe desaparecidos e outros aos que é imposible o acceso ben por estar en propiedades privadas, ou ben por estar aínda sen escavar.

Tamén chegou a romanización ás portas da Pobra, xa que a calzada romana Per Loca Marítima que a unía coas localidades de Boiro e Porto do Son puido pasar pola ponte romana da Miserela.

Os séculos posteriores non tiveron un gran movemento poboacional. A poboación empezou a se asentar no interior, para evita-las incursións viquingas que se deron adoito durante Idade Media (s. V - s. XV).

Dende sempre a vida neste pobo estivo ligada ao mar. O deán era a persoa que dirixía e gobernaba o pobo. O primeiro deán da Pobra foi Guillén Beltrán. Este personaxe gobernaba dende un castelo, incendiado e destruído pola revolta dos Irmandiños, do que hoxe non queda nada, agás o nome da parroquia (Castelo ou O Santiago do Deán), tamén coñecida como Pobra do Deán.

Non lonxe existía outro núcleo poboacional sobre o que exercía dominio a familia Xunqueiras, familia así mesmo procedente doutra nobiliaria galega destacada: os Soutomaior.

A fusión de ámbolos dous poboados (Castelo e a Vila do Caramiñal) non tivo lugar ata o século XIX (máis concretamente no ano 1822) resultando da mesma a actual vila da Pobra do Caramiñal.

A diferenza entre Castelo, onde residía a nobreza, e a Vila do Caramiñal, onde residían os pescadores e agricultores, quedou reflectida no actual escudo da Pobra, dividido pola metade: a parte esquerda mostra unha embarcación navegando baixo dúas conchas de vieira (mostra da dependencia de Compostela), que representa a parte da Pobra do Deán; na parte dereita móstrase un camiño que leva cara a dúas casas, das que xorde unha planta, a camariña, referencia da Pobra.

Durante o século XIX os industriais cataláns fomentaron a industria conserveira na zona, ademais da creación de navíos e de emprego na zona.

Cultura[editar | editar a fonte]

Toponimia[editar | editar a fonte]

Crese que o nome Caramiñal provén da planta da camariña [4] (Corema album), moi abundante antigamente en toda a zona e hoxe moi difícil de localizar e que tamén parece dar nome a outra localidade galega, Camariñas.

Patrimonio[editar | editar a fonte]

Patrimonio arquitectónico[editar | editar a fonte]

Arquitectura relixiosa[editar | editar a fonte]

Sen saír da vila hai que destaca-la igrexa de Santiago do Deán, a de maior interese arqueolóxico e arquitectónico. Nela fúndense os estilos románico, gótico, barroco e neoclásico. Enriba da porta principal aparece un Santiago Peregrino e no tellado da súa fachada sitúanse unhas curiosas figuras de dous músicos (un home e unha muller).

A igrexa de Santa María a Antiga foi edificada no século XVI e reformada nos séculos seguintes. Ten como partes máis antigas a bóveda e maila nave. Sobre o rosetón da súa fachada, un vello escudo de armas representando as máis nobres familias da comarca.

A igrexa de Santa María do Xobre, situada a carón do IES Francisco Barreras Puente, é un monumento do século XVIII, agás a alta espadana, do XIX. Este último lugar de oración pertenceu anteriormente ao mosteiro de Misarela.

A igrexa de San Isidro de Posmarcos foi levantada no século XVII. Nela é curiosa a situación da espadana e da escaleira de acceso á mesma.

Cómpre destacar, asemade, os numerosos cruceiros e petos de ánimas distribuídos polo concello.

Suponse que os cruceiros teñen a súa orixe nunha orde relixiosa ditada polo Papa Sisto V en 1587 para defende-las costas dos piratas e corsarios. En A Pobra do Caramiñal hai 27, entre os que resaltan:

  • Cristo de Moldes, no monte da Curota, mesmo á beira da estrada que une A Pobra e Ribeira. É un dos máis importantes da vila e dos que mellor se conservan.
  • Cruceiro de Xunqueiras, (1679) a poucos metros da Torre do mesmo nome.
  • Cruceiro de Santa Cruz de Lesón (1595), en Lesón.
  • Cruceiro de San Lázaro ou do Cristo do Pichón (1750), na praza do mesmo nome.
Pazos[editar | editar a fonte]

Dentro do núcleo urbano da Pobra do Caramiñal atópase a Casa Grande de Aguiar, hoxe residencia privada pechada ao público. A súa orixe está nunha edificación do século XVI que levantou a familia Romay, próxima á torre de Xunqueiras, pero a construción actual é do século XVIII e o nome de Aguiar vénlle por enlaces matrimoniais con esta liñaxe. Tamén se relacionaron os posuidores do conxunto co ilustre sociólogo do século XIX Joaquín Díaz de Rábago. Na fachada destaca un frontón no que se inclúe un dobre escudo nobiliario no que se repiten as aguias do apelido Aguiar.

A carón desta Casa de Aguiar áchase o pazo de Couto, construído en 1717, segundo figura no portalón de entrada ao xardín que o rodea. Pertenceu dende a súa fundación ata a actualidade á familia Valderrama. Posúe unha fermosa fachada barroca cun alargado soportal e galería con balaustrada. Nun dos muros laterais resalta unha orixinal pedra de armas sostida por unha serea asociada á familia dos Mariño.

Tamén dentro do núcleo urbano, próxima á praia do Areal, consérvase o Pazo ou Torre de Bermúdez, unha orixinal casa nobre renacentista e plateresca do século XVI, deseñada por Rodrigo Gil de Ontañón e declarada Monumento Histórico-Artístico en 1976. En maio de 1987 rematou a súa restauración e inaugurouse como Casa Museo Valle-Inclán, a cuxos antepasados pertenceu. Contén tamén a Casa de Cultura, con sala de exposicións, auditorio e biblioteca.

Sen se afastar moito da poboación, sobre un outeiro, álzanse as soberbias Torres de Xunqueiras, no Xobre, que conservan o nome dos seus primeiros señores. Fernán Martín de Xunqueiras fora no século XIII o fundador desta liñaxe, que exerceu durante séculos o señorío sobre a vila do Caramiñal. Un descendente dos Xunqueiras casou coa filla do famoso político Paio Gómez de Soutomaior, embaixador de Henrique III ante o Gran Tamerlán de Hungría. O pazo pasou, para rematar, aos condes de Camarasa, quen o posuíron ata o seu alleamento a finais do século XIX. Accédese a el por unha longa avenida de plátanos orientais. O edificio foi levantado no século XV sobre a primitiva torre medieval e sufriu algunhas reformas en séculos posteriores. Na actualidade conserva un robusto corpo cunha sólida torre cara ao sur e, no lado oposto, un balcón esquinal, así como varias pedras de armas. En 1981 a Torre de Xunqueiras foi declarada Monumento Histórico-Artístico.

Estatua de Valle-Inclán, obra de Gonzalo Sánchez Mendizábal.

Na enseada da Mercede (Posmarcos) quedan as ruínas do pazo do mesmo nome, no que o escritor Valle-Inclán pasou algunhas tempadas. Nos seus arredores desenvólvese a imaxinaria acción dalgunhas das súas narracións de Comedías bárbaras e Romance de lobos. Na capela, de estilo plateresco do século XVI, vese unha imaxe da Virxe golpeando ao demo. No escudo do edificio aparecen, acuartelados pola cruz de Ribadeneira, varios emblemas das familias nobres da zona.

Finalmente, tamén está a Casa da Cadea, na rúa da Ponte, que antigamente foi un cárcere xurisdicional do vizconde de Xunqueiras; e a Casa gótica do Patín, na rúa da Feira, cunha arquitectura tradicional con corredor cuberto compartido por dúas vivendas veciñas.

Patrimonio natural[editar | editar a fonte]

A Curota[editar | editar a fonte]

A zona montañosa de A Pobra do Caramiñal destaca polo seu desnivel, xa que, en menos de cinco quilómetros aproximadamente baixa dende zonas altas, de 656 metros, como o Barbanza e zonas máis baixas coma os Forcados (618 m), deica case o nivel do mar. Na Curota hai dous miradoiros dende os que se pode ver unha ampla paisaxe.

Ademais hai uns parques de enerxía eólica que se poden ver ben dende O Maño.

Dende a parte superior descenden varios ríos ou regatos, entre os que destacan o San Antonio, que vén dende a Curotiña; o Pedras, que nace nesta parte da serra e remata na Barbanza; e o Lérez, que nace preto deste pobo, en Boiro.

A vexetación foi afectada por diversos incendios nos últimos anos, estando constituída principalmente por eucaliptos e piñeiros.

A Carballeira[editar | editar a fonte]

A Pobra do Caramiñal ten unha carballeira con variedade de animais, árbores e plantas. Actualmente conta ademais cun parque con maquinas de exercicios.

Cabío/Lombiña[editar | editar a fonte]

A praia de Cabío, mellor denominada praia da Lombiña, está situada ao sur de A Pobra do Caramiñal. Ten unha lonxitude duns 400 metros e unha largura entre 10 e 40 metros de area branca, fina e branda. Está delimitada pola banda sur polas pedras da Furniña, que a separan da praia da Illa; e pola outra polos Aguillóns que a unen á praia da Barca, onde está localizado o cámping. Posúe a bandeira azul dende hai moito tempo.

Piscinas naturais[editar | editar a fonte]

As piscinas naturais son unha das paisaxes características de A Pobra. Sitúanse en Santa Cruz, na parroquia de Lesón. Conta a lenda que as piscinas naceron porque san Mauro chegou ao nacemento das piscinas nunha barca de pedra (identificada cunha pedra que hai no bordo das piscinas) perseguido polos mouros. O santo ía remontando o rio, asemade que o ía enchendo de cantos rodados para obstaculiza-lo paso dos seus inimigos.

Hai moitas piscinas, cada unha diferente. Nunha delas atópase O Demo, unha pedra a máis de 8 metros de altura que vai dar a unha conca profunda, onde hai unha parede de pedra.

Tamén se poden atopar antigos muíños de auga abandonados. Máis aló atópase o antigo convento da Miserela, do que só se conservan as súas ruínas.

A este convento, xa abandonado daquela, referíase Frei Martín Sarmiento na súa Viaje a Galicia en 1745 deste xeito:

Vi las ruinas y se ve aún la iglesia y la corta habitación, pero todo yermo. Y apenas se puede tener uno en pie en aquel paraje, tanta es la cortedad del terreno que admira como allí podían vivir racionales... A la orilla del río [Barbanza] se ve una piedra que llaman 'el Barco' y dicen que en él vino San Juan y otras patrañas semejantes.

Etnografía[editar | editar a fonte]

A Pobra do Caramiñal na cultura popular galega[editar | editar a fonte]

  • Na Arousa non hai mozas,/ en Boiro todas son vellas;/ vivan as de San Isidro/ que n’hai mozas como elas. [5]
  • No Castelo hai boas mozas,/ no Caramiñal pardelas,/ non Maño son pequeniñas,/ no Campiño a frol delas. [6]
  • Viva Boiro, viva Boiro,/ viva Boiro, viva ben./ Viva Boiro, viva Boiro/ e San Isidro tamén.

Festas e celebracións[editar | editar a fonte]

Carme dos Pincheiros[editar | editar a fonte]

É unha festa que se celebra na terceira semana de agosto na parroquia da Pobra do Caramiñal en honor da patroa dos mariñeiros, a Virxe do Carme dos Pincheiros. Na procesión da Virxe chama a atención un desfile de xigantes e cabezudos.

Os xigantes e cabezudos son unha serie de marionetas xigantes e disfraces de Disney que levan un grupo de rapaces pola vila. Cada certo tempo, os cabezudos e xigantes paran nun espazo amplo e dedican un baile ós cidadáns do pobo.

O sábado das festas do Carme celébrase unha festa da auga denominada Sanxuerguíns. Mentres avanzan os participantes, os habitantes das casas van botándolles auga e a festa remata con aqueles lanzándose ao mar, a unha fonte, etc.

Festa do Nazareno[editar | editar a fonte]

As festas do Nazareno, declaradas festas de interese turístico nacional, celébranse o terceiro domingo de setembro. Dentro destas festas celébrase a procesión das mortallas [1], documentada xa no século XV. As orixes remóntanse a unha ofrenda do que daquela era o rexedor da vila, que sandou dunha grave enfermidade na véspera da procesión. Dende entón a ofrenda é realizada por persoas que estiveron en perigo de morte, como agradecemento á intercesión de Xesús o Nazareno. Os oferentes, que levan cirios e van vestidos de nazarenos, son acompañados por amigos e por familiares que conducen un ataúde.

O Carme do Castelo[editar | editar a fonte]

Celébrase no mes de xullo na parroquia do Deán, cunha procesión marítima na que se pasean pola ría a imaxe da Virxe e o Apóstolo en barcos especialmente engalanados para a ocasión.

Gastronomía[editar | editar a fonte]

A gastronomía da Pobra é ampla, cunha grande variedade de cárnicos con denominación de orixe galega así como tamén de marisco e peixe da ría. Existen diversos restaurantes e cafés espallados pola vila, amais dunha praza de abastos que fornece de produtos frescos.

Turismo[editar | editar a fonte]

Ademais das posibilidades de practicar diversos deportes náuticos (remo, vela, etc.), existen outras opcións relacionadas coa montaña: sendeirismo polas rutas da Curota e Curotiña, ciclismo de montaña ou, simplemente, a acampada ao aire libre na praia de Cabío.

As praias do municipio son un atractivo na época estival. As praias de Lombiña, Cabío e Illa de Laxe mereceron a Bandeira Azul no ano 2005.

Deporte[editar | editar a fonte]

Club de remo Puebla[editar | editar a fonte]

O club de remo Puebla foi fundado no ano 1979 por un grupo de persoas da localidade coa colaboración de dona Carmela Arias y Díaz de Rábago, que patrocinou a compra da primeira traiñeira, á que se lle deu o nome de "Carmela".

Puebla F.C.[editar | editar a fonte]

Foi fundado en 1973. Durante os anos 1973-1982 o Club disputaba os seus partidos no Campo do Xobre, e a partir do ano 1982 pasou ao Campo Municipal de Deportes de "A Alta", en Cabío.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Véxase no Galizionario.
  2. Datos de 2001 publicados en 2004.
  3. Empregáronse historicamente as formas A Póvoa do Caramiñal e A Póboa do Caramiñal, e aínda que seguen a ter un certo uso non teñen carácter oficial.
  4. Denominada localmente caramiña.
  5. San Isidro de Posmarcos é unha parroquia de Pobra de Caramiñal.
  6. O Castelo e oMaño son parroquias de A Pobra. do Caramiñal. O Campiño é un lugar desta segunda parroquia.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: A Pobra do Caramiñal Modificar a ligazón no Wikidata

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • BOUZA BREY, Fermín: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204.
  • Gran Enciclopedia Galega

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia da Coruña | Parroquias da Pobra do Caramiñal

O Caramiñal (Santa María a Antiga) | Lesón (Santa Cruz) | Posmarcos (Santo Isidro) | O Santiago do Deán ou Castelo (Santiago) | O Xobre ou O Maño (Santa María)


Concellos da Comarca da Barbanza Comarca da Barbanza
Boiro
Boiro
A Pobra do Caramiñal
A Pobra do Caramiñal
Rianxo
Rianxo
Ribeira
Ribeira