Cándido Fernández Mazas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cándido Fernández Mazas
AlcumeDichi
Fermazas
Juan Drados
Denys Fernández
Nacemento18 de decembro de 1902
Lugar de nacementoOurense
Falecemento15 de novembro de 1942
Lugar de falecementoPedrouzos
SoterradoCemiterio de San Francisco de Ourense
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónpintor, ilustrador e escritor
IrmánsArmando Fernández Mazas e Mario Fernández Mazas
InfluenciasHenri Matisse
Raoul Dufy
Amedeo Modigliani
Ramón Casas
Pablo Picasso
InfluíuLuís Seoane
editar datos en Wikidata ]

Cándido Fernández Mazas, coñecido como Dichi,[1] nado en Ourense o 18 de decembro de 1902 e finado en Pedrouzos (Castro Caldelas) o 15 de novembro de 1942, foi un pintor, debuxante, ilustrador, humorista gráfico e escritor galego.[2] Está encadrado dentro do grupo d'"Os Novos", xunto con Maruxa Mallo, Arturo Souto, Manuel Colmeiro Guimarás, Carlos Maside e Manuel Torres. A súa pintura caracterizouse pola bimensionalidade.[3] Foi bolseiro da Deputación de Ourense en París, onde bebeu de Henri Matisse, Pablo Picasso e Paul Cézanne. No ano 2020 a Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia e a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) dedicáronlle o Día da Ilustración.[4]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo de Nicanor Fernández Rodríguez, militar, e Remedios González Mazas,[5] desde moi novo distinguiuse polos seus dotes de debuxante. Ós doce anos abandonou os estudos para pasar por sucesivos obradoiros de pintura. Entrou en contacto con intelectuais e artistas locais a quen foi retratando. En 1922 comezou a colaborar co diario Galicia. Diario de Vigo, facendo ilustracións, e na revista Alfar ata 1923, ano en que ilustrou Kindergarten, libro de poemas de Paco Luis Bernárdez. En 1924 comezou a colaborar con artigos e debuxos en El Pueblo Gallego e en 1925 como linoelista no diario La Zarpa. Coa axuda da Deputación de Ourense trasladouse a París para completar a súa formación pictórica.[1] Alí asistiu ao faladoiro de Miguel de Unamuno e frecuentou personaxes da vangarda francesa,[6] para volver catro meses máis tarde. En 1926 fundou, con Augusto María Casas, a revista Galaxia.

En 1927 volveu a Francia de novo como bolseiro da Deputación e achegouse ao surrealismo. Empezou entón a ter problemas de manía persecutoria ata a súa morte.[7] En 1929 dirixiu a parte artística da revista Gaceta de Galicia. Posteriormente trasladouse a Madrid e colaborou en distintas publicacións e actos culturais, á vez que enviou colaboración gráfica e literaria á revista Escuela del Trabajo, de Ourense. Fixo o cartel e os monicreques, pintou os decorados e participou nas actividades culturais das Misións Pedagóxicas dirixidas por Rafael Dieste,[8] en 1933 por Galicia e Castropol e en 1934 nas localidades segovianas de Turégano e Cantalejo, onde deixou o documento gráfico do cartel do Retablo de fantoches. Namorouse platonicamente da actriz Margarida Xirgu.[9]

O comezo da Guerra civil española sorprendeuno no gabinete de prensa de Gobernación en Madrid. En 1937 desprazouse a Valencia, onde colaborou na revista El Combatiente Rojo, do Partido Obrero de Unificación Marxista, e en Umbral. Desertou na Fronte de Teruel e agochouse. Foi detido polo exército sublevado en Xàbia cando pretendía pasar a Alacant.[10] Estivo preso na cadea de Valencia cinco meses ata ser liberado por influencia de seu pai, capitán do exército franquista, e de Sebastián Martínez-Risco, xuíz.[9] Volveu a Penedo en (Castro Caldelas), en moi mal estado mental e físico, e abandonou toda actividade plástica e intelectual.

A súa obra artística atópase dispersa. Ademais dos debuxos de diferentes publicacións, pintou numerosos cadros, entre eles Ventana al campo, Rapaza, Rumba, Ángel de la paz, un retrato de Luís Seoane e retratos de Sebastián Martínez-Risco.

Como escritor, ademais de artigos xornalísticos, publicou Santa Margorí (Madrid, Alcor Galaico, 1930) unha parábola en tres escenarios en prosa galega[11] e unha farsa en sete momentos titulada Los cuernos disparatados (1932).[a] Tamén deixou preparado un libro de versos, Aleteia.

Teñen obra súa o Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside e a Colección Afundación.[9]

En 2002 o Círculo de Belas Artes de Madrid dedicoulle unha exposición antolóxica.[12]

Unha rúa da cidade de Ourense leva o seu nome.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

O vello mariñeiro toma o sol e outros contos de Eugenio Montes, Céltiga, 1922. Ilustrado por Mazas.
O vello mariñeiro toma o sol e outros contos de Eugenio Montes, Céltiga, 1922. Ilustrado por Mazas. 
Kindergarten, poemas ingenuos de Francisco Luís Bernárdez, 1923. Ilustrado por Mazas.
Kindergarten, poemas ingenuos de Francisco Luís Bernárdez, 1923. Ilustrado por Mazas. 
Relato inmoral de Wenceslao Fernández Flórez. La novela de noche, 1924. Ilustrado por Mazas.
Relato inmoral de Wenceslao Fernández Flórez. La novela de noche, 1924. Ilustrado por Mazas. 
Cartel da Caja de Ahorrros y Monte de Piedad de Vigo, 1925. Técnica mixta/papel, 61 x 48 cm.
Cartel da Caja de Ahorrros y Monte de Piedad de Vigo, 1925. Técnica mixta/papel, 61 x 48 cm. 
Mozuela. Óleo sobre lenzo. 46 x 33 cm.
Mozuela. Óleo sobre lenzo. 46 x 33 cm. 
Cartel das Misiones Pedagógicas. Retablo de Fantoches, 1934. Litografía, 70 x 50 cm.
Cartel das Misiones Pedagógicas. Retablo de Fantoches, 1934. Litografía, 70 x 50 cm. 

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Publicados conxuntamente nun único volume por Ediciós do Castro en 1981, con introdución de Rafael Dieste. ISBN 84-7492-061-2.
Referencias

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]