En 2013 tiña unha poboación de 4427 habitantes (2026 homes e 2401 mulleres)[1], o que reflicte un aumento respecto a 2003, con 4063 habitantes, distribuídos en 38 entidades de poboación segundo o Nomenclator. O censo de poboación do IGE só contempla 14 destes lugares: O Arieiro (604 habitantes), Baruxáns (476), O Carballal (348), As Chans (247), Eifonso (64), Os Freires (257), Mourelle (252), A Mouteira (99), O Outeiro (248), Recaré (272), San Cibrán (115), Segade (324), A Xesteira (137) e Xestoso (406).
A maiores, o Nomenclátor relaciona estoutros: O Cacheno, O Cruceiro, A Cruz, Esparramáns, Espedrás, Ferreiras, O Lameiro, Mandín, Miraflores, Monte da Pedrosa, O Monte do Calvario, Mosteiro, Novelos, Paio, A Parrocha, A Pedra, O Polvorín, O Pouso, As Raposas, As Regadas, Regueiras, Os Ríos, O Toutizo e Xeme.
Bembrive goza dun status particular: o de Entidade Local Menor de Bembrive, constituída o 12 de xuño de 1945[2] (só outras 8 parroquias galegas gozan do mesmo rango administrativo). A entidade está rexida por un alcalde pedáneo e catro vogais. O alcalde é elixido nas eleccións municipais pero de xeito diferenciado. A elección de vogais é resultado dos votos acadados polos partidos políticos no ámbito parroquial. As vogalías están dedicadas ós temas en que a Entidade ten certa autonomía: Monte, Relacións cidadás, Urbanismo e Obras e servizos.
En Bembrive celébrase o 3 de febreiro o día de San Brais. A súa festividade simboliza a primeira romaría do ano e por isto a aldea se converte nunha das romarías máis importantes do sur da provincia. Durante os días previos, multitude de furanchos abren para degustación de petiscos amenizadas con viños típicos. Multitude de bandas tradicionais de música galega danse cita na parroquia e nos mesmos furanchos. É costume se xuntar en grupos numerosos nas propias casas da zona para a degustación dun bo cocido galego.[5]