Furancho

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Reclamo dun loureiro en Dena, Meaño.

Un furancho, tamén chamado loureiro,[1] é un local de tempada (entre febreiro e maio), xeralmente habilitado nunha adega particular, onde se venden os excedentes do viño que o propietario elabora para o seu consumo particular, xunto coas tapas que lle sirvan de acompañamento.

Historia e características[editar | editar a fonte]

Co paso do tempo, os furanchos foron diversificando os produtos que vendían con produtos a base de porco (xamón, chourizo, zorza, raxo) e, nalgún caso, tamén de pratos cociñados de todo tipo, ata rematar por realizar unha actividade similar á dos bares e restaurantes, pero sen estaren sometidos á normativa aplicable a estes establecementos.

A partir dos anos 2000-2005 comezaron a ser denunciados polos propietarios doutros negocios hostaleiros, que vían na súa actividade unha competencia desleal non regulada. Este conflito deu lugar á publicación no 2008 da normativa autonómica que buscaba defini-las características que deben reunir e as actividades que podían desenvolver:

  • Defínense os furanchos como aquelas adegas que teñen como actividade principal a de subministrar mediante prezo o viño excedente do consumo propio que procede dos seus viñedos.
  • Identificaranse ó público mediante a exhibición, nun lugar visible, dunha placa identificativa coa clasificación de furancho. Esta placa pode ir acompañada do tradicional ramallo de loureiro [2].
  • Deberán contar coa autorización de apertura expedida polo concello, para un período determinado que dependerá da declaración previa de produción anual na Consellería do Medio Rural. O período de apertura non poderá ser superior a 3 meses e estará comprendido, con carácter xeral, entre o 1º de decembro e o 30 de xuño.
  • Non poderán servir viño embotellado, senón que este ten que proceder directamente do barril. As comidas que sirvan deberán proceder de establecementos autorizados e estar perfectamente etiquetadas e documentadas, e en ningún caso serán sometidos a elaboración ou transformación no propio furancho.
  • Os servizos ofertados e os seus prezos deberán estar expostos nun lugar visible e de modo lexible.

A Lei de Turismo de Galicia de 2011 estableceu que os furanchos, que non se consideran establecementos de restauración, tiñan que ter unha regulación propia que se recolleu no decreto 215/2012.

O termo furancho foi recollido por vez primeira por Eladio Rodríguez co significado de "Taberna, tienda de vinos de escasa importancia". Franco Grande matizou esta definición no senso de "Lugar o casa particular donde se vende vino nuevo". Ningún dos lexicógrafos compendiados no Diccionario de diccionarios dá este significado para a voz loureiro.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. DECRETO 215/2012, do 31 de outubro, polo que se regulan os furanchos da Comunidade Autónoma de Galicia
  2. A presenza deste ramallo de loureiro á porta da casa deu lugar ó refrán: Taberna vella non precisa na porta ramalleira (Eladio Rodríguez González, s. v. taberna.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]