Caixa de Aforros Provincial de Ourense

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Parada de bus en Casa do Vento (Parada de Sil), que conservaba en 2010 o logotipo de Caixa Ourense.

A Caixa de Aforros Provincial de Ourense, tamén chamada nos seus últimos anos Caixa Ourense, foi unha entidade financeira dependente da Deputación de Ourense, posteriormente incorporada a Caixanova.

Historia[editar | editar a fonte]

A entidade financeira constituíuse o 10 de marzo de 1932, con Luis Fábrega Coello como primeiro presidente. Para a súa posta en marcha seguíronse as directrices ditadas por Luciano Vidan, xerente da Caixa de Aforros de Vigo.[1]

En novembro de 1973, o Banco de España, nunha inspección na Caixa, atopou prácticas incorrectas na concesión de créditos. Esa posible fraude filtrouse a algúns xornais en marzo de 1974. En consecuencia, Ricardo Martín Esperanza, director xeral da Caixa de Aforros dende 1948 e amais alcalde de Ourense, dimitiu de ambos cargos e foi destituído o presidente da Deputación, Eduardo Olano Gurriarán, tamén presidente da entidade financeira. Martín Esperanza é substituído por Rafael Laguna Mendía como director da Caixa, e Olano Gurriarán, por Luis Álvarez Rodríguez, tanto á fronte da Deputación como da Caixa.

O 3 de agosto de 1999, Caixa Ourense fusionouse coa Caixa de Aforros Municipal de Vigo (fundada en 1880), o que deu lugar á entidade privada Caixa de Aforros de Vigo e Ourense. O 17 de xullo de 2000 fusionouse coa Caixa de Aforros Provincial de Pontevedra, e xurdiu Caixanova. A parte de accións que lle corresponderon na nova caixa foi do 25%.

Presidentes da Caixa de Aforros[editar | editar a fonte]

Durante boa parte da súa historia, o presidente da Deputación de Ourense era asemade o presidente da Caixa de Aforros. Iso non foi así durante a Guerra Civil e deixou de selo definitivamente a partir de 1978.

Directores xerais da Caixa de Aforros[editar | editar a fonte]

O primeiro director xeral da Caixa foi Ricardo Martín Esperanza, nomeado en 1948. Ao longo da súa historia, a caixa de aforros tivo cinco directores xerais.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. La Zarpa, 21 e 24 de maio de 1933