Saltar ao contido

Historiografía

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Muller escribindo, de Johannes Vermeer. A historiografía é a arte de escribila, mais é tamén a ciencia da historia.

A historiografía é o rexistro escrito da Historia, é dicir, a memoria fixada pola propia humanidade coa escritura do seu propio pasado.

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

O termo provén de «historiógrafo», e este do grego ἱστοριογράφος (historiográfos), de ἱστορία (historía) e -γράφος (gráfos), da raíz de γράφειν (gráfein: ‘escribir’). Significa ‘o que escribe (ou describe) a Historia’.

Características

[editar | editar a fonte]
Manuel Murguía, un dos renovadores da historiografía galega.

Se a historia é unha ciencia cuxo obxecto de estudo é o pasado da humanidade, cuestión en que a maioría, pero non todos os historiadores concordan (Véxase Historia#Historia como ciencia); tense que someter ao método científico, que aínda que non poida aplicárselle en todos os extremos das ciencias experimentais, si pode facelo a un nivel equiparable ás chamadas ciencias sociais.

Un terceiro concepto confluente á hora de definir a historia como fonte de coñecemento é a «teoría da historia», que pode chamarse tamén «historioloxía» (termo acuñado por José Ortega y Gasset).[1]

O seu papel é estudar «a estrutura, leis e condicións da realidade histórica», mentres que a «historiografía» é o relato mesmo da historia, a arte de escribila

É imposible acabar coa polisemia e a superposición destes tres termos, pero simplificando ao máximo pódese definir:

A filosofía da historia é a rama da filosofía que concirne ao significado da historia humana, se é que o ten. Especula un posible fin teleolóxico do seu desenvolvemento, ou sexa, pregunta se hai un deseño, propósito, principio director ou finalidade no proceso da historia humana. Non debe confundirse cos tres conceptos anteriores, dos que se separa claramente. Se o seu obxecto é a verdade ou o deber ser, se a historia é cíclica ou lineal, ou existe a idea de progreso nela, son materias alleas á historia e a historiografía propiamente ditas, que trata esta disciplina.

Un enfoque intelectual que tampouco contribúe moito a entender a ciencia histórica como tal é a subordinación do punto de vista filosófico á historicidade, considerando toda a realidade como o produto dun devir histórico: ese sería o lugar do historicismo, corrente filosófica que pode estenderse a outras ciencias, como a Xeografía.

Unha vez despexada a cuestión só nominal, queda para a historiografía, xa que logo, a análise da historia escrita, as descricións do pasado; especificamente dos enfoques na narración, interpretacións, visións de mundo, uso das evidencias ou documentación e métodos de presentación polos historiadores; e tamén o estudo destes mesmos, á vez materia e obxectos da ciencia.

A historiografía, máis sinxelamente, é o xeito en que a historia se escribiu. Nun sentido amplo, a historiografía refírese á metodoloxía e ás prácticas da escritura da historia. Nun sentido máis específico, refírese a escribir sobre a historia en si.

Fontes historiográficas e o seu tratamento

[editar | editar a fonte]
Artigos principais: Fonte documental e Método histórico.

É importante distinguir a materia prima do traballo dos historiadores (fonte primaria) dos produtos semielaborados ou terminados (fonte secundaria e ata fonte terciaria). Igualmente denotar a diferenza entre fonte e documento e o estudo das fontes documentais: a súa clasificación, prelación e tipoloxía (escritas, orais, arqueolóxicas); o seu tratamento (reunión, crítica, contraste), e o manter o respecto debido ás fontes, fundamentalmente coa súa cita fiel. A orixinalidade do traballo dos historiadores é un asunto delicado.

Historiografía como produción historiográfica

[editar | editar a fonte]
Arquivo de Indias, diante da Catedral de Sevilla.
Enterramento da cultura naza.
Frei Bartolomé de las Casas.

Historiografía é equivalente a cada parte da produción historiográfica, ou sexa: ao conxunto de escritos dos historiadores acerca dun tema ou período histórico concreto. Por exemplo, a frase «é moi escasa a historiografía sobre a vida cotiá no Xapón na era Meiji» quere dicir que hai poucos libros escritos sobre tal cuestión porque ata o momento non recibiu atención por parte dos historiadores, non porque o seu obxecto de estudo sexa pouco relevante ou porque haxa poucas fontes documentais que proporcionen documentación histórica para facelo.[2] Con respecto á difusión e publicidade da produción historiográfica, sería bo que cumprise os mesmos requisitos a que se someten as demais publicacións científicas (ver publicación).

Tamén utilizase o vocábulo historiografía para falar do conxunto de historiadores dunha nación, por exemplo, en frases semellantes a esta: «A historiografía española abriu os seus brazos e os seus arquivos desde os anos 1930 aos hispanistas franceses e anglosaxóns, que renovaron a súa metodoloxía».

É necesario diferenciar os dous termos usados máis arriba: «produción historiográfica» e «documentación histórica», aínda que en moitos casos coincida que os historiadores utilizan como documentación histórica precisamente a produción historiográfica anterior.

Por exemplo: ademais dun conxunto de documentos arquivísticos da Casa de Contratación de Sevilla que se produciron quizais só para levar unha contabilidade,[3] ou dalgún material arqueolóxico que se ache nunha escavación no Perú (e que se depositou sen intención de que ninguén o atopase), un historiador americanista terá que utilizar a Brevísima relación de la destrución de las Indias, que foi escrita por Bartolomé de las Casas cun afán histórico indubidable, ademais de cun propósito da defensa dun interese ou o seu propio punto de vista.[4] Con iso último vese outra característica da historia que é pecularizada como ciencia: ningún historiador, por moi obxectivo que pretenda ser, é alleo aos seus propios intereses, ideoloxía ou mentalidade nin pode subtraerse ao seu punto de vista particular. Como moito pode intentar a intersubxetividade, é dicir, ter en conta a existencia de múltiples puntos de vista. Para o caso que nos serve de exemplo, contrastar as fontes de Bartolomé de las Casas coas demais voces que se oíron na Xunta de Valladolid, entre as que destacou a do seu rival Juan Ginés de Sepúlveda, ou ata coa chamada «visión dos vencidos»,[5] que raramente se conserva, pero ás veces si, como ocorre coa Nova Crónica e Bo Goberno do inca Guaman Poma de Ayala[6]

A reflexión sobre a posibilidade ou imposibilidade dun enfoque obxectivo leva á necesidade de superar a oposición entre obxectividade (a dunha inexistente ciencia "pura" que non se contamine co científico) e subxectividade (implicada nos intereses, ideoloxía e limitacións deste) co concepto de intersubxectividade, que obriga a considerar a tarefa do historiador, como a de calquera científico, como un produto social, inseparable do resto da cultura humana, en diálogo cos demais historiadores e coa sociedade enteira.

Historiografía e perspectiva: o obxecto da historia

[editar | editar a fonte]

A historia non ten máis remedio que seguir a tendencia á especialización que ten calquera disciplina científica. O coñecemento de toda a realidade é epistemoloxicamente imposible, aínda que o esforzo dun coñecemento transversal, humanístico, de todas as partes da historia, é exixible a quen verdadeiramente queira ter unha visión correcta do pasado.

Así pois a historia debe segmentarse non só porque o punto de vista do historiador estea contaminado de subxectividade e ideoloxía, como viramos, senón porque necesariamente debe optar por un punto de vista, do mesmo xeito que un científico, se quere observar o seu obxecto, debe optar por utilizar un telescopio ou un microscopio (ou, de forma menos groseira, que tipo de lente vai aplicar). Co punto de vista determínase a selección da parte da realidade histórica que se toma como obxecto, e que sen dúbida dará tanta información sobre o obxecto estudado como sobre as motivacións do historiador que estuda. Esa visión tendenciosa pode ser inconsciente ou consciente, asumida con máis ou menos cinismo polo historiador, e é distinta para cada época, para cada nacionalidade, relixión, clase ou ámbito no que o historiador queira situarse.

A inevitable perda que supón a segmentación, compénsase coa confianza en que outros historiadores farán outras seleccións, sempre tendenciosas, que deben complementarse. A pretensión de conseguir unha perspectiva holística, como pretende a historia total ou a historia das civilizacións, non substitúe a necesidade de todas e cada unha das perspectivas parciais.

Cortes temporais

[editar | editar a fonte]

Os cortes temporais van desde as periodizacións clásicas Prehistoria, Historia, Idade Antiga, Idade Media, Idade Moderna ou Idade Contemporánea, ata as historias por séculos, reinados etc. A periodización clásica (ver a súa xustificación en «División do tempo histórico») é discutible tanto pola necesidade de períodos de transición e solapamentos, como por non representar períodos coincidentes para todos os países do mundo (polo que foi acusada de eurocéntrica).

O punto de vista eurocéntrico: pertúrbanos un mapa «boca abaixo»?

Os anais foron unha das orixes da fixación da memoria dos feitos históricos en moitas culturas (véxase no seu artigo e máis abaixo en Historiografía de Roma). As crónicas (que xa no seu nome indican a intención da tendencia temporal) son usadas como reflexo dos acontecementos notables dun período, habitualmente un reinado (véxase no seu artigo e máis abaixo en Historiografía da Idade Media e Historiografía española medieval e moderna). A arcontoloxía sería a limitación do rexistro histórico á lista de nomes que ocupaban determinados cargos de importancia ordenados cronoloxicamente. De feito, a mesma cronoloxía, disciplina auxiliar da historia, nace en moitas civilizacións asociada ao cómputo do tempo pasado que se fixa na memoria escrita polos nomes dos maxistrados, como ocorría en Roma, onde era máis corrente citar un ano por ser o dos cónsuis tal e cal. No Antigo Exipto, a datación do tempo fíxose por anos (Pedra de Palermo), anos, meses e días de reinado do faraón (Canon Real de Turín), ou dinastías (Manetón). É moi significativo que nas culturas non históricas, que non fixan mediante a escritura a memoria do seu pasado, é moi frecuente non exporse a duración concreta do tempo pasado máis aló duns poucos anos, que poden ser ata menos que os que dura unha vida humana.[7] Todo o que ocorre fóra diso sería «fai moito tempo», ou en «tempo dos antepasados», que pasa a ser un tempo mítico, ahistórico.[8]

O tratamento cronolóxico é o máis usado pola maior parte dos historiadores, pois é o que corresponde á narración convencional, e o que permite enlazar as causas pasadas cos efectos no presente ou futuro. No entanto, emprégase de distinto xeito: por exemplo, o historiador sempre ten que optar por un tratamento sincrónico ou diacrónico do seu estudo dos feitos, aínda que moitas veces fan sucesivamente un e outro.

  • O tratamento diacrónico estuda a evolución temporal dun feito, por exemplo: estudaría a formación da clase obreira en Inglaterra ao longo dos séculos XVIII e XIX
  • O tratamento sincrónico fíxase nas diferenzas que o feito histórico estudado ten ao mesmo tempo pero en diferentes planos, por exemplo: compararía a situación da clase obreira en Francia e Inglaterra na conxuntura da revolución de 1848 (ambos os exemplos están tomados de E. P. Thompson)[9]

Períodos ou momentos especialmente atractivos para os historiadores terminan converténdose, pola intensidade do debate e o volume da produción, en verdadeiras especialidades, como a historia da guerra civil española, a historia da Revolución francesa, a soviética ou a americana.

Tamén son de consideración as diferentes concepcións do tempo histórico, que segundo Fernand Braudel van desde a longa duración ao acontecemento puntual, pasando pola conxuntura.

Cortes metodolóxicos: as fontes non escritas

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Arqueoloxía.
Prehistoria
Idade da Pedra Idade dos Metais
Paleolítico Mesolítico Neo-
lítico
Idade de Cobre Idade de Bronce Idade de Ferro
P. Inferior P. Medio P. Superior Epipa-
leolítico
Proto-
neolítico

Para o caso do período prehistórico, a radical diferenza de fontes e método (así como a división burocrática das cátedras universitarias) fana ser unha ciencia moi distante da que fan os historiadores, sobre todo cando tales fontes e método se prolongan, dando primacía ao uso das fontes arqueolóxicas e o estudo da cultura material en períodos para os que xa hai fontes escritas, falándose entón non da Prehistoria, senón propiamente da arqueoloxía coas súas propias periodizacións arqueoloxía clásica, arqueoloxía medieval, ata arqueoloxía industrial. Menor diferenza pode acharse co uso das fontes orais no que se coñece co nome de historia oral. No entanto, hai que recordar o xa devandito corte temporais sobre a primacía das fontes escritas e o que estas determinan a ciencia historiográfica e a propia conciencia da historia no seu protagonista -que é toda a humanidade-.

Cortes espaciais

[editar | editar a fonte]

Como a historia continental, historia nacional, historia rexional. O papel da historia nacional na definición das propias nacións é innegable. Pode tamén verse, neste mesmo artigo (historia da historia), como se agrupan separadamente os historiadores por nacionalidade, ademais de por época ou tendencia.

A xeografía dispón de conceptos non máis potentes pero si menos arbitrarios, que permitiron edificar a prestixiosa rama da xeografía rexional. A historia local é sen dúbida a de máis fácil xustificación e validez universal, sempre que supere o nivel da simple erudición (que polo menos sempre servirá como fonte primaria para obras de maior ambición explicativa).

Cortes temáticos

[editar | editar a fonte]

Son os que darían paso a unha historia sectorial, presente na historiografía desde moi antigo, como ocorre con:

As Vidas de artistas de Vasari

Un xeito de preguntarse cal é o obxecto da historia é elixir que merece ser conservado na memoria, cales son os feitos memorables. O son todos, ou o son só os que cada historiador considera transcendentais? Na lista anterior temos as respostas que cada un pode dar.

Algunhas destas denominacións encerran non unha simple parcelación, senón visións metodolóxicas opostas ou diverxentes, que se multiplicaron no último medio século. A historia é hoxe máis plural que nunca antes, escindida en multitude de especialidades, tan fragmentada que moitas das súas ramas non se comunican entre elas, sen ver suxeito nin obxecto común:

James Frazer, autor de A rama dourada (1890-1922), un clásico da antropoloxía que cambiou o xeito de ver a historia.

Ciencias auxiliares da historia

[editar | editar a fonte]

A fragmentación do obxecto histórico pode inducir, nalgunhas ocasións, a unha limitación moi forzada da perspectiva historiográfica. Levada a un extremo, pódese reducir a historia á ciencia auxiliar da que se serve para atopar explicación aos feitos do pasado, como a economía, a demografía, a socioloxía, a antropoloxía, a ecoloxía.

Noutras ocasións, a limitación do campo de estudo produce realmente un xénero historiográfico:

Xéneros historiográficos

[editar | editar a fonte]

Pode sinalarse que hai xéneros historiográficos que participan da historia pero poden chegar a afastarse máis ou menos dela: un extremo ocuparíano os terreos da ficción que ocupa a novela histórica, cuxo valor desigual non lle resta importancia. Outro extremo ocuparíano a Biografía e un xénero anexo, sistemático e extraordinariamente útil para a historia xeral como é a Prosopografía. Vinculada coa historia desde o comezo do rexistro escrito, unha das principais preocupacións á hora de fixar os datos foi o que hoxe chamamos Arcontoloxía (listas de reis e dirixentes).

Clío, a musa da historia, por Pierre Mignard (1689).

Correntes historiográficas: o suxeito da historia

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Suxeito histórico.

Dun xeito máis declarado, as correntes historiográficas adoitan explicitar a súa metodoloxía de forma combativa, como o Providencialismo de orixe cristián (non hai que esquecer, que ademais da tradición historiográfica grega de Heródoto ou Tucídides, a orixe da nosa historiografía é a historia sacra), ou o Materialismo histórico de orixe marxista (que triunfou nos ambientes intelectuais e universitarios europeo e americano a mediados do século XX, quedando adormentado polo menos desde a caída do muro de Berlín).[10]

Ás veces o etiquetado das correntes é obra dos seus detractores, co que os historiadores nelas encasillados poden ou non estar conformes co xeito en que quedan definidos. Tal cousa podería dicirse do mesmo providencialismo, pero sería máis propio para correntes máis modernas, como o positivismo burgués, a historia evenemencial (dos acontecementos) etc.

Interpretar a historiografía como parte do ambiente intelectual da época en que xorde é sempre necesario. Toda produción cultural é dependente do modelo cultural existente, chámese a isto a moda, do estilo ou o paradigma dominante en arte ou filosofía; e é evidente que o rexistro da historia é unha produción cultural. A deconstrución, o pensamento débil ou a posmodernidade, conceptos de finais do século XX, foron a incubadora da presente deconstrución da historia, que para algúns só é unha narración.[11] Un bo xeito de distinguir a interpretación da historia que ten unha corrente historiográfica é preguntarse a que se considera suxeito histórico ou quen é o protagonista verdadeiro da historia.

Agrupacións de historiadores

[editar | editar a fonte]

Grupos de historiadores que comparten metodoloxía (e se autopromocionan conxuntamente co potente mecanismo publicación-cita) xorden ás veces ao redor de revistas, como a francesa Escola de Annales (ver neste mesmo artigo), a inglesa Past and Present ou a italiana Quaderni Storici; grupos de investigación ou as propias cátedras universitarias, que son a cúspide da reprodución das elites historiográficas, a través do clientelismo e o recoñecemento entre pares (peer review).

Artigo principal: Revista de historia.
Ban Gu.

Historia da historia

[editar | editar a fonte]

A aparición da historia é equivalente á da escritura, pero a conciencia de estudar o pasado ou de deixar para o futuro un rexistro da memoria é unha elaboración máis complexa que as anotacións dos templos sumerios.[12] Os ronseis e relevos conmemorativos das batallas en Mesopotamia e Exipto xa son algo máis aproximado.

O resto das civilizacións asiáticas alcanzan a escritura e a historia ao seu propio ritmo, compilan as súas fontes teolóxicas en forma de libros sacros -en ocasións con partes históricas (a Biblia hebrea) ou sofisticacións cronolóxicas (os Vedas hindús)-, rexistran os seus propios Annales e finalmente a súa propia historiografía, particularmente a chinesa,[13] que ten o seu Heródoto en Sima Qian (Memorias históricas, 109 a.C. - 91 a.C.) e alcanzou unha definición clásica de historia tipificada, oficial, co Libro dos Han de Ban Gu (século I), que fixou un modelo repetido sucesivamente polos historiadores dos períodos seguintes en vinte e cinco "historias tipificadas", ata 1928, en que apareceu a última de tan monumental serie.[14] Na América precolombiana, fóra da civilización maia non hai textos de ningún modo comparables. Tanto nese caso como no da África subsahariana, as fontes orais foron tradicionalmente prioritarias. Son moi recentes (segunda metade do século XX) os intentos de construír unha historiografía africana.[15] Aínda así hai algúns casos excepcionais, como as bibliotecas de manuscritos de Tombuctu, conectadas con viaxeiros e conquistadores magrebíes, algúns de orixe andalusí como León o Africano, coñecido autor de Historia e descrición de África e das extraordinarias cousas que contén (1526).[16]

No entanto, o desenvolvemento e variedade que alcanzou a historiografía na Civilización Occidental é dun nivel distinto a todas elas.

Heródoto e Tucídides, opostos nunha dobre herma do Museo Arqueolóxico Nacional de Nápoles.
Artigo principal: Historiografía grega.

Os primeiros cronistas gregos, que se interesaron sobre todo nos mitos de orixe (os logógrafos), practicaban xa o recitado de acontecementos. A súa narración podía apoiarse en escritos, como era o caso de Hecateo de Mileto (segunda metade do século VI a.C.). No século V a.C., Heródoto de Halicarnaso diferénciase deles pola súa vontade de distinguir o verdadeiro do falso; por iso realiza a súa "investigación" (etimoloxicamente: "historia"). Unha xeración despois, con Tucídides, esta preocupación transfórmase en espírito crítico, fundado sobre a confrontación de diversas fontes orais e escritas. A súa Historia da guerra do Peloponeso pode ser vista como a primeira verdadeira obra historiográfica.

Os continuadores do novo xénero literario de Heródoto e Tucídides foron moi numerosos na Grecia Antiga e poden contarse entre eles Xenofonte de Atenas (autor da Anábasis), Posidonio, Ctesias, Apolodoro de Artemisa, Apolodoro de Atenas, Aristóbulo de Casandrea

No século II a.C., Polibio, no seu Pragmateia (traducido tamén como "Historia"), tratando quizais de escribir unha obra de xeografía, aborda a cuestión da sucesión dos réximes políticos para explicar como o seu mundo entrou na órbita romana. É o primeiro en buscar causas intrínsecas ao desenvolvemento da historia máis que evocar principios externos. Nesas alturas do período helenístico, a Biblioteca e o Museo de Alexandría representaban o cume do afán grego por preservar a memoria do pasado, o que implica a súa valoración como ferramenta útil para o presente e o futuro.

Véxase tamén: Historiografía romana.

A civilización romana dispón, a semellanza dos gregos Homero e Hesiodo, de mitos de orixe que recolleu Virxilio poetizados na Eneida como un elemento do programa ideolóxico deseñado por Augusto. Tamén polo menos desde a República, mantivo un coidado especial pola recompilación de feitos en Annales, a lexislación escrita e os arquivos vinculados ao sagrado dos templos. Ata as guerras púnicas a recompilación dos principais sucesos acaecidos estaba a cargo dos pontífices, en forma de crónicas anuais.

A primeira obra histórica completa latina é As Orixes de Catón (século III a. C.).

O contacto de Roma co mundo mediterráneo, primeiro Cartago, e sobre todo Grecia, Exipto e Oriente foi fundamental para ampliar a visión e utilidade do seu xénero histórico. Os historiadores (sexan romanos ou gregos) acompañarán nas campañas militares aos exércitos, co declarado fin de preservar a súa memoria á posteridade, recompilar información de utilidade e xustificar as súas accións. A lingua culta, o grego, utilizarase para este xénero á vez que a máis sobria latina.

Salustio, o Tucídides romano, escribe De Coniuratione Catilinae (a Conxuración de Catilina, da que é contemporáneo, 63 a.C.). Realiza un relato extenso das causas afastadas da conxuración, así como da ambicións de Catilina, retratado como un nobre dexenerado e sen escrúpulos. En Bellum Ingurthinum (guerra de Iugurta rei dos númidas, 111 a.C. a 105 a.C.), denuncia un escándalo colonial. Historiae era a súa obra máis ambiciosa e madura, conservada parcialmente, que abarcaba en cinco libros os doce anos transcorridos desde a morte de Sila no 78 a.C. ata o 67 a.C. Non é a precisión histórica o que lle interesa, senón a narración duns feitos coas súas causas e consecuencias, así como a posibilidade de esclarecer o desenvolvemento do proceso da dexeneración en que a República se viu inmersa. Á parte do individuo, o obxecto da súa observación céntrase nas clases sociais e as faccións políticas: idealiza un pasado virtuoso, e detecta un proceso de decadencia que atribúe aos vicios morais, á discordia social e ao abuso do poder por parte das distintas faccións políticas.

Xulio César co seu Commentarii Rerum Gestarum, acerca de dúas das máis grandes accións bélicas que levou a cabo: a guerra das Galias (58 a.C.-52 a.C.) (De Bello Gallico) e a guerra civil (49 a.C.-48 a.C.) (De Belo Civili).

Tito Livio (59 a.C. - 17 d.C.), cos 142 libros de Ab Urbe Condita, divididos en grupos de dez libros que se coñecen co nome de "décadas", que se perderon na súa maior parte, escribe unha gran historia nacional, cuxo único tema é Roma ("fortuna populi romani") e cuxos únicos actores son o Senado e o pobo de Roma ("senatus populusque romanus" ou SPQR). O seu propósito xeral é ético e didáctico; os seus métodos foron os do grego Isócrates do século IV a.C.: é o deber da historia dicir a verdade e ser imparcial, pero a verdade debe presentarse cunha forma elaborada e literaria. Utiliza como fonte aos primeiros analistas e a Polibio, pero o seu patriotismo lévalle a deformar a realidade en detrimento do exterior e a un escaso espírito crítico. É historiador de gabinete, non viaxa nin coñece persoalmente os escenarios dos feitos que describe.

Publio Cornelio Tácito (55 - 120.), o gran historiador do Imperio baixo os Flavios, é sobre todo un investigador das causas.

A nómina de historiadores de época romana é moi extenso, tanto en lingua latina (Plinio o Vello, Suetonio...)[17] como en grega (Estrabón, Plutarco).

Beda o Venerable.

Na decadencia de Roma, o cristianismo virá dar un cambio metodolóxico radical, introducindo o providencialismo de Agostiño de Hipona. É exemplo Orosio, presbítero hispano de Braga (Historiae adversum paganus).

Idade Media

[editar | editar a fonte]
Véxase tamén: Historiografía cristiá.

A historiografía medieval escríbese principalmente por hagiógrafos, cronistas, membros do clero episcopal próximos ao poder, ou por monxes. Escríbense xenealoxías, annales áridos, listas cronolóxicas de acontecementos sucedidos nos reinos dos seus soberanos (annales reais) ou sucesión de abades (annales monásticos); vidas (biografías de carácter edificante, como as dos santos merovinxios, ou máis tarde dos reis de Francia), e Historias que contan o nacemento dunha nación cristiá, exaltan unha dinastía ou, ao contrario, fustrigan aos malvados desde unha perspectiva relixiosa. Esta historia, da que son mostra Beda o Venerable (Historia eclesiástica do pobo inglés, século VIII) ou Isidoro de Sevilla (Etimologías e Historia Gothorum), é providencialista, de inspiración agustinista, e inscribe as accións dos homes nos designios de Deus. Hai que esperar ao século XIV para que os cronistas se interesasen polo pobo, gran ausente da produción deste período, por exemplo a do francés Froissart ou o florentino Matteo Villani.

Idade Moderna

[editar | editar a fonte]
Véxase tamén: Historiografía moderna.

Durante o Renacemento, o humanismo achega un gusto renovado polo estudo dos textos antigos, gregos ou latinos, pero tamén polo estudo de novos soportes: as inscricións (epigrafía), as moedas (numismática) ou as cartas, diplomas e outros documentos (diplomática). Estas novas ciencias auxiliares da época moderna contribúen a enriquecer os métodos dos historiadores: en 1681 Dom Mabillon indica os criterios que permiten determinar a autenticidade dun acta pola comparación de fontes diferentes en De Re Diplomática. En Nápoles, máis de douscentos anos antes, Lorenzo Valo ao servizo de Afonso V de Aragón conseguira demostrar a falsidade da pseudo-Doazón de Constantino. Giorgio Vasari coas súas Vidas de artistas ofrécenos á vez unha fonte e un método historiográfico para a historia da arte.

Nesta época a historia non se diferenza da xeografía nin sequera das ciencias naturais. Dividíase en dous partes: a historia xeral (a que hoxe chamariamos historia) e a historia natural (ciencias naturais e xeografía). Este sentido amplo de historia explícase pola etimoloxía do termo (ver Historia#Etimoloxía).

A cuestión da unidade do reino que expón as guerras de relixión de Francia no século XVI dan orixe a traballos de historiadores que pertencen á corrente chamada historia perfecta, que mostra que a unidade política e relixiosa da Francia moderna é necesaria, ao derivarse das súas orixes galas (Etienne Pasquier, Recherches de La France). O providencialismo de autores como Bossuet (Discurso sobre a historia universal, 1681), tende a desvalorizar a significación de calquera cambio histórico.

En paralelo, a historia móstrase como instrumento de poder: ponse ao servizo dos príncipes, desde Maquiavelo e Guicciardini ata os panegiristas de Lois XIV, entre os que se conta Jean Racine.

  1. José Ortega y Gasset (1928): La «Filosofía de la historia» de Hegel y la historiología. En Obras completas (volume IV). Madrid: Taurus, 2005. ISBN 84-306-0592-4.
  2. De feito, hai bibliografía sobre o tema: Harold BOLITO: Xapón Meiji. Madrid: Akal, 1991. ISBN 84-7600-718-3. Un breve achegamento accesible en: Mauro BONIFAZI: Xapón: revolución, occidentalización e milagre económico.(en castelán)
  3. O Arquivo de Indias é accesible en:[1]
  4. A obra de las Casas é accesible en CiudadSeva.com
  5. Miguel LEÓN-PORTILLA, 1973.
  6. Pode consultarse en internet o libro de Guamán Poma coas súas verdadeiras e únicas ilustracións na páxina da Biblioteca Nacional danesa: [2]
  7. Claude Lévi Strauss analiza desde o punto de vista antropolóxico o significado destas nocións do tempo, tamén desde unha perspectiva diacrónica e sincrónica; véxase artigo de Regina MARTÍNEZ CASAS (2003): Da beira da eternidade informacional á atemporalidad do ritual Arquivado 07 de novembro de 2006 en Wayback Machine..
  8. O tempo totémico e o tempo do soño ou dos antepasados dos aborixes australianos: «Ao xeito dos primitivos, transcender o real», consultable na Universidade Pompeu Fabra.
  9. E. P. THOMPSON: A formación da clase obreira en Inglaterra. Barcelona: Crítica, 1963-1989.
  10. Hai un grupo internacional de historiadores interesados pola renovación do paradigma materialista, moi activo ao redor de Carlos Barros, da Universidade de Santiago de Compostela (coa presenza de Bartolomeu Clavero e moitos outros) que organiza congresos e a páxina web Historia a Debate:[3]
  11. Unha reflexión de Rafael Vidal sobre A Historia e a Posmodernidad
  12. No entanto, son moi sofisticados desde moi antigo, como se encargou de divulgar o clásico de Samuel Noah KRAMER (1965-1974) La historia empieza en Sumer. Valencia: Círculo de Lectores. ISBN 84-226-0555-4, unha magnífica introdución á historia para todos os públicos, como tamén o é, para Exipto, a equivalente obra de CERAM Deuses, Tumbas e Sabios
  13. No artigo Interpretacións da Historia de China fálase da particular filosofía da historia da historiografía chinesa tradicional, que inclúe o concepto de ciclo dinástico, e foi substituída pola interpretación materialista na moderna República Popular. Outros intelectuais chineses non marxistas, como Hu Shih e Ray Huang, desenvolveron teorías de integración da civilización chinesa e a occidental nunha moderna e única civilización mundial.
  14. China primitiva, en Historia Universal: O País: Salvat, tomo 3, Madrid: Salvat Editores. ISBN 84-345-6232-4
  15. Entre os que poden citarse a Joseph Ki-Zerbo ou a Cheik Ant Diop.
  16. NAVIA (maio de 2006): Timbuctú, a nostalxia dun soño, National Geographic, pgs. 44-71
  17. María del Carmen PÉREZ ROYO; e María Luisa RAMOS MORELL: «Historiografía romana», en Latín: lingua e literatura. COU. Sevilla: Edicións A Ñ, 1996. Ed. electrónica accesible en: [4]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]