Facultade de Medicina de Santiago de Compostela

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 42°52′53″N 8°32′45″O / 42.88139, -8.54583

Edificio da Facultade de Medicina da USC na rúa de San Francisco.

A Facultade de Medicina de Santiago de Compostela na rúa de San Francisco é a Facultade onde se imparte a docencia da Medicina na Universidade de Santiago de Compostela desde que se inaugurou o ano 1928 este edificio,[1] construído a carón do Hospital Real (co que de comunicaba a través dunha galería cuberta), de xeito que ambos os edificios ocupaban todo un lado de dita rúa, desde a praza do Obradoiro até o covento de San Francisco, até que se acabe de construír o novo edificio da Facultade de Medicina e Odontoloxía.

Historia[editar | editar a fonte]

A docencia da Medicina en Santiago remóntase ao ano de 1648, cando o Colexio de Fonseca era o centro de toda a vida universitaria compostelá.[2]

Durante moitos anos os estudos de Medicina realizáronse en Fonseca e, desde 1857, en que se creou a Facultade de Farmacia, ambas as facultades compartiron edificio,[3] até que nos anos 1920, coa influencia de Montero Ríos, comezou a construción do novo edificio para a de Medicina na rúa de San Francisco.

Un feito histórico notábel produciuse durante as mobilizacións estudantís de 1968 cando, nunha multitudinaria asemblea da Universidade celebrada na Facultade de Medicina o 28 de marzo, interveu a policía violentamente, causando numerosos feridos e realizando varias detencións. Esta intervención policial violenta xerou a indignación dos estudantes, que despediron a pedradas na estación de ferrocarril ao director xeral de Universidades, Hernández Díaz, desprazado a Santiago para tentar resolver o conflito.

Acto de despedida[editar | editar a fonte]

O 18 de setembro de 2017 celebrouse en el salón de actos da Facultade de Medicina, coa presenza de autoridades, doutores e catedráticos que desenvolveron a súa actividade académica no histórico edificio, unha reunión de despedida que deu pé á gravación dun documental de 45 minutos producido por Edicións Bolanda e que se emitiría posteriormente na TVG. Este documental, titulado O templo do galeno repasa non só o século de vida da Facultade de Medicina nese edificio, senón que fai tamén un percorrido pola historia da docencia médica en Santiago desde os seus inicios no ano 1648.

O decano da Facultade, Juan Gestal, foi o encargado de presentar o documental. Tamén interviron, entre outros, o presidente da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia, José Carro Otero, o catedrático de Anatomía Javier Jorge e os doutores Joaquín Potel Lesquereux e Manuel Sánchez Salorio, que recordaron distintos episodios do devir dos estudos de Medicina en Santiago, con momentos clave, como cando se pechou o Hospital Real e se inauguraron os hospitais de Galeras e, máis tarde, o de Conxo e o Clínico. Nese traballado camiño tiveron moito que ver, como recordou Gestal, iniciativas como a posta en marcha da Escola Médica Compostelá, coñecida como Fonte Limpa, ou xa, recentemente, a posta en marcha do Instituto de Investigación Sanitaria do CIMUS e do Instituto de Medicina Legal, nos que destaca o doutros Ángel Carracedo.

A próxima Facultade de Medicina e Odontoloxía[editar | editar a fonte]

Hospital Clínico de Santiago.

A construción da nova Facultade de Medicina comezará en 2018, segundo anunciou o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, despois de que Consello de Goberno deu luz verde ao protocolo de cooperación entre a Xunta e a Universidade de Santiago de Compostela para desennvolver estas instalacións no Campus Vida compostelán. A Xunta e a Universidade de Santiago contan xa, polo tanto cun protocolo de cooperación para construír a nova Facultade de Medicina e Odontoloxía que, nunha segunda fase albergará tamén a titulación de Enfermaría. Aínda que o protocolo debe ser aprobado polos órganos de goberno da Universidade, desde a institución académica vese con bos ollos un documento que inclúe a cesión gratuíta dunha parte importante do actual edificio onde se imparte Medicina, na rúa de San Francisco, á Administración autonómica. A nova Facultade situarase no aparcamento anexo do novo Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela, e ademais abordarse unha ampliación destas dependencias hospitalarias para acoller o traslado dos servizos asistenciais que se prestan no Hospital Gil Casares.[4][5]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]